A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 11 de agosto de 2014

DÉFICIT FISCAL ENTRE AS COMUNIDADES AUTÓNOMAS, O QUE PARTE E REPARTE...

Roberto Laxe 

En pleno mes de Xullo, e pouco antes da reunión entre Mais e Rajoy para discutir sobre o referendo catalán, o ministerio do sr Montoro fixo publicas as contas do déficit fiscal entre as comunidades autónomas. Segundo as súas contas, Madrid, Cataluña (menos do que di a Generalitat), Valencia e Baleares son as que pagan, e as demais son subvencionadas, entre elas, Galiza, en 3 mil millóns de euros. Pola súa banda, o BNG fixo públicos as súas propias análises, criticando por centralistas as contas de Montoro. Deles resulta que Galiza non recibe ese 3 mil millóns, senón que ten un déficit fiscal de 1 300 millóns.

Como se explica esta diferenza tan grande?, moi sinxelo polo método que uns e outros utilizan para facer esas contas (contabilidade, chámanlle). O goberno fanas segundo o método “do fluxo do beneficio”, no que os gastos procedentes dos bens públicos “benefician a todos (os españois) por igual, independentemente da residencia ou onde se materializan”, distribuíndo por igual os intereses da débeda publica ou os gastos nos museos estatais, o CSIC ou o CNI, etc., fundamentalmente establecidos en Madrid.
Parte o BNG do criterio do “fluxo monetario”, é dicir, sobre a base de canto se recada nun territorio e canto volve a ese territorio en forma de pagos do estado. Desta maneira, coñécese con máis precisión canto do diñeiro cotizado en Galiza volve a ela. Da outra maneira, impútansenos aos galegos / as investimentos que para gozalas temos que facer un gasto extra -que non computa no déficit fiscal-, viaxar a Madrid; que non é barato.
O goberno fortalece dunha maneira falaz o argumento centralista de que todos vivimos dos madrileños e madrileñas, como a mellor forma de fomentar a división entre os traballadores e traballadoras, dando alimento á prepotencia fronte ao vitimismo, polo que tenden a ver aos demais como os que viven das subvencións que eles pagan: Madrid, din, achega o dobre que Cataluña, e até o indivualizan: segundo as contas do sr Montoro un madrileño / a achega 2 275 euros, mentres un galego / a, por exemplo, recibe 1162 euros. Coma se o pobo traballador galego víseos!, tendo como ten un atraso de cincuenta anos en infraestruturas de mobilidade, por exemplo.

O que as contas non teñen en conta


Non fai falta ser un lince para darse conta que as contas do sr Montoro son tramposas, posto que supor que todos os gastos do estado benefician por igual, é como supor que os máis de 40 millóns de cidadáns / as españois estamos “a tiro de metro ou proximidades” (na Galiza estes termos son unha fantasía!) do centro de Madrid, Barcelona ou Valencia.
Di Vence, do BNG, que estas contas son un “insulto á intelixencia”; pero queda curto. Son un insulto á intelixencia, si, pero son tamén un insulto ao pobo traballador galego.
Na Galiza soportamos unha industria altamente contaminante, desde a planta de alumina de San Cibrao até as centrais térmicas, ou a refinaría da Coruña; pero todas elas cotizan en Madrid, onde teñen as súas sedes sociais. Temos unha autoestrada, que tamén cotiza en Madrid, das máis caras, que con toda a chulería non fai absolutamente nada por mellorar, porque non hai alternativa de mobilidade aos 2 millóns de habitantes que viven ao seu ao redor; son un monopolio sen dicilo.
Na Galiza págase a gasolina máis cara que en Madrid, onde a refinaría máis próxima está a centos de quilómetros, tamén grazas á inexistencia de alternativa ao coche particular, e subvencionamos os prezos da electricidade. Se Galiza é un dos principais produtores de Electricidade do estado español, e o custo do transporte e distribución da electricidade supoñen o 15% do seu prezo, porque a pagamos igual aquí que en lugares onde non se produce: non é iso “solidariedade interterritorial”.
Tampouco se ten en conta algo que cada vez que chega a primavera e o outono prodúcese, o cambio de hora (o atraso ou adianto dos reloxos), para, segundo din, aforrar un 5% do PIB no custo da enerxía. Na Galiza ese beneficio non existe, porque o cambio horario prexudícanos. Ao guiarse polo fuso horario de Berlín (que ten narices), en Galiza cando se fai o cambio, obrigan ás empresas a abrir de noite, polo que o suposto impacto aforrador queda anulado. E isto non figura nas contas do sr Montoro.
Por último, nos últimos orzamentos xerais do estado alardeouse de que Galiza era un dos territorios que máis investimentos en infraestruturas ía recibir, grazas ás obras dunha infraestrutura que ninguén necesita, a AVE. Á parte de que sexa unha obra innecesaria, o que é certo é que os miles de millóns que levan gastados non reverten, senón que son investimentos que volven á capital polas empresas que están a construír a obra, todas elas con sede en Madrid. A realidade é que queda unha obra inútil, os salarios dos traballadores precarios contratados para realizala, e pouco máis; a parte do león vai para os capitalistas que están tras esas empresas, residentes todos eles en Madrid.

As condicións históricas que non se teñen en conta


As comunidades autónomas no estado español, da que as nacións baixo o seu dominio son a súa máxima expresión, son o resultado da construción dun réxime que herdou un lastre profundo do pasado: “España” nunca chegou a ser unha nación, nin unha federación de nacións, senón que xurdiu como un conglomerado de reinos, provincias e principados só unidos pola forza. A burguesía española non foi capaz de facer como os seus homólogos franceses, alemáns ou italianos, unha revolución ou unha profunda reforma do “antigo réxime” aristocrático, que lle permitise romper coas estruturas precapitalistas de reinos e principados e construír a unidade nacional.
Ao desenvolverse a burguesía como clase dominante no Estado Español, incorporou á súa maneira de facer as taras herdadas, a unificación á forza do que eran realidades sociais e económicas diferenciadas. A ditadura de Franco, impondo a canonazos a uniformidade do Estado Español (o “nacional-catolicismo español”), só provocou o reforzamento da división. Ao agudizar o centralismo até limites surrealistas ("Benvido Mr Marshall") provocouse o efecto contrario, o aumento das tendencias á división, posto que á explotación da clase obreira en xeral súmase a opresión do centro sobre a periferia.
A clase traballadora da periferia ve como a clase obreira do centro benefíciase, así sexa marxinalmente, do feito de vivir e traballar nese centro favorecido polo estado sobre el construído. Por iso, para recuperar a unidade da clase traballadora é preciso partir do feito de que a división vén provocada polos que cren que todo xira ao redor dese centro, e fan o posible para que iso mantéñase no tempo.
As contas anuais que se editan deben ter en conta, e incorporar se non queren ter un “pecado orixinal” que as fai falsas, estas realidades: os países non son pobres, se empobrecen; as nacións non están envellecidas, envellécenas... E así sucesivamente.
Por exemplo, en 1914 Galiza tiña 2 millóns de habitantes, cen anos despois ten 2 millóns setecentos mil,...  é dicir, a comezos do XX tiña o 10% de 20 millóns de españois. Cen anos máis tarde, a poboación galega é o 5.9% dos máis de 40 millóns de españois. É dicir, que Galiza perdeu case dous millóns de habitantes; e vanse os máis novos, os que poden ter descendencia, agudizando as tendencias ao envellecemento e á perdida de capacidade produtiva.
Este despoboamento sistemático –“limpeza étnica económica”, chamaríanlle algúns- non vén pola incapacidade dos galegos e as galegas aínda que a burguesía galega como clase sexa parte do problema, posto que, a pesar de todo, en Galiza hai “éxitos” empresariais concretos, nin polo seu carácter aventureiro como insistía o franquismo para xustificar a emigración; senón que enraíza en causas estruturais.
Só un exemplo como botón de mostra, ASTANO (o estaleiro de Fene na ria de Ferrol), que é un dos máis grandes de Europa, chegou a empregar a máis de 6000 obreiros e ten bancadas para construír case todo tipo de buques. Pois ben, desde que Felipe González impuxo a reconversión do naval nos 80 ten expresamente prohibido construír buques pola Unión Europea e o goberno español (sexa PP sexa PSOE), para non competir cos alemáns, holandeses e demais estaleiros europeos. Desta maneira, Ferrol perde poboación sistematicamente desde os anos 80, posto que non hai maneira de atopar traballo.
Máis en xeral incide nesta "limpeza étnica económica" a inexistencia do transporte publico colectivo minimamente homologable, cuxo déficit debería contar a favor do pobo galego. Xa vimos como o que non existan liñas de proximidade entre as cidades galegas incide, un, no monopolio da autoestrada do Atlántico (AP9) para a mobilidade duns 2 millóns de persoas, dúas, en que o prezo dos combustibles sexa sensiblemente superior ao resto, a pesar de contar cunha refinaría. Pero a inexistencia dese tipo de transporte provoca un efecto demoledor á hora de fixar poboación no territorio: se un non ten maneira de moverse entre cidades, vilas ou pobos, dentro das comarcas ou fóra delas na procura de traballo, e só conta co seu coche particular, co custo que supón (a metade dun salario) a emigración cara outras  zonas do estado ou do mundo, onde si conten con esas alternativas, non só é unha opción, senón que é a opción máis razoable.
Galiza, como toda nación empobrecida, o é por unhas políticas estatais concretas que o fomentan. Fomentan o desmantelamento industrial, o desmantelamento financeiro, social, urbanístico, ao servizo duns intereses concretos, dunha división do traballo, estatal e internacional concreta, na que os pobos traballadores das nacións cumpren o seu papel. E todo isto ten que contar á hora de facer contas, pois se traduce en déficit contante e sonante.

Madrid, un relativo paraíso fiscal


O punto central da ofensiva recentralizadora da que son parte estas contas, e contra a que se rebelan moitos, ten unha clave de bóveda, a centralización dos domicilios fiscais e sociais das empresas a través da conversión de Madrid nunha especie de paraíso fiscal. Así, ter o domicilio en Madrid leva unha serie de vantaxes fiscais, en comparación con outras Comunidades Autónomas. Na Comunidade de Madrid, non só non subiron os impostos, senón que varios deles reducíronse, coa finalidade de xerar confianza para impulsar o crecemento económico.
Entre os principais beneficios fiscais que atopan os empresarios se cambian o domicilio fiscal da súa empresa a Madrid, destacan:

- A rebaixa nun punto da tarifa autonómica do IRPF.

- A práctica eliminación do Imposto sobre Sucesións e Doazóns dentro do ámbito familiar máis próximo (xa que se aplica unha bonificación do 99% na cota tributaria de ambos os Impostos).

- A baixada do tipo no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (para a adquisición de vivenda habitual para as familias numerosas).

- A eliminación do Imposto sobre Patrimonio.

O oco que deixa nas contas estas rebaixas fiscais énchese a través, en primeiro lugar, do traslado dos domicilios das empresas: hoxe están rexistradas en Madrid o 80% das empresas españolas cando a súa poboación é do 13.59%. En segundo lugar, socializando a débeda do seu concello, que é superior á suma do seis municipios máis grandes do estado; facendo que polo criterio do sr Montoro, do “fluxo do beneficio”, paguémola entre todos os españois e españolas.

Unhas contas contra a unidade da clase obreira


A realidade galega é extensible a outras zonas empobrecidas do estado como Andalucía, Extremadura, ... ou analizable doutra forma en Cataluña ou Pais Vasco, posto que neste caso temos que falar do estado español non como un axente empobrecedor; as burguesías vascas e catalás de apoiaron na estrutura centralista do estado para captar man de obra barata de Galiza, e das zonas empobrecidas, senón como un freo ao desenvolvemento hoxe.
Mentres o Estado Español lles foi útil para ese desenvolvemento, o pacto entre burguesías era a norma; mas a crise puxo de manifesto o carácter ultracentralista da burguesía española, reaccionario neofranquista, que fía toda a “marca España”, a ser un estado de especuladores financeiros e empresarios mafiosos de hostelería; é dicir, ao turismo e ao saqueo das contas do estado. Neste cadro é altamente progresivo o cuestionamento dese estado, posto que a reivindicación da ruptura do réxime do 78 é o eixo central para superar esta crise nun sentido de clase, socialista.
Esta claro que aínda que a crise empurra, nin as burguesías vasca nin catalá están por ir nin tan sequera até a autodeterminación: todo o máis que lles gustaría chegar é a un acordo co goberno central para unha “redistribución” que lles favoreza, sen caer en rupturismos que non saben, e temen como burgueses, onde poden conducir.
A critica das contas do ministerio do sr Montoro por tramposas e centralistas, só pode facerse coherentemente desde unha perspectiva de clase e federal; de recuperar a unidade da clase obreira a partir do principio de que o problema nacional no estado Español, é a existencia do propio estado centralista español, herdeiro dese “conglomerado de reinos e provincias só unidos pola forza”.
A lóxica que moven estas contas, igualando o que non é igual, é a lóxica españolista mesmo de sectores da esquerda, que debemos denunciar: a de que a unidade da clase é igual á unidade do estado. A clase obreira está unida pola súa posición na propiedade privada dos medios de produción e distribución, máis aló das fronteiras nacionais; o que estas fronteiras determinan son as formas de explotación e opresión concretas, e iso, pola contra, pode dividilas. Lenin analizou como as burguesías das nacións opresoras corrompen a sectores das súas clases obreiras, converténdoas nos seus aliados, aos que chamou “aristocracia obreira”. A estes, a alimentar o seu chovinismo nacional, o seu “patriotismo”, é aos que se dirixen as contas do sr Montoro, para utilizalos contra os pobos que loitan polos seus dereitos nacionais e así fomentar a división  da clase obreira.

Galiza, 5 de agosto de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario