A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 18 de agosto de 2014

O SIONISMO ENFERMIDADE CON TENDENCIA O XENOCIDIO DO XUDAISMO


Carlos Dafonte

Estes días no que o xenocidio organizado polo estado sionista de Israel, abátese de novo sobre o pobo palestino, algúns cando analizamos o que está a acontecer, facemos unha diferenza entre os xudeus e os xudeus sionistas, aínda que teño a certeza de que si os sionistas atópanse no poder en Israel case dende a súa fundación, é grazas ó voto cativo de moitos xudeus que non son sionistas.
Vendo o martirio do pobo de Gaza ante a indiferenza do que denominamos “comunidade internacional”, é dicir, toda unha serie de institucións internacionais e estatais, mediante as que as oligarquías dominantes no mundo impoñen os seus criterios ós diferentes pobos, institucións que non son capaces de tomar medidas que castiguen os crimes de Israel e repiten despois dalgunhas condenas verbais o de “Israel ten dereito a defenderse”; este “mantra” que escoitamos estes días en numerosas ocasións, o que verdadeiramente significa é que só Israel ten dereito ilimitado para matar civís, contravir toda lei sobre a guerra e o respecto polos dereitos humanos, pero os palestinos, que son verdadeiramente os agredidos desde preto de 70 anos, non teñen dereito algún á defensa contra unha ocupación e a usurpación duns territorios, que os sionistas levaron adiante violentamente, e os condenan ó holocausto.

lunes, 11 de agosto de 2014

DÉFICIT FISCAL ENTRE AS COMUNIDADES AUTÓNOMAS, O QUE PARTE E REPARTE...

Roberto Laxe 

En pleno mes de Xullo, e pouco antes da reunión entre Mais e Rajoy para discutir sobre o referendo catalán, o ministerio do sr Montoro fixo publicas as contas do déficit fiscal entre as comunidades autónomas. Segundo as súas contas, Madrid, Cataluña (menos do que di a Generalitat), Valencia e Baleares son as que pagan, e as demais son subvencionadas, entre elas, Galiza, en 3 mil millóns de euros. Pola súa banda, o BNG fixo públicos as súas propias análises, criticando por centralistas as contas de Montoro. Deles resulta que Galiza non recibe ese 3 mil millóns, senón que ten un déficit fiscal de 1 300 millóns.

domingo, 3 de agosto de 2014

POLA CONCRECIÓN DUNHA ALTERNATIVA SOCIALISTA COMO ÚNICA SAÍDA DA CRISE, AXEITADA ÓS INTERESES DO POBO TRABALLADOR


(Convocatoria dun Encontro Aberto a tod@s cant@s activistas queiran participar)


LIMIAR

 O proxecto de sociedade que chamamos socialismo, onde as maiorías sociais podan vivir sen ser explotadas, organizando o traballo en base a principios igualitarios e de capacidade, asumindo un reparto xusto da riqueza que producen, impoñendo un sistema de participación e toma de decisións que se atope ó servizo da maioría e penetre en todos os eidos da actividade humana, respectando o medio ambiente e establecendo con firmeza a igualdade entre o home e a muller, foi sempre ó longo da historia, unha necesidade. Desde a aparición da propiedade privada ata a actualidade.
Pero hoxe en pleno século XXI, a construción da nova sociedade, é unha cuestión de supervivencia, analicemos a situación desde o centro ou desde a periferia do sistema capitalista; desde o centro do sistema capitalista, porque non queremos retroceder a décadas pretéritas, que nos fan lembrar como nos momentos de crise, o capitalismo recorreu a guerras e agresións intercapitalistas e a creación do fascismo, o nazismo e o franquismo nin que se carguen os custes da saída da crise, sobre as costas da grande maioría da poboación das zonas periféricas, pero tamén pola necesidade de preserva-lo planeta da agresión que significa o actual sistema.
Desde a periferia porque a experiencia capitalista tampouco foi nin é moi edificante: colonialismo estragador e xenocida, neocolonialismo explotador e salvaxes ditaduras que permitiron o enriquecemento das clases dominantes do centro e periferia e o reparto de migallas entre os explotados/as do primeiro. Esa realidade debe ser rexeitada dun xeito firme.
A construción do socialismo convértese nunha necesidade e unha cuestión de solidariedade entre as diferentes zonas e poboacións do planeta; adquire así un carácter e unha dimensión internacionalista..
É certo que as experiencias pasadas que iniciáronse, tentando construír esa nova sociedade levaban ese selo; máis as condicións históricas e políticas nas que se desenvolveron, levaron o seu fracaso.
Pero ese feito non debe servir para abandona-lo proxecto de edificar unha nova sociedade máis xusta, senón para establecer, analizando a fondo as orixes e as causas de por que non convenceu a xente, desbotar aqueles elementos que hoxe podemos dicir que eran erros, e así construír dun xeito máis firme os alicerces nos que se debe basea- lo novo proxecto.
Para acadar estes obxectivos facemos público o seguinte MANIFESTO cun carácter aberto, que debe servir para, a través da súa discusión, aglutinar a tod@s aquel@s que consideren unha necesidade inicia-la discusión sobre o proxecto alternativo ó sistema capitalista.

 MANIFESTO POLO SOCIALISMO

Atopámonos no período, que pode durar aínda un tempo, cualificado por Bourdieu, como da culminación da reacción conservadora neoliberal, feita, segundo os seus promotores, en nome do progreso, a razón e a ciencia referida particularmente como economía, que tentou, e en grande parte o conseguiu, relegar ó pensamento crítico, de esquerdas, a un “status” de arcaísmo.

Hoxe coñecemos onde toda a verborrea e practica neoliberal levou ó planeta e ó centro do sistema capitalista, seguindo a súa lóxica da preeminencia da lei do valor, da creación de plusvalor e da necesidade que ten hoxe da destrución física do capital excedentario, incluído o correspondente a salarios, posto que o seu investimento non vai producir a ganancia desexada. Xa Marx afirmou no O Capital, que en tempos de crise “a taxa de ganancia e con ela a demanda de capital industrial teñen desaparecido”, o que se traduce na actualidade en desinversión produtiva, desvalorización do capital e toda outra serie de consecuencias para @s traballador@s que coñecemos ben no estado español.

Neste cadro o único obxectivo das institucións ó servizo do capitalismo é acada-la máxima ganancia para unha minoría privilexiada, representada polos administradores das grandes empresas multinacionais, que so buscan lucrarse e o beneficio máximo para os accionistas, e os axentes das finanzas, particularmente dos grande fondos de investimento, a quen eufemisticamente se lles denomina “os mercados”; eles son os que gobernan e impoñen os seus criterios aínda que ninguén os elixiu.

AS CAUSAS DA CRISE ACTUAL

A crise económica cuxo eixo central é a tendencia á queda da taxa de ganancia, como consecuencia do aumento da composición orgánica do capital, é dicir o resultado da acción dos capitalistas de substituír traballadores por máquinas, obrigados pola competencia intercapitalista que lles leva á mingua da plusvalía, maniféstase con moita violencia no centro do sistema desde o ano 2007, o que permite coñecer mellor, por se alguén non a tiña clara, cal é a esencia e as leis do capitalismo: Un sistema baseado na explotación da forza do traballo e onde todo vale para logra-la fin proposta. Recolonización e intervención en numerosos países con importantes fontes de enerxía, ataque sistemático contra dos dereitos de todo tipo que @s asalariad@s e outras clases subalternas da sociedade acadaron como resultado das súas loitas, recomposición do proxecto democrático burgués, en función dos intereses de clase, que conduce o seu deterioro, restrinxindo os espazos do mesmo no que a sociedade tiña permitido expresarse. Quen ninguén espere polo tanto concesións. Non hai un capitalismo con faciana humana.

Despois das medidas tomadas no estado español pola oligarquía, ca intermediación dos partidos PP e PSOE, co apoio de forzas nacionalistas burguesas, para recupera la queda da taxa de ganancia, reformas laborais, baixada das pensións e dos soldos ós funcionarios e redución do seu número, mingua dos orzamentos en igualdade, dependencia, e servizos públicos moi importantes como sanidade, educación e privatización dos mesmos, recortes nas prestacións de desemprego, etc., que teñen consecuencias como o aumento da pobreza e desnutrición entre os nenos, do paro ata cifras dificilmente asimilables por unha sociedade que non se atope enferma, axudas á banca cos cartos de todos os contribuíntes, etc, tamén recortes moi importantes nas liberdades para evita-las protestas e sancionalas con maior dureza, medidas todas destinadas a aumenta-lo beneficio da clase minoritaria na sociedade pero hexemónica a nivel político, pensamos que ningún traballador, a estas alturas do desenvolvemento da crise, pode alegar descoñecemento sobre o sistema e os obxectivos do mesmo.

Agás aqueles que non queiran aceptalo por motivos ideolóxicos, o modo de produción capitalista e a súa superestrutura política, o estado, atópase ó servizo dunha clase política moi minoritaria na sociedade, que monopoliza a maior parte da riqueza producida polo conxunto, no seu exclusivo beneficio.

A pesares da dureza das solucións que os sectores oligárquicos da burguesía impuxeron nestes anos, as forzas que nas institucións din xoga-lo papel de oposición, o mesmo que aqueles movementos como o 15 –M e outras organización, que desde fora das mesmas pretenden xogar un papel antisistema, non foron capaces de presentar un proxecto ós sectores sociais golpeados polas solucións que desde o poder, tanto político como económico se lle da a crise, permita organiza-los ós afectados e a unidade de accións contra o inimigo común: o capitalismo e as súas institucións.
 Neste senso é necesario non trabucarse máis, hai que loitar con preferencia contra o sistema, os seus alicerces fundamentais, para superar esa falsa idea, que derrotando a un determinado partido por medio das eleccións se van soluciona-los problemas; quen o xestiona nun momento determinado é irrelevante, botar a un determinado partido das institución de goberno é unha cuestión táctica pero os obxectivos estratéxicos, poñer fin o sistema capitalista é o que ordena o programa, para non caer no erro reformista de que o importante é a táctica e os medios e non a estratexia e o fin.

Atopámonos cunha realidade teimuda que temos que enfrontar; o capitalismo é o inimigo dos pobos e aqueles que pensaban que as crises cíclicas do sistema nunca chegarían ó centro do mesmo, que só afectaría ós países máis atrasados, ós produtores de materias primas, as colonias ou semicolonias dos países imperialistas máis desenvolvidos, teñen que aceptar que trabucaron nas súas previsións. A crise do capitalismo instalouse nos países centrais, afectando en maior ou menor medida os mesmos segundo o elo que ocupen na cadea imperialista e, dada a imposibilidade polo momento, dunha guerra interimperialista a nivel mundial, como ocorreu en 1914 e 1939, que estrague unha enormidade de forzas produtivas, pódese afirmar 1) que a crise chegou para quedarse por un tempo prolongado e a saída vai ser só saída para un sector da burguesía, non para as clases populares que xa nunca recuperarán os dereitos de todo tipo que se lles arrebataron 2) que para as clases populares non hai superación da crise dentro do sistema, pois a xénese da mesma, a tendencia á queda da taxa de ganancia como resultado da competencia intercapitalista, que leva a unha mingua da chamada “economía produtiva” e ó aumento da “economía especulativa”, só pode solucionarse en beneficio da clase hexemónica, cas medidas que se foron tomando no transcurso destes anos.

NON HAI “TERCEIRA VÍA” PARA SAIR DA CRISE

Ningunha outra solución, como non sexa a neoliberal, o capitalismo actual, vai ser aceptada polos poderes económicos; non hai pois posibilidade algunha, aínda que haxa partidos e organizacións políticas que aplican as teses neoliberais cando se atopan no goberno e tentan explicar a posibilidade dunha saída socialdemócrata cando se atopan na oposición, saída deste tipo. Entendemos hoxe este concepto como a proposta keynesiana que é asumida polos partidos autotitulados como socialdemócratas ou socialistas.
E non serve esta alternativa porque os poderes económicos que operan no mundo, non atopan con ela solución á crise de acumulación, aínda sendo como é unha saída de carácter burgués, que tenta defende-lo capitalismo fronte o seu posible derrube, desactivando a iniciativa d@s traballador@s mediante a intervención do estado e a consolidación dunha “economía mixta” que potencie a “demanda agregada”.

Hoxe a oligarquía non é favorable ó pacto e a cesión; para supera-la crise necesita da derrota do movemento obreiro, que non se atopa nun momento de ofensiva revolucionaria fronte ó capitalismo. A política baseada nos presupostos de Keynes só é factible en momentos de expansión, cando as ganancias dos capitalistas do centro do sistema son tan importantes que non teñen reparo algún en prescindir dunha parte pequena das mesmas para garanti-la paz social. O pacto social que levou ás políticas socialdemócratas despois da segunda guerra mundial, debeuse a diversos factores que hoxe non se producen: ó desprestixio do capitalismo entre grandes sectores da sociedades da época, cuxas contradicións produciron dúas guerras de carácter mundial nun período curto de anos, á grave crise dos anos trinta e o fenómeno do nazi-fascismo; a existencia da URSS como un posible modelo alternativo para moitos traballadores; ó inicio dun período de expansión económica, resultado da reconstrución do destruído, a explotación das colonias e a fortaleza do movemento obreiro cuns partidos comunistas moi poderosos no centro do sistema que xogaran un importante papel na loita contra a ocupación, en determinados países, polo exército nazi e atopábanse no que parecía un proceso revolucionario de disputa do poder á burguesía. Estas circunstancia levaron a un pacto da burguesía co movemento obreiro.

Pero hoxe esa alternativa esta completamente pechada e non deixa de ser, por parte de quen a propón, puro electoralismo, que pode enganar a determinados sectores sociais o que lles pode permitir acceder a dominar determinadas institucións, pero unha vez nas mesmas, aplicará, como sempre fixeron, as vellas receitas neoliberais.

No fondo o que se tenta con todo este tipo de manobras e culpar o neoliberalismo da situación, tentando introducir no pensamento das amplas masas e sectores da sociedade, que o capitalismo é reformable, como xa dixemos máis arriba, que existe un capitalismo de “faciana humana”.

No mesmo senso van outro tipo de alternativas que aparecen ligadas ás importantes mobilizacións populares que coñecemos como 15-M que se están a consolidar no estado español arredor da afirmación “non somos de esquerdas nin de dereitas” e que tentan esconde-la realidade de que a crise e a súa saída formúlase, por parte da oligarquía no poder, en termos de acada-la derrota da clase traballadora asalariada, co aumento do seu grao de explotación, polo que a saída da mesma só vai ser posible co enfrontamento entre burguesía e o que xenericamente coñecemos como proletariado. Agochar esta evidencia baixo outro tipo de formulacións como a loita da cidadanía ou da multitude, contra os “de arriba”, só axuda á burguesía porque esvae o campo da loita de clases que é o motor da historia.

Fronte a esta situación, a alternativa de “máis soberanía”, que é o que propoñen os nacionalistas burgueses do estado, proposta asumida polos nacionalistas galegos, non deixa de ser unha saída burguesa, que beneficia ás respectivas burguesías e pequenas burguesías de Cataluña e País Vasco, que non conduce a ningures, desde a perspectiva dos traballadores, da clase obreira; máis soberanía para que política económica?. Para seguir a aplicar como se está a facer en Cataluña a política da Troika, que desbarata o feble “estado de benestar” existente? Conseguila soberanía, pero sen solta-las amarras do capitalismo, só vai beneficiar á burguesía nacional que consolidará un mercado interior máis libre de competencia, para implementar a política económica neoliberal; polo tanto só beneficiará a un sector minoritario da sociedade, o propietario dos medios de produción. A proposta da burguesía catalá do “dereito a decidir”, tenta esconder os brutais recortes de todo tipo levados a cabo nestes anos, pola devandita burguesía desde a Generalitat, contra o nivel de vida da maioría da poboación, e dada a aceptación por unha parte importante da sociedade, indica o nivel tan baixo da “conciencia para si” da maioría d@s traballador@s desa nación sen estado.

Ademais, somos conscientes que a loita polo socialismo, a loita por poñer termo a explotación e a un modelo baseado no produtivismo, que esgota os recursos naturais e degrada dun xeito irreparable o medio ambiente, que renuncia á defensa dos dereitos humanos, que considera a igualdade home muller como algo irrelevante e a inmigración como un perigo, de levarse a cabo dun xeito vitorioso, vai ser resultado da loita coordinada dos pobos do estado español, pero tamén dos pobos de Europa, onde @s traballador@s asalariados teñen que ter o papel hexemónico; nese senso rachar ca unidade da clase obreira, pódese considerar un atranco a todo proceso transformador e revolucionario. A defensa desta unidade non debe significar renunciar a conseguir e defende-lo dereito de autodeterminación dos pobos do estado español, dereito que todo demócrata ten o deber, a obriga, de defender.

CONSTRUINDO A ALTERNATIVA SOCIALISTA INTERNACIONALISTA

A única solución verdadeiramente factible, se queremos saír da actual situación, é a de avanzar cara ó socialismo.

Galicia, o seu pobo traballador, polo seu carácter de nación oprimida, periférica na UE e no Estado Español, esta a sufrir dun xeito especialmente duro as consecuencias da crise. Nestas condicións é preciso redactar un programa adecuado ás condicións concretas nas que se desenvolve a loita na U.E., o Estado español e Galicia, que ten como obxectivo a transformación socialista da sociedade. Pero non un programa máis de corte electoralista, senón o programa que conteña as transformacións necesarias para avanzar desde unha sociedade ancorada no capitalismo explotador, do que é necesario facer unha crítica científica, cara a unha nova sociedade, establecendo a etapa de transición entre a actual e a que temos como obxectivo estratéxico.

O socialismo ten que deixar de ser unha verba, que para a maioría da sociedade di moi pouco, para converterse nun proxecto que faga seu, que o acolla como propio, unha parte importante da sociedade. É o único xeito de loitar contra a afirmación defendida pola burguesía, de que non hai alternativa ó capitalismo

A loita polo socialismo significa tamén abrir un proceso constituínte, obxectivo da creación dun dobre poder que pule a mobilización social sostida no tempo, que culmine nunha folga xeral política que poña freo ás medidas de austeridade e axuste, e derrube o aparello administrativo da burguesía, impoñendo unha nova estrutura.

Por todo elo, é preciso abrir un debate para determina-los eixos do programa e os obxectivos da loita, iniciando todo este proceso ca celebración dun Encontro Aberto, desde a base, que agrupe ós activistas que hoxe se enfrontan ca realidade do capitalismo explotador e se atopan a favor dunha saída de carácter socialista.

En Galicia no mes de xullo de 2014