A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 26 de junio de 2013

LENIN O IMPERIALISMO E A MUNDIALIZACIÓN


 Roberto Laxe
 Dicía Trotski que o marxismo é unha ferramenta que de tanto afiala, pódese mellar; e isto é o que lle esta sucedendo; de tanto “atualizalo”, esta perdendo o seu fío revolucionario, deixando de ser a ciencia da revolución e unha guía para a acción. Están a transformalo nun simple método para explicar o mundo, xa desde o punto de vista filosófico, económico ou social, pero non para servir ao seu obxectivo central, a transformación socialista da sociedade.
Tras a caída do Muro de Berlín e o “descubrimento” de que tras el non había socialismo, senón uns estados que aínda non sendo capitalistas, sufriran unha profunda dexeneración, produciuse un triplo movemento na intelectualidade e as organizacións que se reivindicaban do marxismo, unhas, a maioría, abandonárono formalmente e disolvéronse como o PC Italiano, outros, mantivérono formalmente, mas en realidade asumiron as teses do keynesianismo, e os terceiros, tentando libralo da dexeneración stalinista que o converteu nun catecismo, romperon o nexo de unión entre Marx e o presente, o leninismo.
Destes desapareceron os grandes achegues de Lenin ao marxismo, como a definición da fase actual do capitalismo como Imperialismo, a teoría do estado, a ligazón entre conciencia sindical e conciencia revolucionaria a través do partido ou a definición de “centralismo democrático” imprescindible para un partido que se expón a toma do poder pola clase obreira e os oprimidos.

jueves, 20 de junio de 2013

É A POLÍTICA, ESTÚPIDOS!

 Roberto Laxe

Cando a comezos dos 90 Bush pai aparecía como o vencedor da I Guerra de Iraq e da restauración do capitalismo no leste europeo, daba a impresión que nas eleccións ía arrasar, mas chegou un tal Bill Clinton que levantou a palabra de orde: “é a economía, estúpidos!”.
Mentres Bush regodeábase na súas vitorias, a economía ianqui atravesaba unha importante crise que empobrecía amplas capas da poboación e das chamadas “clases medias”. Eran os restos do crack da bolsa de 1987 e o estoupido da burbulla dos “bonos lixo” dos 80. Clinton situou o problema onde estaba, non nas “vitorias” militares, senón nos problemas internos, económicos, e gañou as eleccións.

domingo, 16 de junio de 2013

O ATAQUE Ó SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS EXPRESIÓN DA LOITA DE CLASES


Carlos Dafonte

Algúns datos sobre o sistema vixente; segundo Euroestat é un dos máis baratos da Unión Europea. No ano 2010 o gasto público en pensións foi de 1862 euros por habitante, moi inferior ós 2769 de gasto medio da U.E., os 3421 de Alemaña, os 3658 de Francia ou os 3295 de Italia. Aquí, no mesmo ano, o 70% das pensións non superaban os 1000 euros; a pensión contributiva é un 25% inferior á media da UE e a non contributiva un 50%. Entre o 2007 e o 2012, o porcentaxe do PIB adicado a pensión subiu un 2% por motivo da mala xestión da crise que se esta a levar a cabo, pero a pesares de todo, contase cun fondo de reserva de 66.000 millóns de euros, un 6'5% do PIB; o 90% deste fondo está investido perigosamente en débeda pública española. No ano 70 do século pasado tiñamos 2 millóns de pensionistas, hoxe 8 millóns douscentos mil, e a pesares do aumento, había superavit pola razón de que o aumento da produtividade permite que aumente a “ratio” entre pensionistas e traballadores ocupados.

lunes, 10 de junio de 2013

A RUPTURA COA UNIÓN EUROPEA E O EURO

Roberto Laxe
A crise da Unión Europea é a crise do modelo capitalista que as burguesías dos estados europeos construíron para competir cos EE UU e Xapón; como dixeran na Cimeira de Lisboa, “en dez anos” alcanzarían aos EE UU. A realidade da crise demostrou que estas burguesías só teñen un proxecto común para facelo: aumentar a explotación dos traballadores/as e o saqueo dos pobos oprimidos. A isto redúcese nos feitos a Unión Europea e a súa moeda.
A crise política da Unión Europea, ás presións sobre a débeda soberana e todos os movementos especulativos o seu redor, esta xerada pola cobiza de cada burguesía, que quere levar a sardiña a súa ascua, e nesta loita interburguesa a que se impón é a mais poderosa, a alemá e os seus satélites.