A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 28 de octubre de 2010

UNHA LEI DE ABORTO ENGANOSA

 
Xulia Mirón
A mobilización impón avances
A partir de finais do 2007 producíronse mobilizacións no Estado Español a favor e en contra do dereito ao aborto. A Igrexa e a dereita orquestraron unha campaña contra unha clínica privada que realizaba Interrupcións Voluntarias do Embarazo (IVE), o que foi respondido con manifestacións por parte organizacións feministas, políticas e sociais á vez que se esixía ao goberno a aprobación dunha lei de prazos e a súa saída do Código Penal.
O Goberno do PSOE collido nun lume cruzado entre as manifestacións da dereita e a resposta social a favor do dereito ao aborto, viu como se introducía no seu seo a división, cun sector das súas deputadas e deputados apoiando o cambio na lexislación. Neste marco, convocou unha Comisión de Expertos para o asesoramento dunha lei aborto.
Despues de tres anos, concretamente en xullo, entrou en vigor a Lei Orgánica 2/2010 de 3 marzo, de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo. Unha lei que non estivo falta de mobilizacións en contra dela e a favor da familia patriarcal por parte da igrexa e do PP.
A lei de aborto do goberno Zapatero
A nova lei, non só regula o dereito das mulleres á interrupción do embarazo sen alegar causa algunha durante as primeiras catorce semans de xestación, tamén expón como obxectivos a educación afectivo sexual, o acceso aos métodos anticonceptivos, a formación con perspectiva de xénero e accións informativas e de sensibilización dirixidas principalmente á mocidade e colectivos con necesidades especiais. Para iso desenvolverá en Regulamentos posteriores políticas públicas no ámbito sanitario e educativo para a prevención de embarazos non desexados, a non discriminación no acceso ás prestacións e servizos e a maternidade libremente decidida.
Interrupción Voluntaria do Embarazo e días de reflexión
A muller poderá interromper o embarazo sen ter que alegar causa algunha, dentro das catorce semanas de xestación e sempre que fose informada na súa primeira visita ao centro que lle corresponda, dos seus dereitos, prestacións e axudas públicas de apoio á maternidade e transcorresen un prazo de polo menos de tres días desde que se lle entrega un sobre “pechado2 coa devandita información previa á interrupción do embarazo.
E excepcionalmente, poderase interromper o embarazo por causas médicas cando non supere as vinte e dúas semans de xestación e sempre que exista grave risco para a vida ou a saúde da embarazada, graves anomalías no feto e sen límite de tempo cando a anomalía fetal sexa incompatible coa vida e así conste nun dictámen médico elaborado por un Comité Clínico designado polo CC.AA respectiva, composto por un equipo integrado por dous especialistas en xinecología e obstetricia ou expertos en diagnóstico prenatal e un pediatra.
As mozas de 16 e 17, ao final despois de moita polémica na sociedade, poderán interromper o embarazo sen o consentimento do pai, nai ou persoa coa patria potestade, cando aleguen un conflito grave, violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos ou situación de desarraigamento ou desamparo.
A interrupción garántese en centros da rede sanitaria pública ou privada autorizada, onde se protexerán os dereitos fundamentais da muller, a súa integridade física e moral, intimidade, liberdade relixiosa e non discriminación. O acceso aos seus datos persoais rexeranse polas disposicións legais e deberán ser cancelados de oficio unha vez transcorridos cinco anos, salvo que existan razóns de investigación e de organización ou de funcionamento do Sistema Nacional de Saúde.
A implantación da lei
Unha lei por si soa non garante que leve a cabo todo o plasmado nela, e máis cando as competencias do Ensino e Sanidade están transferidas as diferentes CC.AA e cada unha delas con gobernos autonómicos de ideoloxías diferentes.
Algo a ter en conta, que tamén o ten a lei, é a importancia que ten a educación afectivo sexual no ámbito escolar, é un factor clave na aprendizaxe da sexualidade, sobre como vivila satisfactoria e placenteramente e como previr e actuar ante posibles riscos como os embarazos non seseados, as infeccións de transmisión sexual e os derivados das relacións e estereotipos sexistas. Nesta materia houbo un retroceso, a LOGSE1 de 1990, incorporou implicitamente a educación sexual no currículo escolar, as sucesivas leis aprobadas neste ámbito, baixaron o listón, e na práctica isto non existe no estado español, na última Lei Orgánica de Educación (LOE, 2006), aprobada polo PSOE, desaparecen do texto as referencias á educación afectivo sexual. O que se imparte nas aulas nestes momentos, limítase a charlas sobre métodos anticonceptivos (preservativo) dirixidas polos Concellos, ONGs ou Fundacións e algunhas impartidas pola Fundación prol-vida, e mesmo nalgúns nin iso, pois depende de cada Centro escolar e do enfoque e ideoloxía da entidade contratada. Se isto ocorre nos colexios públicos, onde se supón que o estado ten un “control”, que non pasará nos centros privados ou concertados moitos deles dirixidos por ordes relixiosas onde as clases son segregadas por nenos e nenas.
Outra cuestión que expón a lei, é o acceso aos métodos anticonceptivos por igual a todas as mulleres para unha maternidade libremente decidida, pero con todo isto non é así na realidade. A maioría dos anticonceptivos estan fora do Sistema Nacional de Saúde, polo que a privatización, de feito, fai que as mulleres pagen dos seus petos o custo íntgegro dos mesmos, obviamente isto constitúe un maior problema para as que teñen menos recursos, as novas e as mulleres inmigrantes. Se a isto engadímoslle a ausencia da educación sexual no currículo escolar, así como a falta de información nos Centros de Saúde, indubidablemente falamos de aborto. Nestes días a Ministra de Sanidade expuxo que serán as CC.AA as que terán que garantir este acceso e financien elas dos seus orzamentos os anticonceptivos.
Privatización da Sanida Pública
Un dos dereitos que se garante ás mulleres, é o acceso á prestación con indepencia do lugar onde residan para renglon seguido dicir: que esta interrupción se poderá levar a cabo en clínicas públcias ou privadas autorizadas. Isto vai en sintonía coa política de privatización que está a sufrir a Sanidade Pública en aplicación á lei 15/97 de “novas formas de xestión en sanidade” levada a cabo na maioría das CC.AA con maior avance na de Madrid, Valencia e Galicia gobernadas polo PP, con esta política, resulta díficil pensar que as CC.AA sexan capaces de achegar os recursos suficientes para garantir o acceso ás prestacións do aborto a todas por igual. Doutra banda, a lei segue mantendo a obxección de conciencia que permitiu que as clíncias privadas se “forrasen”, coa nova lei volvemos ter o mesmo problema, o dereito individual de obxección ten prioridade, sobre o dereito de aborto das mulleres. Se a todo isto sumámoslle que moitos gobernos das CC.AA están en contra da lei, está claro que non se poderá garantir a asistencia na Sanidade Publica e por tanto a súa gratuidade.
Conclusión
A mobilización impuxo ao goberno un cambio na lei de aborto no estado español, similar ao doutras leis de europa. A lei supón un avence con respecto á despenalización do aborto que existia antes, pero como toda media dun goberno burgués é limitada e relativa, por iso, se as mulleres en xeral e as traballadoras en particular queremos que este avance non quede meramente nunha lei formal, teremos que esixir ao goberno, que deroge a lei de privatización da Sanidade, e que os recursos públicos que durante estes anos a derivado a financiar clíncas privadas, salvar bancos, financiar á patronal, etc, sexan para a verdarera implantación da lei, e garantir o aborto libre e gratuido na Seguridade Social.
1Ley Orgánica de Ordenación del Sistema Educativo.

viernes, 15 de octubre de 2010

DESPOIS DO 29 DE SETEMBRO, URXE O PULO Á MOBILIZACIÓN.



Carlos Dafonte

A pesares da brutalidade da patronal, que como tantas outras veces conculcou o dereito d@s traballador@s á folga, ameazando con despidos e represalias; a pesares da unanimidade dos medios de comunicación, propiedade de grandes empresas ou en mans do goberno, que desde moitos días antes encargáronse de desinformar, dicindo por exemplo que nada ía cambiar aínda que a acompañara o éxito, de crear medo, falando de antemán da violencia dos piquetes, de crear confusión, introducindo falsos dilemas, como por exemplo si os obxectivos da folga estaban claros ou non, se era contra o goberno, contra o presidente Rodriguez ou contra a U.E.; dos dirixentes burocratizados dos propios sindicatos convocantes, que introduciron en numerosos discursos un obxectivo imposible, “facer xirar á esquerda ó PSOE”; a pesares de ser a folga con menos apoios institucionais, moi poucos concellos debateron e aprobaron mocións de apoio á mobilización; pois ben, a pesares desta realidade, millóns de asalariados, autónomos, moz@s e xubilad@s levaron a cabo o día 29 do pasado mes de setembro, unha importante mobilización contra as políticas dun goberno ó servizo do grande capital e intereses alleos á maioría da poboación. Nestas condicións a xornada foi sen dúbida, un éxito aínda que non se poda falar en puridade, dunha folga xeral.
Só houbo unanimidade no análise posterior en que a clase obreira, o núcleo duro dos asalariados, os traballadores industriais, foron o sector máis importante e o máis combativo na mobilización. A pesares da fragmentación da clase, os traballadores industriais aparecen nesta folga, como en todas as anteriores, como o sector hexemónico entre os asalariados e o único capaz de dirixir un proceso de loita e transformación. É o sector que fronte a crise non retrocede. Pola contra da pasos adiante, como no seu momento fixo o metal de Vigo. A pesares de constituír parte da base social e electoral do PSOE, non dubidou no enfrontamento aberto. E sobre esta capa da clase, debe recaer o peso máis importante na reconstrución do movemento obreiro nas súas dúas vertentes, a política a construción do partido propio da clase e a sindical, superar o actual período de burocratización e entregar de novo o sindicato @s traballador@s, ás asembleas de base.
Pero desde o mesmo día 30, todo traballa contra da mobilización, unhas veces impoñendo o silencio, parece que nada pasou e que son mais importantes unhas primarias do PSOE en Madrid ou unha declaracións de Guerra sobre Trinidad Jimenez, que valorar as perspectivas que a folga xerou, os movementos que se están a dar, a continuidade da mesma.



Outros tentan impoñer obxectivos que ninguén demanda e que levarán, se se lles permite, á mobilización a unha quella sen saída. Falo dos sindicatos maioritarios que se sinten avalados para iniciar de novo as negociacións co antigo aliado, o goberno, negociacións que o único que van acadar é desmobilizar a moit@s d@s que participaron na xornada do día 29; quizais ese sexa o obxectivo.
A realidade é que os sindicatos maioritarios, despois de anos de pacto social, de ser o principal sostén do goberno, que destacaron neste período de crise polo número importante de ERES asinados, pola súa despreocupación pola situación dos parados de longa duración, dos precarios, dos inmigrantes, d@s xubilad@s; que foron xunto o partido socialista o principal vehículo para impoñer ó conxunto dos traballadores do estado, as políticas neoliberais, atópanse grazas a estas actuacións, silencios diante de medidas inaceptables e colaboración cas patronais, moi desprestixiados e carentes de credibilidade para moitos traballadores que consideran que a súa actuación colaboracionista co goberno, foi a que lle deu alas para atreverse a tomar estas medidas; o que lles ocorre ós sindicatos maioritarios e que non entenderon o contido de clase da crise e do propio PSOE, convertido nun partido burgués, de dereita, progresista, pero diferente ó PP, neofranquista, autoritario, conservador.
Esta situación de desprestixio é a que aproveita a dereita máis montaraz e retrógrada para levar adiante a actual campaña antisindical. E hai que recoñecer que esta campaña penetra en amplas capas de asalariados que na súa falla de conciencia e despolitización chegan a coincidir co argumentario da dereita. En todos os medios teño escoitado bramar contra das subvencións que lles entrega o goberno por determinados conceptos, un dos elementos clave da campaña neofranquista, e tamén, en menos, pero xa se atreven a dicilo, pedindo a súa desaparición pois como cheguei a escoitar, quen mellor defende ós traballadores son os empresarios. A ningún traballador lle debe importar que cos impostos que pagamos se financie ós sindicatos; bastante mellor empregados están que en mans da igrexa, ou gastados en avións de combate, tanques, afastadas guerras imperialistas ou en asesores. Os asalariados deben loitar para que os sindicatos, instrumentos imprescindibles na loita reivindicativa, sexan combativos e defendan á clase. Pero a responsabilidade desta situación é dos propios sindicatos. E non deben trabucarse, a folga do día 29 non é un “cheque en branco” para unha nova traizón.
Para saír desta situación, urxe o pulo á mobilización, necesítase como en Francia, unha “mobilización permanente”, pero con folgas, aínda que sexan xerais de carácter estatal, non derrotaremos os plans da burguesía que teñen carácter internacional.
É preciso un programa que unifique na acción, ás diferentes opcións sindicais e políticas anticapitalistas; agora máis que nunca é preciso rachar co sectarismo.
A burguesía transnacional e os seus aliados, están dispostos a quebrarlle o espiñazo dun xeito definitivo ó movemento obreiro. Desde a irrupción do fascismo e do nazismo, nunca como agora, a súa ofensiva fora tan brutal. A crase obreira debe dar unha resposta, en principio na U.E., contundente.
Segundo a crise avanza nos aproximamos máis á barbarie, polo tanto é fundamental situar nun primeiro plano a loita polo socialismo.

En Galicia no mes de outubro de 2010.