A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 30 de noviembre de 2007

NO 90 ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN SOVIÉTICA DE 1917 EN RUSIA(i)

 


            O 24 de Outubro  polo calendario ruso daquela época, o 7 de Novembro polo que utilizamos nós, de hai 90 anos, entre lusco e fusco, obreiros e campesiños moitos uniformados por pertence-lo exército, xentes das clases explotadas do Imperio Ruso, case todos encadrados nos diferentes soviets que se constituirán, ou na Garda Vermella formada polos obreiros con maior conciencia de clase, todos dirixidos polo Comité Militar Revolucionario establecido polos bolxeviques, asaltan o Pazo de Inverno, sé do Goberno Provisorio que presidía Kerenski, completando deste xeito o control das institucións do estado.


            Os días anteriores, coa complicidade dos soldados e mariñeiros, detivérase a toda a oficialidade contraria a aceptar a autoridade do Comité Militar, ocupáranse os edificios oficiais, as imprentas, as pontes, as oficinas de telégrafos e teléfonos; o dobre poder que se fora estruturando nestes meses, contraposto ó da burguesía, exercía a súa forza.


            Os acontecementos producíanse en Petrogrado, a capital do imperio máis extenso do planeta. Naquelas datas un imperio sen emperador, o tsar, pois a presión popular obrigara en febreiro a abdica-lo autócrata Nicolás II, da familia dos Romanoff que levaban desde o século XVI explotando dun xeito inmisericorde ós pobos, ás nacionalidades, ós obreiros e campesiños, dende unha estrutura estatal coñecida na época como “o cárcere dos pobos”. O tsar era un autócrata de”orixe divina” que mantiña o seu poder absoluto grazas a un exército moi numeroso pero mal pertrechado e peor dirixido, moi capaz na misión de manter sometido ó pobo, pero inútil fronte ó doutros países; nunha igrexa ortodoxa, principal valedora ideolóxica da situación, dona de numerosos latifundios e transmisora entre os campesiños pobres da mentalidade sumisa; unha activa e brutal policía política a Ojrana e unha administración ineficaz e corrupta.


            Como di un manual de historia, “o territorio do imperio era enorme, cun grande peso da economía agraria de carácter latifundista, onde a nobreza tiña un papel prepondrante fronte a unha masa de campesiños, os mujiks, que ata o ano 1861 estiveron sometidos ó sistema de servidume. Podían ser castigados co látego, enviados ás minas de Siberia, vendidos polos seus amos como gando ou incorporados ó exército por 25 anos.”


            Dende os derradeiros anos do século XIX iniciárase un proceso de industrialización, serodio, pulado polo capital estranxeiro, cuxos centros máis importantes eran San Petersburgo e Moscova.


            Sobre a formación social do imperio, Vladimir Illich Ulianov, máis coñecido polo alcume de Lenin, escribiu “O desenvolvemento do capitalismo en Rusia” amosando que a realidade económica rusa era a capitalista e levando a contra a todos os que expuñan a imposibilidade de levar a cabo unha revolución socialista no Imperio Ruso, como consecuencia do feble desenvolvemento das forzas produtivas. Dende a época de Marx, considerábase a Alemaña e Gran Bretaña os países onde era posible levar a bo termo un proceso revolucionario.


Antonio Gramsci escribiu en 1918 un artigo que titulou A revolución contra “O Capital” no que expuña que a revolución era “...contra O Capital de Carlos Marx. O Capital, de Marx, era en Rusia o libro dos burgueses máis que o dos proletarios. Era a demostración crítica da fatal necesidade de que en Rusia se formara unha burguesía, se iniciara unha era capitalista, se instaurara unha civilización de tipo occidental, antes que o proletariado puidera pensar na súa ofensiva, nas súas reivindicacións de crase, na súa revolución.”


O proceso revolucionario foi longo, asentou os seus alicerces nas mobilizacións campesiñas de meados do século XIX dirixidas polos “populistas”, narodnikins, que durante moitos anos tiveron un grande ascendente e consideraban a comuna rural campesiña, como o núcleo sobre o que se debía asentar este proceso. Que vai consumindo numerosas etapas e creando e destruíndo diferentes organizacións. Un ano importante é o de 1898, cando se constitúe o Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (POSDR), no que o marxismo se convirte no instrumento de análise da realidade e a guía para a acción.


A guerra ruso-xaponesa de 1904-05, pon en evidencia entre outros aspectos, o atraso do país fronte a unha incipiente potencia industrial. Pero a guerra e a derrota non foron o desencadéante da chamada “revolución de 1905”, senón as deficientes condicións de vida das crases populares as que fixeron cambalearse ó tsarismo e produciron un importante movemento popular. A burguesía liberal tentou aproveitalo para acadar espazos de poder fronte ó absolutismo.


Aparecerán os primeiros soviets, comités, que naceran dentro do propio movemento popular e lle darán dirección e coordinación.


Para Lenin, principal dirixente da maioría do POSDR, bolxevique, 1905 “foi un ensaio xeral” e a pegada da insurrección de decembro da crase obreira moscovita, duradeira. Como escribiu en 1920 “Despois de decembro foi outro pobo. Un pobo rexenerado, que recibira o bautismo do fogo e o tempero da insurrección. Un pobo que preparou as filas dos combatentes que vencerían en 1917”.


No congreso de unidade do POSDR de 1906, dividírase en 1903 en dúas fraccións, na discusión sobre as perspectivas da revolución van aparecer tres posicións: A de Plejanov, teórico do ala menchevique, que afirmaba que a revolución ía ser burguesa e polo tanto o poder tiña que pasar da nobreza á burguesía, sendo esta quen dirixira a revolución coa axuda da crase obreira. A de Lenin que aceptando o carácter burgués da revolución negáballe á burguesía a súa capacidade para enfrontarse á nobreza e polo tanto só unha alianza dos obreiros cos campesiños pobres podía levar o proceso a bo porto e fortalece-lo proletariado, ata o momento que permitira inicia-la marcha cara ó socialismo. E a posición de Trotski que discrepaba de Lenin no que facer tra-la toma do poder; a súa posición era que a revolución debíase facer “permanente” e converterse de inmediato de revolución burguesa en socialista.


Os ecos de 1905 non se desvanecerán nunca; ata o comezo da guerra europea en 1914, as insurreccións e os balbordos son a constante pola basta extensión do imperio e papel mollado as promesas do tsar contidas no chamado Manifesto de Outubro.


O estoupido da guerra pon de manifesto, en primeiro lugar, a traizón dos Partidos Socialistas ós traballador@s, pois existindo un acordo da II Internacional no que se establecía que a futura guerra tiña un carácter interimperialista, contraria ós intereses populares e que polo tanto os partidos obreiros debíanse mante-lo marxe da mesma, agás algunhas excepcións, cando os partidos burgueses solicitaron, nos parlamentos dos seus países, a aprobación dos cretos para a guerra, os socialistas secundaron esta medida. Para Rusia evidenciou que a unha guerra, o único que podía aportar eran masas inxentes de homes, chegou a mobilizar doce millóns, como xa apuntei mal pertrechados e peor dirixidos.


Dende o primeiro momento Lenin o tivo moi claro: era preciso consegui-la paz ó prezo que fose e en todo caso converter a guerra contra os alemáns nunha guerra revolucionaria contra quen reinaba e gobernaba o país; só derrubando o capitalismo, dicía, teremos asegurada a paz. Pero esta posición non sería compartida pola maioría da dirección bolxevique ata ben entrado o ano de 1917.


O 23 de febreiro do calendario ruso, celebrábase o día da Muller Traballadora. As obreiras do barrio de Viborg, de Petrogrado, convocaron unha manifestación baixo o lema “Paz, Pan e Liberdade”. Tres anos de guerra deixaran patente a “carnicería” na que se converteran as frontes de guerra, o desabastecemento e a fame eran cotiás nas cidades e a propaganda bolxevique e a dos partidarios da paz, facían mella en numerosas unidades militares; a moitas foran incorporados á forza, multitude de axitadores que realizaban o seu labor político nas fábricas e nas barriadas, e a continuaron a facer na fronte de guerra. O clamor contra da guerra, e a idea de que os mortos eran dos pobres, nunha guerra entre ricos, gañaba adeptos en todos os currunchos do imperio. Por iso non e estraño que os cosacos utilizados para reprimi-las mobilizacións das mulleres e as insurreccións posteriores, se neguen a disparar contra os manifestantes e se o fagan contra a policía ou que se subleve a propia garda persoal do tsar. Diante desta situación a burguesía liberal convence ó tsar da necesidade de abdicar, antes de que as masas obreiras se fagan co poder. Proclámase a república, cuxas institucións son controladas polo Partido Democrático Constitucionalista, Socialistas e a fracción minoritaria, menchevique, do POSDR. O goberno provisorio aproba a continuación da guerra e convocar unha Asemblea que elabore unha Constitución.


As crises revolucionarias teñen determinadas características que aparecen dun xeito nidio no proceso ruso; en primeiro lugar son acontecementos cunha ampla participación das masas, en segundo que é un proceso no que se producen cambios e alternativas continuas, en terceiro que se vai avanzando cara a concreción de diferentes agrupamentos sociais ata quedar dous enfrontados que todo o mundo pode recoñecer; a sociedade agrúpase en dous polos antagónicos.


Nun curto espazo de tempo Lenin e os bolxeviques van conseguir modificar unha situación que parecía favorable á consolidación dunha democracia burguesa en outra onde a toma do poder polos obreiros e campesiños pobres parece a única saída á situación.


A dirección bolxevique, na que Stalin, Zinoviev e Kamenev tiñan sen dúbida moito peso político, en ausencia de Lenin, apoian a convocatoria da Asemblea Constituinte e a continuación da guerra, baseándose no “defensismo revolucionario”.


O mesmo tempo, os soviets, que non deixaran de actuar desde 1905, coordinan e dirixen a loita das masas; ilegalizan á policía política, legalizan ós sindicatos, e outras medidas que o goberno ten que ratificar. Se van constituíndo, aínda que na maioría dos casos son os partidarios da revolución burguesa quen os dominan, nun dobre poder, elemento fundamental para o trunfo de calquera proceso que pule cambios estruturais fondos.


Nestas circunstancias Lenin envía os textos de catro cartas coa intención de que fosen publicadas no diario Pravda, dirixido por Stalin e Kamenev, onde explicaba a posición que debían defende-los bolxeviques; só unha será publicada e coa aclaración de que é a posición dunha persoa a que se expresa na mesma.


En Abril, Lenin regresa a Petrogrado. Chjeidze, presidente do soviet da cidade o sauda noa plataforma dunha abarrotada estación ”Camarada Lenin, dámosche a benvida a Rusia en nome do soviet de Petrogrado e da revolución...creemos que a tarefa fundamental da democracia revolucionaria, hoxe, é a defensa da nosa revolución de calquera clase de ataques, veñan de dentro ou de fora...esperamos te unas a nós no esforzo por logralo...”. A resposta de Lenin dirixíndose ó xentío: “Queridos camaradas, soldados, mariñeiros e traballadores: síntome feliz de saudarvos en nome da vitoriosa revolucións rusa; de saudar en vos a vangarda do exército proletario internacional...non esta lonxe a hora en que, ó chamamento do noso camarada Karl Liebknecht, o pobo volverá as armas contra dos capitalistas que os explotan...a revolución rusa feita por vos, abriu unha nova era. ¡¡Viva a revolución socialista mundial!!”. Despois dirixiuse á sé do partido bolxevique dende cuxo balcón volveulle a falar ás masas afervoadas e unha vez no interior iniciouse un debate no que Lenin, rachou coa liña moderada encarnada pola dirección de Pravda, os camaradas Stalin e Kamenev. Raskolnikov, dirixente bolxevique dos mariños de Kronstandt dixo con rotundidade despois de escoitar a Lenin: “entre as tácticas de onte e hoxe, había un Rubicón”.


O día seguinte da súa chegada, celebrase no Pazo Tauride unha xuntanza para tentar unificar a todos os grupos da socialdemocracia rusa, Lenin e os seus partidarios conseguen quebrar toda esperanza de unificación, delimitando con claridade o campo da burguesía e o do proletariado en alianza co campesiño pobre.


Días máis tarde Pravda publicaba as coñecidas como “Teses de Abril” elaboradas por Lenin: 1 Non a guerra; 2. é o momento do paso da primeira etapa da revolución que lle deu o poder á burguesía, á segunda etapa que debe poñe-lo poder en mans do proletariado e dos sectores pobres do campesiñado. 3. Ningún apoio ó goberno provisorio. 4. Por estar os bolxevique en minoría na maior parte dos soviets e atoparse influenciados polos sectores burgueses e pequenoburgueses, e ser estes o instrumento fundamental do goberno revolucionario, debemos iniciar unha campaña de explicación dos erros da súa táctica ó mesmo tempo da necesidade “de que todo o poder pase ós soviets de deputados obreiros, para que sobre a base da experiencia as masas superen os seus erros”. 5. “non a unha república parlamentaria, senón a unha república de deputados obreiros...”. 6. confiscación de todas as terras dos terratenentes. 7. fusión de todos os bancos do país nun banco nacional único. 8. poñer toda a produción social e a distribución dos produtos baixo o control dos soviets. 9. sinalaba diferentes tarefas para o partido, entre outras a de cambia-lo nome polo de Partido Comunista, e a 10 estimulaba a renova-la Internacional.


Stalin e Kamenev escribirán en Pravda comentando as Teses de Abril: “En canto á formulación xeral de Lenin, nos parece inaceptable por partir do suposto de que a revolución burguesa xa foi consumada e contar cunha transformación inmediata desta revolución en outra de carácter socialista”.


Na Conferencia do Partido Bolxevique de maio o trunfo das “Teses de Abril” é esmagador e prodúcese a unificación co grupo de Trotski, que tiña certa influencia entre os obreiros da capital. Pero aínda que Lenin ratificou o seu liderado, as voces discordantes foron numerosas e tiñan peso político, Dzerzhinski, Kamenev, Kalinin, Smidovich e outros dirixentes. Stalin permaneceu calado.


Os acontecementos precipítanse; en xullo prodúcese unha insurrección popular en apoio dos soldados sublevados cando os enviaban á fronte, os bolxeviques disentindo da oportunidade, póñense á cabeza da mesma para evitar unha derrota irreversible. Iníciase unha campaña contra dos bolxeviques que leva a moitos á cadea e a Lenin ó exilio. As forzas da reacción consideran chegado o seu momento, o xeneral Kornilov sublévase para reinstaura-la monarquía, conta con apoios entre os sectores burgueses e os aliados na guerra. Os bolxeviques chaman á folga xeral e paralizan o país, o pobo ruso derrota o intento; os bolxeviques detidos son liberados, Trotski recupera a presidencia do Soviet de Petrogrado e créase o Comité Militar Revolucionario que dirixe os sectores do exército que aceptan as posicións políticas bolxeviques.


Entre agosto e o 24 de outubro do calendario ruso, co que comezabamos a nosa reflexión, so subliñarei dous elementos que poñen en evidencia a ampla democracia e o concepto aberto que se tiña da militancia no partido bolxevique, que ata nas circunstancias máis extremas, o debate era fluído, sen ningún tipo de seguidismo nin de represalias para os disidentes.


O primeiro é a constatación de que Lenin tiña que gaña-lo liderado todos os días; tiña que argumentar, convencer, debater a fondo cada unha das cuestións, para que a dirección aceptara as súas propostas que nunca foron aprobadas por unanimidade. Cando Lenin propón por primeira vez a insurrección armada, só é favorable á mesma o seu voto.


Unha segunda tamén importante, cando a insurrección ía adiante, Kamenev e Zinoviev, dous líderes bolxeviques, denuncian o feito publicamente e non se toma medida algunha contra dos mesmos.


Nestes anos, cando o normal nos partidos é que “ o que se mova non sae na foto”, cando a discusión en termos políticos esta ausente, cando as consignas substitúen ós argumentos, cando o discurso baleiro de contido é o normal, non esta de máis recordar a democracia dos bolxeviques que debe ser un exemplo para as organizacións da esquerda.


E finalizo cun parágrafo do final do devandito artigo de Gramsci: “Será en principio o colectivismo da miseria, do sufrimento. Pero as mesmas condicións de miseria e sufrimento, serían herdadas por un réxime burgués. O capitalismo non podería facer máis en Rusia que o que poderá facer o colectivismo, porque tería deseguido en contra un proletariado descontento, frenético, incapaz de soportar en beneficio doutros as dores e as amarguras que traerían consigo a mala situación e o atraso de Rusia. O sufrimento que seguirá á paz só poderá ser soportado en tanto en canto o proletariado sinta que esta na súa vontade, na súa teima polo traballo, o suprimilo no menor tempo posible.”


Despois de outubro do 17 prodúcese a intervención imperialista enmascarada na guerra civil e o comunismo de guerra, a etapa da nova política económica, o gran debate sobre a orientación da URSS, que fora creada en 1922, o período stalinista, a tímida apertura da época de Kruschev, o estancamento con Bresniev, a perestroika da etapa gorvachoviana e o derrube, desmembramento e espolio das propiedades do pobo soviético. A revolución soviética significou a luz para millóns de traballador@s do planeta, con sombras, que os ideólogos do capitalismos queren engrandecer; pero a pesares das mesmas, algúns cualificaron ó século XX como o século do comunismo, pois non serían comprensibles os avances sociais, incluídos os levados a cabo nas sociedades capitalistas, a derrota do nazismo, as loitas contra o colonialismo, as de liberacións popular, os avances en grandes áreas do planeta vítimas dun atraso secular, sen a existencia da URSS.





En Galicia no mes de Novembro de 2007





Carlos Dafonte.





martes, 27 de noviembre de 2007

ONDE VAI CAUSA GALIZA

 


Causa Galiza é un reagrupamiento de forzas sociais e políticas, tanto colectivas como individuais, da esquerda soberanista galega, baixo tres obxectivos: a esixencia do dereito á autodeterminación desde unha óptica de esquerdas, o rexeitamento do marco constitucional actual e a oposición a unha reforma estatutaria que supón, de novo, o furto do dereito do pobo galego a decidir o seu futuro.


Cgz nace dunha necesidade: a maioría da esquerda estatal fai anos que renunciou á defensa do dereito á autodeterminación, facendo parte da “esquerda” do réxime do 78. O BNG, pola súa banda, foi o representante e refuxio do fundamental da esquerda anticapitalista e antiréxime galega durante un decenio, e agora esta en un acelerado proceso de integración; o que supón o abandono dos acenos de identidade dunha forza de esquerdas, a loita contra o capitalismo e o imperialismo, e as dunha forza nacionalista, o dereito á autodeterminación, máis aló de declaracións para a galería.


 


A crise do réxime


 


É un feito indiscutible que o réxime xurdido no 78 esta en crise. Ademais da parálise do poder xudicial, como o Tribunal Constitucional, as dúas institucións fundamentais, o rei e o exército, están véndose sacudidas por conflitos e contradicións.


As aventuras imperialistas en Líbano ou Afganistán, unido ás ligazons de militares con elementos fascistas, pon de manifesto o seu verdadeiro carácter reaccionario. Pola súa banda, o rei, logo do enfrontamento verbal no Cume de Chile cos dirixentes latinoamericanos, evidenciou o papel da monarquía á fronte dos intereses imperialistas españois.


E aínda que non hai unha resposta do movemento de masas, esta claro que estas crises están provocando un estrechamento das fronteiras do réxime, que incrementa as súas características represivas.


Neste cadro xorde Cgz, expresando en Galiza o que é unha necesidade do conxunto do estado, a reconstrución da esquerda revolucionaria que enfronte o sistema capitalista, o réxime monárquico e os gobernos social liberais.


Uns gobernos que, ademais, contan co apoio ou a participación da esquerda “oficial”, de EU, do BNG, de ERC, e das direccións sindicais de CCOO e UXT. Esta “absorción” da esquerda “oficial” por pactos co PSOE a nivel estatal e nacional, fixo que en Galiza unha organización sindical, a CIG, cubrise o papel de oposición de esquerdas ás políticas do goberno e a Xunta


 


Os limites de Cgz e o futuro


 


Cgz é un acordo de mínimos que permite o reagrupamiento de forzas para impulsar a loita polo dereito á autodeterminación. Isto ten que seguir así.


Pero a súa forza é xusto o que lle xera crise, posto que ao abrir unha vía de solución á dispersión da esquerda anticapitalista e sentando as bases para resolver unha necesidade de fondo: construír unha verdadeira oposición de esquerdas ao goberno e á Xunta, gañouse moitos inimigos, que non queren ver como xorde un reagrupamiento da esquerda anticapitalista. Por este motivo, desde dentro e desde fóra, buscan o seu descarrilamento freando todas as súas potencialidades.


A pervivencia de Cgz esta ligado a que sexa capaz de desenvolver políticas como a preparación desde a base dunha iniciativa lexislativa popular polo dereito a decidir en Galiza, que profunden no que é a súa esencia, un acordo amplo de todos aqueles que desde a esquerda -nacionalista ou non- defenden o dereito democrático á autodeterminación.


 


Roberto Laxe


 



lunes, 5 de noviembre de 2007

FRONTE Ó BIPARTIDISMO NEOLIBERAL, UN VOTO EN BRANCO PARA RECONSTRUI-LA ESQUERDA



Temos pouca sorte os que vivimos no estado español, levamos máis de tres anos de campaña electoral e todo indica que estas circunstancias van a arreciar ata que se produza a votación no próximo mes de marzo. Pero estar en campaña non e malo, se a política ocupara o centro do debate, e dicir se os problemas de tod@s foran o centro da controversia. Pero a realidade non é esa. Para amosalo bastan dous feitos.


Desde o titular dun diario madrileño o presidente Rodriguez “ameazaba” a tod@s cun explícito “Busco una mayoría suficiente para la modernización definitiva de España”. Polo que se ve con catro anos máis de mandato de Rodriguez, entramos no que Francis Fukuyama chamou “a fin da historia” e xa nunca máis imos necesitar modernización algunha.¿Que nos quere dicir con iso da modernización? ¿pero sabe verdadeiramente do que fala? Nas abondosas páxinas da entrevista non explica como o vai facer, nin as liñas mestres da mesma.


Pola outra banda do engranaxe bipartidista, desde variadas tribunas Rajoy ven facendo o mesmo desde hai meses, con ideas tan extraordinarias como a de afirmar hai pouco que de conseguir o seu partido a maioría, “España tendrá un goberno como dios manda”. ¿Terá Rajoy, como o seu compadre Bush, a quen deus lle recomendou, así mesmo o dixo, invadir Iraq, tanta confianza como para coñecer de primeira man os seus designios?


Estas dúas frases de tanto “calado” poden ser un bo exemplo do que nos espera ata a finalización da campaña e retratan penso eu, ós dous personaxes; discursos baleirados de contido, consinias e ausencia total de argumentos para convence-l@s votantes; iso si aderezada con certa crispación para facer máis cribles as “enormes diferenzas” que os separan.


As xentes de esquerdas debemos teme-las “modernizacións” do PSOE. O período 1982-1996 serve de exemplo do seu significado: reconversión industrial salvaxe na siderurxia e naval, reforma das pensións para dificulta-lo seu cobro e baixa-la cuantía, reformas e desestruturación do mercado laboral en beneficio dunha susposta competividade co exterior que nunca se produciu; enorme deficit comercial español con relación ó PIB, continúa a se-lo dos maiores do mundo; despido libre e multiples xeitos de contratar que ficaron c@s traballador@s indefensos fronte á patronal; creación das Empresas de Traballo Temporal; comenzo da privatización do sector público; asegurar a nosa presencia na OTAN incluso contravindo a cláusula do referendum na que se establecía a nosa permanencia sen entrar na estrutura militar; negociación para a nosa integración na actual UE como un país de segunda, obrigados a desmantelar, sobre todo na Galicia, parte dos nosos sectores produtivos máis competitivos; corrupción, nepotismo, terrorismo de estado, etc..


Estes foron algúns elementos claves da primeira “modernización” levada a cabo polo PSOE.


Grazas ó apoio dun gran aparello mediático, todas estas políticas que responden os mandamentos neoliberais, foron aceptadas pola sociedade como unha política de esquerdas, xa que as levaba a cabo un partido historicamente da esquerda e outras veces se converteron nas “únicas posibles dado o entorno no que vivimos”, cooptando así a numerosos sectores do movemento obreiro e populares para o neoliberalismo e acusando e situando a aquelas organizacións políticas que non claudicaron e mantiveron unha posición anticapitalista, de esquerdas, de estar fora da realidade, utópicas, incapaces de dar resposta as modificacións habidas na sociedade; como si estas foran resultado de procesos sociais autónomos, pulados dende a propia sociedade, e non como foi en realidade, consecuencia da imposición, as veces dun xeito non carente de violencia, das políticas propias do neoliberalismo. E no peor dos casos creándolles problemas internos, adicándolles páxinas e páxinas de prestixiosos diarios a resaltar calquera controversia interna e utilizando a coñecid@s periodistas, literatos e analistas a soldo, para apoiar a personaxes que máis tarde ingresaron nas filas do PSOE e a ocupar cargos de responsabilidade.


Pero tamén, aínda que penso que ninguén da esquerda precisa ser convencido, debemos temer “os gobernos como deus manda” do PP, pois no período no que gobernou, 1996-2004, caracterizouse no económico por afondar nas políticas da etapa anterior, intensificou as privatizacións dos bens e empresas públicas, vendidos por “catro pesos” cando producían cuantiosos beneficios, a personaxes do entorno do partido gobernante e continuou, como non podía ser doutro xeito, cos ataques sistemáticos ó que se convén en chamar “estado de benestar”; continuou polo camiño de “dar unha nova volta de parafusa” á política de desestrutura-lo mercado laboral e asentou un modelo de crecemento cuxos alicerces son a burbulla inmobiliaria, o turismo con servizos de baixa calidade, o consumo interno baseado no endebedamento das familias, potenciado polos baixos tipos de interese, e os fondos que proveñen da U.E.; un modelo como era predicible de moi curto recorrido que escomenza a crebar e só serviu para enriquecer ós sectores mais poderosos da sociedade.


En política exterior deixou ó estado español sen política propia, ficando como un fiel pión e comparsa do imperialismo norteamericano na súa política agresiva, baseada na guerra preventiva e amosou dun xeito nidio que moitas concepcións de corte franquista sobre a actividade política, a administración, o papel da relixión, etc., continuaban vixentes.


Desenterrou un nacional-catolicismo rancio, acrecentando nestes anos de oposición a súa coincidencia cos sectores máis reaccionarios da xerarquía católica. Como se pode observar nada que ver coa expulsión dos mercadores do templo.


Pero o que é máis preocupante para os votantes da esquerda en Galicia é a ausencia dunha forza política no panorama electoral que se poida considerar portadora dos valores, do programa, do discurso e do proxecto que configuran a unha forza anticapitalista. Desaparecida como tal IU, os anos de apoio a un goberno neoliberal non se poden borrar en seis meses con críticas moi febles de última hora, que non deben ser catalogadas doutro xeito que como electoralismo e oportunismo puro e duro e diluídas no continuismo as expectativas creadas polo goberno da Xunta, coa presencia do BNG, ¿como é posible que nun goberno que conta con máis dun conselleiro, delegados provinciais e outros cargos relevantes que autodenomínanse “comunistas”, acepten as políticas neoliberais sen a menor oposición e sen presentar nas consellerías das que son titulares, programas onde se recoñeza, polo menos, un novo xeito de entende-lo goberno, de establece-las prioridades e de rachar con prácticas propias dos partidos da dereita?, @s elector@s de esquerdas atópanse diante dun dilema: ou ficar na casa, ou votar aceptando a dinámica do bipartidismo que PSOE, PP e todos os medios que os apoian potencian. É dicir, votar seguindo esa dinámica a aquela forza que sexa “a menos mala”, votar “tapándose o nariz”.


Considero que aínda hai tempo para iniciar unha reflexión entre os sectores anticapitalistas, internacionalistas, de esquerdas, sobre a orientación do noso voto. E digo internacionalistas pois haberá sectores da sociedade galega que sigan antepoñendo o carácter nacionalista, aínda s que sexa neoliberal, ó de esquerdas e se podan atopar cómodos votando ó BNG.


Algúns haberá tamén que nestas circunstancias propoñan a abstención. Pero non debemos esquecer que o sufraxio universal é resultado da loita do movemento obreiro, foi un dereito conquistado, arrincado á burguesía que cando se veu no poder instaurou unha modalidade de voto que só permitía exercelo ós máis ricos da sociedade, o sufraxio censitario. É certo que unha vez conseguido o sufraxio masculino pola presión obreira e popular, as mulleres do estado español tiveron que esperar ata a segunda república, a burguesía desde as institucións, utilizou as leis electorais e os mecanismos de control ideolóxico que o seu poder económico lle permitía crear, para canalizar moitos votos obreiros cara ós partidos defensores dos intereses dos explotadores; desvirtua-lo feito de que a maioría da poboación sexan explotados. Tamén é certo que cando as clases dominantes non conseguiron canaliza-lo voto popular segundo os seus intereses, non tiveron reparo en utilizar os aparellos represivos para restaura-lo seu dominio de clase. Pero esta realidade que aínda esta moi presente na situación política do estado español, non debe levar a renunciar @s traballador@s asalariados de participar nos eventos electorais. Aínda que aconteza como vai acontecer no próximo mes de marzo, que non se presente ningunha forza política que represente os seus intereses de clase, débese ir a votar, pero para emitir un voto que debe cumprir varios obxectivos: amosar o descontento dunha parte da sociedade e recoñecernos no conxunto, rachar co bipartidismo ó marxe do voto ó sector nacionalista neoliberal, que sexa un voto que poida ser evaluado e serva, axude e permita, avanzar na reconstrución da esquerda e do movemento obreiro.


Dende o meu punto de vista, o VOTO EN BRANCO compre cos devanditos requisitos. En primeiro lugar exercemos un dereito que custou moito traballo acadalo e excepto circunstancias moi determinadas, non se debe renunciar ó mesmo. En segundo lugar é un voto militante, activo, a xente debe ser convencida, reflexionar para chegar a esa conclusión, crítico co sistema, vótase escapando da lóxica bipartidista que nos queren impoñer, un voto contra o neoliberalismo e o pensamento único, diferenciado dun xeito nidio da abstención que é un “caixón de xastre”que practican os cómodos, os apolíticos, os que tanto lles ten que gañe quen gañe, os conformistas coa situación.


Pero é ademais un voto evaluable, podémolo fiscalizar, contar ó final da xornada electoral. A dereita e o centro dereita liberais non van deixar de votar os seus partidos, PP e PSOE e os nacionalistas liberais tampouco van ter moitas dúbidas; polo tanto hai que recoller no voto en branco o voto de esquerdas, anticapitalista que aposta pola reconstrución dunha forza de esquerdas; mobilizar o voto da esquerda que leva anos na abstención, convencer que a reconstrución non só e posible senón necesaria. O VOTO EN BRANCO leva pois a un aspecto importante, organizar a intervención na campaña electoral. Poñerse de acordo sen ningún tipo de sectarismos entre diversos colectivos políticos, sociais, culturais, persoas independentes, etc., sería un paso importante no camiño que hai que escomenzar a percorrer.



Galicia Outono 2007




Carlos Dafonte



"EEUU É UNHA DEMOCRACIA IMPERIALISTA MAIS TEN LEXISLACIÓN DE ESTADO POLICIAL



A Coruña, 30 de outubro de 2007

O profesor norteamericano James Petras é un dos intelectuais da esquerda
mundial que rexeitan con máis vehemencia o neoliberalismo e o imperialismo.
Hai días visitou Galiza para pronunciar conferencias en Compostela e Vigo.
Petras fixo un oco na súa axenda para responder as preguntas da
CIG-Comunicación horas antes de regresar ao seu país.


Antón Álvarez: Vostede vén denunciando desde hai tempo que EE UU practica a
tortura e que mesmo está a lexislar para legalizar a súa aplicación contra
aquelas persoas acusadas de terrorismo. Até que extremo pode chegar o
Goberno norteamericano?

James Petras: Non é ningún secreto que EE UU raptou persoas acusadas de
terrorismo que non foron xulgadas e que ademais foron entregadas a países
onde habitualmente se tortura. EE UU practica tortura en Irak co apoio do
anterior Fiscal Xeral, Alberto Gonzales. O presidente Bush xustificou o uso
da tortura coa mesma linguaxe que emprega Israel, ao falar de utilizar
métodos intensos de interrogatorios para salvar vidas norteamericanas, o que
non deixa de ser un eufemismo.

Xa temos forzas especiais que operan en todo o mundo e que se xustifican
como parte da guerra internacional contra o terrorismo. Non teñen obriga de
ofrecer informes ao Congreso e nin moito menos á sociedade. Non sabemos
cantas persoas mataron, raptaron ou torturaron. Mais si sabemos que operan
sen restricións.

O sistema norteamericano segue a funcionar como unha democracia imperialista
mais a lexislación existente é dun estado policial. En calquera momento, o
Executivo pode suspender as poucas proteccións legais que aínda hai e
encarcerar os cidadáns. Agora practica estas medidas a moitos musulmáns, a
moitos árabes. Gran cantidade destas persoas sufriu en EE UU detencións,
interrogatorios e rexistros domiciliarios sen que se lle dese publicidade.
Houbo xuízos contra organizacións caritativas musulmás simplemente polo
testemuño de axentes secretos de Israel. Estas medidas están tan afastadas
de todas as normas constitucionais que, nalgunhas instancias, o Poder
Xudicial mesmo suspendeu algunha lexislación. Porén, o básico é que o
Goberno segue adiante e co apoio do Partido Demócrata.

Agora non é necesaria ningunha orde xudicial para controlar calquera
conversa telefónica. Tampouco existe límite legal algún para os acusados de
seren terroristas ou colaboradores destes. Estas medidas son tan elásticas
que poden afectar millóns de persoas críticas, mais de momento se aplican de
maneira selectiva.

Temos unha nova organización de seguridade, a "Homeland Security", cun
orzamento de 180.000 millóns de dólares só para o control dos cidadáns en EE
UU. Este organismo está dirixido por un sionista fanático chamado Chertoff,
que ten antecedentes de persecucións de árabes e musulmáns despois do 11-S e
que os encarcerou sen ningún pretexto. O próximo Fiscal Xeral do Estado, que
substituirá Alberto Gonzales, vai ser outro sionista fanático que xustificou
as leis represivas de Bush.

Seguimos a funcionar dentro duns parámetros ameazantes. Algúns sectores da
poboación xa viven nun estado policial. Outros ficamos fóra mais estamos
ameazados coa aplicación destas medidas. Algúns din que se en EE UU hai
outro atentado, real ou inventado, o Goberno podería pór en práctica estas
medidas policiais contra todos nós.

Antón Álvarez: A que se refire ao falar doutro atentado real ou inventado?
Existen dúbidas acerca da autoría do 11-S?

James Petras: Si. Hai moitos cuestionamentos sobre estes feitos, sobre como
caeron os edificios tendo en conta a estrutura de aceiro que existía. Outros
cuestionamentos apuntan cara a falta de anticipación do Goberno ou sobre a
febleza das probas contra os terroristas. A premisa é que o Goberno
norteamericano permitiu o ataque para aproveitalo. Hai probas de que o Mosad
foi cómplice. Existen probas policiais que indican que houbo israelís que
celebraron o atentado ao pouco de producirse e que foron denunciados polos
veciños polo ruído que estaban a facer. A policía prendeunos mais o Fiscal
Xeral recentemente nomeado foi o xuíz sionista que os liberou antes de seren
xulgados.

Antón Álvarez: En que se fundamenta o poder do lobby sionista ao que
constantemente fai mención? Cando se comezou a xestar?

James Petras: O poder do lobby sionista en EE UU é produto dunha acumulación
de forzas durante un período prolongado. Non é algo insólito a influencia
que adquiriu, particularmente despois da Segunda Guerra Mundial e coa
fundación do Estado de Israel. Tamén influíu o éxito económico dos xudeus.
Pasaron das súas orixes pobres e das súas posturas progresistas nos anos
trinta a convertérense en clases medias e altas, ademais de asumir a defensa
do Estado de Israel. Xa poucos son relixiosos e Israel serve como unha
relixión secular. Xa non cren na Torá nin en Moisés.

O lobby sionista en EE UU recibiu un gran impulso coa vitoria israelí na
guerra de 1967. Moitos sionistas norteamericanos foron asentándose en áreas
de grande influencia, en Hollywood, na televisión, nos círculos académicos,
nas finanzas, etc. O 24% dos homes máis ricos de EE UU son xudeus-sionistas.
Ademais, o Estado de Israel lévase o 33% do orzamento de axuda exterior dos
EE UU, máis que toda África.

Nos últimos vinte anos os sionistas penetraron no Goberno en postos
estratéxicos. O Goberno de Bush é ilustrativo. Teñen o control do segundo e
terceiro do Pentágono, o arquitecto da guerra de Irak; do asesor principal
do vicepresidente, o que escribiu o discurso de Bush sobre o "Eixe do Mal".
Outro destacado sionista é o asesor principal do Consello Nacional de
Seguridade sobre Oriente Medio. Hainos noutros ámbitos do Goberno. Non hai
nada que inventar, están aí, déixanse ver.

O 60% do financiamento do Partido Demócrata e o 30% do Partido Republicano
proceden de fondos de sionistas de EE UU. O lobby condiciona a política dos
partidos cara Israel e estabelece unha poderosa maquinaria de chantaxe e
intimidación contra aqueles candidatos que a desafíen.

Os sionistas crearon conflito na cúpula militar estadounidense. Hai
militares que non queren subordinar os intereses imperialistas de EE UU ás
ambicións coloniais de Israel. Consideran que se poden perder aliados
potenciais de Estados Unidos nos países árabes. O lobby impón o seu poder
sobre os militares norteamericanos.

Outro debate é a guerra contra Irán. Aínda hai entre os militares moitas
reservas para atacar este país neste momento. Os protagonistas desta posible
guerra son os sionistas. A consigna dállela o primeiro ministro de Israel
para que fagan todos os esforzos para lograr sancións de EE UU, actos
unilaterais, ataques militares.

Non hai teoría da conspiración. Os sionistas norteamericanos actúan
publicamente. Mais eles non pensan nas consecuencias para EE UU nin para o
seu pobo. Só pensan en destruír outros países críticos con Israel, países
que se opoñen á hexemonía israelí en Oriente Medio. Por iso os sionistas
consideran que a guerra de Irak é un éxito, a pesar de que para EE UU é un
auténtico fracaso. Irak agora está destruído e desarticulado, polo tanto,
Israel perdeu un adversario na súa política de colonización.


Movemento obreiro e dereitos sociais en EE UU

Antón Álvarez: Existe movemento obreiro organizado en EE UU? Como funcionan
os sindicatos?

James Petras: O sindicalismo en EE UU sempre foi pouco democrático. Non hai
ningún dirixente sindical a nivel nacional que cobre menos de 300.000
dólares ao ano. Mesmo, algúns dos peor pagados, os líderes dos sindicatos de
limpadores, gañan 400.000 dólares anuais. Os dirixentes do sindicato de
peóns da construción gañan case 700.000 dólares. Ademais, tivemos unha
grande tradición de relacións entre a mafia e os sindicatos, nomeadamente
entre sindicatos de camioneiros e portuarios, particularmente os da Costa
Atlántica.

Tivemos enormes estafas de fondos de pensións manexados polos sindicatos.
Existe por parte dos sindicatos estadounidenses a política de colaboración
de clase e a tendencia a aceptar as reestruturacións e as indemnizacións por
despedimentos. Nos últimos corenta anos a porcentaxe de traballadores
sindicalizados no sector privado pasou do 30% ao 7%. Moitas grandes empresas
non teñen presenza de sindicatos. No sur, a Toyota ou a Nissan tampouco
teñen sindicatos. Isto débese en parte á desconfianza dos obreiros cara as
organizacións sindicais. Os traballadores ven como poden conseguir case o
mesmo, por exemplo melloras salariais, sen os sindicatos.

Os sindicatos non se atreven a organizarse politicamente en EE UU. Financian
en gran parte ao Partido Demócrata, concretamente en 50 millóns de dólares
ao ano, mais non reciben a cambio nada substancial como derrogar leis
restritivas. O que reciben os sindicalistas son protección dos seus postos.
Entón, quedamos ante unha situación sindical en decadencia, cun sindicalismo
moi debilitado e pouco atractivo. Curiosamente, as enquisas amosan que máis
do 50% dos norteamericanos considera que a sindicación pode ser unha boa
idea.

Por exemplo, a cúpula do sindicato do automóbil asinou un contrato oneroso
que divide os obreiros pola antigüidade na empresa, entre novos e vellos. Os
primeiros reciben un terzo do salario dos segundos. O sindicato, ademais,
asume a responsabilidade do plan do saúde dos traballadores.

Mais o sindicalismo de base non está morto en EE UU. Hai moitos obreiros con
vontade de loitar pero as canles existentes están bastante atrofiadas. Hai
lugares onde existen sindicatos progresistas, como nalgún portuario en San
Francisco. Temos as asociacións de inmigrantes que se lanzaron á rúa o ano
pasado contra as expulsións masivas. Porén, este fenómeno produciuse á marxe
das cúpulas sindicais, que foron as últimas en subírense ao tren das
reivindicacións dos inmigrantes.

Antón Álvarez: Mencionaba antes os plans de saúde. Como é a cobertura
sanitaria existente en EE UU?

James Petras: Existe o Plan Nacional de Saúde para maiores de 65 anos, que é
amplo e non é nada malo. Á parte, hai un sistema público para as persoas que
viven na pobreza extrema. Sen embargo, a grande maioría dos cidadáns que non
viven na extrema pobreza e que non son xubilados dependen dos plans de saúde
das empresas. E, se perdes o traballo, perdes o plan de saúde. Temos 50
millóns de persoas sen cobertura sanitaria. Hai outros 50 millóns que teñen
un algún plan mais que teñen que pagar un mínimo de 3.000 dólares antes de
comezalo, ademais das cotas cada vez máis elevadas que deben desembolsar
para mantelo.

Tamén hai persoas que só teñen un seguro médico para enfermidades moi
graves. Esta razón explica que as persoas que carecen de cobertura sanitaria
teñen as taxas máis altas de mortalidade. Por exemplo, rexístranse tres
veces máis casos de cancro de mama entre as mulleres negras porque non van
facer as revisións, pois custan cartos.
As empresas cada vez máis deixan de pagar o plan de saúde. Agora
xestiónannos os sindicatos mais en moitas ocasións teñen que costealos os
propios obreiros.

Antón Álvarez: E que acontece coa educación?

James Petras: O ensino universitario é o máis custoso do mundo. A matrícula
anual nas universidades públicas oscila entre os 8.000 e os 9.000 dólares.
Nas privadas entre os 30.000 e os 40.000 dólares. Moitos estudantes teñen
débedas. Ademais, as escolas técnicas tamén cobran en torno aos 3.000
dólares ao ano.

A primaria e secundaria son de balde. Mais, nos estados con impostos baixos,
o sistema educativo público é malo. Entón, as clases medias optan por mandar
seus fillos á privada, pese a que teñan que pagar 15.000 dólares. Por tanto,
as escolas públicas fican reservadas para os negros e os hispanos.

Situación da esquerda

Antón Álvarez: A esquerda política está articulada EE UU?

James Petras: Temos un sector da sociedade que non está organizado pero que
é moi progresista, sobre todo en relación coa retirada das tropas de Irak. O
80% da poboación quere unha cobertura universal de saúde a nivel nacional.
Mais non hai ningún liderazgo político capaz de implementar estas demandas.
Ser elixido senador costa case 40 millóns de dólares; congresista 20 millóns
e 500 millóns ser presidente de EE UU. Por tanto é imposíbel para os
sectores críticos conseguir espazos nos medios de comunicación de masas. Os
dous partidos exclúenos dos debates. Ademais, rexistrar un partido require
moito esforzo e logo hai que financialo.

As cúpulas do movemento pacifista decidiron pór as súas fortunas en mans
electorais. Entón puxeron todos os seus activistas a traballar polos
candidatos demócratas. Estes conseguiron maioría no Congreso. Mais ao final
votaron a favor do orzamento militar de Bush. EE UU é un país sen oposición
política.

Existen organizacións sociais progresistas, partidarias da paz e algún
concelleiro e alcalde progresistas. Logo están os grupos de homosexuais,
feministas, pacifistas, ecoloxistas, mais están moi fraccionados.

Antón Álvarez: E que hai do movemento antiglobalización?

James Petras: Está morto desde Seattle. Ten moitas siglas. Os seus
activistas van as conferencias mundiais. Pero non representan a ninguén en
EE UU. Non poden pór a ninguén na rúa. Vanse por aí adiante e falan no nome
dunha masa que non existe. En EE UU, grande parte da poboación é crítica coa
Globalización, pero máis desde un punto de vista conservador e
proteccionista que progresista.
Antón Álvarez: Cales son, ao seu xuízo, as esperanzas da esquerda
internacional?
James Petras: En varios lugares do mundo o pobo loita, como en Irak. Hai
avances en América Latina co presidente Chávez. Tamén se está a producir
unha reactivación de movementos populares en Brasil contra Lula. Hai grandes
expectativas en Ecuador. En Colombia hai grandes mobilizacións de campesiños
e obreiros. Tamén en Francia e Italia hai movementos fortes que van
paralizar os neoliberais Sarkozy e Prodi. Lentamente, tamén nos países ex
comunistas. En China hai máis de 100.000 protestas masivas ao ano de
obreiros, campesiños. Mais cómpre ver como evolúe todo isto. Non teño
ningunha fórmula máxica.