A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 16 de julio de 2012

UNHA NOVA VOLTA DE TORCA DUN GOBERNO SEN LEXITIMIDADE



Carlos Dafonte

As últimas medidas do goberno do PP, aumento dos impostos indirectos (IVE), restrinxi-lo seguro de paro a quen máis sofre a crise, quitarlle a paga de fin de ano ós funcionarios, etc, están a conseguir apreciables movementos de oposición, dunha grande parte da poboación. Son, por outra banda, medidas que non van permitir un repunte da economía, só están encamiñadas, e non nos cansaremos de repetilo, a derrota-los traballadores asalariados, para frea-la caída da taxa de ganancia. Coinciden ademais cos obxectivos de Alemaña, de defende-los intereses dos seus bancos, moi comprometidos pola situación do sector no estado español.
O PP segue a “tensa-la corda” esperando que non rompa, pero cada vez máis as mobilizacións son máis importantes e espontáneas, escapan das mans dos partidos e dos sindicatos maioritarios que ata o de agora, as mantiveron dentro do “marco adecuado”, para que fagan a función de válvula de escape, liberen frustración, pero non avancen cara a busca dunha alternativa ó sistema capitalista. Esta moi clara esta posición despois de asinar por parte de CCOO e UXT, o manifesto “En defensa do estado de benestar e os servizos públicos”, cando durante oito anos foron o sostén do PSOE que reduciu os orzamentos en sanidade e ensino, por exemplo, e en toda outra serie de servizos.
Cada vez se incorporan novos sectores a protesta, unhas veces dun xeito verbal, nas rúas outras, porque a suba do IVE e a brutal perda do poder adquisitivo do funcionariado e dos empregados públicos, de toda a poboación en xeral, así como a liberalización de horarios, condena, por exemplo, á pequena burguesía comercial a decadencia económica, peche de comercios, traballar moitas máis horas se non poden contratar e nunca poderán competir cas grandes áreas comerciais. As medidas tomadas en plenas rebaixas de verán, e as que van a afectar ás de fin de ano, producirán un grave deterioro económico a este sector da sociedade, que aínda que sexa momentaneamente, comeza a amosar tamén o seu malestar.
Funcionarios e empregados públicos, que non se mobilizaron a fondo cando se iniciaron as agresións contra os seus dereitos, o fan agora dun xeito moi importante.
Pero tamén as medidas afectan a sectores burgueses como poden ser as grandes cadeas de hoteis, distribucións culturais, editoriais, etc, que van ver mingua-los seus beneficios ca suba do IVE reducido.
Atopámonos pois no inicio dun novo proceso mobilizatorio, no que se precisa organización e obxectivos claros.
Sería necesario facer algunhas consideracións sobre este momento político; en primeiro lugar algo que veño subliñando desde hai un tempo; a carencia de lexitimidade do PP para tomar as medidas que está a tomar. A lexitimidade non a dan os votos, dáa o cumprimento das promesas electorais, o cumprimento do programa presentado na campaña electoral; ese é o contrato ca cidadanía; esta non lle entrega unha “carta branca” para que o partido gañador, con independencia da maioría acadada, neste caso o PP, faga o que lle veña en gana. Se lle vota para que cumpra, con lixeiras correccións, co programa que presentou e que someteu o debate de toda a sociedade. Pero o que está a face-lo PP, o que aproba venres tras venres nos consellos de ministros, é diametralmente oposto ó presentado na campaña. E se a situación é moi distinta á esperada, e que din descoñecer, argumento mentireiro que utilizan constantemente, tiñan a obriga de coñecela, para iso están nas institucións, e se pensan que o programa axeitado é o que están a aplicar, e que non lles permite ningunha outra opción, que convoquen novas eleccións e o presenten. Iso é o que faría un partido democrático. O que están a facer, ten moito que ver cun marco ditatorial, non ten xustificación algunha.
A segunda das apreciacións, e que se abre camiño cada vez máis, esta no ambiente despois do último debate parlamentar e ten moito que ver co discurso conciliador do PSOE, a proposta de pacto por parte do partido de Rosa Díez de UPeD e as editoriais que nos últimos tempos algúns dos máis importantes diarios e cadeas de radio do estado airean, é a necesidade, a esixencia, dunha especie de “acordo nacional”, para enfrontar estes graves momentos de crise global do proxecto burgués, dar confianza “os mercados”, a mesma cantinela de sempre, e lexitima-las políticas de agresión contra d@s traballador@s asalariad@s. Non esquezamos que a crise na estrutura económica tradúcese en crise na superestrutura política e de continuar por este camiño tamén se está a poñer en perigo o armazón institucional da transición, comezando pola propia monarquía que non está ó marxe.
Hai algúns anos, ó comezo da etapa actual da crise, analizamos no blog, a posibilidade de gobernos de concentración PSOE-PP, gobernaba o primeiro, como instrumento da oligarquía para levar adiante as agresións contra @s asalariad@s co menor custo para o sistema; o PP non aceptou ser acólito, posiblemente non estaban dadas as condicións obxectivas, e a nosa anticipación púidose analizar como un erro. Agora que a oligarquía ten un goberno de “maior confianza”, quizais sexa o momento para levar adiante a fórmula da “salvación nacional”, que só vai salvar os intereses duns poucos, pero que debe facilitar, por unha banda a aparición da alternativa e por outra clarexar con contundencia o panorama institucional do estado. De darse esta situación, dun apoio explícito do PSOE ás políticas lesivas do PP contra a grande maioría da poboación, que no fondo é a continuidade cas levadas a cabo nos seus oito anos de goberno, debíanse vir abaixo todos os acordos daquelas forzas que se reclaman da esquerda co PSOE, en Concellos, Comunidades Autónomas e Deputacións, o que deslindaría mellor o espazo no que se da a loita de clases.
De producirse esta situación, posiblemente o enfrontamento cas burguesías periféricas que teñen organización propia, en Cataluña e no País Vasco, sería moi importante pois un dos obxectivos do acordo vai ser rebaixa-los teitos competenciais das autonomías, reformar a estrutura do estado
A terceira é a sorpresiva aparición no panorama político de Julio Anguita, coordinador de IU, no momento en que esa forza actuaba como unha forza de esquerdas e acadou o maior número de votos e deputados. Primeiro foi nunha conferencia en Sabadell e mais tarde concretouse nunha especie de manifesto titulado “Somos maioría”. O que ven a dicir, é a necesidade de articular unha fronte cívica, onde el, volvería á política activa e actuaría como unha especie de “referente”; a súa postura supón unha crítica demoledora á organización na que milita, IU, pero nin no acto de Sabadell, nin no devandito manifesto, queda moi claro se a “fronte cívica” vai ser conxuntural, nin cal vai se-la súa expresión político -institucional; só expresa que nos primeiros tempos, non se vai presentar ás eleccións, sen apoiar a ninguén?, e máis tarde xa se verá. A súa posición expresa algo que moitos sectores de esquerdas afirman pero non concretan, organizarse a redor dun programa, pero ese programa ten que ser anticapitalista, digo eu, hoxe xa non son posibles os termos medios, nin os lavados de faciana do capitalismo. O asinado polos sindicatos máis arriba indicado, nas circunstancias actuais, de globalización e creación dunha UE ó servizo das oligarquías, non o permiten. O vello pacto entre a clase obreira e a socialdemocracia, ca traizón desta última e a modificación das circunstancias nas que se deu, fano imposible. Falan tamén no manifesto que aquelas forzas que se atopan na esquerda “están desbordadas”, refírese ó PCE e IU, habería que facer unha crítica das razóns, e expresa dun xeito idealista, que esta fronte cívica debe inducir a gobernar en beneficio da maioría, a quen?, ou as políticas actuais non son resultado da loita e da correlación das clases?; pensan que o PP ou o PSOE van gobernar doutro xeito se se lles preme?. Paréceme unha posición idealista, pero haberá que ver como se concreta.
A cuarta é que non nos debemos enganar, as medidas do PP tomadas ata o de hoxe son brutais, e seguirán neste camiño as que van vir; Grecia é o laboratorio, pero a loita dos mineiros do estado foi o catalizador desta loita que se da hoxe; o PP dentro dos seus incumprimentos programáticos non valorou suficientemente as consecuencias de enfrontarse a un sector da clase obreira politizado, combativo, organizado, que na memoria colectiva dos pobos do estado, segue a ser a vangarda de numerosa loitas. A resposta dada pola cidadanía a súa chegada a Madrid, foi moi importante e indicou o camiño; por iso a estulticia de Esperanza Aguirre cando lle preguntaron que lle parecía a mobilización de solidariedade; o que deixaba ver é o medo que a oligarquía ten a clase obreira con conciencia, organizada e con obxectivos e a súa capacidade para ser vangarda e aglutinar a todos cantos son agredidos polo capital.
Loitar e organizar, esa é a cuestión.

En Galicia no mes de xullo de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario