A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 28 de septiembre de 2016

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS DE URXENCIA SOBRE OS RESULTADOS EN GALICIA E EUSKADI O 25-S DE 2016 (II)




 Carlos Dafonte

Outros dous resultados da xornada electoral que merecen reflexión.
En primeiro lugar que é a primeira vez en todo o proceso electoral autonómico, no que as forzas partidarias de aplicar as receitas neoliberais, perden peso no Parlamento. Hai un grupo que dentro da súa heteroxeneidade cualifico de neokeynesiano, que conta con 20 deputados, 14 de En Marea e 6 do BNG, que non se pode dicir que constitúan unha esquerda, pero si que hai a posibilidade de que se produza con maior forza que noutras lexislaturas, unha certa denuncia das intencións da UE de seguir ca política de recortes que serán aceptadas polo goberno que máis cedo ou máis tarde, se vai constituír en Madrid.
O segundo a destacar, é o do BNG, que dende o ano 1997, no que obtén os mellores resultados da súa historia, 18 deputados fronte ós 15 do Psoe, leva preto de dúas décadas de queda continuada en momentos no que o nacionalismo nas outras dúas nacións sen estado, son capaces de obter resultados moi importantes. Creo que o BNG trabúcase se considera que supera-los prognósticos das enquisas é unha vitoria; seguramente esa circunstancia non lle permitirá ver dun xeito nidio a realidade que está a vivir. E non debía esquecer que estas “cocíñanse”, e moitas veces os resultados das mesmas son os que interesan que sexan a quen manda elaboralas.  Espero que pasados os momentos nos que “todos ganan e ninguén perde”, se inicie na forza nacionalista unha fonda reflexión sobre as circunstancias que a levan a situación actual que non lle permite levar adiante o seu proxecto político.


lunes, 26 de septiembre de 2016

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS DE URXENCIA SOBRE OS RESULTADOS ELECTORAIS EN GALICIA E EUSKADI O 25-S DE 2016



Carlos Dafonte

Dúas cuestións son ó meu entender salientables analizando os resultados da xornada electoral no seu conxunto; en primeiro lugar que en Euskadi o primeiro partido de presenza estatal é Podemos, e conseguiu o terceiro posto; os partidos do “bipartidismo” imperante no estado, ocupan os últimos lugares; en segundo que quen sae derrotado verdadeiramente da xornada é o Psoe que perde 7 deputados en Euskadi e 4 en Galicia. A relevancia dos nacionalistas en Euskadi é moi importante e aínda maior a dos partidarios do dereito a decidir, cuestión que non debe ser esquecida.

viernes, 23 de septiembre de 2016

TROTSKI E ESPAÑA, LECCIÓNS EN DIFERIDO.




Roberto Laxe
A revolución española xa leva cinco anos de ascensos e refluxos. Neste período, os obreiros e os campesiños pobres de España despregaron instintos políticos tan magníficos, demostraron tanta enerxía, abnegación e heroísmo, que o poder estatal houbese caído nas súas mans hai moito tempo, se a dirección estivese sequera minimamente á altura da situación política e da capacidade de combate do proletariado. Os verdadeiros salvadores do capitalismo español non eran nin son Zamora, Azaña, nin Gil Robles, eran e seguen sendo os dirixentes socialistas, comunistas e anarquistas das súas organizacións.” Isto dicía Trotski en xullo de 1936 en “O novo ascenso revolucionario e as tarefas da Cuarta Internacional”.
Este manifesto tiña unha posdata que dicía: “O goberno da Fronte Popular revela toda a súa insolvencia precisamente no momento máis crítico; prodúcese unha crise de gabinete tras outra porque os radicais burgueses temen máis aos obreiros armados que ao fascismo. A guerra civil arrástrase.” E analizaba: “Ao adormentar aos obreiros e campesiños con ilusións parlamentarias, ao paralizar a súa vontade de loita, a Fronte Popular xera as condicións favorables para o triunfo do fascismo. O proletariado pagará a política de coalición coa burguesía con anos de tormentos e sacrificios, se non con décadas de terror fascista.”

jueves, 15 de septiembre de 2016

BREXIT: OUTRA EUROPA É POSIBLE



Roberto Laxe

O pasado 23 de xuño, mentres en Francia a clase obreira enfrontaba a reforma laboral do goberno Hollande e a UE, en Gran Bretaña celebrábase un referendo para decidir se seguían na Unión. A pesar de toda a campaña do gran capital británico, europeo e mesmo norteamericano, unha parte maioritaria da clase traballadora británica votou por saírse da UE.
Está claro que a política timorata do actual dirixente laborista Corbyn, de “nadar e garda-la roupa” ante unha opción que enfrontaba á súa base social, inclinada cara á saída, co aparello do partido, disciplinado ao gran capital, facilitou a tarefa da dereita conservadora e do UKIP, para pór no centro do debate a xenofobia e o racismo, ocultando o verdadeiro motivo.

domingo, 4 de septiembre de 2016

GAÑARLLE Ó PP, DE ACORDO, E DESPOIS QUÉ?




 Carlos Dafonte

Celebráronse as primarias de A Marea con resultados que non axudan á unidade, por moito que se nos queira convencer do contrario. Onde teñen máis forza determinadas organizacións e actuaron con maior unidade de criterios, sacaron os cabezas de lista e os postos de saída das próximas eleccións e na provincia onde algunha organización ten pouca forza, pois non sacou nada que lle permita ter representante no futuro Parlamento Galego. Polo tanto as primarias concibidas como se levaron a cabo, como unha carreira entre as diferentes organizacións, non axudan a confecciona-las mellores listas, non serven para integrar, nin creo que se escolleran @s máis cualificad@s; as listas que só están formadas por persoas que pertencen a determinadas organizacións políticas ou sociais, que non defenden un programa claro e coñecido con anterioridade, na miña opinión, serven para moi pouco; non van ser o feito determinante para que produza unha morea de votos que derrote ó bipartidismo e supoño que de iso se trata. Se ó final o resultado da Marea é bo, o será a pesares do paso atrás na unidade que representaron as primarias.