A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 24 de enero de 2017

O RELEVO DE PRESIDENTE NA CASA BRANCA

Carlos Dafonte

O relevo na presidencia dos USA se ten producido; un intermediario do capital, un xestor dos seus intereses, foi substituído por un capitalista que coñeceu tempos mellores para os seus negocios e chega para liderar a primeira potencia mundial militar, cuxa economía tamén coñeceu mellores épocas, agora en declive, rodeado dun goberno formado maioritariamente por persoas ricas, das que aparecen na revista Forbes.
Atrás quedan oito anos que crearan grandes expectativas, tantas que a burguesía mundial, concedeulle o Premio Nóbel da Paz ó comezo do seu mandato ó primeiro home negro que chegaba á Casa Branca, case tantas como as que levantara a señora Tatcher pola súa condición de muller. Cedo, tanto neste caso como no de Tatcher, a lóxica do capital e da loita de clases impuxéronse por enriba de calquera outra consideración de xénero ou raza. Como nos casos de Mandela en Sudáfrica e Mugica en Uruguai.

martes, 17 de enero de 2017

REBELIÓN E REVOLUCIÓN

Roberto Laxe

As rebelións son, por definición, desordenadas, desestruturadas; só cando hai conciencia clara do obxectivo, estrutúrase e ordénase, dentro do que define unha rebelión, a desorde de todas as estruturas previas. Non se pode destruír e construír ao mesmo tempo; non se destrúe e constrúe unha casa ao mesmo tempo... Pola contra, ímonos directos á teoría da conspiración e ao idealismo: unha rebelión xorde da cabeza de algún gran dirixente: e non é así. as masas cando entran en actividade non teñen un plan preciso, consciente, iso hai que construílo, e a iso chámase partido revolucionario.


martes, 10 de enero de 2017

OS ELOXIOS FÚNEBRES NON PODEN REESCRIBIR A HISTORIA




(Editorial de “ODiario.info” de Portugal)

Nunha vida política tan prolongada e cunha traxectoria tan contraditoria como a de Mario Soares, non todos os aspectos serán negativos. Pero se se pretende fixar no momento actual o seu lugar na historia, hai un feito que para o noso pobo e o noso país é máis relevante que calquera outro. Se o 25 de abril de 1974 constituíu o máis importante acontecemento da nosa historia ata o día de hoxe, Mario Soares debe ser lembrado como un dos seus máis destacados e encarnizados adversarios. Vasco Gonçalves e Álvaro Cunhal identifican na súa figura ao principal responsable da contra-revolución portuguesa.
Debe ser lembrado como alguén que, desde o primeiro día, apostou por que a Revolución de Abril non superase os límites dunha revolución burguesa. Por que a conquista da liberdade política non trouxese consigo as transformacións económicas, sociais e culturais que garantisen que, co derrube do réxime fascista, os traballadores e o pobo portugués abrisen o camiño dunha sociedade non só libre da opresión senón tamén liberada da explotación, da desigualdade, da dependencia e do atraso, e que os pobos das colonias portuguesas conquistasen a efectiva independencia nacional.

jueves, 5 de enero de 2017

100 ANOS DA REVOLUCIÓN DOS SOVIETS EN RUSIA



Carlos Dafonte

No presente ano cómprense cen dun dos acontecementos máis importantes da historia da humanidade; por primeira vez, dende que existe propiedade privada, as clases poderosas, explotadoras da forza de traballo, fose como escravos, servos, artesáns ou proletarios, foron desprazadas do poder e @s traballador@s asalariad@s e @s campesiñ@s pobres tomárono e  enfrontándose á enorme capacidade do imperialismo, tanto económica como militar, foron capaces, en condicións de extrema debilidade, de comezar a construír unha sociedade máis igualitaria, o socialismo, co obxectivo de poñer fin a existencia de clases sociais e avanzar cara ó comunismo.
E se neste blog imos reflexionar neste ano sobre ese acontecemento non é por levar a cabo un labor de arqueoloxía político-social, senón porque a realidade do capitalismo nos últimos cento corenta anos, cas súas constantes crises, guerras, conquistas, destrución do medio, desigualdades, indícanos que, ou avanzamos cara a outra sociedade, ou de seguir avanzando pola senda marcada por este modo de produción seguiremos mergullándonos na barbarie.