A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 31 de mayo de 2013

CRISE, AUTORITARISMO E FASCISMO


Carlos Dafonte

A grave crise económica que se esta a producir no centro do sistema capitalista e como consecuencia da mesma, a agudización da loita de clases, poñen de actualidade, por unha banda, a situación de excepcionalidade dentro do sistema capitalista, que ata o de agora se teñen manifestado de tres xeitos diferentes a traveso da historia, o bonapartismo, a ditadura militar e o nazismo e fascismo, e por outra o tema da revolución, a necesidade de estudar, analizar, debater, como no século XXI pódese, nos países do centro do sistema, levar adiante un proceso de masas, que conte ca participación da maioría, e rache cas estruturas do sistema capitalista. Hoxe faremos algunhas consideracións sobre o nazi-fascismo.

A aparición desde hai anos de grupos ós que se consideran neonazis en Alemaña e en algún país do norte e leste de Europa, que fan nos seus programas propostas racistas e xenófobas, pero sobre todo ó calor da crise económica e das importantes loitas dos traballadores gregos, dun grupo desta natureza, que acada forte presencia parlamentar, fai máis perentoria a necesidade de comezar unha reflexión sobre este fenómeno propio do sistema capitalista. Tamén considero preocupante escoitar en algúns programas radiofónicos, a individuos que se consideraban de “clase media”, pequenos comerciantes que perderan os seus negocios, pequena burguesía en suma, expresarse no senso de dicir, que tanto eles como sectores desta “clase media”, hoxe tiñan medo. É evidente que non lles puiden preguntar a que o tiñan, pero tamén o é que este mesmo medo e desta mesma clase, levou ó apoio a unha opción política como foi o nazi-fascismo..
O importante é destacar, o que non se debe esquecer, que o nazismo e o fascismo son formas particulares do estado de excepción dentro do estado capitalista e como todo estado de excepción xorde para frea-lo avance do principal inimigo da clase dominante no sistema capitalista, que é a clase traballadora asalariada, no que o seu núcleo fundamental son os obreiros industriais.
Nazismo e fascismo xurdiron nunha circunstancia de crise e como freo á clase obreira. Se analizamos a Italia de principios dos anos 20 do século pasado, podemos afirmar que estaba inmersa nunha situación de crise económica xerada pola participación na I ª Guerra Mundial e cunha clase obreira, sobre todo no norte, moi forte; é a Italia da toma das grandes fábricas polos Consellos de traballadores, da ruptura dun sector importante do movemento obreiro co reformismo do PSI e a creación do Partido Comunista, pero tamén dunha importante crise política agudizada polas circunstancias do momento, cando aínda non se consolidara o sistema democrático burgués xurdido nos anos 70 do século XIX. E nutriuse da pequena burguesía asustada pola situación, e segundo foi avanzando o proceso, tamén se incorporaron sectores de traballadores asalariados no paro e sen conciencia de clase
Outro tanto acontecía na Alemaña de principios da década dos 30 do século pasado; mergullado o país nunha fonda crise económica como resultado do crac de 1929 e do inicio dunha forte recesión mundial, pero tamén do trato recibido como país derrotado na I ª Guerra Mundial e as cuantiosas indemnizacións que tivo que satisfacer ós vencedores, cun movemento obreiro poderosos que na década dos anos 20 lánzase ó asalto do poder emulando á revolución soviética en Rusia, e na década dos anos 30, aínda que dividido entre a socialdemocracia e comunismo, tiña un importante consenso entre as masas; nas eleccións do 6 de novembro de 1932 acadaran a cifra de 221 escanos fronte ós 196 do partido nazi, que contaba co financiamento por parte da grande burguesía, do terror que impuxo nas rúas e da colaboración dunha parte importante das institucións do estado. A pequena burguesía foi tamén a clase fundamental da que se nutriu o partido nazi.
Sabemos que crise na estrutura económica xera crise na superestrutura política e tanto en Alemaña e Italia, esta convertíanas nun “elo feble dentro da cadea imperialista”. Polo tanto non só pola crise económica do momento, senón porque se estaba a entrar nun estadio novo do sistema capitalista, o dominio do imperialismo e o capital monopólico, polo que se produciron modificacións moi fondas na política e na ideoloxía, modificacións que van afectar a todas as formacións sociais estatais pero tamén a escala internacional.
Como estudou Poulantzas o fascismo e nazismo no século pasado, teñen que ser comprendidos en función tamén, das modificacións que se deron no papel do estado. Tanto en Alemaña como en Italia o estado fascista vai xogar un importante papel na transición cara o dominio do capitalismo monopólico e a creación do novo estado que se precisaba. Non debemos esquecer que aínda que se nutría da pequena burguesía actuaba o servizo da grande burguesía industrial e dos terratenentes.
Debemos ter en conta algunha outras consideracións cando falemos do nazismo e fascismo; que ata a súa chegado ó poder, libra durante un tempo, que pode ser maior ou menor, depende das circunstancias, unha loita ideolóxica moi fonda e agresiva contra a clase traballadora.
En Italia, Mussolini, que pertencía ós sectores da “esquerda” do Partido Socialista e fora director do periódico Avanti!, comezou este proceso acaudillando ós partidarios de intervir na I ª Guerra Mundial, enfrontándose co máis avanzado da clase obreira que contrariamente ó que el defendía, consideraba que a clase non debía participar, e no caso de facelo, debía converte-la guerra nunha guerra civil de carácter revolucionario contra a clase dominante.
En Alemaña, son cerca de nove anos; desde 1924, data na que se produce o chamado “pucht” da cervexa en Munich, que leva a Hitler á cadea, ata o nomeamento como canciller en 1933.
En 1973 coñeceuse unha carta de Gramsci dirixida á “Voce della Gioventú” e escrita un ano despois da “marcha sobre Roma”, titulada “¿Por qué fomos vencidos?”
Para Gramsci o ascenso do nazi-fascismo é resultado dunha longa loita superestrutural que tenta manipula-lo inconsciente das masas, sobre todo a pequena burguesía, que aparece como unha clase independente; representa un sistema ideolóxico que educa millóns de individuos. O nazi-fascismo materialízase cando ten madurado na conciencia de certas clases sociais e posúe unha base social preferentemente pequenoburguesa. Como di Glucksmann, “non nace dun golpe de estado, é unha guerra civil que mobiliza o aparello do estado e ás diferentes clase da sociedade”, e seguindo con Gramsci “onde uns están armados, teñen o aparello de coerción do estado e outros deféndense sen armas” e tamén, “os alicerces do fascismo son a negación da existencia das clases, a afirmación da igualdade fundamental do pobo sobre a base da vella tradición campesiña, católica, preindustrial e pequenoburguesa (...) fai acepta-la necesidade histórica da personalidade autoritaria”. Dalle unha importancia enorme a poñer de relevo a relación entre a axitación da pequena burguesía e o asalto reaccionario da grande burguesía, amosando o xeito en que o fascismo chega a formar un novo bloque histórico, unión entre infraestrutura e superestrutura, ata despraza-la antiga burguesía liberal que se atopa en crise, por un sistema de poder autoritario.
Polo tanto se queremos analiza-las perspectivas do pulo do fascismo nas nosas sociedades da Unión Europea, debémolo facer acercándonos ó mesmo, tendo en conta dous aspectos; en primeiro lugar non é un proceso mecánico, si se dan toda unha serie de circunstancias, podemos dicir que xa nos atopamos baixo o dominio do fascismo?; iso no é así; o proceso é dialéctico, como todo o relacionado ca loita de clases, e en segundo lugar que non esperemos, unhas masas militarizadas, brazos levantados “á romana” e toda a parafernalia propia. Que se pode dar, pero seguro que no século XXI pode estar avanzando nas nosas sociedades e non ter ningunha destas manifestacións.
Pero sen ser mecánico é un fenómeno propio dun momento de crise, económica e política como a que estamos a vivir no estado español; a estas alturas ninguén dubidará da primeira, que golpea duramente a grande maioría da sociedade, asalariados, pequena burguesía, campesiños, con todas as diferentes capas ou fraccións de clase, na que cada unha desas clases esta dividida. Pero tamén esta en crise, que ninguén tampouco o dubide o réxime que institucionalizou a constitución de 1978, a maioría das institucións sobre as que se estableceu o consenso, partidos políticos, sindicatos, monarquía, parlamento, atópanse baixo mínimos na valoración dos cidadáns. Tamén hoxe como na época do nazi-fascismo, esta a modificarse a estrutura do estado, estamos a converter un estado con tintes socialdemócratas, que se viu obrigado a responder ás loitas dos traballadores asalariados, con amplos espazos de intervención pública na sanidade, educación e toda outra serie de dereitos, a outro, onde vamos polo camiño de só preservarse no territorio estatal, os aparellos represivos e se traslada a soberanía, a toma de decisións importantes a centros de poder non democráticos, fora do control da cidadanía. Máis tarde ou máis cedo, ten que producirse unha reacción a estas modificacións que afectan a esencia do sistema democrático burgués
E todas estas circunstancias en medio dunha loita ideolóxica, onde a clase hexemónica contou con numerosos medios para ir modificando o xeito de pensar da maioría da xente, facendo retroceder as ideas da esquerda tradicional, algunha é certo, acartonadas, substituíndoas polas espurias do neoliberalismo, da busca do enriquecemento fácil como único obxectivo, do individualismo, da carencia de solidariedade, do consumismo...en resumo, as ideas da clase dominante, dos poderosos que explotan á maioría da sociedade; convertéronse no “sentido común”, no xeito de pensar “politicamente correcto” da maioría da sociedade; pero tamén houbo algo máis, neste debate ideolóxico, que ten gañado a dereita, tivo tamén moito interese en enterra-lo marxismo, a teoría revolucionaria capaz de levar ós pobos a súa liberación e nese senso o PSOE foi un dos abandeirados deste combate, cooptando, e non me canso de repetilo, a sectores do movemento obreiro e popular para as posicións neoliberais, facéndoas pasar polas ideas da “esquerda do século XX”. Hoxe atopámonos, polas modificacións en determinadas leis, que está a levar adiante o goberno, polas declaracións de determinados ministros e responsables políticos, avanzando cara a situarnos nunha antesala de algo que podemos chamar autoritarismo.
Sigo a pensar, e teño discutido sobre o tema en numerosas ocasións, que a fortaleza da clase obreira e a súa mobilizacións consciente para facerse co poder, é o elemento determinante para explica-la aparición do nazi-fascismo. Non hai hoxe un movemento obreiro organizado no estado español, con forza no aspecto sindical e político, capaz de dirixir as loitas das outras clases golpeadas pola crise, que dispute a hexemonía á clase dominante; a proposta de pacto de estado realizado polos dous sindicatos maioritarios, vai no senso contrario, pero dicía Marx, “facer política é prever” e nunha conxuntura como a actual a clase hexemónica pode estar considerando a necesidade de “poñe-la venda antes de que se produza a ferida”.
Tampouco a pequena burguesía consciente do perigo de proletarización e de desaparecer como clase, penso ten hoxe a capacidade de se converter no “caldo de cultivo” e alicerce dunha ideoloxía nazi-fascista. En grande número atópase nas loitas e nas mobilizacións do 15 M, está aprendendo a loitar, a esixir, a reivindicar, pero se esta mobilización fracasa, se non ten saída, calquera proposta xenérica de rescatar “as clases medias” da situación á que se lles ten levado, pode ser escoitada e producir un reagrupamento con outros obxectivos.
Pero a pesares do dito con anterioridade, debemos ter en conta, que como o proceso é dialéctico, sometido a contradicións, e non mecánico, non hai salvoconduto para librarnos do fascismo.
Neste senso as declaracións do ex-presidente Aznar deben ser tidas en conta e valoradas en función desta análise. Pode ser o relevo para un novo estadio no retroceso das liberdades e dereitos.
A clave sería coñece-lo análise que fai o verdadeiro poder sobre a situación, o capital financeiro, diante dunha mobilización crecente, aínda moi desorganizada pero cada vez máis forte, que o sinala como o responsable da situación, cun equipo dirixente do PP, que cumpre co que se lle manda, pero é feble, contraditorio, sen ideas, que esta a perder unha grande parte da súa base social e electoral; cun PSOE en horas baixas que tardará un tempo en recuperarse e xoga-lo papel que se lle esixe, co bipartidismo en retroceso, polo tanto sen alternativa; pode este poder que non se ve pero que manda, ver en Aznar o home capaz de dar unha “volta de torca” á situación?. Non me sumo ós que pensan que a entrevista nunha cadea de TV, en mans da dereita, a concede para salvar a súa honorabilidade, posta en dúbida polos papeis Bárcenas e a da súa familia, despois de coñece-lo regalo dos que se coñecen hoxe como rede Gürtel, na voda da súa filla. A dimisión de Aguirre terá algo que ver con todo isto?. Non hai máis que lembrar como desfixeron á UCD e como “os que mandan”, rescataron a Fraga, o puxeron no “machito” e o converteron en “xefe da oposición”. Polo tanto a pregunta non é, volverá Aznar? A pregunta é, o necesitan?.
É arriscado facer este tipo de valoracións, pódese caer na pura especulación, pero coido que é necesario barallar que a oligarquía necesita un novo cirurxián. Non nos debe coller desprevidos, hai que prepararse para dar unha resposta. Hoxe é fundamental discutir, debater sobre o tema.

En Galicia no mes de xuño de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario