Xulia Mirón
O Goberno aprobou os orzamentos máis austeros da
democracia para pagar a débeda contraída polo Estado, CCAA e Administracións
Locais, por tantos anos de malgasto en aeroportos-52-, na Cidade da Cultura de
Santiago, Cidade do Circo de Alcorcón, Cidade das Artes e as Ciencias de
Valencia, resgates de bancos, e a corrupción política en casos como Gürtell,
Undargarin, Fabra, etc. Tantos millóns que é difícil dicir unha cifra sen
equivocarse.
Austeridade non para a Igrexa e a Monarquía
institucións do réxime que están moi lonxe de ser democráticas e defender os
dereitos das mulleres, pero se para as partidas orzamentarias da Sanidade, a
Educación e os Servizos Sociais que supoñen un grave ataque ás condicións das
mulleres traballadoras as máis afectadas por estes recortes, despedimentos,
peches de gardarías, residencias, que levan unha maior carga para xa a súa
dobre xornada laboral.
Onde
esta a separación Igrexa -Estado
A maioría da xente que no seu día votou a favor da
Constitución creuse e estivo de acordo co artigo 16 onde di que España é un
“Estado aconfesional”. Pero seguir aínda créndoo a estas alturas, é pecar de
inocencia se consideramos que os dirixentes políticos que gobernaron e gobernan
este país, só fan cumprir os dereitos recolleitos na “Carta Magna” en beneficio
dos máis ricos e poderosos. Iso si, se para manter os privilexios destes
últimos hai que que cambiala, non dubidan en facelo. De aí a reforma da Constitución
que nos impuxeron en setembro do ano pasado, que pon como prioridade absoluta o
pago da débeda.
É difícil explicar en poucas liñas, porque a Igrexa
católica ten tanto poder no Estado español, se non nos remontamos a séculos a
tras, pero baste ler o artigo do País, “Xaque ao paraíso fiscal”[1]
para coñecer os acordos entre a Igrexa Católica e o Estado. A nosa é unha
sociedade cun pasado moi recente de corenta anos de ditadura franquista e
Nacionalcatolicismo, durante os cales a Igrexa Católica “impregno” todas as conciencias, tanto na
vida pública como na privada.
Na Transición Española falábase de Ruptura ou Reforma,
e ao final gañou a Reforma, o que nos levou ao que hoxe temos: Unha Transición
pechada en falso, como falso é o artigo 16 da Constitución. Demóstrano os
Gobernos de Adolfo Suárez, Felipe González, Aznar, Zapatero e agora Rajoy que
non romperon os seus privilexios, e lonxe de eliminalos, a asignación á Igrexa
no 2007 aumentou e seguen vixentes[2],
os acordos sobre asuntos xurídicos, ensino e asuntos culturais, asistencia
relixiosa ás Forzas Armadas, asuntos económicos, todos eles de 1979.
Os
privilexios da Igrexa católica e as súas consecuencias
A Igrexa Católica recibirá na liquidación deste ano, a
conta do IRPF do 2011, un total de 248,2 millóns de euros e para o 2013 non
serán menos. Isto, non é o único que recibe das arcas do Estado. Ten unha
exención total e permanente da contribución dos inmobles, (IBI) que inclúe
hospitais, ambulatorios, residencias, orfanatos, gardarías, xardíns de
infancia, centros de ensino, catedrais, museos, mosteiros, et,. E suma e segue,
cada mes o Ministerio de facenda paga os salarios de bispos e sacerdotes,
profesores de catolicismo, capeláns castrenses, hospitalarios e penais.
Subvenciona o ensino relixioso concertado con case 4.000 millóns, a
conservación do patrimonio eclesiástico[3]
como a restauración da Catedral de Tarazona. En definitiva, si a Igrexa
católica deixase de percibir todo o que sae das arcas do Estado, tantos millóns
darían dabondo para pagar a nosa Sanidade, Educación, Pensións e uns bos
Servizos Sociais públicos.
E por se estes privilexios fosen poucos, grazas á (Lei
Hipotecaria de 1946) que ampliou o Goberno de Aznar en 1998, as súas
propiedades aumentaron porque o Estado permite á Igrexa Católica a
inmatriculación (rexistro) de[4]
atrios, vivendas, viñas, oliveirais, e até un frontón, “sen que requira o
visto e prace de ningún poder público nin notario. Desta forma mantén un poder
outorgado na posguerra que lle dá un rango equiparable a un organismo público”.
Moitos pobos están a atoparse cunha situación insólita: propiedades que eles
financiaron e mantiveron, como a vivenda da profesora en Ziriza (Navarra),
entre moitas outras propiedades son da Igrexa católica e o estado non lles
defende ante semellante atrocidade. Mais ben todo o contrario, permite que
moitos municipios ao final paguen de novo o que era de eles[5],
non soa moi lonxe esta frase “Coa igrexa topamos” .
Se algo caracterizou á Igrexa desde fai miles de anos
foi o seu afán de posesión de poder no mundo enteiro e para iso non dubida en
matar, asasinar, desatar guerras, arrasar pobos, crear a santa inquisición,
expropiar e cantas cousas máis. Nos seus comezos foron “señores” feudais con
posesións de terras, agora son uns capitalistas máis, que fan negocio cos seus
hospitais, universidades, gardarías, residencias de maiores, museos, medios de
comunicación, editoriais, etc,. Hoxe os
seus grandes púlpitos son entre outros, os medios de comunicación que posúen,
radio, televisións e até a maioría das imprentas onde se editan libros
escolares, desde onde falan ao pobo da súa moral católica. Pero é cos nosos
impostos que manteñen todo iso, Onde
esta a separación Igrexa católica e Estado?.
A Igrexa Católica como institución do réxime
Hai que dicir as claras que no estado español non nos
quitamos o “pano negro” que levaban as mulleres no franquismo. Moitos seguen
pensando que gobernan co nacionalcatolicismo e saen á rúa defendendo a familia
patriarcal, contra os matrimonios gais, contra o aborto, pola castidade, contra
as prostitutas, etc,. Néganse a dicir onde están os mortos e as mortas
republicanas, e conseguen que saian impunes os sacerdotes que abusaron de
menores. E agora sae á luz pública a noticia dos nenos roubados que levaba
facendo desde os anos 40. O que comezou cunha política do franquismo contra as
mulleres republicanas- “para que os seus fillos e fillas non se contaxiasen
do xene do marxismo” -nas cárceres, chegouse a converter nun lucrativo negocio. Por mor
deste escándalo volve a aparece o poder omnímodo da Igrexa , e aínda que queren
personalizalo nunha monxa, a súa intención é salvar a imaxe de está e da Santa
Sé, e por iso na súa defensa sae tamén o Foro da Familia dicindo “que non é
bo remover o pasado e aínda que comprenden ás nais”, pero no fondo non
deixan de pensar que estas nais algo farían.
Todo iso pasou coa impunidade de todos os gobernos
desde a democracia que miran para outro lado mentres cos nosos impostos
séguense subvencionando viaxes do Papa e fináncianse billetes de metro para o
encontro en Madrid dos mozos católicos.
Obxectivo pendente da Sociedade Española
A esixencia da separación de Estado-Igrexa, tarefa que
noutros lugares fai douscentos anos que a conquistaron, é un obxectivo pendente
na sociedade española. Conseguir un verdadeiro estado laico que se traslade a
todos os ámbitos sociais vai da man da loita por unha saída democrática e
republicana, pero polo mesmo carácter capitalista da Igrexa católica, como
polas súas interrelaciones cos poderes do estado. Este obxectivo non se
conseguirá sen que sexa parte da loita obreira e popular pola transformación da
sociedade. Pois acabar cos seus privilexios e negocios privados significa
adoptar medidas anticapitalistas como nacionalizar todas as empresas das que
hoxe se benefician. A loita polo laicismo- que a relixión sexa un asunto no
ámbito individual- vai da man de loita anticapitalista.
En Galicia no mes de maio de 2012
[1]http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/02/25/actualidad/1330191512_281273.html
[2]http://www.vatican.va/roman_curia/secretariat_state/archivio/documents/rc_seg-st_19790103_santa-sede-spagna_sp.html
[3]http://www.agenciasic.es/2012/02/09/la-restauracion-de-la-catedral-de-tarazona-ha-supuesto-20-millones-en-treinta-anos/
[4]http://www.publico.es/espana/300377/los-pueblos-piden-al-clero-la-devolucion-de-bienes-locales
[5]http://www.lasexta.com/sextatv/salvados/no_solo_se_han_escriturado_a_nombre_de_la_iglesia_edificios_religiosos/306403/1061