A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 25 de noviembre de 2010

OS XERMOLOS VERDES


Carlos Dafonte

Os políticos burgueses, grupos de “científico sociais” e economistas que ostentan títulos de prestixiosas universidades, os chamados “grupos de sabios” por quen os contratan, empresas ligadas ás bolsas, e adiviños dos medios de comunicación, levan anos, os da duración da actual situación económica, elucubrando sobre o inicio da saída da mesma; calquera dato económico, por irrelevante que sexa, serve para ver nel “xermolos verdes”, “inicios de recuperación” ou toda outra serie de eufemismos empregados cada certo tempo, tentando mitigar os efectos que a crise ten sobre os gobernos que aplican as políticas económicas que a xeraron.
No estado español o presidente Rodriguez e numerosos membros do seu goberno destacan pola súa actitude concordante ca máis arriba expresada. Trátase de crear na maioría da cidadanía expectativas que lles fagan pensar que o peor xa pasou.
Pero a realidade é testana, imos ter crise por un tempo prolongado, e polo tanto considero que sería importante falar, debater, discutir de como pode comeza-la recuperación e se abrangue a todos os sectores da sociedade.
Construíndo outro sistema, o que se chama xenericamente socialismo, socialización dos medios de produción e a banca, desaparición do beneficio como obxectivo, planificación democrática da economía, etc., sería o fin da crise capitalista; pero mentres non se consiga avanzar cara a outro sistema, onde a sociedade controle a economía, debemos reflexionar sobre as condicións que permitan iniciar o que se pode chamar “unha certa recuperación”, que non “saída da crise”, dentro do sistema capitalista e nun estado, que por moito que se empeñen en dicir o contrario, é un elo feble dentro da cadea imperialista.
E debemos reflexionar desde unha perspectiva de clase, para non recibir @s asalariad@s, unha vez máis, só as elucubracións dos devanditos teóricos, analistas e sabios, financiados e ó servizo da burguesía, que falan no seu nome, aínda que tenten que pensemos que os seus asertos son ciencia, co obxectivo de convencernos de que o seu punto de vista traduce fielmente a realidade e as receitas que traen aparelladas os seus análises, as únicas. Esta é unha tarefa, entre outras, fundamental para todos os economistas e teóricos que desde as filas do marxismo traballan por enterra-la barbarie capitalista.
¿Cando iniciaremos o proceso de recuperación económica?. Creo que a resposta a esta pregunta esta ligada a outra que desde o meu punto de vista é clave ¿Pódese inicia-la recuperación económica sen un forte pulo do sector industrial? Caendo constantemente o índice de produción industrial ¿pódese iniciar un proceso de recuperación económica? Creo que é imposible. E cando falamos de industria de transformación, de economía produtiva, debemos situar a necesidade de que sexan propias, que os beneficios non viaxen ós países da casa matriz.
A Unión Europea cada vez produce menos, grazas as leis aprobadas polas súas institucións, que permiten o proceso coñecido como “deslocalización das empresas”. Se algunhas quedan é polas condicións de traballo, similares ás do que antes coñecíamos como “terceiro mundo” ou pola necesidade de utilizar unha tecnoloxía avanzada que non se pode utilizar en países da periferia do sistema.
Non debemos trabucarnos, para recupera-los índices de produción industrial, lentamente, pero inexorablemente, debemos aproximarnos ó equivocamente chamado “terceiro mundo” nas súas condicións laborais, perdendo dereitos sociais e políticos, deturpando aínda máis o xa de por si deturpado sistema democrático.
Todo isto levará a que os sectores que o capitalismo consideraba “o colchón” entre a burguesía e o proletariado industrial, tenda a desaparecer facendo boa a tese da constante “proletarización” da sociedade.
Estes días, na que a campaña electoral en Cataluña ocupa moitos informativos, unha das constantes é escoitar falar da súa desertización industrial. Este feito non só ocorre no espazo que noutros momentos se consideraba o máis industrializado do estado, senón que é común a todo el.
¿Alguén pode pensar que esa entelequia que o goberno chama “economía sostible”, permitirá saír da actual situación?. Creo que ninguén que teña un xuízo san pode pensalo. Cando as condicións laborais da Europa do leste ou de China sexan parecidas as da U:E., e nese camiño van todas as medidas que toman os gobernos neoliberais, poderemos falar da posibilidade de recuperación da nosa capacidade industrial.
¿Pero con que obxectivo?, ¿para exportar?, ¿en que campos?, ¿con que tecnoloxía? ¿témola propia? Difícil tarefa.
Hai poucos anos, Irlanda era o exemplo a seguir, dicían que era o novo “silicon valley” europeo; pero xa se sabe, con tecnoloxía e empresas foráneas atraídas por un sistema impositivo moi favorable. Hoxe @s irlandes@s atópanse ca dura realidade de que apertarse o cinto durante estes anos pasados para garantir un bó futuro, grazas ás políticas neoliberais, levounos á crise máis fonda do seu país e a un endebedamento descomunal que terán que pagar entre tod@s, mentres os beneficios de todos estes anos, os van monopoliza-los de sempre.
E continúa a guerra das divisas o que vai complicar aínda máis a situación. Comezou co ataque contra o yen que chegou a revalorizarse a niveis descoñecidos. Neste ataque participou tamén China que tentaba desvalorizar a súa moeda contra da xaponesa. Pero o ataque contra o yen dos meses pasados, non foi exclusivo, tamén o sufriu a moeda brasileria, a suiza, a australiana, o euro, etc. . Xapón pasou por momentos de suma gravidade, pois a revalorización da súa moeda, coa deflación que ten, podía leva-la economía xaponesa ó colapso.
A esta guerra monetaria tentoulle poñer fin a última xuntanza do grupo de países coñecidos como G-20; despois do fracaso na mesma, EEUU vai “sementar” 600.000 millóns de dólares no mercado para baixar o valor da súa moeda; é unha desvalorización encuberta para fomenta-las exportacións e encarecer as importacións e unha medida, en principio, anti China, pais que crecendo a ritmos moi elevados mantén o cambio da súa moeda estable respecto ó dólar, pero medida con maior percorrido; ó mesmo tempo revalorízase o euro o que vai ter consecuencias nas economías exportadoras da U.E. que, din, teñen que facer de motor para a saída da crise. Unha pregunta pertinente ¿Se Alemaña é unha economía exportadora por que impón ó resto da U.E. políticas de axuste, que van facer baixa-lo consumo?
Outra pregunta pertinente ¿Ë posible saír do euro? Supoño que si algún país o fixese sería co obxectivo de desvaloriza-la moeda recuperada. ¿Serviríalle de algo operar cunha moeda que todo o mundo sabe vai ser desvalorizada?.
Pero esta choiva de billetes verdes, tamén vai desvaloriza-las reservas en dólares dos países acredores e encarece-lo petróleo, alimentos é materias primas. Parece, e non é a primeira vez, que en situación de crise os EEUU tenta saír só da mesma, cargándoa sobre as costas dos demais. Xa en 1971, na época da presidencia de Nixon púxose fin a convertibilidade do dólar en ouro, provocando numerosos desaxustes, e na de Reagan, ca alza da taxa de interese, que provocou a chamada crise da débeda. Agora, na época de Obama son de esperar respostas contundentes dos afectados e a continuación das turbulencias. Entramos así nunha nova fase da crise, a guerra monetaria, de resultados incertos, pero seguro, vai aumenta-lo caos económico, o sálvese quen poida e o proteccionismo.
A guerra, destrución masiva de forzas produtivas, foi en tempos o recurso para saír da crise e comezar a recuperación. Algúns analistas, eu estou bastante de acordo, indican que só haberá saída da crise“cunha declaración de bancarrota que elimine a maior parte dos activos incobrables e todo o capital superfluo, ou sexa, só unha catástrofe económica e social, poderán senta-las premisas dunha recuperación capitalista”. Os costos sociais serían tremendos e as explosións de rebeldía constantes, por iso é difícil que tomen ese camiño. Pero nas actuais condicións, falar de xermolos verdes ca lixeireza que se fai, é un insulto á intelixencia.

Galicia no mes de novembro de 2010

martes, 9 de noviembre de 2010

CAMBIO DE GOBERNO PERO NON DE POLÍTICA



Carlos Dafonte
O presidente do goberno poucos días despois da mobilización do 29 de setembro, formou un novo goberno. Algúns no seu afán de deixar sen obxectivos a quen secundou a mobilización xeral, teñen interpretado este feito como un acto de complicidade cos sindicatos maioritarios; algo así como dicirlles, a folga non caeu en saco roto e xiro a esquerda para atender as vosas demandas. Creo que esta interpretación non ten nada que ver ca realidade. Non vai haber xiro a esquerda do PSOE.
En primeiro lugar debemos sinalar que os cambios de goberno nas democracias burguesas teñen o obxectivo de crear esperanzas entre os explotados e oprimidos, como se os seus males foran cuestións de persoas, de individualidades e non dunha estratexia que responde ós intereses da clase dominante. Polo tanto nada vai cambiar con este cambio aínda, que a intención sexa facer cree-lo contrario.
Este cambio esta en función, en primeiro lugar, da crise interna do PSOE, que diante dos resultados que auguran as enquisas para as próximas eleccións municipais, autonómicas ou xerais, comeza a amosar elementos inequívocos da súa existencia.
En segundo lugar, amosa o illamento no que se atopa o presidente Rodríguez dentro do seu partido. O novo goberno non crea ningún tipo de expectativas. Darlle maior protagonismo o actual ministro do interior, o convirte nun instrumento cun cheiro a vello e podre, pois non debemos esquecer o papel que xogaba o novo “superministro” na época do presidente González, cunha corrupción que corroía as entrañas do estado, o que hai que engadir a práctica do terrorismo, que levou diante dos xuíces a numerosos cargos do ministerio do interior, dous ministros, e policías. ¿Non ten o partido socialista persoas novas, de prestixio no senso burgués, que podan representar mellor esta cerimonia da confusión que significa un cambio de goberno?. Seguro que sí, pero cando as cousas se torcen, sabemos que son poucos os que están dispostos a navegar nun barco que se afunde.
Dúas das novas facianas que se consideran importantes son, o novo ministro do traballo e a ministra que vai atender os temas relacionados co campo, mar e medio ambiente. Non deixa de ser curioso, pero ó mesmo tempo exemplificador, que o primeiro se manifeste, antes de ser ministro, contra da reforma laboral e agora, como ministro, pensa levala adiante con todas as súas consecuencias, segundo as súas verbas. O nomeamento da segunda, é un claro intento do PSOE de protexer e facer aparentes concesións, a súa base social que comeza a fenderse, como deixou claro a mobilización do día 29. Pero a realidade é que hoxe Rosa Aguilar, non representa un pensamento de esquerdas e o seu nomeamento a poucas persoas pode enganar; certifica dun xeito manifesto, o seu paso á defensa das políticas da dereita. A fin dunha viaxe que a leva desde o compromiso ca maioría da sociedade ó compromiso ca oligarquía centralista española.
Unha penúltima consideración; despois de conseguir verter moitos ríos de tinta e recoller grandes gabanzas, polo tema da paridade entre mulleres e homes nos ministerios, neste novo goberno concúlcase esta paridade sen que lle represente ó presidente Rodríguez, crítica algunha. Moi apurado se ten que atopar, para non manter esa situación que consideraba como extraordinariamente positiva para a igualdade.
As persoas de esquerdas non poden ter confianza neste goberno; os traballador@s asalariad@s tampouco; os pensionistas e xubilados non deben facerse ilusión algunha , e os mozos e mozas saber que de seguir estas políticas adiante o seu futuro, por moito que se preparen para afrontalo, esta cheo de atrancos. Pero as opcións de substitución que se presentan, non van mellorar as diferentes situacións. Por iso hoxe a opción política máis rendible, o máis útil, é organizarse e loitar con quen quere poñer fin a agonía do capitalismo. Comezando por facer posible que a xornada do día 29 non sexa esquecida, que sexa un primeiro chanzo para poder derrotar as políticas contra a maioría da sociedade, que PSOE e PP están a levar adiante.

Galicia mes de novembro de 2010