A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 29 de mayo de 2012

O PODER DA IGREXA CATÓLICA


Xulia Mirón
  
O Goberno aprobou os orzamentos máis austeros da democracia para pagar a débeda contraída polo Estado, CCAA e Administracións Locais, por tantos anos de malgasto en aeroportos-52-, na Cidade da Cultura de Santiago, Cidade do Circo de Alcorcón, Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia, resgates de bancos, e a corrupción política en casos como Gürtell, Undargarin, Fabra, etc. Tantos millóns que é difícil dicir unha cifra sen equivocarse.
Austeridade non para a Igrexa e a Monarquía institucións do réxime que están moi lonxe de ser democráticas e defender os dereitos das mulleres, pero se para as partidas orzamentarias da Sanidade, a Educación e os Servizos Sociais que supoñen un grave ataque ás condicións das mulleres traballadoras as máis afectadas por estes recortes, despedimentos, peches de gardarías, residencias, que levan unha maior carga para xa a súa dobre xornada laboral.
Onde esta a separación Igrexa -Estado
A maioría da xente que no seu día votou a favor da Constitución creuse e estivo de acordo co artigo 16 onde di que España é un “Estado aconfesional”. Pero seguir aínda créndoo a estas alturas, é pecar de inocencia se consideramos que os dirixentes políticos que gobernaron e gobernan este país, só fan cumprir os dereitos recolleitos na “Carta Magna” en beneficio dos máis ricos e poderosos. Iso si, se para manter os privilexios destes últimos hai que que cambiala, non dubidan en facelo. De aí a reforma da Constitución que nos impuxeron en setembro do ano pasado, que pon como prioridade absoluta o pago da débeda.
É difícil explicar en poucas liñas, porque a Igrexa católica ten tanto poder no Estado español, se non nos remontamos a séculos a tras, pero baste ler o artigo do País, “Xaque ao paraíso fiscal”[1] para coñecer os acordos entre a Igrexa Católica e o Estado. A nosa é unha sociedade cun pasado moi recente de corenta anos de ditadura franquista e Nacionalcatolicismo, durante os cales a Igrexa Católica  “impregno” todas as conciencias, tanto na vida pública como na privada.
Na Transición Española falábase de Ruptura ou Reforma, e ao final gañou a Reforma, o que nos levou ao que hoxe temos: Unha Transición pechada en falso, como falso é o artigo 16 da Constitución. Demóstrano os Gobernos de Adolfo Suárez, Felipe González, Aznar, Zapatero e agora Rajoy que non romperon os seus privilexios, e lonxe de eliminalos, a asignación á Igrexa no 2007 aumentou e seguen vixentes[2], os acordos sobre asuntos xurídicos, ensino e asuntos culturais, asistencia relixiosa ás Forzas Armadas, asuntos económicos, todos eles de 1979.
Os privilexios da Igrexa católica e as súas consecuencias
A Igrexa Católica recibirá na liquidación deste ano, a conta do IRPF do 2011, un total de 248,2 millóns de euros e para o 2013 non serán menos. Isto, non é o único que recibe das arcas do Estado. Ten unha exención total e permanente da contribución dos inmobles, (IBI) que inclúe hospitais, ambulatorios, residencias, orfanatos, gardarías, xardíns de infancia, centros de ensino, catedrais, museos, mosteiros, et,. E suma e segue, cada mes o Ministerio de facenda paga os salarios de bispos e sacerdotes, profesores de catolicismo, capeláns castrenses, hospitalarios e penais. Subvenciona o ensino relixioso concertado con case 4.000 millóns, a conservación do patrimonio eclesiástico[3] como a restauración da Catedral de Tarazona. En definitiva, si a Igrexa católica deixase de percibir todo o que sae das arcas do Estado, tantos millóns darían dabondo para pagar a nosa Sanidade, Educación, Pensións e uns bos Servizos Sociais públicos.
E por se estes privilexios fosen poucos, grazas á (Lei Hipotecaria de 1946) que ampliou o Goberno de Aznar en 1998, as súas propiedades aumentaron porque o Estado permite á Igrexa Católica a inmatriculación (rexistro) de[4] atrios, vivendas, viñas, oliveirais, e até un frontón, “sen que requira o visto e prace de ningún poder público nin notario. Desta forma mantén un poder outorgado na posguerra que lle dá un rango equiparable a un organismo público”. Moitos pobos están a atoparse cunha situación insólita: propiedades que eles financiaron e mantiveron, como a vivenda da profesora en Ziriza (Navarra), entre moitas outras propiedades son da Igrexa católica e o estado non lles defende ante semellante atrocidade. Mais ben todo o contrario, permite que moitos municipios ao final paguen de novo o que era de eles[5], non soa moi lonxe esta frase “Coa igrexa topamos” .
Se algo caracterizou á Igrexa desde fai miles de anos foi o seu afán de posesión de poder no mundo enteiro e para iso non dubida en matar, asasinar, desatar guerras, arrasar pobos, crear a santa inquisición, expropiar e cantas cousas máis. Nos seus comezos foron “señores” feudais con posesións de terras, agora son uns capitalistas máis, que fan negocio cos seus hospitais, universidades, gardarías, residencias de maiores, museos, medios de comunicación, editoriais, etc,.  Hoxe os seus grandes púlpitos son entre outros, os medios de comunicación que posúen, radio, televisións e até a maioría das imprentas onde se editan libros escolares, desde onde falan ao pobo da súa moral católica. Pero é cos nosos impostos que manteñen todo iso,  Onde esta a separación Igrexa católica e Estado?.
A Igrexa Católica como institución do réxime
Hai que dicir as claras que no estado español non nos quitamos o “pano negro” que levaban as mulleres no franquismo. Moitos seguen pensando que gobernan co nacionalcatolicismo e saen á rúa defendendo a familia patriarcal, contra os matrimonios gais, contra o aborto, pola castidade, contra as prostitutas, etc,. Néganse a dicir onde están os mortos e as mortas republicanas, e conseguen que saian impunes os sacerdotes que abusaron de menores. E agora sae á luz pública a noticia dos nenos roubados que levaba facendo desde os anos 40. O que comezou cunha política do franquismo contra as mulleres republicanas- “para que os seus fillos e fillas non se contaxiasen do xene do marxismo” -nas cárceres, chegouse  a converter nun lucrativo negocio. Por mor deste escándalo volve a aparece o poder omnímodo da Igrexa , e aínda que queren personalizalo nunha monxa, a súa intención é salvar a imaxe de está e da Santa Sé, e por iso na súa defensa sae tamén o Foro da Familia dicindo “que non é bo remover o pasado e aínda que comprenden ás nais”, pero no fondo non deixan de pensar que estas nais algo farían.
Todo iso pasou coa impunidade de todos os gobernos desde a democracia que miran para outro lado mentres cos nosos impostos séguense subvencionando viaxes do Papa e fináncianse billetes de metro para o encontro en Madrid dos mozos católicos.
Obxectivo pendente da Sociedade Española
A esixencia da separación de Estado-Igrexa, tarefa que noutros lugares fai douscentos anos que a conquistaron, é un obxectivo pendente na sociedade española. Conseguir un verdadeiro estado laico que se traslade a todos os ámbitos sociais vai da man da loita por unha saída democrática e republicana, pero polo mesmo carácter capitalista da Igrexa católica, como polas súas interrelaciones cos poderes do estado. Este obxectivo non se conseguirá sen que sexa parte da loita obreira e popular pola transformación da sociedade. Pois acabar cos seus privilexios e negocios privados significa adoptar medidas anticapitalistas como nacionalizar todas as empresas das que hoxe se benefician. A loita polo laicismo- que a relixión sexa un asunto no ámbito individual- vai da man de loita anticapitalista.

En Galicia no mes de maio de 2012


[1]http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/02/25/actualidad/1330191512_281273.html
[2]http://www.vatican.va/roman_curia/secretariat_state/archivio/documents/rc_seg-st_19790103_santa-sede-spagna_sp.html
[3]http://www.agenciasic.es/2012/02/09/la-restauracion-de-la-catedral-de-tarazona-ha-supuesto-20-millones-en-treinta-anos/
[4]http://www.publico.es/espana/300377/los-pueblos-piden-al-clero-la-devolucion-de-bienes-locales
[5]http://www.lasexta.com/sextatv/salvados/no_solo_se_han_escriturado_a_nombre_de_la_iglesia_edificios_religiosos/306403/1061

No hay comentarios:

Publicar un comentario