A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 23 de octubre de 2011

CRONOLOXÍA DE VLADIMIR ILITCH ULIANOV, MÁIS COÑECIDO POLO ALCUME DE LENIN


Carlos Dafonte

No mes de outubro para os rusos e o resto dos pobos do imperio que seguían a utiliza-lo calendario xuliano, e en novembro para os pobos que o facían polo calendario gregoriano, prodúcese no ano de 1917, un acontecemento que marcou a historia da humanidade, a revolución soviética. Na mesma hai un personaxe que xogou un papel relevante, Vladimir Ilitch Ulianov, máis coñecido polo seu alcume de Lenin.
Hai máis de corenta anos, en plena loita contra o franquismo, lin un artigo sobre Lenin no que se estimaba que era un dos tres personaxes con máis pegada no século XX, os outros dous, Einstein e Freud. Aparecía o artigo nunha revista legal, e conmemoraba o centenario do seu nacemento. Hoxe as cousas cambiaron, o retroceso momentáneo do pensamento da esquerda revolucionaria diante do neoliberalismo e da súa propaganda, a desaparición da URSS, pero tamén a traizón de numerosas organizacións que se reclamaban da esquerda ós principios que guiaron a súa actuación durante anos, e de moitos intelectuais que se dicían marxistas, que buscaron acomodo neste mundo noxento que é o do neoliberalismo, o capitalismo máis salvaxe, o imperialismo, fan que o nome de Lenin deixase de ser en certa medida, un referente como o foi desde a revolución de 1917 ata máis aló da segunda metade do século XX, para moitos pobos e dirixentes políticos que loitaban por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Estamos diante dun personaxe moi difícil de repetir, e quizais o máis deostado, vilipendiado, insultado e atacado pola burguesía mundial; contra del vale todo, o importante é cubrilo de estrume, que a súa obra sexa descoñecida, que o seu exemplo non se repita, que as ensinanzas que se poidan sacar da súa actividade non podan ser asumidas polas masas de parte algunha, que o que se coñeza sexan ou as interpretacións feitas da súa teoría no período stalinista ou as que fan os plumíferos ó servizo do capitalismo.
Quizais máis que Marx, do que sempre poden dicir os seus detractores que foi un teórico da economía, un máis entre outros moitos, que criticaba con certa razón, un capitalismo que xa non existe; ademais é mais fácil esconder o seu labor como revolucionario, aínda que sempre estivera na primeira liña dos movementos liberadores e os acertos na súa análise sobre o que sempre será o capitalismo, o do seu tempo e o actual.
De Vladimir Ilitch, iso non é posible. Lenin foi capaz de levar adiante unha revolución proletaria, e de decatarse en primeiro lugar que en Rusia o desenvolvemento do capitalismo posibilitaba unha revolución socialista e en segundo, de recolle-las necesidades das masas de obreiros e campesiños pobres, nunha situación moi concreta, en medio dunha guerra interimperialista, e darlle o carácter de loita de clases, facendo explícitos cada un dos seus campos, o político, o social e o ideolóxico.
Por primeira vez na historia da humanidade, os pobres, os explotados, os que sofren a historia, acadaban o poder, dirixidos por un partido de traballadores e asalariados, a enorme maioría dos chamados bolxeviques o eran, e Lenin neste proceso xogou un papel moi importante, fundamental; moitas veces enfrontándose a dirixentes do seu propio partido. Non esquezamos o que afirmou nalgún momento no senso de atoparse “as masas máis a esquerda que o partido e este máis a esquerda que o seu Comité Central”.
Por primeira vez, os ricos, os poderosos, os explotadores, foron desaloxados do poder, a pesares dos exércitos ó seu servizo, da policía, dos medios de comunicación, da igrexa e a relixión deturpadora da conciencia, do chovinismo patriotero e de todos os medios, que non eran poucos, dos que dispuña para manter o seu dominio de clase.
Lenin soubo propoñer @s rus@s e o resto dos pobos que constituían o imperio, un programa que varreu con todos estes grandes alicerces do capitalismo e transformou unha explosión revolucionaria levada a cabo polos obreiros e campesiños pobres, que sen dirección política, despois de derruba-lo tsarismo lle entregan o poder á burguesía, ó goberno do príncipe Lvov, e permitiran que os seus órganos de loita, os soviets, foran controlados por socialistas e menxeviques que se pasaran ó campo burgués, nunha revolución proletaria que iniciou unha etapa de transición cara a unha sociedade socialista. Este proceso pode ilustrar, en determinadas circunstancias, o importante papel, algunhas veces vital, que xoga o individuo na historia.
Os intelectuais orgánicos da burguesía, dirixen os seus ataques a Lenin primordialmente en dous aspectos; o primeiro ca acusación de que conseguen o poder, os bolxeviques, nun proceso revolucionario en marcha, grazas a un golpe de estado levado a cabo por unha vangarda reducida, algo así como un grupo de iluminados que actúan en contra da vontade popular.
Nada máis lonxe da realidade; non houbo tal golpe de estado, o que si houbo foi a constitución paciente dun dobre poder, o dos soviets, organismos nos que pouco a pouco, os bolxeviques foron acadando a maioría democraticamente, aplicando a consigna leninista de “explicar con paciencia, discutir e convencer”, ata chegar a unha situación na que os soviets dominan todas as actividades e o goberno provisorio non representa a ninguén. Coas súas propias palabras “estaba suspendido no baleiro”
A idea de Lenin era a de que as masas nunca deben ser substituídas, que os obxectivos e os xeitos de organizarse, xorden das masas e que o principal era traballar dentro das mesmas. Como escribiu Trotski referíndose a Lenin, “Non impoñía o seu plano ás masas. Axudaba a estas a concibir e realizar os seus propios planos”.
O asalto “ó pazo de inverno”, moi magnificado, desde a perspectiva de hoxe, que ademais non se produciu como é coñecido popularmente, pódese considerar incluso, innecesario.
O segundo aspecto e a afirmación de que o leninismo, xunto co marxismo, levan indefectiblemente ó stalinismo. Coñecendo as verbas que Lenin lle adica a Stalin nos últimos anos da súa vida e as críticas ó proceso de burocratización do partido e do estado soviético, a constitución dun posible bloque opositor xunto con Trotski, contra o poder acadado por Stalin e o xeito de exercelo, perspectiva abortada pola súa prematura morte, me levan a pensar que de non morrer, o proceso seguido pola URSS sería diferente e polo tanto esa afirmación carece de senso.
Pero do que teño absoluto convencemento e que democracia e liberdade de mercado son antitéticos e que cando se exerce a primeira por parte dos pobos, e a utilizan para elimina-la explotación e as inxustizas, as forzas do capital recorren ó nazismo, ó franquismo, ó fascismo, ó pinochetismo, ó gorilismo en definitiva, para poñer fin a experiencia. Isto ninguén o pode negar.
Serva esta cronoloxía, como homenaxe a unha revolución e a quen foi un personaxe senlleiro da mesma, de quen un adversario político, o menxevique Teodor Dan dixo un día cando lle reprocharon que Lenin os vencera, nunha xuntanza, coa súa dialéctica: “Pois porque non hai un só home no mundo como el que se ocupe da revolución as vintecatro horas do día, que non teña máis pensamentos que os relativos á revolución e que, ata cando dorme, non vexa máis que a revolución nos seus sonos. ¡Trate de vencer a un home así!”.

En Galicia no mes de outubro de 2011


CRONOLOXÍA

1870. Vladimir Ilitch Ulianov nace o 22 de abril en Simbirsk, cidade fundada en 1648 como fortaleza, para defende-lo imperio ruso das invasións dos tártaros. É o cuarto fillo entre sete irmáns, do matrimonio formado por Ilia Ulianov e Maria Blank. O seu pai era profesor en Kazán e se trasladara a Simbirks ó ser nomeado inspector de primaria do distrito.
Polos méritos no desempeño da súa función, foi gratificado cun título menor de nobreza, a orde Vladimiro, de terceira clase.

1875. Aprende a ler. Segundo os recordos da súa irmá Ana, nestes anos era un neno moi traste que aprendeu a andar tarde, e que estragaba todo o que atopaba cerca. Era tamén un “neno que tiña resposta para todo”.

1878. O seu pai é nomeado Conselleiro de Estado, cargo equivalente na administración civil ó de xeral de brigada no exército, e compra un palacete na parte alta da cidade, a máis aristocrática, convertido desde 1929, en “Museo Lenin”

1879. O 1 de setembro inicia os estudos de primeiro curso no Liceo, dirixido por Fédor Kerenski, pai do que en 1917 vai ser presidente do goberno, cando os bolxeviques tomen o poder. Algúns cursos coincidiu no Liceo co seu irmán Alexandre, cinco anos maior, que era a persoa a imitar e con quen competía.

1886. O 12 de xaneiro morre o seu pai, acontecemento que coincide co seu abandono da práctica relixiosa. No verán, na finca da familia da súa nai en Kokuchkino, le a Turgueniev e o seu irmán Alexander, “O Capital” editado en ruso en 1872; primeiro contacto de Vladimiro Ilitch coas teorías de Marx. O seu carácter, segundo persoas próximas, mudou, agora parece estar amargado, irascible, e sempre disposto a discutir.

1887. No mes de marzo, estando no Liceo, avísano de que o seu irmán foi detido en Petersburgo, onde estudaba na universidade, por participar nun atentado contra do tsar. Supostamente era militante do movemento “Naródnaya Volya“ (A Vontade do Pobo), coñecidos como “os populistas”. Tamén foi detida a súa irmá Ana que pasaba uns días con Alexandre. Un mes máis tarde será sometido a xuízo, asumirá a súa propia defensa, e condenado a morrer aforcado, se negará a solicita-lo indulto ó tsar, posibilidade certa, por ser fillo de nobre. Estes acontecementos coinciden co comezo dos exames de Vladimir, que remata dun xeito moi brillante, polo que é recompensado cunha medalla de ouro. A nai consegue que se matricule na universidade de Kazán, evitando así que participe do movemento político da capital. Inscríbese o 13 de setembro. O 4 de decembro preside unha asemblea de estudantes polo que é detido durante dous días, expulsado da universidade e obrigado a vivir en residencia vixiada, fora de Kazán. A súa nai consegue que lle permitan vivir en Kokuchkino onde tamén permanecía Ana, na mesma situación. Toda a familia abandona a casa de Simbirsk.

1888. Pasa os primeiros meses do ano nunha situación nova, sen obrigas como estudante, relacionándose coa natureza e lendo todo o que cae nas súas mans, revistas atrasadas que estaban na propiedade, periódicos de Moscova e libros que lle sacan da biblioteca de Kazán, que distaba 4 verstas. Sobre todo a Chernishevski, un dos autores favoritos do seu irmán. Envían varias solicitudes para que lle permitan incorporarse de novo á universidade ou marchar fora a estudar, todas elas denegadas. A primeiros de outono conséguese a anulación do desterro e toda a familia trasládase a Kazán, pero non lle permiten matricularse na universidade; volve solicitar marchar o estranxeiro e denéganlle de novo a petición. Desde principios do inverno relaciónase con diversos grupos clandestinos marxistas e comeza o estudo do primeiro tomo de “O Capital”, reeditado en ruso en 1885.

1889. O 3 de maio abandona Kazán. A nai merca unha propiedade na provincia de Samara, en Alakaievska, coa idea de que o seu fillo a administre, tentando así apartalo dos círculos políticos de Kazán. Poucos días despois da súa marcha, o grupo co que se reunía e detido. A experiencia agrícola foi un fracaso, alugando ó ano seguinte todas as terras excepto a casa e o vello parque que a rodea. Sen embargo o tempo que vive na finca lle permite falar cos campesiños, coñece-los problemas do agro o que lle servirá con posterioridade. Trasládanse a Samara, capital da provincia, ás orelas do Volga, onde tenta de novo ser aceptado como alumno externo, sen conseguilo. Esta cidade era lugar onde se enviaban a moitos deportados de volta de Siberia, polo que había gran número de populistas e marxistas, que participaban nos faladoiros de persoas de ideas liberais da cidade; Vladimir Ilitch participará nas mesmas sen importarlle a tendencia. Estudando datos económicos e estatísticos sobre Rusia, na biblioteca municipal, chega á conclusión da posibilidade do capitalismo, en contra da tese populista, e tamén de que se afiancen as ideas da socialdemocracia. Traduce “O Manifesto Comunista”.

1890. Despois dunha entrevista da súa nai co Ministro de Educación, conseguen que lle permitan examinarse “nunha das universidades do imperio”, trasladándose a Petersburgo, escollera esa universidade, onde convivirá coa súa irmá pequena Olga, que lle presenta a un correlixionario de Alexandre, Vodovosov, que chegara do desterro. No outono volve a Samara para preparar todas as materias da carreira de dereito. Segue a estudar a Marx e le “A situación da clase obreira en Inglaterra” de Engels

1891. En abril preséntase diante da Comisión Examinadora facendo con éxito unha proba escrita, presenta unha memoria sobre un problema de dereito criminal, que foi cualificada como de “moi satisfactoria” e aproba a metade das materias en exames orais. Estas as realiza nunhas condicións moi penosas, atendendo a súa irmá Olga, que atacada de febres tifoides, finalmente falece. Para prepara-lo resto das probas trasládase a casa de campo de Alakaievska, onde se somete a unha férrea disciplina e le a Marx e a Engels nos descansos. Nese tempo a consecuencia dunha pavorosa seca, prodúcense numerosas epidemias entre os labregos, fame e axitación; créanse numerosos comités para axudarlles, nos que participan persoas de diferentes tendencias políticas, desde partidarios da autocracia, ata populistas ou marxistas; Vladimir Ilitch criticará o labor destes comités e lles acusa de filantropía, de reforzar o réxime e traballando xuntos revolucionarios cos seus inimigos, de enfeblece-las fileiras do exército da revolución. Na segunda proba, celebrada a partires de agosto, foi o número un, de 134 estudantes e externos. A situación económica da familia e mala e tenta traballar co seu título de doutor en dereito, sen conseguilo; só o pode facer como pasante no despacho do avogado Chardin.

1892. No mes de xullo é autorizado a exerce-la profesión de avogado, despois de ter que cumprir determinadas formalidades administrativas pola súa condición de “sospeitoso vixiado”. Todas as defensas que fixo foron un fracaso, tanto as realizadas por ser contratado, como as de oficio polas que non cobraba nada.

1893. O 1 de setembro abandona Samara camiño de Petersburgo, fai unha parada en Nijni, onde pronuncia unha conferencia nun círculo marxista e recibe unha carta para contactar na capital. Traballa como pasante do avogado M.F. Wolkestein. Integrase na clandestinidade cun grupo de estudantes do Instituto Politécnico, a quen lles impón unha férrea disciplina de discusión e estudo. Establece como prioritario o traballo na clase obreira axudándolles a comprende-la súa situación, apoia-las súas reivindicacións e inicialos na ciencia marxista. No outono escrebe “Sobre a chamada cuestión dos mercados” crítica a un escrito de H. Krassin.

1894. Centra toda a actividade en organiza-lo grupo, introducindo obreiros no órgano dirixente. Utiliza o alcume de Nicolás Petrovitch. En febreiro coñece a Nadia Krupskaia, funcionaria da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Estado, e profesora en barrios obreiros polas noites. Na primavera escrebe “Quen son os “amigos do pobo” e como loitan contra os socialdemócratas” a súa primeira obra importante, na que combate ós “populistas”. En setembro da unha conferencia titulada “ O reflexo do marxismo na literatura burguesa”, aceirada crítica ó libro de Piotr Struve, considerado dirixente dos “marxistas legais”, así chamados os que despoxaban ó marxismo do seu carácter revolucionario, “Notas criticas sobre a cuestión do desenvolvemento económico en Rusia”. A conferencia celébrase na casa de Alexandre Potrésov, outro “marxista legal”. A pesares do enfrontamento se lle propón a creación dunha fronte común contra os populistas, entre os marxistas “legais” e “ilegais” e a Emancipación do Traballo. Edítase un número da revista que dirixe Stuve con traballos de marxistas. Vladimir Ilitch, utiliza o alcume de K. Tulin para firma-lo seu, que é a conferencia con algunhas variacións, e Plejanov o de D. Kusnetsov. A policía recolleu moitos exemplares e os queimou, o resto repártense clandestinamente. No mes de decembro redacta por primeira vez un manifesto, “Ós traballadores e traballadoras da fábrica Thorton”, para espallar en barriadas obreiras.

1895. A principios de ano celebrase unha xuntanza en Petersburgo de numerosos grupos marxistas; se discute a necesidade de crear un partido socialdemócrata, proposta de Plejanov. Encárgaselle por parte dos grupos da capital de contactar coa xente da emigración. O 8 de maio xuntase con Plejanov e Axelrod, líderes da Emancipación do Traballo, en Xenebra; acordan avanzar cara a unidade dos círculos marxistas nun partido socialdemócrata que encabece o movemento político en Rusia e editar un periódico, encargándolle recrutar colaboradores e recoller cartos. En París entrevístase co grupo Unión de Socialdemócratas Rusos, cuxo dirixente Steklov lle presentou a Paul Lafargue, xenro de Carlos Marx. En agosto está en Berlín, visita a Wilhelm Liebknecht cunha carta de presentación de Plejanov ; máis tarde en Vilna e Moscova; en setembro de novo en Petersburgo, escrebe “Explicación da lei sobre as multas que se impoñen ós obreiros nas fábricas e obradoiros”. Na viaxe pediulle constantemente cartos a súa nai, como avogado de obreiros con baixos salarios, non goza dunhas finanzas saneadas. En outubro o seu grupo fusionase co dirixido por un mozo, Yuli Tsederbaum que utiliza o alcume de Martov e acababa de saír da cadea e contaban con medios técnicos para facer propaganda; era así mesmo, un dos fundadores do “Bund”, organización de socialistas xudeus. En novembro prodúcese unha ondada de folgas nas que participa o círculo onde militaba. Acordan con populistas editar un periódico en común, “A Causa Obreira”, mantendo estritas normas de funcionamento. Detéñeno o día 8 de decembro; desde a súa volta do estranxeiro estaba vixiado constantemente. Mártov asume a dirección do grupo e ponlle o nome de “Unión de Loita pola Liberación Obreira”; detido un mes máis tarde o proxecto de periódico abandonado. Escrebe artígo necrolóxico sobre “Federico Engels”

1896. Na cadea adícase a escribir, obras teóricas, pero tamén panfletos para repartir nas fábricas e comentarios políticos sobre a actualidade; traduce ó ruso e fai ximnasia. Comeza a redactar “O desenvolvemento do capitalismo en Rusia” e un proxecto de programa do partido socialdemócrata. A finais de ano as detencións do seu grupo non van a tribunais e soluciónase por vía administrativa. Son condenados a tres anos de desterro na Siberia oriental e o estudante Zaporojets a cinco.. Parece ser que cando coñece que ten que abandonar a cadea para marcha-lo desterro comentou : “É unha pena, non tiven tempo de finaliza-lo traballo”.

1897. O 14 de febreiro abandonan a cadea en espera de marcha-lo desterro. Celebran unha xuntanza co resto da organización á que critica o seu carácter “economista”, de preocuparse só dos intereses económicos dos traballadores e de renuncia-la loita política, de renunciar a guía-los traballadores na loita contra o tsarismo e o capitalismo. Consegue permiso para marcha-lo desterro pola súa conta e o 22 de febreiro inicia a viaxe desde Moscova. O 4 de marzo chega a Krasnoiarsk. O 22 de abril comunícanlle o seu destino definitivo, Schúschenskoeje, no distrito de Minussinsk, onde chega o 8 de maio custodiado por dous xendarmes. Alí atopou a outros dous deportados, un intelectual polaco e un obreiro de Petersburgo. O campesiño Stroganov lle ensinará a cazar e pescar; Vladimir Ilitch a xoga-lo xadrez. Struve pídelle colaborar na nova revista marxista que vai dirixir e lle ofrece traducións; comeza a de “Teoría e práctica do tradeunionismo” de Sidney e Beatriz Web. Nadia Krupskaia, tamén deportada, chega ó mesmo lugar. Escrebe: Por unha caraterízación do romanticismo económico; As tarefas dos socialdemócratas rusos; Cal é a herdanza que rexeitamos?

1898. Os días do 13 ó 15 de marzo, celébrase en Minsk o Iº Congreso das organizacións socialistas de toda Rusia. Acórdase converxer nun Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. Apróbase un manifesto redactado por Struve. Case todos os seus membros son detidos e deportados e o partido non ten actividade. Cando Vladimir Ilitch coñece a noticia, comentou “a partires de agora son membro do partido obreiro socialdemócrata”. O 22 de xullo cásase con Krupskaia nunha cerimonia relixiosa, a única posible. En agosto termina a primeira redacción de “O desenvolvemento do capitalismo en Rusia”. No inverno patina sobre o rio xeado; le filosofía, Hegel, Kant, os materialistas franceses e literatura rusa, Puchkin. Lermontov e Nekrasov. Como avogado fai escritos para obreiros e campesiños sometidos a proceso, procurando non ser descuberto. Escrebe Notas sobre a cuestión da teoría dos mercados.

1899. Fanlle chegar un documento dos “legais”, no que afirmaban que ós marxistas rusos “non tiñan outra alternativa que participar na loita económica do proletariado, e na actividade opositora dos círculos liberais”; rexeitaban fundar un partido obreiro independente, o que consideraban unha “tentativa de levar adiante no noso país unha experiencia estranxeira”. Contra esa posición, redacta unha resposta que asinan 17 deportados, á que se uniron outros establecidos noutras rexións. Escrebe un “Proxecto de Programa para o noso Partido” e un artigo publicado en agosto, baixo o alcume de V.Illin titulado “Unha vez máis sobre a teoría da realización”. Finaliza O desenvolvemento do capitalismo en Rusia. Tamén escrebe O capitalismo e a economía rural; A propósitos das folgas.

1900. Finaliza o desterro o 29 de xaneiro. Os “marxistas legais” gañaran grande predicamento e influenza entre os numerosos mozos e mozas que nestes anos se acercaran ás organizacións marxistas; posuían ademais periódico propio. Desde a súa volta V.I. adícase á tarefa de crear un periódico desde o que combate-las ideas dos “legais” para o que comeza a percorrer diversas cidades para establecer correspondentes, contactos, acadar fondos, etc e a axuda de Plejanov; este faille saber as súas condicións por medio de Vera Zasulich. Lle axudan nesta tarefa Mártov e Potrésov. Como non lle permiten residir nunha cidade, faino en Pskov, moi perto de Petersburgo, onde coñece ó príncipe Obolennski, que lle presenta a Lopatin un home moi rico, que dicía ser socialdemócrata e que axudará á financia-lo periódico. A finais de marzo convoca en Pskov unha conferencia de grupos socialdemócratas, onde tamén participan os “legais”, na que presentou un informe ca idea de crear un periódico e unha revista fora de Rusia e un manifesto no que se recollía unha especie de declaración de principios da futura redacción; foron aprobados e Vladimir Ilitch, Mártov e Potrésov comisionados para marcha-lo estranxeiro. A súa irmá Ana marchará días máis tarde. As conversas con Plejanov son moi complexas, duras; quizais por que as súas posicións acaban de ser derrotadas na Unión polos “economicistas” e non esta disposto a non encabezar este proxecto de periódico. Vladimir Ilitch queda moi desilusionado do personaxe ó que admiraba con paixón. Os servizos técnicos radicarán en Munich onde se asenta a finais de agosto, xunto con Petrosov e Ina Smidovitch, unha “secretaria de redacción” imposta por Plejanov, para poñer en marcha o periódico. O consello de redacción esta en Xenebra, a revista, Zaria (O Amencer), se vai imprimir en Sttugart, o periódico en Leipzig e Vladimir Iltch. vive en Munich. O 24 de decembro aparece o primeiro número de “Iskra” (A Faísca), cun epígrafe “Da faísca brotará a chama”. Imprímese na imprenta onde traballaba o obreiro socialdemócrata alemán, Hermann Rauh, de Leipzig. Struve, que se exiliara, o visita, e despois de varias horas de conversa, consúmase a creba.
Cando chegan os primeiros periódicos a Rusia a policía mobilízase e o xefe da Dirección de Seguridade de Moscova, Zubatov, que tiña fama de se-lo máis intelixente da súa época, redacta un informe no que explica que para afoga-la revolución hai que dete-los dirixentes e finaliza “Tanto máis canto que actualmente non existe na revolución persoa máis importante que Ulianov”. Escrebe As tarefas esenciais do noso movemento.

1901. A súa irmá Ana establécese en Berlín e Martov en Munich; Krupskaia que finalizou o desterro na primavera, asume as tarefas de “secretaria de redacción”. En outubro celébrase en Zurich o Congreso das organizacións socialdemócratas rusas no estranxeiro, onde Vladimir Ilitch impón a súa tese sobre o partido, a disciplina, e critica á Unión e o seu periódico Rabotchee Delo (A causa obreira). Finaliza sen acordos. Desde finais de ano, Vladimir Ilitch vai utiliza-lo alcume de Lenin. Escrebe O partido obreiro e os campesiños; A cuestión agraria e os “críticos de Marx” e Anarquismo e socialismo.

1902. En febreiro pronuncia conferencias en París. O 28 escrebe o artigo “Síntomas de bancarrota”.Coa emigración moi dividida, concentra os seus esforzos en agrupa-los socialdemócratas do interior a redor de “Iskra”. En marzo, establecen en Besarabia unha imprenta clandestina; en maio en Tífilis, onde conta cun mozo, José Djugaschvili, que máis tarde utilizará o alcume de Stalin; outra en Bakú. En febreiro celébrase en Samara un congreso dos “iskristas” para poñer en marcha a nova organización. A mediados de marzo finaliza a obra que leva por título ¿Qué facer?. En marzo a redacción trasládase a Londres. Comeza a batalla contra un novo partido, que recolle a tradición populista, o Partido Socialista-revolucionario, dirixido por Victor Chernov, ó que define Lenin como pequeno burgués e antiproletario. Comeza a preparar os documentos do futuro congreso dos socialdemócratas e coñece a León Borstein, máis coñecido por Trotski, ou “A Pluma” que se converte en colaborador do periódico. No outono pronuncia conferencias en Liexa, Lausanna, Xenebra, Berna e Zurich, para contrarresta-la propaganda dos “socialistas revolucionarios”. Tamén escrebe “O programa agrario da socialdemocracia rusa”; “O aventureirismo revolucionario” e “Carta a un camarada sobre as nosas tarefas de organización”.

1903. En febreiro imparte varias conferencias en París invitado pola Escola de Altos Estudos Sociais, fundada por profesores universitarios rusos expulsados polo tsarismo. Da outra conferencia sobre o programa agrario dos socialdemócratas e as diferencias cos socialistas revolucionarios; acompáñalle Trotski que coñece a Natalia Sedova. A redacción de Iskra trasládase a instancias de Plejanov a Xenebra. Iniciase, a partires do 30 de xullo, o IIº Congreso do POSDR en Bruxelas; Krupskaia foi nomeada presidenta e Lenin e un iskrista de Kiev, Krasilov, vicepresidentes. Asisten 48 dos 57 posibles participantes. Por presións da policía teñen que trasladarse a Londres. Os partidarios de Lenin gañan o congreso por maioría, bolxeviques, co apoio de Plejanov e das organizacións do interior de Rusia pero son minoría no exilio e perderán a maioría en “Iskra”. A pouco de finaliza-lo Congreso, moitos dirixentes se acomodan de novo e os máis coñecidos formarán un bloque contra Lenin: Plejanov, Axelrod, Martov, Potresov, Zasulich, Trotski, Dan...Xunto a Lenin, militantes que non teñen a consideración de intelectuais, descoñecidos e sen instrumentos materiais para o debate ideolóxico -político. Escrebe “Ó campesiños pobres, para explicarlles o que queren os socialdemócratas” e “As tarefas da mocidade revolucionaria”.

1904. Vai perdendo posicións nos órganos saídos do Congreso. Como resposta a dous artigos de Axelrod, aparecidos a finais do ano anterior escrebe, entre febreiro e finais de abril, “Un paso adiante, dous pasos atrás” publicada en maio en Xenebra. Trotski e Rosa Luxemburgo únense ós críticos a Lenin. A súa proposta de novo congreso non prospera e en xullo dimite de Iskra. Entrevístase preto de Lausanne con Bogdanov, mozo socialdemócrata moscovita autor ós 27 anos do “Compendio de ciencia económica”; quere convencer a Lenin para que lle axude a controla-lo partido en Rusia; asínase a “declaración dos 22” onde se establecían as bases para a reorganización do partido. Quince comités de Rusia apoian a declaración e ós bolxeviques.

1905. O 4 de xaneiro publícase en Xenebra o primeiro número do periódico bolxevique Vpered (Adiante); utilízase o papel que os menxeviques gardaban para o seu periódico, grazas a un tipógrafo chamado Zelner. No mesmo aparece o artigo de Lenin “Hai que acabar”, no que afirma a necesidade de ruptura cos menxeviques; colabora o cuñado de Bogdanov, Lunatcharski, home de grande e variada cultura. O domingo 9 de xaneiro, en Petersburgo, prodúcese a represión da manifestación dirixida polo pope Gapón, un axente da policía, que da comezo á chamada “revolución de 1905”. Lenin ten tempo no número 3, de meter unha nota dando conta dos feitos e chamando ós revolucionarios socialdemócratas “a cumprir co seu deber”. Mitin de todas as fraccións socialdemócratas en Xenebra, tamén participan os do Bund. Recibe a Gapón. Prepara o IIIº Congreso do POSDR que se celebra en Londres a partires do 25 de abril; os menxeviques non asisten; acordase que Vpered sexa o periódico do partido que pouco despois pasou a chamarse Proletarii. En agosto publica “Dúas tácticas da socialdemocracia na revolución democrática”. Seguen as revoltas en Rusia e os socialdemócratas propoñen a creación dun comité obreiro que as dirixa; nace o Consello de delegados obreiros, acaban de nace-los soviets. O 16 de outubro a folga é xeral en todo o país. O tsar concede unha constitución e liberdade de prensa. Trotski que volvera a Rusia dirixe o Consello de Delegados Obreiros. Lenin tamén regresa, negándose a facelo Plejanov. Traballa no periódico legal Vida Nova fundado por Gorki e Krassin. A partires de novembro o periódico é pechado e os membros do soviet detidos. O 10 de decembro preside unha Conferencia do partido en Tammefords, Finlandia; acordase a unificación entre bolxeviques e menxeviques e non participar nas eleccións á Duma; coñece a Stalin, mozo xeorxiano que fora dos maiores opositores a participar nas elccións á Duma. En decembro prodúcese a insurrección en Moscova, Novorossisk, Jarkov, Nikolaiev, Nijni-Novogorod, etc.; Krasnoiarsk proclámase república independente, movementos convocados polo soviet a proposta dos socialdemócratas; as manifestacións pacíficas son reprimidas e os soviets dos arrabaldes fanse co control dos mesmos. A mediados de mes a insurrección é afogada en sangue. Escrebe As leccións da insurrección de Moscova, nun ton moi autocrítico e numerosos artigos relacinados ca revolución: O principio da revolución en Rusia; Xornadas revolucionarias; Debemos organiza-la revolución?; La socialdemocracia e o goberno revolucionario provisional; As tarefas democráticas do proletariado revolucionario; O exército revolucionario e o goberno revolucionario;etc.

1906. Celébrase o IVº Congreso do POSDR, en Estocolmo con maioría menxevique. Aprobase a unificación e permitir a entrada dos partidos nacionais, polacos e letóns e a incorporación dos “bundistas”. En abril aparece o periódico bolxevique Volna (A Onda). Escrebe, entre outros, os artigos “A loita pola liberdade é a loita polo poder” e “Ensinanzas da revolución”. Nas eleccións á Duma, os menxeviques, maioría no Comité Central, apoian a creación dun ministerio do Partido Constitucionalista Demócrata, “Kadete”, o que leva ós bolxeviques a iniciar unha campaña contra desas posicións. Para os menxeviques non había posibilidade algunha de revolución socialista e polo tanto había que apoiar á burguesía liberal; a clase obreira tiña que xogar un papel subordinado. Os bolxeviques consideraban, que sendo as tarefas de carácter democrático burguesas, quen debía levalas adiante era unha alianza entre a clase obreira e os campesiños pobres. En xullo disólvese a Duma. Sublevación dos mariños de Cronstadt. Lenin escapa a Finlandia cun pasaporte a nome de Erwin Weykoff. Na barriada de Vivorg comeza a publicarse, a partires de agosto, o periódico bolxevique Proletarii; escrebe o artigo A crise política e o afundimento da táctica oportunista, crítica ó Comité Central e solicita un novo Congreso. Nas eleccións á segunda Duma, bolxeviques e menxeviques irán por separado; os segundos buscan unha alianza cos “kadetes”, os primeiros, en pleno refluxo revolucionario, tentaban utiliza-la Duma para estreita-lo contacto cos campesiños. Escrebe entre outros moitos artigos “A revisión do programa agrario do partido”; “A crise do menxevismo”; “A disolución da Duma e as tarefas do proletariado”; “A crise política e o fracaso da táctica oportunista”; “A guerra partidista”

1907. A primeiros de ano continúa en Finlandia. A finais de abril comeza en Londres o Vº Congreso do POSDR. Trotski tenta crear un grupo de “centro” que xogue un papel conciliador entre bolxeviques e menxeviques. Lenin derrota todos os intentos de conciliación e o congreso aproba unha resolución contra os “kadetes” e consegue a maioría no novo Comité Central. A principios de xuño disólvese a IIIª Duma e os socialdemócratas celebran a Conferencia de Terioki en xullo, para aproba-la súa participación na seguinte convocatoria electoral. Lenin participa a partires do 7 de agosto no VIIº Congreso da Internacional; xunto con Rosa Luxemburgo presenta unha resolución contra a guerra e o xeito de impedila, non votando os socialdemócratas nos parlamentos os cretos para financiala, e de producirse “utiliza-la crise creada pola guerra, para acelera-la creba do sistema capitalista”. Volve a Finlandia, publica un libro, compendio de escritos, “En doce anos” que foi prohibido; descuberto o seu escondedoiro en Finlandia, ten que fuxir a Suecia a traveso do xeo, guiado por dous labregos. Escrebe numerosos artigos e folletos como “A socialdemocracia e as eleccións á Duma”; “A forza e a debilidade da revolución rusa”; “O programa agrario da socialdemocracia na primeira revolución”.

1908. En xaneiro chega a Xenebra, “o pequeno lago burgués de augas estancadas”; a súa ocupación principal vai ser publicar de novo Proletarii, o que conseguirán grazas a un importante legado recibido á morte dun bolxevique rico. O consello de redacción esta formado por Lenin, Bogdanov e Dubrovinski. Desde Viena, Trotski négase a colaborar. En maio atópase en casa de Gorki, onde discute acaloradamente con Bogdanov a causa da súa colaboración nun libro no que se facía unha xustaposición entre Marx e os filósofos idealistas Mach e Avenarius; como resposta a estas posicións comeza a escribir “Materialismo e empirocriticismo”. Rexeita para o periódico un artigo de Gorki na liña de Bogdanov. Entra a traballar na redacción Grigory Zinoviev. A permanencia dos 16 deputados socialdemócratas na Duma é motivo de discusión no campo bolxevique, creándose dous bandos o de Lenin partidarios de permanecer e os de Bogdanov, Lunatcharski e Alexinski, de abandona-la institución, os chamados “otzovistas”; Gorki tamén participa desta posición. Lenin trasládase a París en decembro, xunto ca redacción do periódico ca axuda de Kamenev, mozo de 25 anos. Envíalle a súa irmá Ana o borrador do libro para a súa impresión e prepara a Conferencia para solucionar as diferencias no partido.

1909. O 3 de xaneiro iníciase a Conferencia do POSDR, 5 bolxeviques, 5 polacos, 3 bundistas e 3 menxeviques. Rexeitase a retirada da Duma e Lenin pasará a colaborar no periódico “Socialdemócrata”, órgano do partido en cuxa redacción tamén figuran Martov, Kamenev, Zinoviev e o polaco Markhlevski. Bogdanov crea en Capri, financiada por Gorki, unha “Escola Socialdemócrata Superior de Propaganda e Axitación” que se nutre preferentemente de militantes chegados desde Rusia; Lenin cualifica á Escola como unha fracción dentro do partido. En xullo iniciase a Conferencia bolxevique que acorda a expulsión de Bogdanov e os seus seguidores da “fracción bolxevique”. Monta moito en bicicleta e visita con asiduidade a Biblioteca Nacional. Publícase Materialismo e empirocriticismo e entre mediados de setembro e o 1 de decembro, Lenin publica artigos en Proletarii, Socialdemócrata, Novy Den, periódico legal socialdemócrata de Petersburgo; impartiu dúas conferencias en París, outras tantas en Liexa, e asistiu en Bruxelas á xuntanza do Buró da Internacional Socialista do que formaba parte desde o Congreso de Sttutgart. Escrebe “A finalidade da loita do proletariado na nosa revolución” e “Da fracción dos abstencionistas e dos construtores de deus”.

1910. Na xuntanza nun plenario do Comité Central do POSDR conséguese a reunificación das dúas fraccións; os bolxeviques aceptan suspende-la publicación do seu periódico e pasan a formar parte da dirección de “O Socialdemócrata”. Trotski publicaba nese tempo, en Viena, Pravda (A Verdade). Lenin esta a pasar moitas estreiteces económicas, só cobra os 50 francos mensuais que lle pasa o partido, xa que non ten colaboracións ó marxe da prensa partidaria. O mes de agosto o pasa en casa de Gorki “sen falar de política” e a finais de mes atópase en Copenhaguen, para asisti-lo Congreso da Internacional Socialista; tenta crear un grupo cos marxistas revolucionarios, pero fracasa; na delegación rusa ponse de manifesto a existencia dunha posición, manifestada tamén no partido, á que Lenin denomina “liquidacionista” encabezada por Martov e Potresov, que consideraban se debía eliminar a organización clandestina e traballar só na legalidade; mentres todas as demais fraccións contan con medios para propaga-las súas ideas, Lenin atópase en inferioridade neste novo combate, por non contar con periódico propio. Tenta publicar unha “Gaceta Obreira” cuxa aparición atrae as criticas virulentas de Trotski que a consideraba como unha competencia. Coñece a Elisabeth Armand, “Inés” para os revolucionarios, que se converterá nunha das súas máis firmes colaboradoras e ca que manterá unha estreita relación afectiva. Escrebe “as leccións da revolución”; “sobre a estatística das folgas en Rusia” e “A estrutura capitalista da agricultura contemporánea”

1911. Crea unha Escola de Formación Marxista en Longjumeau; Inés dirixira os traballos prácticos dos alumnos. Pronuncia varias conferencias co título “Stolypin e a revolución” en Berna, Xenebra, Amberes, Bruxelas, Londres e Liexa, na que considera que o asasinato do primeiro ministro de Rusia, pecha unha etapa da contrarrevolución. O 26 de novembro pronuncia un discurso no enterro do matrimonio Lafargue que se suicidaran. Continúa a loita contra os “liquidacionistas” e os partidarios de Trotski; toma a iniciativa de organizar unha nova Conferencia onde podan discutir todas as fraccións. Escrebe “En memoria da Comuna”; “Da estrutura social do poder”; “Sobre a nova fracción dos conciliadores”

1912. O 19 de marzo, comeza en Praga a Conferencia na que non participan nin os menxeviques, nin os menxeviques “liquidacionistas”, nin os partidarios de Trotski, nin os de Bogdanov, tampouco o Bund, letóns e polacos; apróbase constitui-lo Partido Socialdemócrata Bolxevique; os grupos que non participaron celebran, baixo a presidencia de Trotski, unha asemblea o 12 de marzo, na que declaran ilegal a Conferencia de Praga e elixiuse unha comisión encargada de convocar unha Conferencia para o mes de agosto. Stalin, que escapou do seu desterro en Siberia, e outros dous militantes xeorxianos, teñen o mandato de crear un novo periódico bolxevique en Petersburgo, se chamará Pravda, nome do antigo periódico trotskista que suspendera a súa publicación; o número 1 aparece o 5 de maio en medio dunha importante vaga de folgas; a detención de Stalin fai que Lenin, Kamenev e Zinoviev se trasladen a Cracovia, na Polonia austriaca, a 15 quilómetros da fronteira rusa; do outro lado teñen o enlace do estudante Krylenko; insatisfeitos pola liña política do periódico se traslada a Petersburgo Inés Armand, para “endereza-lo rumbo”; detida ó pouco tempo e substituída por Stalin que unha vez máis, fuxira de Siberia. Nas eleccións á nova Duma, os socialdemócratas acadan 13 deputados, 7 menxeviques e 6 bolxeviques, estes últimos todos eles obreiros e un confidente da policía, Malinovski. O 28 de decembro comeza a Conferencia bolxevique de Cracovia, na que se discute como deben actuar os deputados, se aproba poñer baixo a dirección do partido a todo o grupo parlamentario e noméase a Sverdlov redactor xefe de Pravda. Escrebe “Liberalismo e democracia”; “O pulo revolucionario”; “Os partidos políticos en Rusia”; “A situación actual do Partrido Socialdemócrata Ruso”; “O partido ilegal e o traballo ilegal” e “As “cuestións enfermas” do noso partido”

1913. Stalin marcha a Viena para recabar datos sobre o problema das nacionalidades, tema sobre o que traballaba Lenin. Severdlov e Stalin son detidos a mediados de ano en Petersburgo e enviados a Siberia; Kamenev é nomeado redactor xefe de Pravda. No verán, Lenin practica o alpinismo e pronuncia conferencias en Zurich, Xenebra e Lausanna sobre a cuestión das nacionalidades. Asiste en Bruxelas o congreso dos socialdemócratas letóns. Conferencia bolxevique en Ponorin, onde se aproba a creación dunha fracción parlamentaria na Duma. Escrebe “Notas críticas sobre a cuestión das nacionalidades”

1914. O 21 de marzo pronuncia en Cracovia a conferencia “A socialdemocracia rusa e a cuestión nacional”. Descúbrese a actividade de Malinovski. Prepara para celebrar en agosto, en Viena, o congreso do Partido Socialdemócrata Bolxevique, coincidindo en cidade e data co da Internacional ó que non pensaba asistir; xa non o fixera no de 1912. A votación dos cretos de guerra por parte dos socialdemócratas nos diferentes parlamentos, contra o acordado na Internacional, fai exclamar a Lenin “a partir de hoxe deixo de ser socialdemócrata e me fago comunista”. Suspéndense os dous congresos e é detido en Neumarkt, acusado de espía. En setembro trasládase a Berna xunto co matrimonio Zinoviev e celébrase unha ampla asemblea bolxevique, onde se aproba a. tese de Lenin sobre a guerra imperialista. O periódico “Socialista”, órgano dos socialdemócratas rusos, que deixara de publicarse, volve de novo a editarse como órgano bolxevique. Kámenev e todos os membros do Comité Central, que vivían en Rusia son deportados a Siberia; xunto con Inés Armand encargase da reorganización dos bolxeviques e convoca a unha conferencia a todos os que se atopan diseminados polo mundo; ó mesmo tempo, entra en contacto con todo canto dirixente socialdemócrata e contrario á guerra. Remata “Sobre o dereito de autodeterminación das nacións” e tamén escrebe “Métodos de loita dos intelectuais burgueses contra os obreiros”; “As tarefas da democracia revolucionaria na guerra europea”; “A guerra e a socialdemocracia rusa”e “Carlos Marx”.

1915. En marzo, preside a Conferencia dos bolxeviques en Berna; apróbanse as teses de Lenin sobre a guerra imperialista e a necesidade de convertela en guerra civil. Bolxeviques participan nas conferencias de mulleres e da xuventude, da Internacional. En maio dirixida por Lenin e Zinoviev, aparece a revista “O Comunista”. Traballa arreo con dirixentes socialdemócratas para formar un “a esquerda” na próxima conferencia a celebrar en Zimmerwald, a partires do 5 de setembro; participan 38 representantes de 11 países. A conferencia esta moi escorada á dereita, 23 membros, a minoría de esquerdas ten 8 e un “centro” liderado por Trotski os restantes; a resolución da esquerda non foi aceptada, pero asina a resolución final, aínda que a critique duramente polas súas limitacións; se crea unha Comisión Socialista Internacional que exclúe á esquerda, que se agrupa no “Buró permanente da esquerda zimmerwaliana”, composto por Lenin, Zinoviev e Radek. Consegue que Inés Armand traballe en París e se introduza no movemento obreiro: Contacta con Alexandra Kollontai , filla dun xeral ruso que abandona marido e fillos para adicarse á causa revolucionaria. Entre maio e xuño escrebe “A bancarrota da IIª Internacional”. O 23 de agosto publica no Socialdemócrata o artigo “Sobre a consigna dos Estados Unidos de Europa”. Os últimos meses do ano os pasa cunha grande penuria económica que lle obriga o traslado a Zurich onde a súa dona atopa un traballo. Escrebe “O imperialismo fase superior do capitalismo”; O socialismo e a guerra” e “Novos datos sobre as leis do desenvolvemento do capitalismo na agricultura”.

1916. A comisión creada en Zimmerwald, convoca unha conferencia que se vai celebrar en Kienthal a partires do 24 de abril; a esquerda aumenta en número de apoios e votos pero non consegue que se aprobe ningunha das súas resolucións. As dificultades económicas seguen a aumentar e escrebe a Kollontai solicitando se poña en contacto con editores para ver se lle dan traducións e publican algunha das súas obras; envíalle a súa irmá María, Ana estaba deportada, o manuscrito de O imperialismo fase superior do capitalismo, que é aceptado por un editor e o anticipo soluciónalle momentaneamente a situación económica. Escrebe “Da caricatura do marxismo ou do “imperialismo económico””; O socialismo e a guerra” e “As tarefas dos zimmerwaldianos de esquerdas no interior do partido socialdemócrata suízo”

1917. En xaneiro imparte unha conferencia a mozos obreiros socialdemócratas suízos de Zurich, con motivo do aniversario do comezo da revolución de 1905. O 28 de marzo o polaco Bronski, infórmalle dos acontecementos de Rusia, a formación dun goberno provisorio do Partido Constitucional Demócrata, representante da burguesía, e dun Soviet de Deputados Obreiros de maioría menxevique. A partires dese momento, os seus obxectivos son volver a Rusia e tentar que non se cometan os erros de 1905; envía por medio da señora Kollontai as 11 teses elaboradas en 1915 e o 2 de abril envía a primeira das 5 “Cartas desde lonxe” para ser publicadas en Pravda; só publicarán a primeira.
Xúntanse diferentes fraccións rusas para establecer un plan de regreso dos exiliados, aprobándose o menxevique, de facelo a traveso de Alemaña. O 29 de abril chega a estación Finlandia de Petrogrado e afirma a necesidade da revolución socialista mundial, sen dar apoio en concreto á revolución burguesa rusa, a pesar de que unha parte dos bolxeviques a estaban apoiando. Comeza a tarefa de recupera-lo partido para a revolución proletaria; atópase con tres tendencias, a dos vellos bolxeviques encabezada por Kamenev, partidaria de seguir a guerra e apoia-lo goberno, a que seguía as súas teses e unha terceira, aventureira, esquerdista e anarquizante, que non aceptaba as propostas do Comité Central; o primeiro fito desta recuperación terá lugar no pazo Kachesinskaia, onde recibe os principais dirixentes da organización da capital; o segundo no pazo Túride onde xúntase cos delegados bolxeviques dos diferentes soviets chegados de toda Rusia, que lle solicitaron unha entrevista; elaborou, explicou e discutiu as que se coñecen como “Tésis de abril”, que non son aceptadas pola dirección de Pravda, Kamenev e Stalin; o terceiro na Conferencia das seccións bolxeviques de Petrogrado no que participan os representantes dos aproximadamente 15.000 afiliados da capital.
As súas posicións son atacadas, desvirtuadas e distorsionadas por todo-los partidos nunha manobra orquestrada pola burguesía, que consideraba a Lenin, se conseguía aglutinar a todos os bolxeviques, un perigo real para consolidar a súa vitoria; prodúcense manifestacións multitudinarias contra a súa presencia en Rusia, pero co paso dos días, desde os barrios obreiros aparecen manifestacións de apoio as súas posicións que obrigan a dimisión do ministro de exteriores. Define como tarefa máis importante conquistar maiorías nos soviets, para que o lema “todo o poder para os soviets” permita avanzar cara o socialismo. O 24 de abril Pleno en Petrogrado do partido bolxevique, asisten representantes de toda Rusia; apróbanse as súas propostas por ampla maioría e elíxese un Comité Central de maioría “leninista”. En maio chega Trotski a Petrogrado e constitúe un pequeno grupo ó que lle fai Lenin, unha proposta de integración nos bolxeviques. Constitúese “A Militar” organización bolxevique que mantiña estreito contacto cos cuarteis. En xuño comeza o “Congreso Panruso dos Soviets” no que os bolxeviques son unha minoría: Lenin explica o programa bolxevique, entre apupos e burlas da maioría. Contra a nova ofensiva militar esixida polos aliados e apoiada polo Congreso dos Soviets, os bolxeviques convocan unha mobilización para o 23 de xuño e aínda que a desconvocan, o Congreso dos Soviets, controlado por menxeviques e socialistas, convoca outra para o 1 de xullo de apoio ó Congreso; os bolxeviques deciden participar pero coas súas consignas; a manifestación na que participan máis de medio millón de persoas, representa unha demostración de forza dos bolxeviques; Lenin enfermo, marcha a descansar a Finlandia e ten que volver precipitadamente, cando soldados bolxeviques e máis de 20.000 mariñeiros de Cronstand, xunto con numerosos traballadores das grandes fábricas, mobilízanse para toma-lo poder; Lenin ten que debater con todos eles e cambia-lo rumbo dos acontecementos. Estas xornadas e a forza amosada polos bolxeviques, leva ó goberno a iniciar unha campaña contra Lenin e o seu partido, acusando ó primeiro de axente alemán e tentando descabeza-la organización; o embaixador británico entregara unha nota ó goberno coas “necesidades”; asáltanse os periódicos e sedes, detéñense dirixentes, etc. Despois de valorar a posibilidade de permitir que o sometan a un xuízo, para desenmascarar todas as mentiras, decidiron que Lenin marchara ó exilio a Finlandia, onde rematará “O Estado e a Revolución”. O príncipe Lvov e substituído na presidencia do goberno por Kerenski; ca ausencia de Lenin celébrase o Congreso do partido bolxevique onde se aproba a admisión do grupo de Trotski e se nomea un novo Comité Central composto por 21 membros e dez suplentes; a finais de agosto fracasa a intentona golpista do xeral Kornilov, que contaba co apoio do Partido Democrático-Constitucionalista e cada vez se fai máis visible a delimitación do campo da burguesía e o do proletariado; a á esquerda do Partido Socialista Revolucionario aproxímase ós bolxeviques o que lles permite contactar con sectores campesiños; en Petrogrado e Moscova, os soviets aproban resolucións bolxeviques e estes entran a formar parte das direccións dos mesmos, convertendo ós soviets en órganos do proletariado revolucionario. Trotski é nomeado presidente do de Petrogrado. Para derrota-lo golpe de Kornilov creáranse milicias obreiras armadas, alicerce da futura“Garda Vermella”
Desde a distancia Lenin reflexiona sobre a situación e envía dúas cartas ó C.C. , afirmando a necesidade da insurrección.; non son aprobadas nin remitidas a todas as organizacións; unha parte do CC quere que Lenin permaneza lonxe; clandestinamente trasládase a barrio obreiro deViborg e hospédase ó principio, na casa do escritor finés Lattuk; a finais de setembro envía xunto con un artigo a Pravda “A crise esta madura”, unha nota dimitindo do Comité Central na que finalizaba “E isto é o que fago, reservándome a liberdade de acción na base do partido e no seu próximo congreso”. Envía notas á Conferencia bolxevique da capital, ó Congreso Rexional dos Soviets, ós camaradas de Petrogrado e outras que aínda hoxe descoñécese o seu destinatario, sempre explicándolles a necesidade da toma do poder. Recibe os responsables da Organización Militar Bolxevique. Retirada a súa dimisión, participa a principios de outubro no C.C., enfrontándose ás posicións de Zinoviev e Kamenev que non consideraban a necesidade de toma-lo poder pois “temos á burguesía baixo o canón dun revolver contra a súa tempa. Este revolver son o exército máis os soviets”. Apróbase a seguinte resolución redactada por Lenin: “Recoñecendo que a insurrección é inevitable e esta madura, o CC recomenda a todas as organizacións que discutan e resolvan todas as cuestións de orden practico, inspirándose en esta consideración”. Escrebe artigos apoiando a súa tese: ¿Se manterán os bolxeviques no poder?, e “Consellos dun ausente”
Como o CC esta moi fraccionado Lenin convoca unha asemblea extraordinaria do mesmo na que podan participar representantes das principais organizacións da capital. Celébrase en Lesnoi, distrito do que era alcalde Kalinin, aprobándose a resolución do CC por ampla maioría; a minoría filtra á prensa “que circulaba unha carta de bolxeviques contrarios á insurrección” e Lenin solicita a súa expulsión por labor fracional; Kamenev dimite aínda que poucos días máis tarde volve a ser readmitido coa oposición de Lenin. A redacción do periódico Pravda, incluído Stalin, aproba unha resolución de apoio ós dous disidentes.
O 6 de novembro diríxese ó instituto Smolni, sede dos Soviets e dos bolxeviques, disfrazado e atravesando toda a cidade para pular o cumprimento da resolución do C.C.; comeza a recibir a toda unha serie de responsables das seccións das fábricas e dos rexementos; de madrugada miles de obreiros armados e soldados toman os puntos neurálxicos da cidade; o Comité Militar Revolucionario, no que tamén participaban os socialistas revolucionarios de esquerda, fai unha declaración, o 7 de novembro, notificando que xa non existe Goberno provisional e que para o mediodía se convocará ó Soviet para formar un novo goberno. Kerenski abandona a capital, nun auto cedido pola embaixada americana, co obxectivo de traer tropas da fronte e poñer fin a revolución. Na xuntanza do soviet se aproba un goberno presidido por Lenin que nomea ó “Consello dos Comisarios do pobo” ; no IIº Congreso dos Soviets presenta a aprobación os decretos sobre a paz e a propiedade da terra. Ó día seguinte redacta o “Proxecto de decreto sobre o control obreiro”
Ten que facer fronte a creba no CC bolxevique e á dimisión de numerosos Comisarios; así como a constitución e a actividade do “Comité para a salvación do país e a revolución”no que se agrupan os inimigos dos bolxeviques; organiza a defensa de Petrogrado, atacada por unidades cosacas enviadas por Kerenski que son derrotadas en Pulkovo por un exército de proletarios e fai efectivo o decreto sobre a paz boicoteado por xerais e outros mandos. O 27 de novembro intervén no Congreso extraordinario dos Deputados Campesiños e logra un pacto cos “socialistas revolucionarios de esquerda”, que formarán parte do Consello dos Comisarios e nos soviets de obreiros e soldados.
Presenta un proxecto de decreto sobre a anulación do mandato dos deputados, nunha liña similar ó presentado por Robespierre, que provocou o enfrontamento cos socialistas revolucionarios de esquerda. En novembro a proposta súa apróbase o Decreto sobre a Prensa e en decembro o que creaba a “Comisión Extraordinaria Panrusa” (Cheka) e un Tribunal revolucionario. Escrebe “Pacifismo burgués e pacifismo socialista”; “As tarefas do proletariado na nosa revolución”; “As tres crises”; “As leccións da revolución”; “A catástrofe que nos ameaza e como loitar contra dela”.

1918. Nos primeiros días de xaneiro atentan contra a súa vida cando despedía voluntarios que marchan cara a fronte. Presenta un proxecto de Declaración de dereitos do pobo traballador e explotado, para que fora aprobado pola Asemblea Constituinte que se xuntaría o dia 18 de xaneiro; o día seguinte foi disolta por grupos de mariños e soldados.
En xaneiro prodúcense fortes disputas no CC bolxevique sobre o problema da guerra e da paz; Bujarin e a organización de Moscova e comarca, defenden levar adiante unha guerra revolucionaria; Lenin era partidario da paz a calquera prezo e Trotski co apoio de comité de Petrogrado, defendía non pactar e retiralo exército da fronte, “nin guerra nin paz”; a postura de Lenin foi derrotada en diversas xuntanzas do órgano de dirección, ata que o avance das tropas alemás, fixo que trunfara a súa postura.
En febreiro Trotski, Comisario da Guerra, despois de dimitir como Comisario de Exteriores, comeza a organiza-lo Exército Vermello.
O 9 de marzo o VII Congreso do Partido Bolxevique aprobou cambialo seu nome polo de Partido Comunista; a finais do mes trasládase a sede do goberno a Moscova. Encabeza a loita contra os especuladores e os acaparadores de trigo, os campesiños ricos, os kulaks; organiza obreiros das cidades e comités de campesiños pobres para controlar a situación, que cometerán excesos; os socialistas revolucionarios de esquerda, contrarios a esta campaña, deciden nun congreso clandestino celebrado en Moscova, iniciar a loita armada contra os bolxeviques e levar adiante un golpe de estado apoiándose na Cheka, que fracasa. Nos meses do verán atópase moi enfermo e débil. O 30 de agosto cando saía dun acto na fábrica Mikhelson sofre un novo atentado e recibe dous balazos.
Os xaponeses se apoderan da península de Kamchatka; a Lexión Checa sublévase e avanza cara a Moscova; tropas anglo norteamericanas desembarcan en Murmanks; franceses e ingleses desembarcan en Arjanguelsk e Bakú; coa derrota de Alemaña recupéranse as cidades do antigo imperio ruso que se atopaban no seu poder.
Afganistán e o primeiro estado que recoñece ó novo réxime.
Escrebe “As tarefas inmediatas do goberno soviético”; “A revolución proletaria e o renegado Kautski” e “Do infantilismo “de esquerda” e o esprito pequenoburgués”

1919. Despois do fracaso da revolución de xaneiro en Alemaña e dos asasinatos de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknetch, atópase diante da perspectiva de avanzar sen apoios na Europa; a finais do mes xúntanse no seu despacho do Kremlin representantes de grupos proletarios que elaboran o texto dun chamamento para realizar un congreso cos grupos afines do mundo; se celebra no mes de marzo en Moscova; asisten 52 delegados, non o fan ingleses nin norteamericanos a causa do bloqueo; Lenin presidiu as sesións e presentou o informe “Tesis sobre a democracia burguesa e a ditadura do proletariado”; o congreso fundacional da IIIª Internacional finalizou coa aprobación dun chamamento “Os traballadores de todos os países”.
Recibe numerosas delegacións de obreiros do mundo, e a personalidades e intelectuais entre elas, Bertrand Russell e H.G. Wells.
No VIII Congreso Panruso do Partido será moi crítico coa actuación do mesmo.
Os exércitos tsaristas, os brancos, ó mando dos xerais Denikin e Yudenitch e o almirante Koltchak, ocupan enormes territorios e avanzan sobre Petrogrado e Moscova; en outubro o Exército Vermello derrota os dous primeiros e grupos guerrilleiros fan prisioneiro ó terceiro, en decembro. Escrebe “A IIIª Internacional e o seu lugar na historia” e “As eleccións á Constituínte e a ditadura do proletariado”

1920. En xaneiro prodúcese un armisticio coa Lexión Checoslovaca e o Consello Supremo dos Aliados pon fin ó bloqueo. En febreiro escrebe un artigo no Pravda no que establecía a necesidade de construír un “exército vermello do traballo” formado por obreiros e campesiños pobres, para restaurar a agricultura e a industria.
Formula o problema da necesidade dos “especialistas”, aínda que a súa procedencia sexa maioritariamente burguesa; o 15 de maio no Congreso dos Traballadores Marítimos volve a formula-lo problema “só pode manterse (a revolución), apropiándose de toda a experiencia técnica e cultural do capitalismo, poñendo a todas esas xentes ó noso servizo...”. Tamén reflexiona sobre os sindicatos na súa obra ”A enfermidade infantil do esquerdismo no comunismo”, redactada na primeira quincena do mes de maio; iniciase a polémica con Trotski que recollía a súa posición no folleto “A misión e as tarefas dos sindicatos”, constituíndose o grupo coñecido como Oposición Obreira; na xuntanza dos delegados bolxeviques ó VIII Congreso dos Soviets, celebrada o 30 de decembro, despois da clausura, falou do que Lenin chamaba “ o erro do camarada Trotski”, en relación ós sindicatos..

1921. Escrebe o 19 de xaneiro o artigo “A crise do Partido”. Presenta para ser aprobada polo Xº Congreso do Partido Comunista que se celebra do 8 ó 16 de marzo, unha resolución na que se castigaba coa expulsión o labor fraccional; reflexiona como recupera-los campesiños para a revolución, aceptando de feito a liberdade de comercio e a entrada de capitais do exterior. Síntese moi afectado pola morte de Inés Armand, vítima do tífus. Participa no IIIº Congreso da Internacional Comunista. A finais de ano, enfermo, ten que interrumpi-lo seu traballo e só se incorporará para presenta-lo informe ó IX Congreso dos Soviets que comeza o 23 de decembro. Este ano escrebe dous artigos salientables cheos de críticas á actuación do Partido, o publicado o 28 de agosto en Pravda, “Novos tempos vellos erros” e o do 20 de setembro “Sobre as purgas no partido”. Desde este ano mantén un conflito con Stalin polo tema das nacionalidades e con outros camaradas a causa do monopolio do estado do comercio exterior, do que Lenin era partidario pese a NEP. O 5 de novembro escrebe o artigo “Acerca da significación do ouro agora e despois da vitoria completa do socialismo”

1922. A principios de ano o goberno soviético é invitado a participar na Conferencia de Xenova; Lenin decide asistir e inmediatamente prodúcense milleiros de resolucións de cuarteis, fábricas, organizacións de barrios, aldeas, aconsellándolle non participar; a enfermidade frustrou a súa participación.
A finais de marzo presenta ó XI Congreso do Partido, o que será o seu último informe, considerado como o seu “testamento”, no que fai un balanzo do ano transcorrido e presenta unhas liñas de avance para o ano seguinte; volve a reflexionar sobre a cuestión campesiña, o exceso de burocracia que afoga ó aparello gobernamental soviético e a competencia coas empresas capitalistas e como mellorar o labor das estatais. Para vixiar o funcionamento da máquina burocrática propón a creación dun novo servizo, chamado Inspección Obreira e Campesiña. Stalin que era Comisario das Nacionalidades foi colocado á fronte desta institución; na primeira xuntanza do novo Comité Central, celebrada en abril, á que non asistiu Lenin, Stalin, a proposta de Zinoviev, foi nomeado Secretario Xeral.
Sentíndose moi enfermo organiza a súa substitución por medio dunha instrución-regulamento; haberá dous suplentes da presidencia, Surupa e Rikov. A finais de maio sofre un ataque que lle paraliza o brazo e a perna dereita; incorpórase de novo ó seu traballo en outubro. Intervén en novembro no IV Congreso da Internacional Comunista e na Asemblea Plenaria do Soviet de Moscova; foi a súa última aparición pública.
Finalizando o ano, e posiblemente como resultado das malas relacións con Stalin, redacta o que se coñece como “Carta ó Congreso”, na que hai unha frase que di: “El camarada Stalin, chegado a Secretario Xeral, concentra nas súas mans un poder inmenso e non estou seguro de que sempre saiba usalo con suficiente prudencia”.

1923. Nunha potsdata do 4 de xaneiro á anterior Carta, recomenda ós camaradas “... que pensen a forma de pasar Stalin a outro posto e de nomear para este cargo a outro que se diferencie do camarada Stalin en todos os demais aspectos por unha vantaxe, a saber: que sexa máis tolerante, máis leal, máis correcto e máis atento cos camaradas, menos caprichoso...”. Entre xaneiro e marzo escrebe cinco importantes artigos ós que Bujarin en 1929, con motivo do recordo do quinto cabodano do seu pasamento, considera como o seu testamento: Follas do meu diario; Sobre o cooperativismo; Sobre a nosa revolución; Como debemos reorganiza-la Inspección de obreiros e campesiños e o 2 de marzo Máis vale pouco e bo. O 9 de marzo sofre un novo ataque que o deixa sen fala e en moi malas condicións; é levado fora de Moscova, a antiga casa en Gorki, onde pasaba as súas convalecencias. Mellora a partires de maio e o 19 de outubro esixe o leven ó Kremlin, entra no seu despacho onde permanece sen compañía uns minutos. Ö día seguinte regresa a Gorki pasando por unha exposición agrícola no Parque da Cultura

1924. O 19 de xaneiro lévano a dar un pequeno paseo en trineo sobre a neve, pola noite Krupskaia lle le o conto de Jack London “Amor á vida”. Falece vítima dun novo ataque, o 21 de xaneiro.


jueves, 13 de octubre de 2011

O ESCUDO DA VERGOÑA


Carlos Dafonte

Se alguén pensou que unha vez finalizada a ditadura, corrixiríase a nosa política internacional nun aspecto fundamental, como era a subordinación ós intereses imperialista dos EEUU, que trouxo consigo a ocupación do territorio por un importante número de bases, a permanencia de miles de soldados e o almacenamento de armas nucleares, errou nos seus pronósticos.
Excepto na presidencia de Suárez, ca súa negativa a entrar na OTAN, que quizais precipitou a súa renuncia ó cargo, nunca esclarecida, o resto dos gobernos e os presidentes dos mesmos, amosaron unha tendencia manifesta a ligarse ós intereses imperialistas.

domingo, 9 de octubre de 2011

44 ANOS DO ASASINATO DO CHE


Carlos Dafonte

O 8 de outubro de 1967 foi asasinado, na humilde escola da Higuera, na zona central de Bolivia, Ernesto Guevara de la Serna, arxentino de nacemento, cubano de adopción, revolucionario internacionalista e comunista exemplar; isto último é algo que se quere esquecer para seguir propagando a idea dun Ché Guevara idealista romántico, que morreu vítima da súa incapacidade para analizar a situación do mundo que lle tocou vivir, un home que confundía os seus devezos coa realidade e así seguir facendo da súa figura un produto de marqueting, de "merchandise", nun vano intento por contrarrestar o valor revolucionario, anticapitalista, que a súa figura ten. No Che admiramos a súa coherencia entre as ideas que expresaba, os valores que transmitía e a súa conduta, nestes tempos de renuncias e de expresións aduladoras co poder dalgúns que hai poucos anos facían bandeira dun discurso pseudorevolucionario.
Era comunista e marxista, coñecía a perfección a obra de Marx, de Lenin e dos clásicos do marxismo, ós estudara con aplicación; tamén a realidade na que vivía, un mundo onde padecían unha ultraxante miseria miles de millóns de habitantes do planeta, mentres un reducido grupo de oligarcas vivían na opulencia; abandonou o cargo de Ministro de Industria na Cuba revolucionaria, e marchou ás selvas do Congo primeiro e máis tarde a Bolivia, na época da sanguenta ditadura de René Barrientos, a loitar polos seus ideais onde atopou a morte, despois de ser detido tras caer ferido en combate. O imperialismo non o soportaba vivo e ordenou a CIA a súa execución.

jueves, 6 de octubre de 2011

UNHAS DECLARACIÓNS MOI CLARIFICADORAS

                                                                                                                                                                           



Carlos Dafonte

As breves declaracións dun personaxe que di responder ó nome de Alessio Rastani, do que aínda non sei se era un actor, un verdadeiro especulador ou se todo foi unha broma da BBC, unha máis, sobre dous aspectos que teñen moito que ver coa realidade que vivimos, o primeiro sobre a posibilidade de facerse moi rico coa crise e as recesións e o segundo sobre quen goberna verdadeiramente o mundo, papel que el atribuía a Goldman Sachs, levantaron unha ondada de comentarios maioritariamente críticos, sobre todo por parte dos dirixentes políticos de aqueles partidos que colaboran coa súa actividade diaria, a que as declaracións deste personaxe teñan verosimilitude e tamén algúns banqueiros e individuos ligados a sectores financeiros.
Son pois condenas impregnadas de cinismo, pois ben coñecen os que están nas esferas máis altas da política, que o que Rastani declarou é certo. Teñen ademais moito que ver con outras que fixo Solbes ó inicio da crise, no senso de que estas “serven para facer limpeza”, é dicir uns "limpan", eliminan competidores e outros quedan "limpos", desaparecen do mercado; os peixes máis grandes cómense ós máis pequenos, para beneficio dos primeiros.
E son cínicos moitos destes políticos e financeiros que critican, pois os primeiros son os que construíron o marco desta mundialización neoliberal, este imperialismo de novo cuño, con liberdade de movemento para os mercados de capitais, para os produtos financeiros opacos, responsables tamén de permitir o déficit fiscal legalizando reformas onde só tributan as rendas do traballo, que non só non perseguen os paraísos fiscais senón que os protexen, que gobernan ó servizo dos grandes grupos empresariais, que poñen os cartos de todos ó servizo dos especuladores, centos de miles de millóns de euros para salvalos, mentres recortan en servizos básicos para a poboación ou conxelan miserables pensións. Por iso tamén é cínico que moitos dos que se benefician da crise, critiquen que se diga o que esta a pasar “nas altas esferas” da economía.
Os ricos, os especuladores, en situacións de crise poden obter enormes cantidades de beneficios, pola razón de que todo baixa de prezo, desde os inmobles, ás obras de arte, a forza de traballo, as accións das empresas, aproveitan inxeccións de cartos públicos en beneficio propio como ocorre nas caixas e os bancos e toda outra serie de “operacións” que se levan a cabo e que debía explicar Alessio Rastani, que posiblemente nin se nos pasen pola cabeza a grande maioría dos habitantes deste planeta.
Hai poucos días nunha entrevista informal co presidente executivo do antigo banco de inversións norteamericano, hoxe comercial Glodman Sachs, a quen salvaron da quebra, a este si, a outros non, dicía que nestas situacións, moitas veces creábanse produtos financeiros, contra os que se actuaba despois, o caso era gañar a calquera prezo.
E a segunda afirmación de Rastani, de que Goldman Sachs goberna o mundo, é algo sabido, sempre se dixo que hai dous membros do goberno dos EEUU que non os nomea o presidente, o de Defensa que o fai o Pentágono e o do Tesouro que o nomea Goldman Sachs; este banco pertence ó lobby sionista e coñecemos a súa capacidade de influír, non so en Norteamérica, forma parte dos bancos que constitúen a Reserva Federal, organismo privado, aínda que un 80% dos norteamericanos pensan que é público, e unha serie de Secretarios do Tesouro e outros altos cargos intermedios pertenceron ó mesmo; Robert Rubin Secretario do Tesouro con Clinton; Henry Paulson con Bush; Friedman como Presidente do Consello Económico Nacional; Neel Kashkari o encargado de levar adiante a operación de “salvamento” da banca que lle custou ó pobo norteamericano, que se saiba, 1 billón de dólares e converteu a débeda privada en pública, e outr@s moit@s.
Pero en Europa tamén ten representantes moi senlleiros, entre outros Romano Prodi, dúas veces primeiro ministro de Italia e Presidente da Comisión Europea; e agora despunta Mario Draghi, presidente do Banco de Italia e futuro Presidente do Banco Central Europeo.
Non hai que esquecer que Glodman Sachs, fixo uso dun “instrumento”, o derivado coñecido como swap (canxe) de moedas, para axuda-lo goberno de Grecia a maquilla-lo déficit fiscal cando Draghi era vicepresidente da entidade bancaria. Unha operación perfectamente planificada contra a Unión Europea e o euro?
Ademais este banco foi o máximo contribuínte á campaña de Barak Obama, na súa carreira para a presidencia dos EEUU.
Nestes tempos de guerra aberta entre o dólar e o euro, non hai ningún presidente de goberno europeo a quen lle preocupe que antigos membros executivos de Goldman Sachs, sexan quen vaian tomar decisións sobre ámbalas dúas moedas?. Tiña razón Rastani sobre o peso deste banco na política mundial? Creo que as súas declaracións son acertadas e clarificadoras, por iso reciben resposta airada de determinados sectores.
Tamén poñen en evidencia cuestións sobre as que non se ten cavilado pero que son reais: que o capitalismo é un sistema perfecto para que unha minoría poda gañar diñeiro, contaminando a natureza e descontaminándoa, en épocas de bonanza e nas de recesión, etc., pero aínda que tenten facernos crer que todos temos unha oportunidade, só un reducido grupo, os que denominamos a oligarquía, están en condicións de facelo; os demais son espectadores dun espectáculo, no que sempre lles toca pagar.
En segundo lugar, pon nome e apelidos a algo que se repite ata a saciedade, que son os “mercados” quen gobernan; pois ben Goldman Sachs é un deles e polo que se coñece, un dos máis poderosos.
Ou limpamos a política de especulador@s e polític@s venales ou moi mal o van a seguir pasando @s asalariad@s, e por moito tempo.

En Galicia no mes de Outubro de 2011