A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 26 de septiembre de 2016

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS DE URXENCIA SOBRE OS RESULTADOS ELECTORAIS EN GALICIA E EUSKADI O 25-S DE 2016



Carlos Dafonte

Dúas cuestións son ó meu entender salientables analizando os resultados da xornada electoral no seu conxunto; en primeiro lugar que en Euskadi o primeiro partido de presenza estatal é Podemos, e conseguiu o terceiro posto; os partidos do “bipartidismo” imperante no estado, ocupan os últimos lugares; en segundo que quen sae derrotado verdadeiramente da xornada é o Psoe que perde 7 deputados en Euskadi e 4 en Galicia. A relevancia dos nacionalistas en Euskadi é moi importante e aínda maior a dos partidarios do dereito a decidir, cuestión que non debe ser esquecida.

O retroceso do Psoe nas dúas autonomías debemos valoralo como resultado dun conxunto de circunstancias mesturadas entre as esóxenas, a posición do partido a nivel de estado na conxuntura política actual, tanto a da dirección, como a de quen se lle enfronta, @s que se coñecen como “os baróns” e endóxenas, as propias das políticas desenvolvidas polo Psoe nas dúas autonomías. En Galicia estas últimas hainas moi variadas, dende as presuntas corruptelas descubertas en determinados concellos, que afectaron ó candidato a presidi-la Xunta, á política de oposición levada a cabo nestes catro anos ou a substitución “hai poucos días” do candidato á presidencia da Xunta elixido en primarias por outro menos coñecido, que ademais non conta co consenso dentro da organización e a oposición explícita de determinados dirixentes territoriais con peso na mesma, ou a inexistencia dun proxecto do Psoe para Galicia.

Os resultados en Galicia: o PP renova a maioría absoluta.
Era unha posibilidade por todo o acontecido a redor da forza que se converteu en continuadora de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), En Marea. Para gañarlle ó PP en Galicia necesítase proxecto, programa e discurso e engadiría dúas cuestións máis que sen elas o obxectivo, aínda que tivéramos o anterior, tórnase moi difícil, organización e mobilización social.
Eu tiña claro que o tirón forte para non permitir que o PP acadase a maioría absoluta tíñao que dar En Marea fronte a un Psoe e un Bng en retroceso electoral, pero En Marea non ten hoxe un proxecto de Galicia claro, alternativo ó neoliberal, capaz de ser algo máis que un trasnoitado social-keynesianismo, nin un programa electoral  coñecido e debatido na sociedade con anterioridade. Así mesmo o discurso da campaña, agás catro elementos utilizados por todos cantos non son o PP, tampouco foi capaz de dar alternativas ós problemas cotiás, foi un discurso máis ben de carácter emotivo e de denuncia, que de senta-los alicerces da construción dun proxecto de país diferente ó que a UE tenta impor.
Eu levo tempo cavilando sobre que debe facer unha forza que verdadeiramente sexa transformadora nunha conxuntura como a actual, na que as vellas forzas políticas resístense a desaparecer e as novas non teñen o pulo suficiente para imporse. A miña conclusión e que non hai que levar adiante posicións que  axuden a consolidar o que queremos cambiar, e na situación actual, todas aquelas que non sexan levar nas institucións nas que se ten presenza, políticas autónomas de enfrontamento co réxime, e tentar mobiliza-la sociedade con ese mesmo obxectivo, considero son incorrectas. Hai que ter como obxectivo organiza-la oposición nas institucións e na rúa ó réxime. Pero cada vez que en Madrid ou en Galicia se formule a necesidade de formar parte dun goberno co Psoe, vaise polo camiño contrario a ese obxectivo e se valoramos esta cuestión dun xeito só electoral, pérdense milleiros de votos de quen pensaba votar por estar de acordo nun cambio fondo nas estruturas; non nos enganemos o obxectivo de formar goberno co PSOE, aquí ou en Madrid, non permite aparecer como unha forza de esquerdas, alternativa, e converte a quen o formule, nunha forza máis do sistema político do réxime.

A continuidade de AGE
En Marea xorde, como AGE, para ser esa alternativa, que supere ó creado hai catro anos, pero esta non se pode construír só dende as institucións burguesas; ese camiño non ten saída; hai que construí-lo dobre poder dende a sociedade e para facelo é necesaria a mobilización e a organización e neste senso, dende a aparición de AGE, perdéronse catro anos por unha falla de obxectivos de carácter estratéxico, que en dous meses de existencia de En Marea non se poido solucionar. E pregúntome, dentro de En Marea se ten claro este obxectivo? Ademais centrouse a acción de oposición ás políticas actuais que o PP leva adiante,  unicamente no eido electoral: votádeme que dende as institucións realizaremos o cambio xunto con outro partido, en quen a xente, hai tempo perdeu a confianza.
A organización da que falo é algo máis que sumar diferentes siglas de partidos xunto con algunhas persoas independentes; no caso de Galicia é transformar todo o que é En Marea nun movemento organizado que supere a actual situación de “sopa de siglas” onde cada unha delas tenta saca-lo maior rendemento político como se viu nas primarias.
Polo tanto nestas circunstancia de debilidade política, organizativa e de falla de perspectiva estratéxica, os resultados de En Marea hai que consideralos como que son produto da importancia que certos sectores sociais ven da necesidade de transformacións fondas nas estruturas de Galicia, pero tamén resultado da improvisación e non ser capaces de ver as limitacións con que o proxecto nacía. E nesas circunstancias AGE ten unha responsabilidade importante, e os que pensan que ca elaboración de Códigos Éticos e a celebración de primarias para elixir os candidatos, estanse a dar pasos adiante na posible derrota do PP.
Nestas circunstancias enfrontarse ó PP e pensar que se lle podía vencer, era máis efecto do optimismo da vontade que dun análise serio da realidade.

Que circunstancias levan ó 47,53 % dos votantes a facelo polo PP?
Aínda que En Marea avanzou en 70.000 votos en relación a AGE, coido que o que a grande maioría dos votantes que o fixeron polo PP, aínda que entenden que este partido non o está a facer ben, e quen coñeza as cifras de paro, de pobreza, de emigración, de contratos lixo, as noticias de corruptelas, etc, así o ten que considerar, danlle máis valor a estabilidade, a continuidade do que hai, fronte ó que se coñece pouco, o que pode vir.
Tampouco axuda moito esa identificación que se fai na maioría dos medios de comunicación hexemónicos, de En Marea con Podemos a nivel de estado; é certo que Podemos forma parte, que ten unha presencia en En Marea maior da que lle correspondería pola súa traxectoria política en Galicia, pero é a acadada nas primarias, e hai que recoñecer que a súa importante presenza, lle da un certo carácter de improvisación, de atoparse todo no aire, de que é necesario asentar todo o que se puxo en marcha hai catro anos, que gozaba, hai que dicilo, de alicerces moi sólidos en Galicia; situación que non axuda nunha conxuntura política como a actual de fonda crise económica e social e fronte a un partido cunha importante estrutura, que ademais atópase á fronte de institucións que utiliza no seu beneficio, cun considerable apoio dos medios de comunicación e no medio dunha corrente política que se está a dar na UE, que apunta cara a unha dereitización maior do panorama político.
Se comparamos as cifras de todo tipo do País Vasco cas de Galicia, de paro, a pensión media, os salarios, pobreza, ou xestión dos servizos públicos, listas de espera na sanidade por exemplo, etc, observase que son moito mellores as do primeiro que as nosas e nembargantes ó PNV, que xestiona as institucións autonómicas, fica moi lonxe da maioría absoluta. Son uns tolos @s vascos e as vascas? Pois non, non son un grupo de tol@s, non son conservadores a nivel político, inmobilistas, nunca lle entregan a maioría absoluta ó PNV nin a ningún outro partido e en Galicia, cunha xestión que ten uns números desastrosos, preto do 50 % dos galegos e galegas consideran que é bo darlle ó PP ó longo de varias lexislaturas, a maioría absoluta. Como é posible que non consideren que esas maiorías absolutas que tivo Fraga e agora Feijoo, son as que nos levan á actual situación?. Creo que merece unha fonda reflexión, unido ó que significou o goberno do bipartito na creba das esperanzas de moit@s galeg@s, que foron capaces de dar o paso de quitarlle a maioría absoluta ó partido que agora a repite.
Pero ademais no País Vasco, o PP, se non chega a ser que na lei electoral a provincia de Álava está moi “primada” en número de escanos respecto ó número de habitantes, sacaría aínda menos deputados, xa que é nesta provincia onde acada máis que nas outras dúas xuntas.
Que circunstancias concorren en Galicia para que a clase  traballadora asalariada, a pequena e media burguesía, o campesiñado, os que se adican á pesca, todos tan golpeados pola crise, algúns sectores en situación crítica, sigan confiando no PP? A resposta é histórica, atopase mergullada no feito en como se desenvolveu o proceso histórico na nosa terra, na loita de clases, na formación das mesmas, o xeito en como a superestrutura influenciou nelas, a igrexa, os límites ó ensino, a política baseada no caciquismo, a constitución da formación social actual... e despois os anos de ditadura que serviron para asentar toda unha serie de crenzas que viñan de vello e eran falsas, pero que cando enraizan no conxunto dunha sociedade, considéranse como o sentido común da mesma, parte da súa forma de ser, son moi difíciles de combater; sobre todo por seguirse fortalecendo na etapa da democracia, pois aquí, o feito de non terse producido unha creba co sistema ditatorial, tivo un influxo maior, polas circunstancias do noso devir histórico, que noutros territorios do estado.

En Galicia no mes de setembro de 2016.



No hay comentarios:

Publicar un comentario