A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 29 de julio de 2012

E O REI SAIU DA "BURBULLA".


Roberto Laxe
  
Rey y Rajoy Consejo Ministros
As clases dominantes, conscentes da debilidade que o goberno de Rajoy tem para levar adiante o pacote de medidas que desde a Union Europea, o BCE e o FMI exixenlle, procuraron dar lexitimidade e lustre ao consello de ministros do vernes 13, côa presenza do monarca.
Ate o de agora sempre deralles resultado sacar o rei da burbulla, das suas cacerias e o “duro traballo de reinar”. Asi foi cando a final dos 70 os gobernos da UCD aprobaron os decretos de reconversion industrial para entrar no que agora é a Union Europea, que despois serian aplicados pólo PSOE nos 80; asi foi trás o golpe de estado do 23F. Asi, tamen, cando o goberno de UCD e despois o do PSOE, menteronnos na OTAN.
O longo de todos estos anos a figura do rei, e da família real directa, foi protexida dos avatares da política cotia, e só nas ocasions anteditas, ou em crises fortes pólos atentados de ETA, a monarquia cumpria o papel para o que foi destinado nos pactos da transicion, garantir a estabilidade do aparello do estado herdado do franquismo, nomeadamente o exercito e o poder xudicial, e a ligazon co rexime xurdido na constitucion do 78. Para algo é o xefe de todos os Exércitos, e preside todos os anos –salvo este, por motivos de todos coñecido- o comezo do ano xudicial no acto oficial do Consello do Poder Xudicial.
Este pacto incluía o acordo das organizacions das burguesias bascas e catalanas a través do PNB e CiU, e as cúpulas das organizacions sindicais e politicas, como o PCE, CCOO e UXT. De feito, non é de extranar a reaccion de Toxo trás a presencia do rei no Consello de Ministros do 13, afirmando que non coñecia os seus contidos, e que cando o fixera, rexeitariaos. O segredario Xeral de CCOO foi contestado polo monarca desde o extranxeiro: as medidas adoptadas son as “unicas posibles”.
Dalgun xeito, a monarquia, e as institucions que preside, o exercito e o poder xudicial, é o partido da burguesia española. O seu redor xiran as diferentes fraccions da capital, representados no PSOE e no PP; sendo o seu reaseguro em caso de crise destos dous partidos. Por isso, o rei e a casa real baixan á terra, saen da sua vida “de traballo”, cando é preciso avaliar côa sua figura o que os partidos institucionais non podem facer, sem abrir umha profunda crise política.
vascos contra el rey
Mas como din a cancion, “o tempo pasa”, e no 2012 a figura da monarquia, e do rei, xá non tem o lustre e a lexitimidade que tiña non hai tanto tempo.
A constitucion da Union Europea, o feito de que o 60% da lexislacion dos estados membros veña determinado pólas Directivas Europeas, agudizado agora póla política de resgates e intervencions directas, teñen debilitado o seu papel institucional e nucleador dos interesses do capital. Este papel bonapartista, por cima das contradiccions de clase e sociais, esta sendo asumido póla Comision Europea e Bruxelas.
Neste cadro, as burguesias nacionalistas procuran um reacomodo na nova arquitectura europea, que se esta a facer a partir da crise, e comezan a dar signos de desapego cara os pactos da Transicion.
Por outra banda, há um elemento interno que é o que o debilita diante da poboacion, a implicacion em casos de corrupcion da família real, e a sua própria decandencia individual. A crise esta poñendo branco sobre preto o verdadeiro papel do rei e a monarquia, como parte da clase capitalista, mesmo destapando a sua cobiza individual.
rey matando elefantes
Nestas condicions, o intento de avaliar o pacote de medidas acordado o pasado 13 de xullo côa presenza do rei só podem ter o efecto contrario, que é o de ligar a loita da poboacion traballadora contra as suas consecuencias, contra a suba do IVE, a supresion da paga extra, os recortes no desemprego, etc., á loita contra o rexime que garantiu a estabilidade burguesa o longo destos anos.
Na sua desesperacion por impor a poboacion os costes da crise, a situacion do goberno, o final, pode ser um xogo de nenos diante do que puxeron em perigro, a mesma estabilidade do rexime, pois a meirande parte dos que hoxe loitan e denuncian esas políticas, os funcionários, os militares e policias, son a base social desa monarquia e dos seus partidos.
Para enfrentar com garantias de victoria os recortes que desde o goberno da monarquia queren impor, as loitas dos traballadores/as, dos sectores da poboacion afectados non chega com enfrentar o goberno de quenda: a decision non é coxuntural, senon que o intento de facer retroceder 50 anos nos nosos direitos é um proxecto do conxunto do capital español e europeo, do seu rexime, pase o goberno que pase, teña a cor que teña.
A crise esta destapando o verdadeiro caracter da monarquia, como a columna vertebral dun rexime antiobreiro e antipopular, e as organizacions obreiras e populares non podem seguir ocultando esta relacion que esta comezando a facer augas.
A crise de lexitimidade do rexime da monarquia, abre a perspectiva cara a realizacion dunha asemblea constituiente onde a poboacion traballadora e os pobos do estado decidan o seu futuro político, econômico, social e o xeito de relacionarse co resto de Europa. Porque, queriamolo ou non, a saída da crise ou é de conxunto ou gañaran os poderosos e as clase dominante.
19 de xullo de 2012





lunes, 16 de julio de 2012

UNHA NOVA VOLTA DE TORCA DUN GOBERNO SEN LEXITIMIDADE



Carlos Dafonte

As últimas medidas do goberno do PP, aumento dos impostos indirectos (IVE), restrinxi-lo seguro de paro a quen máis sofre a crise, quitarlle a paga de fin de ano ós funcionarios, etc, están a conseguir apreciables movementos de oposición, dunha grande parte da poboación. Son, por outra banda, medidas que non van permitir un repunte da economía, só están encamiñadas, e non nos cansaremos de repetilo, a derrota-los traballadores asalariados, para frea-la caída da taxa de ganancia. Coinciden ademais cos obxectivos de Alemaña, de defende-los intereses dos seus bancos, moi comprometidos pola situación do sector no estado español.
O PP segue a “tensa-la corda” esperando que non rompa, pero cada vez máis as mobilizacións son máis importantes e espontáneas, escapan das mans dos partidos e dos sindicatos maioritarios que ata o de agora, as mantiveron dentro do “marco adecuado”, para que fagan a función de válvula de escape, liberen frustración, pero non avancen cara a busca dunha alternativa ó sistema capitalista. Esta moi clara esta posición despois de asinar por parte de CCOO e UXT, o manifesto “En defensa do estado de benestar e os servizos públicos”, cando durante oito anos foron o sostén do PSOE que reduciu os orzamentos en sanidade e ensino, por exemplo, e en toda outra serie de servizos.
Cada vez se incorporan novos sectores a protesta, unhas veces dun xeito verbal, nas rúas outras, porque a suba do IVE e a brutal perda do poder adquisitivo do funcionariado e dos empregados públicos, de toda a poboación en xeral, así como a liberalización de horarios, condena, por exemplo, á pequena burguesía comercial a decadencia económica, peche de comercios, traballar moitas máis horas se non poden contratar e nunca poderán competir cas grandes áreas comerciais. As medidas tomadas en plenas rebaixas de verán, e as que van a afectar ás de fin de ano, producirán un grave deterioro económico a este sector da sociedade, que aínda que sexa momentaneamente, comeza a amosar tamén o seu malestar.
Funcionarios e empregados públicos, que non se mobilizaron a fondo cando se iniciaron as agresións contra os seus dereitos, o fan agora dun xeito moi importante.
Pero tamén as medidas afectan a sectores burgueses como poden ser as grandes cadeas de hoteis, distribucións culturais, editoriais, etc, que van ver mingua-los seus beneficios ca suba do IVE reducido.
Atopámonos pois no inicio dun novo proceso mobilizatorio, no que se precisa organización e obxectivos claros.
Sería necesario facer algunhas consideracións sobre este momento político; en primeiro lugar algo que veño subliñando desde hai un tempo; a carencia de lexitimidade do PP para tomar as medidas que está a tomar. A lexitimidade non a dan os votos, dáa o cumprimento das promesas electorais, o cumprimento do programa presentado na campaña electoral; ese é o contrato ca cidadanía; esta non lle entrega unha “carta branca” para que o partido gañador, con independencia da maioría acadada, neste caso o PP, faga o que lle veña en gana. Se lle vota para que cumpra, con lixeiras correccións, co programa que presentou e que someteu o debate de toda a sociedade. Pero o que está a face-lo PP, o que aproba venres tras venres nos consellos de ministros, é diametralmente oposto ó presentado na campaña. E se a situación é moi distinta á esperada, e que din descoñecer, argumento mentireiro que utilizan constantemente, tiñan a obriga de coñecela, para iso están nas institucións, e se pensan que o programa axeitado é o que están a aplicar, e que non lles permite ningunha outra opción, que convoquen novas eleccións e o presenten. Iso é o que faría un partido democrático. O que están a facer, ten moito que ver cun marco ditatorial, non ten xustificación algunha.
A segunda das apreciacións, e que se abre camiño cada vez máis, esta no ambiente despois do último debate parlamentar e ten moito que ver co discurso conciliador do PSOE, a proposta de pacto por parte do partido de Rosa Díez de UPeD e as editoriais que nos últimos tempos algúns dos máis importantes diarios e cadeas de radio do estado airean, é a necesidade, a esixencia, dunha especie de “acordo nacional”, para enfrontar estes graves momentos de crise global do proxecto burgués, dar confianza “os mercados”, a mesma cantinela de sempre, e lexitima-las políticas de agresión contra d@s traballador@s asalariad@s. Non esquezamos que a crise na estrutura económica tradúcese en crise na superestrutura política e de continuar por este camiño tamén se está a poñer en perigo o armazón institucional da transición, comezando pola propia monarquía que non está ó marxe.
Hai algúns anos, ó comezo da etapa actual da crise, analizamos no blog, a posibilidade de gobernos de concentración PSOE-PP, gobernaba o primeiro, como instrumento da oligarquía para levar adiante as agresións contra @s asalariad@s co menor custo para o sistema; o PP non aceptou ser acólito, posiblemente non estaban dadas as condicións obxectivas, e a nosa anticipación púidose analizar como un erro. Agora que a oligarquía ten un goberno de “maior confianza”, quizais sexa o momento para levar adiante a fórmula da “salvación nacional”, que só vai salvar os intereses duns poucos, pero que debe facilitar, por unha banda a aparición da alternativa e por outra clarexar con contundencia o panorama institucional do estado. De darse esta situación, dun apoio explícito do PSOE ás políticas lesivas do PP contra a grande maioría da poboación, que no fondo é a continuidade cas levadas a cabo nos seus oito anos de goberno, debíanse vir abaixo todos os acordos daquelas forzas que se reclaman da esquerda co PSOE, en Concellos, Comunidades Autónomas e Deputacións, o que deslindaría mellor o espazo no que se da a loita de clases.
De producirse esta situación, posiblemente o enfrontamento cas burguesías periféricas que teñen organización propia, en Cataluña e no País Vasco, sería moi importante pois un dos obxectivos do acordo vai ser rebaixa-los teitos competenciais das autonomías, reformar a estrutura do estado
A terceira é a sorpresiva aparición no panorama político de Julio Anguita, coordinador de IU, no momento en que esa forza actuaba como unha forza de esquerdas e acadou o maior número de votos e deputados. Primeiro foi nunha conferencia en Sabadell e mais tarde concretouse nunha especie de manifesto titulado “Somos maioría”. O que ven a dicir, é a necesidade de articular unha fronte cívica, onde el, volvería á política activa e actuaría como unha especie de “referente”; a súa postura supón unha crítica demoledora á organización na que milita, IU, pero nin no acto de Sabadell, nin no devandito manifesto, queda moi claro se a “fronte cívica” vai ser conxuntural, nin cal vai se-la súa expresión político -institucional; só expresa que nos primeiros tempos, non se vai presentar ás eleccións, sen apoiar a ninguén?, e máis tarde xa se verá. A súa posición expresa algo que moitos sectores de esquerdas afirman pero non concretan, organizarse a redor dun programa, pero ese programa ten que ser anticapitalista, digo eu, hoxe xa non son posibles os termos medios, nin os lavados de faciana do capitalismo. O asinado polos sindicatos máis arriba indicado, nas circunstancias actuais, de globalización e creación dunha UE ó servizo das oligarquías, non o permiten. O vello pacto entre a clase obreira e a socialdemocracia, ca traizón desta última e a modificación das circunstancias nas que se deu, fano imposible. Falan tamén no manifesto que aquelas forzas que se atopan na esquerda “están desbordadas”, refírese ó PCE e IU, habería que facer unha crítica das razóns, e expresa dun xeito idealista, que esta fronte cívica debe inducir a gobernar en beneficio da maioría, a quen?, ou as políticas actuais non son resultado da loita e da correlación das clases?; pensan que o PP ou o PSOE van gobernar doutro xeito se se lles preme?. Paréceme unha posición idealista, pero haberá que ver como se concreta.
A cuarta é que non nos debemos enganar, as medidas do PP tomadas ata o de hoxe son brutais, e seguirán neste camiño as que van vir; Grecia é o laboratorio, pero a loita dos mineiros do estado foi o catalizador desta loita que se da hoxe; o PP dentro dos seus incumprimentos programáticos non valorou suficientemente as consecuencias de enfrontarse a un sector da clase obreira politizado, combativo, organizado, que na memoria colectiva dos pobos do estado, segue a ser a vangarda de numerosa loitas. A resposta dada pola cidadanía a súa chegada a Madrid, foi moi importante e indicou o camiño; por iso a estulticia de Esperanza Aguirre cando lle preguntaron que lle parecía a mobilización de solidariedade; o que deixaba ver é o medo que a oligarquía ten a clase obreira con conciencia, organizada e con obxectivos e a súa capacidade para ser vangarda e aglutinar a todos cantos son agredidos polo capital.
Loitar e organizar, esa é a cuestión.

En Galicia no mes de xullo de 2012.

martes, 3 de julio de 2012

EFEMÉRIDES MES DE XULLO



Carlos Dafonte

Día 2.

1925. Nace Patríce Lumumba en Onulera, no territorio de Katako-Kombe, dirixente do proceso de independencia do Congo da Bélxica colonizadora. Non debemos esquecer que na Conferencia de Berlín celebrada en 1885, na que as potencias imperialistas se reparten África, o que hoxe coñecemos como República do Congo, se lle entrega como “finca persoal” ó rei belga Leopoldo II; unha superficie na conca do río Congo, superior a xuntar os territorios de Francia, Alemaña, Gran Bretaña, España e Italia, onde implanta unha política xenocida a base de postos militares e campos de traballos forzados, para a explotación dos numerosos recursos, que fai minguar en máis de dez millóns a súa poboación. Eufemisticamente chámalle “Congo Libre” O Congo era o principal subministrador mundial de caucho e numerosos minerais. Anos máis tarde, diante das denuncias internacionais, convértese en colonia belga.
Lumumba tivo unha educación autodidacta tras ser expulsado de varias escolas de misioneiros, onde destacou pola súa intelixencia.
Ata 1945 traballou nas oficinas dunha sociedade mineira en Kivu
En 1947 trasládase a antiga capital, Leopoldville, hoxe Kinshasa e máis tarde en Stanleyville, hoxe Kisangani, onde traballa como periodista. En 1955 traballa na central de correos, sendo detido por organizar un sindicato de traballadores. A súa actividade político-social a orienta en principio á creación de movementos sociais con ideais igualitarios, unha especie de comunismo africano, e o antiimperialismo.
En 1957, unha vez liberado da cárcere, entra en contacto con grupos independentistas e crea en 1958 o Movemento Nacional Congoleño, primeiro partido que abrangue todo o territorio, ca idea de supera-las diferencias tribais e crear un estado nacional. A finais de 1959 é detido por encabezar protestas contra a situación de colonización, sendo xulgado e condenado en xaneiro de 1960. A enorme presión popular obriga ós belgas a liberalo para presentarse ás eleccións que se celebraban no mes de maio, que gaña a súa organización.
A partires dese momento iníciase o proceso para desprazalo do poder e facelo desaparecer, onde xogan importantes papeis os EEUU e Bélxica; o primeiro a traveso dun axente sinistro e sanguinario da CIA, Frank Carlucci, que en tempos de Bush pai, sería nomeado secretario de defensa e director adxunto da CIA; naquel entón era segundo oficial na embaixada americana en Leopolville.
Non debemos esquecer que as condicións para a independencia foron leoninas; os belgas impuxeron unha constitución e obrigaron o novo país independente, a facerse cargo da débeda de Bélxica. Ademais as riquezas do pais estaban en mans estranxeiras, servizos, finanzas, empresas mineiras e da madeira, o exército.
A campaña na prensa internacional contra Lumumba e o seu goberno foi enorme, acúsano de comunista, de sementa-lo caos en África e tentar entregar á URSS todas as riquezas do Congo ata ese momento en mans belgas e estadounidenses. A secesión de Katanga, o proceso de africanización do estado e a intervención da ONU, que traizoa a Lumumba que solicitara a súa axuda, e o último recurso de pedir axuda a URSS, desencadean o golpe de Mobuto, a detención e tortura de Lumumba e algúns dos seus compañeiros de goberno e o fusilamento nun lugar secreto de Katanga, o 17 de xaneiro de 1961 en presenza de tropas belgas. Pero o pobo do Congo non o esqueceu e a presión popular obrigou ó ditador a nomealo, algúns anos máis tarde, “heroe nacional”.

1949. Morre en Moscova Jorge Dimitrov, Secretario Xeral da Komitern ata a súa disolución en 1943 e primeiro presidente de Bulgaria tra-la súa constitución como república popular.

Día 3.

1921. Iº Congreso Internacional dos Sindicatos Revolucionarios. Asisten en Moscova 380 delegados en representación de 41 países e cerca de 17 millóns de traballadores. Acordan crea-la Internacional Sindical Vermella. A iniciativa xorde dentro do IIIº Congreso da Internacional Comunista. En principio existe un pacto entre comunistas e anarcosindicalistas para configura-la nova organización, pero pouco a pouco os segundos se van desvinculando. Celebrou un total de cinco congresos. A súa disolución en 1937 ten moito que ver ca política de frontes populares que se pula desde a Internacional Comunista. O maior sindicato do estado español, a CNT envía unha delegación a este primeiro congreso formada por, Hilari Arlandís, Jesús Ibañez, Joaquim Maurin, Andreu Nin e Gastón Leval. O seu secretariado formouse con Andreu Nin e os rusos Mijail Tomski e Alexei Losowsky que foi o seu secretario xeral desde a súa fundación, ata a súa disolución e 1937.

Día 5.

1857. Nace Clara Eissner, máis coñecida como Clara Zetkin.(Ver efemérides de xuño).

1962. Independencia de Arxelia despois de 8 anos de loita de liberación contra os colonialistas franceses, que conquistaran o territorio en 1830. A dirección da loita correspondeulle á Fronte de Liberación Nacional constituída por diferentes tendencias do panorama político arxelino, fundado en 1944.
Un paso previo foron os acordos de Evian asinados pola FLN e o goberno francés o 18 de marzo de 1962, que establecía o alto o fogo e un referendo de autodeterminación. A sublevación do pobo arxelino iníciase en novembro de 1954 e custoulle máis de un millón e medio de mortos, polos métodos salvaxes empregados polo exército colonial e os franceses establecidos no territorio. Pola súa violencia, e como antecedente da loita de liberación nacional, destaca a xornada do 8 de maio de 1945, cando unha serie de manifestacións en toda Arxelia, se salda con máis de 45.000 asasinados polo Exército, a Lexión Francesa e as milicias dos colonos.

Día 14.

1896. Nace en León, Buenaventura Durrutti Domange, loitador obreiro anarquista, nunha familia numerosa, eran oito irmáns, e de pai ferroviario sindicado na UXT e represariado despois da folga de curtidores de 1903, a favor da xornada laboral de dez horas. Buenaventura desde moi novo amosou a súa rebeldía, negándose, ós 12 anos a participar na catequese e en calquera outra celebración católica. Ós 14 anos abandona os estudos e traballa de mecánico cun socialista Melchor Martinez, que lle ensina o oficio e os principios do socialismo; máis tarde especialízase na mecánica de lavadoras de mineral.
Afiliouse a UXT e foi expulsado do sindicato pola súa actitude violenta na folga xeral revolucionaria de 1917, queimando locomotoras e levantando o tendido ferroviario e tivo que exiliarse en Francia onde permanece ata 1919. Cruza clandestinamente a fronteira o 1 de xaneiro e dirixiuse a Asturias, onde afilíase o sindicato anarcosindicalista CNT, mentres traballaba na minería . Coñece a Manuel Buenacasa, teórico do anarquismo en San Sebastián, onde é xulgado por activista e desertor; evádese da prisión en xullo. En Euskadi xunto cos anarquistas Suberviola, Del Campo, Albaldetrechu e Ruiz, forman un grupo de acción directa, chamado “Os xusticeiros” que actúa en Guipuzkoa e Aragón, coa finalidade de castigar a todos quen atentasen contra os intereses dos traballadores; unha das súas primeiras vítimas e o arcebispo de Zaragoza Juan Soldevilla e Romero; logrou escapar a Francia cando planeaba o axustizamento do rei Afonso XIII nunha visita a San Sebastián. É nesta época cando teoriza a revolución social baseada no golpe de estado insurreccional a cargo de pequenos grupos de activistas que atentan contra as institucións do estado. De volta a Cataluña, organiza xunto con outros compañeiros, o camareiro Francisco Ascaso, García Oliver, Ricardo Sanz e Manuel Torres, un grupo de acción directa que se identifica con distintos nomes, primeiro “Crisol”, e máis tarde “Os solidarios”, grupo que se enfronta as bandas de pistoleiros organizados pola patronal catalá para facer fronte o pulo organizativo e mobilizatorio do movemento obreiro, apoiados pola violencia desatada polo gobernador o xeral Martinez Anido.
Grupo ó que tamén se lle atribúe a morte do gobernador de Biscaia ou a complicidade no do presidente do Consello de Ministros, Eduardo Dato, así como o do verdugo da Territorial de Barcelona.
Nun atraco realizado nun banco de Xixón foi detido Francisco Ascaso, liberado poucos días máis tarde por Durrutti e outros compoñentes do grupo, Teodoro Arrete e Gregorio Suberviola. Despois do fracaso do levantamento anarquista de 1924 contra a ditadura de Primo de Rivera, marcha para América, primeiro Cuba, onde formará un grupo coñecido como “Os errantes” que asasinan o propietario dunha facenda de caña de azucre que mantiña na escravitude ós traballadores e un capataz, distinguido pola súa crueldade; máis tarde México, Arxentina, Chile, Uruguai, Perú, acompañado de Gregorio Jover e Francisco Ascaso, onde asaltarán bancos poñendo en práctica o “anarquismo expropiador”para axudar a agrupacións anarquistas. De volta pasan por Inglaterra e máis tarde aséntase en París onde coñeceu a Sebastián Faure, anarquista francés fundador de “L'Axitación” e “Le Libertaire”. Cos cartos que traia de América e o apoio de Faure, fundou a “Enciclopedia Anarquista” e con Voline, Pedro Archinof e Néstor Mackno puxo en funcionamento “A Libraria Internacional”. Acusado de preparar a secuestro do rei Afonso XIII é detido en Francia; despois dunha campaña internacional son liberados e marcha a Alemaña; en 1929 atópase en Bélxica.
Ca proclamación da IIª República, se instala en Barcelona adicado a pula-la Federación Anarquista Ibérica (FAI), creada en 1927. Oposto á consolidación da república burguesa parlamentar, participou moi activamente nas revoltas anarquistas de 1932 e 1933 e na fracasada revolución de outubro de 1934. As autoridades o deportan a Guinea e Canarias. En 1936 apoiou a participación do anarquismo nas elección do 12 de febreiro de 1936, contribuíndo ó trunfo da Fronte Popular, alianza do republicanismo progresista, socialistas e comunistas. Xogou un papel moi importante na resistencia e a derrota da asonada militar fascista en Barcelona o 19 de xullo, e cunha columna de milician@s anarquistas, avanza por Aragón para reconquistar Zaragoza, o tempo que inicia a experiencia do colectivismo nos territorios que vai ocupando. Despois de fracasar no intento de tomar Zaragoza, marcha cara a Madrid para reforza-la defensa da capital, ameazada por diferentes columnas de fascistas que converxen sobre ela. Morre o 20 de novembro alcanzado, o día anterior, por un disparo na cidade universitaria.

Día 10.

1921. Fundación do Partido Comunista de China.
Desde mediados do século XIX, nos tempos da chamada guerra do opio e da intervención imperialista, na sociedade china máis avanzada social e politicamente, foron aparecendo as que podemos subliñar como tres estratexias que podemos resumir, con todas as dificultades por tratarse dunha sociedade moi complexa e bastante hermética para os europeos, sobre como enfrontarse a esta intervención das potencias europeas: Nunha primeira, que podemos denominar como de nacionalismo tradicionalista, os intelectuais e políticos chinos, aínda recoñecéndolle a occidente certa superioridade técnica, en descubrimentos con fines utilitarios, considerábase os principios morais e políticos da sociedade china, como moi superiores dos accidentais; unha segunda consideraba a imposibilidade de utiliza-la tecnoloxía occidental por parte da sociedade tradicional china, e de resisti-la presión militar e económica de occidente, polo que afirmaban a necesidade de substituír todo o chino polo occidental; unha terceira, que vai cabalgando moitas veces xunto as outras, pódese denominar de “nacionalismo revolucionario” que tenta apropiarse dalgunhas cuestións de occidente para loitar contra occidente.
Os dous pais fundadores do Partido Comunista Chino, Chen Du-Xiu e Li Ta -Chau, encarnan dúas destas tendencias, e van polemizar en diversos medios, nos anos 1914-15, antes de achegarse ambos ó leninismo, aínda que por diferentes razóns; Chen partidario da occidentalización e Li, do nacionalismo revolucionario. A todo isto debemos engadir, que a chegada dun europeo ó marxismo o fai a traveso de todo un proceso de “culturización”, ata para os analfabetos, que percorre a filosofía occidental desde Grecia ata Hegel, caso distinto o dos chinos que a súas bases filosóficas están no confucionismo, o taoismo ou budismo.
Pero estes dous homes van ter desde os anos da polémica, unha evolución acelerada, fundamentalmente pola posición dos xaponeses e as súas reclamacións sobre China; as dos vencedores da guerra mundial que non lle devolven a China as posesións alemás no territorio e llas entregan a Xapón, e a revolución bolxevique de outubro en Rusia.
Chen, decano da universidade de Pekin e director da revista reformista “Nova mocidade” e Li bibliotecario da mesma Universidade, forma un grupo de estudos de marxismo no que se incorpora Mao Zedong, que traballaba na biblioteca. En 1919 Chen e Li editan unha revista adicada ó marxismo e se van formando grupos de mozos o redor do estudo do mesmo, cos que contactan en 1921 os dous enviados por Lenin, Grigori Votinski e Yang Ming Zhai, chino nacido en Siberia.
Sobre a fundación do PC, se dan dúas datas como fundacionais, na primeira, o día 10, un grupo de delegados elixen a Chen Du Xiu secretario xeral en Sanghai e a segunda o 23 do mesmo mes, na mesma cidade, onde doce delegados, entre os que se encontraba Mao, celebran o Iº Congreso e elaboran os estatutos do partido.

Día 12.

1921. Finaliza o IIIº Congreso da Internacional Comunista (Ver efemérides de xuño)

Día 17.

1917. Primeira manifestación de masas dos obreiros de Turín, desde o comezo da participación de Italia na primeira guerra mundial. A noticia da caída do tsar fora acollida na cidade con enorme alegría, pero os traballadores turineses non se deixaron enganar pola fraseoloxía demagóxica do goberno provisorio ruso, nin pola prensa italiana que atacaba a Lenin e ós bolxeviques, despois dos acontecementos dos primeiros días de xullo. Os dous representantes do soviet de Petrogrado, dominado polos menxeviques e socialistas revolucionarios, Smirnov e Goldenberg, foron recibidos por máis de 50.000 traballadores ó berro de ¡Viva Lenin!, ¡Vivan os bolxeviques!. Esta mobilización marcou o inicio dunha nova fase do proletariado turinés.

1928. Inicio do VI Congreso da Internacional Comunista, en Moscova. Participan 523 delegados de 58 organizacións das 66 que estaban adscritas, con máis de catro millóns de afiliados.
Pasaran catro anos desde o anterior Congreso o que provocou críticas diante desta situación que furtaba a discusión, así como tamén pola derrota dos comunistas chinos en Sanghai en 1927, a mans dos nacionalistas do Kuomitang; derrota atribuída a unha estratexia e táctica equivocadas impulsadas desde o Comité Executivo da Internacional, cada vez máis dominado por Stalin. O ano anterior fora expulsada do PCUS e da Internacional a Oposición Unitaria. O Congreso foi presidido por Bujarin que foi quen caracterizou o período que se abría, como o “terceiro período”, caracterizado pola radicalización das masas, o ascenso da loita revolucionaria e polo tanto, “o rexeite de toda alianza cos reformistas”.
Neste Congreso destacan as propostas de “clase contra clase”, para poñer fin o proceso de traballo dos comunistas nos sindicatos dominados pola socialdemocracia, creando “sindicatos vermellos” e a loita contra o que se cualificou como “social-fascismo”, a equiparación da socialdemocracia a un “fascismo brando”, o que rachou cas Frontes Únicas, puladas por Lenin, como xeito de opoñerse o avance do fascismo e do nazismo. En verbas de Stalin, “ a socialdemocracia é obxectivamente a á moderada do fascismo(...) Eles non son antípodas, son xemelgos”. Houbo algunhas voces disidentes como as de Togliatti ou Tasca, pero que van calar a partires do X Pleno do Executivo que se inicia en xullo de 1929, onde se vai concretar máis polo miúdo, todo o aprobado no Congreso do ano anterior.

Día 18.

1918. Nace Nelson Rolihlahla Mandela en Umtata, entonces capital do chamado territorio do Transkei, fillo dun xefe tribal lider dos Tembu. O seu nome Rolihlahla tradúcese na lingua xosha, como “o que tira das ramas” ou “alborotador”. Foi a escola de misioneiros británicos e estudou dereito na Universidade de Fort Hare. Cando tiña 23 anos conseguiu un traballo nun estudo xurídico de Johannesburgo e en 1944 ingresou no Congreso Nacional Africano (ANC) un movemento de loita contra a segregación racial. Mandela foi un dos dirixentes da Liga da Mocidade, dentro do ANC, que se converteu no grupo dominante dentro do mesmo. Organizaron numerosas campañas, unha vez que en 1948 chegou ó poder o Partido Nacional e institucionalizou o réxime do “apartheid”, sobre todo nos anos 1951-52 nos que presidiu a Liga. En 1952, pasou a presidi-lo ANC do Transvaal e foi confinado en Johannesburgo, onde creou o primeiro despacho de avogados negros de Suráfrica. En 1955 promoveu a “Carta da Liberdade”, onde se plasmaba o seu pensamento de carácter socialista, a creación dun estado multirracial, igualitario, reparto da riqueza, reforma agraria e un sistema democrático burgués.
En 1956 o réxime racista chegou a culminación do seu proxecto, ca creación de sete “bantustanes”, especie de “reservas”, onde confina-la maioría negra. O ANC comezou unha campaña contra estas medidas e as leis racistas e a maioría dos seus dirixentes foron detidos, entre eles Mandela que foi liberado por falla de probas en 1961; perante o xuízo produciuse a “matanza de Shapherville”, en 1960, o que leva o ANC a replantearse os métodos de loita e inclinarse pola creación dun corpo armado, Umkhonto we Sizwe (Lanza da Nación), que dirixe Mandela; a súa estratexia orientouse a atacar instalacións de importancia económica ou simbólica, excluíndo os atentados contra vidas humanas.
En 1962 é capturado, sometido a xuízo e condenado a cinco anos de cárcere; nun xuízo posterior contra os líderes da Lanza da Nación, en 1964, o condenan a cadea perpetua; tiña 46 anos cando foi levado a illa Robben onde pasou 27 anos e se converteu no símbolo mundial da loita contra o réxime do “apartheid”. Nese mesmo ano é nomeado presidente do ANC.
O longo dos 27 anos, rexeitou todo tipo de amaño co réxime, liberado en 1990, grazas a presión internacional e as mobilizacións no país, foi unha figura clave nas negociacións para establecer un réxime democrático-burgués en Suráfrica. Recibiu o premio Nóbel da paz e en 1994 foi elixido presidente do seu país nas primeiras eleccións onde votou a maioría negra. 18 anos despois deste acontecemento, a maioría negra de Suráfrica seguen a vivir marxinados economicamente, unha grande parte na miseria e as fontes de riqueza, que son moitas, nas mans da minoría branca e de empresas multinacionais.

1936. Sublevación militar, de carácter fascista, contra a IIª República española. A sublevación do exército en Marrocos do día 17 esténdese o 18 a numerosas gornicións da península, diante da pasividade do goberno que se negou a entregar armas os/as traballadores e traballadoras e a dimisión do presidente do Consello de Ministros, Santiago Casares Quiroga. A firme determinación da maioría do pobo conseguiu, a pesares de todo, derrota-lo golpe militar en numerosos zonas da península converténdose, o que os militares pensaban que ía a ser unha fácil tarefa, nunha guerra civil que durou ata 1939 e que gañaron grazas á axuda prestada polo Alemaña nazi, coa lexión Cóndor e a Italia fascista, cos máis de 60.000 combatentes do CTV, un corpo de élite, e a postura mesquiña das “democracias” europeas, que se arrexuntaron no “comité de non intervención”, para non molestar a Hitler. As zonas agrarias máis atrasadas política e socialmente, algunhas cidades como Zaragoza e Pamplona e da Andalucía do Guadalquivir, Sevilla, foi onde o golpe fascista tivo éxito; nas zonas industriais e nas grandes aglomeracións urbanas, onde a legalidade republicana, derrotou a intentona.
A oligarquía financeiro -terratenente e a Igrexa Católica foron dous elementos básicos de apoio ós militares golpistas, aportándolles cartos e cobertura ideolóxica. Desde o primeiros momentos da proclamación da república en 1931, a clase dominante iniciou os preparativos do golpe, que tivo un primeiro intento co xeral Sanjurjo en 1932. Despois do trunfo da Fronte Popular o 12 de febreiro de 1936, reinícianse os preparativos, cando a burguesía e as súas diferentes fraccións, decátanse que por medios democráticos teñen moi difícil controla-las institucións do estado e o perigo real de que se produciran cambios que beneficiaran á maioría da poboación.

Día 19.

1920. Comeza en Petrogrado, o IIº Congreso da Internacional Comunista; máis tarde trasládase a Moscova, onde finaliza o 7 de agosto.
Funcionaron seis comisións para realiza-los traballos: Sindicalismo, Parlamentaria, Agraria, Problemas da Internacional, Cuestiones nacionais e coloniais e Condicións de admisión á Internacional. Destaca por tres aspectos salientables, en primeiro lugar establécense as condición para pertencer á IIIª Internacional e evitar así a entrada de numerosos reformistas e oportunistas, que estaban dispostos a facelo; en segundo a loita contra o esquerdismo e en terceiro establecer un réxime interno, distinto do da IIª Internacional que permitía a autonomía de cada partido e polo tanto que tiveran actuacións opostas, fronte acontecementos da loita de clases.
As condicións para integrarse na Internacional Comunista, primeiro foron 8, despois 18 e ó final quedaron en 21, das que fago un resume:
1.A propaganda e a axitación deben ter perfil comunista; 2. Substitución de cargos no movemento obreiro, no que os reformistas, incluso se son cadros experimentados, deben ser subtituídos por militantes comunistas aínda que sexan militantes de base; 3. A acción legal debe combinarse por todas partes, coa acción ilegal; 4. Propaganda das ideas comunistas no exército; 5. Propaganda e axitación no campo polos obreiros comunistas; 6. Denuncia do socialpatriotismo e do socialpacifismo; 7. Creba completa cos reformistas; 8. Apoio con feitos a todo movemento emancipador nas colonias; 9. Formación de núcleos comunistas, subordinados ó partido, nos sindicatos; 10. Combater á Internacional Sindical de Amsterdam; 11. Depurala fracción parlamentar; 12. Establece-la organización dos partidos comunistas sobre a base dunha “centralización democrática”, mediante unha “disciplina férrea”; 13. Depuración periódica dos elementos pequenoburgueses nos partidos comunistas legais; 14. Apoio incondicional ás repúblicas soviéticas na súa loita contra a contrarrevolución; 15. Establecer un programa comunista adaptado ás condicións de cada país; 16. Recoñece-lo carácter obrigatorio das decisións da Internacional Comunista; 17. Denominar como partidos comunistas ás organizacións; 18. Publicar en todos os órganos de prensa de cada partido, todas as decisións do Comité Executivo da Internacional Comunista; 19. Convocar un congreso, dentro dos catro meses da finalización do IIº Congreso da Internacional, para debate-las condicións de admisión; 20. Elixir en cada partido un novo Comité Central no que polo menos as dúas terceiras partes dos seus membros deben ser, con anterioridade comunistas; 21. Desbotar do partido a tod@s cant@s rexeiten as condicións de admisión.
Respecto á loita contra o esquerdismo, era unha realidade que moitos partidos comunistas que naceran eses anos, o italiano, o inglés, etc, tiñan tendencias sectarias e ultraesquerdistas, se viron afectados por esa enfermidade “infantil” como a denominou Lenin. Un caso destacado foi o do partido alemá, afectado pola derrota do ano 1919, os asasinatos de Rosa Luxembrurgo e Karl Liebknecht e a traizón da vella socialdemocracia. Os puntos fundamentais que defendían os “esquerdistas” eran o rexeite a todo traballo paciente nas organizacións de masas e coller todo tipo de atallos organizativos, lanzando “ultimatums” ós traballadores desde a periferia do movemento. Declarábanse contrarios a participar nas contendas electorais, fosen cales fosen as circunstancias e afirmaban a necesidade de abandoa-los sindicatos de masas e organizar “sindicatos vermellos”. As súas posicións reflectían a impaciencia e a inexperiencia e estaban cheas de posicións anarquistas.
Houbo un grande debate sobre as súas posicións e Lenin e Trotski, como un grande número de dirixentes bolxeviques esforzáronse por clarifica-los problemas. Como resposta a estas posicións Lenin redactou a súa obra “A enfermidade do esquerdismo no comunismo”. Trotski redactou o Manifesto do Congreso, onde se subliñaban os principios da estratexia marxista, contra a política “ultraesquerdista” e sectaria.


1979. Trunfo da Fronte Sandinista de Liberación Nacional en Nicaragua. O ditador Somoza, monicreque dos EEUU, abandona o pais. A partires dese momento os imperialistas inician unha campaña para afogar o proceso revolucionario, bloqueando os portos e o comercio, financiando con armas e cartos os compoñentes da Garda Nacional, principal corpo armado no que se apoiou a ditadura, que escaparan cara a Honduras, e contrarrevolucionarios de diversos países, para organizar grupos que penetraban no territorio nicaragüense para cometer asasinatos, destruir colleitas e instalacións de todo tipo; coñecíaselles como “a contra”. A súa existencia obrigou ó poder revolucionario a gastar enormes cantidades en armamento, e manter un exército moi numeroso, non permitindo aumenta-los gastos sociais. Dentro da dinámica das “guerras de baixa intensidade”, que os EEUU levan a cabo contra poderes de carácter revolucionario, a operación “Irán -Contra”, para subministrar armas iranís á “contra nicaraguense” mediante avións da mafia, que en pago polos servizos, introducían despois droga en EEUU, foi un feito escandaloso que ocupou as primeiras planas dos periódicos do mundo. Pois ben, ó creador deste “programa” Oliver North, foi considerado polo presidente Regan, “loitador polas liberdades”.

Día 21.

1921. Sucesos de Sarzana, na Toscana italiana; despois de moitos meses de violencia fascista por toda Italia, levada a cabo ca complicidade de autoridades locais e estatais, concéntranse na estación desta vila, máis de cincocentos fascistas armados, chegados de Florencia, Pisa, Lucca e Viareggio, baixo o mando de Amerigo Dumini, que anos máis tarde asasinará o deputado socialista Matteoti. O seu obxectivo era realizar unha “operación de castigo” contra a vila, onde era moi forte o “arditi do popolo”, grupos de autodefensa contra o fascismo, e liberar a un xefe fascista, Renato Ticci que se atopaba custodiado polas autoridades pois temían pola súa seguridade; se van a enfrontar a oito milicianos e tres soldados, nun incidente que amosa a febleza do fascismo se non contaba ca complicidade das autoridades; diante da firmeza da forza pública non deixando que actuasen, prodúcense disparos e os fascistas, acostumados a enfrontarse a xente desarmada e apoiados polas institucións do estado, o enfrontarse a este, foxen en desbandada, o que é aproveitado polos veciños e campesiños dos arredores para perseguilos, colgar a algúns das árbores e afogar a outros nas marismas. Grazas a intervención da forza pública, que os defendeu da ira do pobo, non se converteu nunha masacre maior. Pero os sucesos de Sarzana son importantes pois levan á dirección do Fascio a comprender, que sen axuda do estado, como era o habitual, as accións dos “grupos de combatimento” contra o pobo, tiñan serias limitacións, polo que van a acelerar as accións para a toma do poder. Asinarán cos socialistas un “pacto de non agresión” en Roma o día 2 de agosto, ca intención tamén, por parte dos socialistas de illa-lo Partido Comunista que nacera como tal a principios de ano e era, xunto ós anarquistas, os máis activos na loita contra a violencia fascista.


Día 25.

1867. Aparece a primeira edición do primeiro tomo de “O Capital” de Carlos Marx. En Hamburgo, posiblemente unha das obras que máis ten influído e que máis debate ten producido ata a actualidade. A obsesión científica de Marx levouno a corrixila constantemente; así na edición de 1873, o capítulo I estaba corrixido.
Ata despois da súa morte non se editan os outros dous tomos, grazas a un importante traballo de Federico Engels, en 1885 e 1894, respectivamente.
Neste primeiro tomo explícanse polo miúdo dúas cuestións moi importantes no sistema capitalista, a explotación do obreiro polo patrón e as tendencias do sistema ás crises e a miseria dos explotados. O tomo I, divídese en sete seccións: 1. Mercadoría e diñeiro, 2. A transformación do diñeiro en capital, 3. Produción de “plusvalor” absoluto, 4. Produción de “plusvalor” relativo, 5. Produción de “plusvalor absoluto e relativo”, 6. O salario, 7. O proceso de acumulación de capital.


Día 26.

1953. Asalto ó Cuartel Moncada da cidade de Santiago, por parte dun grupo de revolucionarios cubanos, opositores á ditadura de Fulgencio Batista, autor dun golpe de estado o 10 de marzo de 1952, co apoio da CIA norteamericana. Escolleron ese día por cumprirse o centenario do nacemento de José Martí.
Eran días de Carnaval na cidade de Santiago, cando o grupo da xuventude do Partido Ortodoxo, fundado por Eduardo Chibás en 1947, comandado por Fidel Castro atacou a fortaleza. Aínda que fracasou, o asalto marcou un fito o desligarse da política tradicional e proclamando a necesidade de cambios estruturais fondos. De trunfar, faríase un chamado a paraliza-lo país.
Na pequena granxa Siboney, se concentraron os homes e as armas que participaron no asalto. Foron aproximadamente 135, os mozos e mozas que participaron neste intento, mentres outro grupo de 28, tentaba en Bayamo facerse co control do cuartel Carlos Manuel Céspedes. No operativo do Moncada, Raúl Castro e Abel Santamaría tomaron os edificios anexos ó cuartel, pero o grupo comandado por Fidel fracasou por circunstancias imprevistas. Despois de dúas horas de combate, tentaron levar adiante o plan previsto en caso de fracasar, internarse na Serra Mestra para continua-lo combate, pero unha grande parte foron detidos e asasinados impunemente despois de ser torturados, un grupo conseguiu fuxi-lo estranxeiro e días máis tarde, o 1 de agosto, foi detido Fidel e algúns compañeiros, que salvaron a vida grazas a actitude do tenente Sarría, que negouse a entregalos ós seus superiores e levounos ós tribunais. A defensa de Fidel Castro, no xuízo posterior, é a famosa alegación “A historia me absolverá”. Aínda que non saíran vitoriosos, foi unha vitoria política, xa que foi sementeira dun movemento moi poderoso, capaz de levar adiante unha loita no campo e nas cidades, que acadou o poder o 1 de xaneiro de 1959.

Día 27.

1934. Pacto antifascista entre o Partido Comunista Francés e a SFIO (Sección Francesa da Internacional Obreira, socialista). Desde principios de ano, Francia vive convulsionada polas consecuencias da crise económica, enorme taxa de paro, o avance e accións violentas das forzas fascistas, Acción Francesa, Cruz de Lume, Liga dos Patriotas, que se amotinan o 6 de febreiro co resultado de dezasete mortos e 1500 feridos; todo nun clima de división entre socialistas e comunistas. Como resposta á provocación fascista, o PCF leva a cabo unha manifestación o día 9 e acorda apoiar a mobilización de folga e manifestacións convocada pola CGT e a SFIO do día 12. Nun momento da xornada as dúas manifestacións, a comunista e a socialista, fusiónanse ós berros de ¡unidade!, o que da pé ó compromiso político que se pecha o día 27 de xullo, que lles permite, entre outras aspectos, participar xuntos nas eleccións cantonais do mes de outubro. Pódese considerar o antecedente da Fronte Popular, do ano 1936 asinado polo PCF, a SFIO e o Partido Radical.

Día 31.

1922. Inicio da folga xeral en Italia para poñer freo a violencia fascista, que ca complicidade de determinadas institucións, monarquía, goberno, xudicatura, exército, carabinieri, garda real, etc, lanzáranse a unha campaña de asalto ás cidades dominadas pola esquerda. Cunha concentración previa de centos ou miles de fascistas, entraban nas cidades, queimaban as sedes dos partidos, dos sindicatos e asaltaban as casas dos concellos, golpeando e as veces matando a quen foran elixidos democraticamente, e formaban un novo concello cos seus seguidores; cando os barrios obreiros repelían as agresións, e veíanse incapaces de dobrega-la resistencia popular, interviñan as forzas de “orden público” a favor dos agresores e en contra dos que denominaban “subversivos”. A folga convocouse tarde, mal e o fascismo xa tiña gañadas importantes posicións, polo que fracasou.

1963. Uruguay. Asalto ó “Tiro Suizo” en Nueva Helvecia, departamento de Colonia, para requisar armamento, na que se considera a primeira acción do núcleo, do que máis tarde se constituiría como o Movemento de Liberación Nacional Tupamaros.