A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 15 de octubre de 2010

DESPOIS DO 29 DE SETEMBRO, URXE O PULO Á MOBILIZACIÓN.



Carlos Dafonte

A pesares da brutalidade da patronal, que como tantas outras veces conculcou o dereito d@s traballador@s á folga, ameazando con despidos e represalias; a pesares da unanimidade dos medios de comunicación, propiedade de grandes empresas ou en mans do goberno, que desde moitos días antes encargáronse de desinformar, dicindo por exemplo que nada ía cambiar aínda que a acompañara o éxito, de crear medo, falando de antemán da violencia dos piquetes, de crear confusión, introducindo falsos dilemas, como por exemplo si os obxectivos da folga estaban claros ou non, se era contra o goberno, contra o presidente Rodriguez ou contra a U.E.; dos dirixentes burocratizados dos propios sindicatos convocantes, que introduciron en numerosos discursos un obxectivo imposible, “facer xirar á esquerda ó PSOE”; a pesares de ser a folga con menos apoios institucionais, moi poucos concellos debateron e aprobaron mocións de apoio á mobilización; pois ben, a pesares desta realidade, millóns de asalariados, autónomos, moz@s e xubilad@s levaron a cabo o día 29 do pasado mes de setembro, unha importante mobilización contra as políticas dun goberno ó servizo do grande capital e intereses alleos á maioría da poboación. Nestas condicións a xornada foi sen dúbida, un éxito aínda que non se poda falar en puridade, dunha folga xeral.
Só houbo unanimidade no análise posterior en que a clase obreira, o núcleo duro dos asalariados, os traballadores industriais, foron o sector máis importante e o máis combativo na mobilización. A pesares da fragmentación da clase, os traballadores industriais aparecen nesta folga, como en todas as anteriores, como o sector hexemónico entre os asalariados e o único capaz de dirixir un proceso de loita e transformación. É o sector que fronte a crise non retrocede. Pola contra da pasos adiante, como no seu momento fixo o metal de Vigo. A pesares de constituír parte da base social e electoral do PSOE, non dubidou no enfrontamento aberto. E sobre esta capa da clase, debe recaer o peso máis importante na reconstrución do movemento obreiro nas súas dúas vertentes, a política a construción do partido propio da clase e a sindical, superar o actual período de burocratización e entregar de novo o sindicato @s traballador@s, ás asembleas de base.
Pero desde o mesmo día 30, todo traballa contra da mobilización, unhas veces impoñendo o silencio, parece que nada pasou e que son mais importantes unhas primarias do PSOE en Madrid ou unha declaracións de Guerra sobre Trinidad Jimenez, que valorar as perspectivas que a folga xerou, os movementos que se están a dar, a continuidade da mesma.



Outros tentan impoñer obxectivos que ninguén demanda e que levarán, se se lles permite, á mobilización a unha quella sen saída. Falo dos sindicatos maioritarios que se sinten avalados para iniciar de novo as negociacións co antigo aliado, o goberno, negociacións que o único que van acadar é desmobilizar a moit@s d@s que participaron na xornada do día 29; quizais ese sexa o obxectivo.
A realidade é que os sindicatos maioritarios, despois de anos de pacto social, de ser o principal sostén do goberno, que destacaron neste período de crise polo número importante de ERES asinados, pola súa despreocupación pola situación dos parados de longa duración, dos precarios, dos inmigrantes, d@s xubilad@s; que foron xunto o partido socialista o principal vehículo para impoñer ó conxunto dos traballadores do estado, as políticas neoliberais, atópanse grazas a estas actuacións, silencios diante de medidas inaceptables e colaboración cas patronais, moi desprestixiados e carentes de credibilidade para moitos traballadores que consideran que a súa actuación colaboracionista co goberno, foi a que lle deu alas para atreverse a tomar estas medidas; o que lles ocorre ós sindicatos maioritarios e que non entenderon o contido de clase da crise e do propio PSOE, convertido nun partido burgués, de dereita, progresista, pero diferente ó PP, neofranquista, autoritario, conservador.
Esta situación de desprestixio é a que aproveita a dereita máis montaraz e retrógrada para levar adiante a actual campaña antisindical. E hai que recoñecer que esta campaña penetra en amplas capas de asalariados que na súa falla de conciencia e despolitización chegan a coincidir co argumentario da dereita. En todos os medios teño escoitado bramar contra das subvencións que lles entrega o goberno por determinados conceptos, un dos elementos clave da campaña neofranquista, e tamén, en menos, pero xa se atreven a dicilo, pedindo a súa desaparición pois como cheguei a escoitar, quen mellor defende ós traballadores son os empresarios. A ningún traballador lle debe importar que cos impostos que pagamos se financie ós sindicatos; bastante mellor empregados están que en mans da igrexa, ou gastados en avións de combate, tanques, afastadas guerras imperialistas ou en asesores. Os asalariados deben loitar para que os sindicatos, instrumentos imprescindibles na loita reivindicativa, sexan combativos e defendan á clase. Pero a responsabilidade desta situación é dos propios sindicatos. E non deben trabucarse, a folga do día 29 non é un “cheque en branco” para unha nova traizón.
Para saír desta situación, urxe o pulo á mobilización, necesítase como en Francia, unha “mobilización permanente”, pero con folgas, aínda que sexan xerais de carácter estatal, non derrotaremos os plans da burguesía que teñen carácter internacional.
É preciso un programa que unifique na acción, ás diferentes opcións sindicais e políticas anticapitalistas; agora máis que nunca é preciso rachar co sectarismo.
A burguesía transnacional e os seus aliados, están dispostos a quebrarlle o espiñazo dun xeito definitivo ó movemento obreiro. Desde a irrupción do fascismo e do nazismo, nunca como agora, a súa ofensiva fora tan brutal. A crase obreira debe dar unha resposta, en principio na U.E., contundente.
Segundo a crise avanza nos aproximamos máis á barbarie, polo tanto é fundamental situar nun primeiro plano a loita polo socialismo.

En Galicia no mes de outubro de 2010.

No hay comentarios:

Publicar un comentario