A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 5 de noviembre de 2007

FRONTE Ó BIPARTIDISMO NEOLIBERAL, UN VOTO EN BRANCO PARA RECONSTRUI-LA ESQUERDA



Temos pouca sorte os que vivimos no estado español, levamos máis de tres anos de campaña electoral e todo indica que estas circunstancias van a arreciar ata que se produza a votación no próximo mes de marzo. Pero estar en campaña non e malo, se a política ocupara o centro do debate, e dicir se os problemas de tod@s foran o centro da controversia. Pero a realidade non é esa. Para amosalo bastan dous feitos.


Desde o titular dun diario madrileño o presidente Rodriguez “ameazaba” a tod@s cun explícito “Busco una mayoría suficiente para la modernización definitiva de España”. Polo que se ve con catro anos máis de mandato de Rodriguez, entramos no que Francis Fukuyama chamou “a fin da historia” e xa nunca máis imos necesitar modernización algunha.¿Que nos quere dicir con iso da modernización? ¿pero sabe verdadeiramente do que fala? Nas abondosas páxinas da entrevista non explica como o vai facer, nin as liñas mestres da mesma.


Pola outra banda do engranaxe bipartidista, desde variadas tribunas Rajoy ven facendo o mesmo desde hai meses, con ideas tan extraordinarias como a de afirmar hai pouco que de conseguir o seu partido a maioría, “España tendrá un goberno como dios manda”. ¿Terá Rajoy, como o seu compadre Bush, a quen deus lle recomendou, así mesmo o dixo, invadir Iraq, tanta confianza como para coñecer de primeira man os seus designios?


Estas dúas frases de tanto “calado” poden ser un bo exemplo do que nos espera ata a finalización da campaña e retratan penso eu, ós dous personaxes; discursos baleirados de contido, consinias e ausencia total de argumentos para convence-l@s votantes; iso si aderezada con certa crispación para facer máis cribles as “enormes diferenzas” que os separan.


As xentes de esquerdas debemos teme-las “modernizacións” do PSOE. O período 1982-1996 serve de exemplo do seu significado: reconversión industrial salvaxe na siderurxia e naval, reforma das pensións para dificulta-lo seu cobro e baixa-la cuantía, reformas e desestruturación do mercado laboral en beneficio dunha susposta competividade co exterior que nunca se produciu; enorme deficit comercial español con relación ó PIB, continúa a se-lo dos maiores do mundo; despido libre e multiples xeitos de contratar que ficaron c@s traballador@s indefensos fronte á patronal; creación das Empresas de Traballo Temporal; comenzo da privatización do sector público; asegurar a nosa presencia na OTAN incluso contravindo a cláusula do referendum na que se establecía a nosa permanencia sen entrar na estrutura militar; negociación para a nosa integración na actual UE como un país de segunda, obrigados a desmantelar, sobre todo na Galicia, parte dos nosos sectores produtivos máis competitivos; corrupción, nepotismo, terrorismo de estado, etc..


Estes foron algúns elementos claves da primeira “modernización” levada a cabo polo PSOE.


Grazas ó apoio dun gran aparello mediático, todas estas políticas que responden os mandamentos neoliberais, foron aceptadas pola sociedade como unha política de esquerdas, xa que as levaba a cabo un partido historicamente da esquerda e outras veces se converteron nas “únicas posibles dado o entorno no que vivimos”, cooptando así a numerosos sectores do movemento obreiro e populares para o neoliberalismo e acusando e situando a aquelas organizacións políticas que non claudicaron e mantiveron unha posición anticapitalista, de esquerdas, de estar fora da realidade, utópicas, incapaces de dar resposta as modificacións habidas na sociedade; como si estas foran resultado de procesos sociais autónomos, pulados dende a propia sociedade, e non como foi en realidade, consecuencia da imposición, as veces dun xeito non carente de violencia, das políticas propias do neoliberalismo. E no peor dos casos creándolles problemas internos, adicándolles páxinas e páxinas de prestixiosos diarios a resaltar calquera controversia interna e utilizando a coñecid@s periodistas, literatos e analistas a soldo, para apoiar a personaxes que máis tarde ingresaron nas filas do PSOE e a ocupar cargos de responsabilidade.


Pero tamén, aínda que penso que ninguén da esquerda precisa ser convencido, debemos temer “os gobernos como deus manda” do PP, pois no período no que gobernou, 1996-2004, caracterizouse no económico por afondar nas políticas da etapa anterior, intensificou as privatizacións dos bens e empresas públicas, vendidos por “catro pesos” cando producían cuantiosos beneficios, a personaxes do entorno do partido gobernante e continuou, como non podía ser doutro xeito, cos ataques sistemáticos ó que se convén en chamar “estado de benestar”; continuou polo camiño de “dar unha nova volta de parafusa” á política de desestrutura-lo mercado laboral e asentou un modelo de crecemento cuxos alicerces son a burbulla inmobiliaria, o turismo con servizos de baixa calidade, o consumo interno baseado no endebedamento das familias, potenciado polos baixos tipos de interese, e os fondos que proveñen da U.E.; un modelo como era predicible de moi curto recorrido que escomenza a crebar e só serviu para enriquecer ós sectores mais poderosos da sociedade.


En política exterior deixou ó estado español sen política propia, ficando como un fiel pión e comparsa do imperialismo norteamericano na súa política agresiva, baseada na guerra preventiva e amosou dun xeito nidio que moitas concepcións de corte franquista sobre a actividade política, a administración, o papel da relixión, etc., continuaban vixentes.


Desenterrou un nacional-catolicismo rancio, acrecentando nestes anos de oposición a súa coincidencia cos sectores máis reaccionarios da xerarquía católica. Como se pode observar nada que ver coa expulsión dos mercadores do templo.


Pero o que é máis preocupante para os votantes da esquerda en Galicia é a ausencia dunha forza política no panorama electoral que se poida considerar portadora dos valores, do programa, do discurso e do proxecto que configuran a unha forza anticapitalista. Desaparecida como tal IU, os anos de apoio a un goberno neoliberal non se poden borrar en seis meses con críticas moi febles de última hora, que non deben ser catalogadas doutro xeito que como electoralismo e oportunismo puro e duro e diluídas no continuismo as expectativas creadas polo goberno da Xunta, coa presencia do BNG, ¿como é posible que nun goberno que conta con máis dun conselleiro, delegados provinciais e outros cargos relevantes que autodenomínanse “comunistas”, acepten as políticas neoliberais sen a menor oposición e sen presentar nas consellerías das que son titulares, programas onde se recoñeza, polo menos, un novo xeito de entende-lo goberno, de establece-las prioridades e de rachar con prácticas propias dos partidos da dereita?, @s elector@s de esquerdas atópanse diante dun dilema: ou ficar na casa, ou votar aceptando a dinámica do bipartidismo que PSOE, PP e todos os medios que os apoian potencian. É dicir, votar seguindo esa dinámica a aquela forza que sexa “a menos mala”, votar “tapándose o nariz”.


Considero que aínda hai tempo para iniciar unha reflexión entre os sectores anticapitalistas, internacionalistas, de esquerdas, sobre a orientación do noso voto. E digo internacionalistas pois haberá sectores da sociedade galega que sigan antepoñendo o carácter nacionalista, aínda s que sexa neoliberal, ó de esquerdas e se podan atopar cómodos votando ó BNG.


Algúns haberá tamén que nestas circunstancias propoñan a abstención. Pero non debemos esquecer que o sufraxio universal é resultado da loita do movemento obreiro, foi un dereito conquistado, arrincado á burguesía que cando se veu no poder instaurou unha modalidade de voto que só permitía exercelo ós máis ricos da sociedade, o sufraxio censitario. É certo que unha vez conseguido o sufraxio masculino pola presión obreira e popular, as mulleres do estado español tiveron que esperar ata a segunda república, a burguesía desde as institucións, utilizou as leis electorais e os mecanismos de control ideolóxico que o seu poder económico lle permitía crear, para canalizar moitos votos obreiros cara ós partidos defensores dos intereses dos explotadores; desvirtua-lo feito de que a maioría da poboación sexan explotados. Tamén é certo que cando as clases dominantes non conseguiron canaliza-lo voto popular segundo os seus intereses, non tiveron reparo en utilizar os aparellos represivos para restaura-lo seu dominio de clase. Pero esta realidade que aínda esta moi presente na situación política do estado español, non debe levar a renunciar @s traballador@s asalariados de participar nos eventos electorais. Aínda que aconteza como vai acontecer no próximo mes de marzo, que non se presente ningunha forza política que represente os seus intereses de clase, débese ir a votar, pero para emitir un voto que debe cumprir varios obxectivos: amosar o descontento dunha parte da sociedade e recoñecernos no conxunto, rachar co bipartidismo ó marxe do voto ó sector nacionalista neoliberal, que sexa un voto que poida ser evaluado e serva, axude e permita, avanzar na reconstrución da esquerda e do movemento obreiro.


Dende o meu punto de vista, o VOTO EN BRANCO compre cos devanditos requisitos. En primeiro lugar exercemos un dereito que custou moito traballo acadalo e excepto circunstancias moi determinadas, non se debe renunciar ó mesmo. En segundo lugar é un voto militante, activo, a xente debe ser convencida, reflexionar para chegar a esa conclusión, crítico co sistema, vótase escapando da lóxica bipartidista que nos queren impoñer, un voto contra o neoliberalismo e o pensamento único, diferenciado dun xeito nidio da abstención que é un “caixón de xastre”que practican os cómodos, os apolíticos, os que tanto lles ten que gañe quen gañe, os conformistas coa situación.


Pero é ademais un voto evaluable, podémolo fiscalizar, contar ó final da xornada electoral. A dereita e o centro dereita liberais non van deixar de votar os seus partidos, PP e PSOE e os nacionalistas liberais tampouco van ter moitas dúbidas; polo tanto hai que recoller no voto en branco o voto de esquerdas, anticapitalista que aposta pola reconstrución dunha forza de esquerdas; mobilizar o voto da esquerda que leva anos na abstención, convencer que a reconstrución non só e posible senón necesaria. O VOTO EN BRANCO leva pois a un aspecto importante, organizar a intervención na campaña electoral. Poñerse de acordo sen ningún tipo de sectarismos entre diversos colectivos políticos, sociais, culturais, persoas independentes, etc., sería un paso importante no camiño que hai que escomenzar a percorrer.



Galicia Outono 2007




Carlos Dafonte



No hay comentarios:

Publicar un comentario