A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 23 de julio de 2011

O 25 DE XULLO. UN NOVO ESCENARIO

Roberto Laxe


A crise económica que hai xa 4 anos puxese ao bordo do desastre a todo o sistema financeiro, resgatado polos gobernos co diñeiro de todos, deu paso a unha ofensiva contra as condicións de traballo da clase obreira, contra os servizos públicos conquistados, contra as mesmas clases medias, arruinadas e empobrecidas nos últimos anos, ofensiva a todos os niveis e a escala internacional.

Este 25 de xullo prodúcese baixo o influxo e as imaxes das revolucións árabes, dos millóns de exipcios que acampados na praza Tahir, acabaron coa ditadura de Mubarack, coas grandes mobilizacións que deron ao traste co ditador Ben Ali de Tunez, e que abriron as brechas nos réximes ditatoriais de todo o mundo árabe, desde Marrocos até Siria, pasando polo heroico pobo libio, que enfronta a represión do réxime de Gadafi e a intervención imperialista.
Unha resposta que tamén cruzou o Atlantico, pois á vez que os manifestantes ocupaban a praza Tahir do Cairo, no corazón dos EEUU, en Wisconsin, decenas de miles de traballadores e traballadoras, estudantes, parados, ocuparon o parlamento do estado durante dez días, contra uns plans moi semellantes aos de Atenas, O Cairo, Damasco ou Rabat.
os resgates son un plan de saqueo
Se até este ano, a reacción da clase traballadora e os pobos europeos foron tímidos intentos de parar o que viña, as revolucións árabes e a resposta do pobo traballador grego significaron un punto e aparte na resistencia contra os plans de austeridade e axuste.
A pesar desta resistencia de loita obreira e popular, a Unión Europea, baixo o mando alemá, esta dando unha nova volta de porca para sacar ao sistema capitalista da crise: chámanlle as políticas de resgates. Os gobernos, especialmente dos estados máis débiles da Unión, ameazan ás súas poboacións coa disxuntiva entre o “resgate” financeiro ou o “afundimento” baixo o peso da débeda, dunha débeda non creada polas poboacións, senón polas subvencións da banca e empresarios de anos atrás.
Pero que significa “resgate”, senón é atarse unha pedra ao pescozo, a pedra dos intereses que haberá que pagar para devolver os préstamos; a cambio, os bancos, os aseguradores e as grandes multinacionais saquean directamente os servizos públicos, o ensino e a sanidade do estado rescatado..
Desde o ano pasado, a clase traballadora europea respondeu con grandes mobilizacións, cos gregos á cabeza, mas a Confederacion Europea de Sindicatos negouse a dar o paso que abriría a posibilidade de derrotar as políticas de Bruxelas, a convocatoria dunha Folga Xeral Europea.
no estado español
A política entreguista das cupulas de CCOO e UXT permitiu ao Goberno de PSOE e á patronal impor importantes retrocesos, tanto nas condicións de traballo como nas privatizacións de servizos públicos. Pola activa ou pola pasiva, aceptar a Reforma Laboral, aceptar o pensionazo, aceptar a regulación da negociación colectiva. Asínanse EREs e despedimentos colectivos como o de Telefónica, que destrúe dunha plumada 6000 postos de traballo estables.
Estas cúpulas sindicais convocaron unha folga xeral, para de seguido negociar e pactar co goberno, o que xerou unha profunda frustración na sociedade e unha sensación de desamparo no conxunto da clase traballadora, que ve como “as suas” organizacións son instrumentos ao servizo das mesmas políticas que os partidos institucionais.
A “frustración” social traduciuse o 15 M en “indignación” contra todos os aparellos políticos e sindicais que aparecen como cómplices e parte dun sistema que só ofrece paro e emigración, especulación e corrupción.
a politica da Xunta do PP
Galiza non é allea a esta deriva, ao desmantelamento sistemático de todos os servizos públicos promovido desde a Xunta, desde a sanidade até os servizos sociais, pasando pola educación ou o transporte colectivo, baixo unha suposta política de austeridade que en realidade esconde un desvío de fondos públicos á privada, vai unida a un desmantelamento industrial descoñecido desde as reconversións industriais dos 80: no naval de Vigo están ameazados 18 mil postos de traballo.
Neste marco, o pobo traballador galego, que nunca deixo de ser a reserva de man de obra para o resto de Estado Español, volve ver como os seus mozos, privados dun futuro laboral estable, están obrigados a emigrar de novo.
o novo escenario
O 15M e a posterior manifestación do 19J contra do Pacto do Euro demostraron que a xuventude e o pobo en xeral non van deixar de pelexar para evitar o que desde os gobernos e a UE preténdese. Mas para enfrentar estas politicas, é preciso que a “indignación” social manifestada o 15M de paso un paso adiante, incorporando ao conxunto da clase traballadora á loita, baixo obxectivos concretos: Non ao pago da débeda, a expropiacion da banca baixo control obreiro, o freo ás privatizacións e recuperación dos servizos públicos privatizados, alen da Derrogación de toda a lexislación antiobrera, Reforma Laboral, Pensionazo ou de Negociacion Colectiva.
A preparación de xornadas de mobilización xeral nacionais e estatais, contra os plans de austeridade e axuste deben formar parte dun proceso de mobilización máis amplo, que inclúa a súa coordinación coa clase traballadora europea, que ten nos gregos e as gregas a súa vangarda, na loita contra a Union Europea, contra o Pacto do Euro e por unha Europa da Clase Traballadora e os Pobos.
As revolucións árabes poñen de novo á orde do día a posibilidade de acabar con réximes autoritarios e proimperialistas. No estado español, o réxime da Transicion demostrou os seus límites ante amplos sectores da poboación, que o 15 M e en datas posteriores, saíu á rúa para gritar “non nos representan” e “chaman lle democracia e non o é”, que as nacións oprimidas saben perfectamente que significa, pois levan 35 anos coa prohibición expresa, constitucional, de exercer o dereito básico dun pobo, o dereito á súa autodeterminación.
Baixo estas condicións, o 15M ten o xerme dun gran movemento contra o réxime do 78, polos direitos nacionais e por unha saída obreira e socialista da crise, que agrupe neste camiño á clase obreira e a todos os sectores sociais empobrecidos pola crise.

Xullo do 2011

lunes, 11 de julio de 2011

RUBALCABA....FALOU



Carlos Dafonte


Se hai algo que verdadeiramente se deba criticar e desprezar dos políticos profesionais, son a falla de ideas, asentadas, defendidas en toda circunstancia, unido isto os intentos de perpetuarse no poder a calquera prezo. E hai que recoñecer que no prototipo de político “realmente existente” hoxe, as dúas son extraordinariamente correntes, as que imperan; non están, a grande maioría deles, na política para ofrecer un proxecto, de país, de estado, económico, etc, só están na política para exerce-lo poder; o proxecto que desde o poder podan levar adiante non ten importancia; no fondo son sinceros, que importancia pode ter, un proxecto, un programa, se despois son os bancos, os especuladores e os grandes empresarios quen van a establecer a política económica?.
Rubalcaba, en medio dunha grande expectación mediática, falou e dixo que ía facer todo o contrario do que leva facendo na súa longa vida política. El que comezou na época de González a ter cargos relevantes, parece ser que non é responsable de nada do acontecido; el que aprobou a entrada na Unión Europea, o tratado de Maastricht, que o prioritario que estableceu foi permiti-la libre circulación de capitais, e todos os tratados posteriores, a constitución europea, as políticas neoliberais que levan a actual crise, as reformas laborais, a conxelación das pensións, a rebaixa dos salarios ós funcionarios, os rescates dos bancos e caixas, a transferencia da débeda privada ás costas dos asalariad@s, as rebaixas de impostos ós máis ricos e todo un longo rosario de medidas que fixeron posible chegar á situación actual, tanto no estado español como na U.E.; pois resulta que non, que el sempre estivo en contra de todas esas medidas e o PSOE parece que tamén.
O PSOE sen ningún tipo de problemas, diante da posible derrota, lanza propostas socialdemócratas algunhas, progresistas outras e ata recolle algunhas do movemento do 15 M; todo vale con tal de paliar en parte o posible desastre electoral.
Se hai catro anos negou que estiveramos entrando nunha fonda recesión e presentou un programa para “acada-lo pleno emprego”, fora da realidade, agora fai o mesmo, negar a evidencia e presentar outro programa que no caso de gañar, non van facer o máis mínimo esforzo por poñelo en marcha, pero pode recoller votos de algúns despistad@s. Non o esquezamos, están e actúan o servizo da oligarquía española.
Despois do seu “discurso á nación”, do que o presidente Rodríguez dixo que ía haber un antes e un despois, algo tan importante como aquela “conxunción planetaria” da que falou a ministra Pajín, no estado español, co grao de coñecemento que temos das políticas que pulan os dous grandes partidos, @s traballador@s asalariad@s non debemos ter esperanza algunha de que a situación que padecemos, de ataques constantes contra os nosos dereitos, vaia mudar, con independencia dos programas que presenten; sabemos que son papel mollado. Só a loita, a mobilización e a organización do dobre poder, debe permitirnos inicialo camiño da nosa liberación. Se a situación non fora tráxica, ¡¡que ben o poderíamos pasar con Rajoi e Rubalcaba, vendo igual que a Pinocho, como lles vai crecendo o nariz segundo se acerca a consulta electoral!!.
Os votos brancos e nulos deben aumentar exponencialmente nas próximas eleccións xerais, en ausencia de candidaturas anticapitalistas e revolucionarias.

En Galicia no mes de xullo de 2011