A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 18 de septiembre de 2007

¡¡¡UNHA NOVA CRISE E VAN...!!!



    Escribín no ano 2003, publicado con posterioridade en ALTERNATIVA baixo o título “Reflexións sobre a crise do sistema capitalista”, que o capitalismo na actualidade, no seu conxunto estaba sometido a crises cada vez máis fondas e longas seguidas de recuperacións cada vez máis curtas.


    Nos derradeiros vinte anos temos probas moi salientables da anterior afirmación: en 1987 o descalabro bolsístico, de proporcións superiores ó de 1929; en 1990 o afundimento dos “bonos lixo”, algún asesorado por un eminente premio Nobel de economía e a crise das Caixas de Aforro dos EEUU, onde un Bush andaba implicado; 1997 crise financeira dos chamados “tigres asiáticos”, Tailandia, Korea, Hong Kong; 1998 crise financeira en Rusia e Brasil; tres anos máis tarde “picada da burbulla tecnolóxica” e fin da chamada “nova economía” que tanto dera para falar e escribir e parecía instala-lo sistema ó marxe das crises. E agora atopámonos con este novo “acontecemento” de carácter financeiro especulativo do que parece que ningún responsable político quere falar en profundidade, tentando botar un manto de silencio e desinformación sobre o tema.


    Debemos destacar que non é un acontecemento illado, algo novo e polo tanto imprevisible.


    O que está a acontecer é resultado das políticas que na esquerda cualificamos como neoliberais que se levan adiante tanto na Unión Europea como nos EEUU, e os seus resultados son en primeiro lugar previsibles, hai responsables políticos aínda que miren cara a outro lado, perdedores e gañadores.


    A crise non chega doutra galaxia; nos EEUU prodúcense síntomas desde hai anos da existencia dunha burbulla inmobiliaria e da súa parálise; pero como é un sector básico da maltreita economía norteamericana, o mesmo que no estado español, para atrasar o derrube do sector, iniciouse o proceso de “hipotecas lixo” sen garantías de cobro. Para evitar os riscos por parte dos bancos que as aceptaban, convertéronse os cretos hipotecarios en títulos financeiros, un activo para o banco, que comercia co mesmo; neste caso vendéndoos, por todo o mundo a grandes bancos, e por ter moito risco, producindo altos rendementos. Os problemas xorden cando as familias deixan de pagar polas subas dos tipos de interese ou cando por esta mesma razón xa non hai clientes a quen lles dar unha hipoteca, todo o castelo de naipes vai parar ó chan.


    Pero é importante subliñar que en teoría o capitalismo crea organismos para controlar e corrixir este tipo de actuación de alto risco, pero por estar ó servizo do capital, nin actuaron nin deron a voz de alarma.


    E pois unha crise xerada polas políticas neoliberais que permiten a liberdade absoluta dos capitais, sobre todo dos especulativos, e a creación de todo canto produto financeiro se poda crear co obxectivo de gañar cartos. Alguén chamoulle a esta situación economía-casino.


    En segundo lugar hai responsables políticos aínda que miren para outro lado e fagan como que a cousa non vai con eles; son os partidos e os individuos que levan adiante as políticas económicas neoliberais; en particular na Unión Europea unhas veces como conservadores e outras disfrazados de socialistas, todos os que nestes anos aprobaron tratados como o de Maastricht, Lisboa, Niza, que despois refundiron no chamado Tratado Constitucional Europeo, votado afirmativamente no estado español, aínda que só fora polo 34% dos posibles votantes, grazas as campañas de PP e PSOE que coincidían punto por punto no mesmo. Estes partidos xunto con outros que se atopan nos grupos Popular e Socialista do Parlamento europeo, son os que deseñan institucións como os Bancos Centrais, din que ó marxe da política, que teñen, entre outras atribucións controla-los bancos privados e non o fan, e só actúan a favor e en beneficio do capital financeiro e dos grandes emporios económicos. Estes partidos e políticos non se poden agachar debaixo das institucións que eles mesmos crearon, cando a cidadanía no exercicio dos dereitos democráticos lles pidan contas pola permisividade co capital financeiro, coa especulación e o latrocinio que significan moitas operacións levadas a cabo no planeta.


    Hai que pedirlles contas, pois esta crise á que tentan restarlle importancia vai golpear moi duramente, tamén no estado español, sobre todo á clase traballadora e a sectores da pequena burguesía a quen lles vai seguir subindo os intereses dos préstamos, porque vai aumenta-lo paro e a precariedade, porque son os que máis sofren a suba dos prezos, as reformas das pensións e unha política fiscal que sube os impostos indirectos, sobre o consumo, e baixa os directos ás rendas máis altas.


    Se crecendo como dicían a economía española cerca dun 4% nos últimos anos, os índices de precariedade e os contratos lixo eran dos máis elevados da Unión Europea dos 15 e os salarios e as prestacións sociais dos máis baixos, o que levou ás familias do estado español a un endebedamento límite, as correccións sobre o crecemento que introducen os organismos internacionais por causa da actual crise, van golpear sen dúbida algunha, en maior medida, a quen neste tempo non se beneficiou “das vacas gordas” e ademais padeceu un índice de inflación alto que sempre actúa como un imposto contra das rendas do traballo.


    Como os bancos centrais sacaron cartos ó mercado pero subindo os intereses, esto significa un transvase de cartos do bolso dos traballadores ós bancos e se a esto lle engadimos que hai sectores da clase obreira, dos de máis renda, que as veces meten os seus aforros en bolsa, as caídas das mesmas en todo o mundo seguro que os van facer perder parte dos mesmos.


    Por último, quen van gañar son os grandes capitalistas e os bancos, beneficiándose dos altos tipos de interese, das caídas nas bolsas, mercarán barato, acrecentarán o seu patrimonio inmobiliario a conta dos particulares e das pequenas empresas, faranse co control doutras entidades máis febles.


    Esta nova crise do capitalismo debería servir para que @s traballador@s aprenderan a realidade na que viven, o que significa este sistema de explotación, e sacaran as conclusións pertinentes de ver ós voceiros da liberdade e da desregulación dos mercados de capitais e da economía, clamando agora pola intervención e por poñer regras ós mercados financeiros.


    Tamén é preciso lembrar o debate do chamado Estado da Nación, onde o presidente Rodríguez e o chamado xefe da oposición Rajoy, non foron capaces de dicir nada dunha crise que xa daquelas estaba en marcha e que está a afectar a unha parte importante da cidadanía.




En Galicia setembro 2007




Carlos Dafonte



lunes, 3 de septiembre de 2007

ELEMENTOS PARA INTREPRETA-LA ACTUAL CRISE FINANCIEIRA

 


1.- A crise financeira e monetaria nos EEUU é o colmo do carácter especulativo do sistema capitalista (D-D'), chegando ao extremo de facer préstamos que saben incobrables. Mais é expresion tamén dunha crise social interna de gran calibre, expresado nos límites de consumo da clase obreira ianqui pola súa caída da renda de xeito absoluto.


Se centos de miles de traballadores ianquis xa tiñan que escoller entre pagar os alugueres da vivenda e comer; e a sanidade converteuse nun luxo, as hipotecas subprime son, directamente, o remate para esa clase obreira, que se vai quedar directamente sen casa, ao non poder pagar a hipoteca.


2.- Fronte a ela saíron todos os bancos centrais, comezando polo Europeo, ao resgate de especuladores e financeiros, inxectando no sistema miles de millóns euros.


3.- A gravidade da crise non vén só polas hipotecas “lixo”, que afectan a unha pequena porcentaxe de prestámos, senón pola conxuncion de diversos factores, algúns ligados ao mercado hipotecario, a chamada “burbulla inmobiliaria” que nos EEUU levaba máis dun ano á baixa.


A crise estructural do imperialismo ianqui é a que esta no fondo da crise, a desindustrializacion masiva do capitalismo norteamericano, converténdolle nunha economia absoluamente dependente do resto do mundo.


EE UU hoxe son o país máis debedor do mundo, o funcionamento da súa economía dependen de prestámos que desde Europa e Asia fánselle constantemente, para alimentar un capital cada vez máis parasito, baseado na especulacion e no gasto militar.


A iso hai que unirlle a derrota economica e politica que supón a invasion de Iraq, que é un buraco sen fondo alimentando o deficit orzamentario que sofre xa de xeito crónico.


4.- Ata a data, o imperialismo yanki tiña un mecanismo infalible para exportar a crise: a hexemonia monetaria; todos querían dolares, todos os pagamentos de materias primas efectuábanse en dolares, o dólar era o refuxio en caso de crise, financiando o endebedamento interno ianqui e exportando as crises e a inflacion.


Con “darlle á maquinita” modificábanse os prezos das materias primas, devaluábanse moedas desde a Reserva Fedaral, etc.


Pero o dólar esta perdendo ese carácter hexemonico, que ligado ao carácter debedor da economia ianqui, pon a esta contra as cordas en canto aparecen os primeiros signos de crise.


5.- A aparicion do euro supón xa máis do 20% das reservas de divisas do mundo, e cada vez é máis utilizada nas transaccions, paises como Rusia, China, Venezuela, etc., efectúan unha parte importante dos seus pagamentos de petroleo e gas en euros.


A pesar da vontade politica dos dirixentes europeos, de “non competir co dólar”, a realidade é que calquera capitalista, banqueiro ou especulador que ve como o dólar non esta apoiado por unha economia forte, senón por unha economia basicamente endebeda, ve no euro (como o yen ou o franco suízo) unha alternativa, limitando de xeito obxectivo a capacidade de reaccion do imperialismo ianqui ante as crises.


Deste xeito, a exportacion que facia antes das crises, agora vólvense contra eles mesmos, contra o interior, convirtindo-lle no eslabon débil da cadea imperialista, cunha polarizacion social interna só comparable aos países chamados “terceiro mundistas”: a porcentaxe na diferenza entre os ricos e os pobres en EEUU é moi superior a cualquera outro país imperialista. O desenvolvemento desta polarizacion dependerá do comportamento das forzas sociais en conflito, da actitude da clase obreira e da capacidade para xerar unha alternativa a un capitalismo que vai, como o xogo da Oca, de crise en crise.


6.- Acabouse o recurso o dólar para resolver as crises á conta de exportalas, agora a endebedada economia ianqui ten que enfrontar as súas crises como cualqueir outro, a pelo; ou, polo peso político e militar que ten aínda a nivel mundial, na procura do apoio dos outros dous grandes eixos imperialistas, Europa e Xapon (e “confiando” en que China e Asia non decidan pasar a euros as súas reservas). A súa dependencia é financeira, comercial e social, por moito que o seu cine -feito e producido maioritariamente por non norteamaricanos- propagandice o “modo de vida ianqui”, e o “seculo americano” dos neocons de Bush.


A crise financieira recente non foi parcheada pola Reserva Federal que achegou aos mercados financeiros a metade que o BCE, senón pola UE, que viu aos bancos franceses e alemáns en perigo, e metiu grandes cantidades de diñeiro nos mercados.


E isto, en economia e en politica, págase. Ningun capitalista, por pequeno que sexa, dá duros por pesetas; o xudeo de Venecia quixo cobrar en carne e sangue o que non podía cobrar en diñeiro, e era “xudeo”, é dicer, un marxinal da sociedade medieval.


7.- E nisto, pariu a avoa. Rusia, co aval de China e o grupo de Shangai (países centroasiaticos da ex URSS) vai e pon a súa bandeira no Ártico e renova os voos militares intercontinentais.


Os intentos do imperialismo occidental, con Alemaña á cabeza, de semicolonizar Rusia e China chocan cunha realidade obxectiva, as clases burguesas xurdidas nestes países coa restauracion do capitalismo teñen tres ferramentas craves herdadas do estado obreiro para oporse, unha, uns potentes exércitos, con armamento nuclear, capaces de golpear ao imperialismo nos seus centros de poder sen necesidade de acudir ao terrorismo, dous, unha man de obra moi barata e moi cualificada, tres, unhas reservas de materias primas intactas por haber estado alleas durante anos ao malgasto que supón o capitalismo.


Se a iso unímoslle a acumulación primitiva de capital efectuada polas mafias ao longo destes anos, e a máis que evidente debilidade do imperialismo hexemonico ata a data, o ianqui, atopamos unha resposta á agresividade de Rusia e China hoxe, que piden a súa parte na torta e pon as súas cartas nucleares sobre a mesa da negociacion.


8.- Unha das primeiras consecuencias da crise financeira deste verán, é que pon de manifesto que o caos da a OMC de Seattle a comezos de século é a norma, por moito que a guerra contra o terrorismo desatada tralos atentados do 11 de setembro quera arranxalo: caos que hoxe redunda no aumento das contradicións interimperialistas e o incremente do “desorde mundial”, acelerada pola decadencia do imperialismo ianqui.


O que parecía un verán anodino e sen grandes acontecementos mundiais, resolveuse ao final : a economía ianqui esta tocando fondo aumentando de xeito exponencial a polarizacion social e politica que xa se vive desde os atentados do 11 de setembro.


 


Galiza, 27 de agosto do 2007


 


Roberto Laxe