A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 9 de octubre de 2011

44 ANOS DO ASASINATO DO CHE


Carlos Dafonte

O 8 de outubro de 1967 foi asasinado, na humilde escola da Higuera, na zona central de Bolivia, Ernesto Guevara de la Serna, arxentino de nacemento, cubano de adopción, revolucionario internacionalista e comunista exemplar; isto último é algo que se quere esquecer para seguir propagando a idea dun Ché Guevara idealista romántico, que morreu vítima da súa incapacidade para analizar a situación do mundo que lle tocou vivir, un home que confundía os seus devezos coa realidade e así seguir facendo da súa figura un produto de marqueting, de "merchandise", nun vano intento por contrarrestar o valor revolucionario, anticapitalista, que a súa figura ten. No Che admiramos a súa coherencia entre as ideas que expresaba, os valores que transmitía e a súa conduta, nestes tempos de renuncias e de expresións aduladoras co poder dalgúns que hai poucos anos facían bandeira dun discurso pseudorevolucionario.
Era comunista e marxista, coñecía a perfección a obra de Marx, de Lenin e dos clásicos do marxismo, ós estudara con aplicación; tamén a realidade na que vivía, un mundo onde padecían unha ultraxante miseria miles de millóns de habitantes do planeta, mentres un reducido grupo de oligarcas vivían na opulencia; abandonou o cargo de Ministro de Industria na Cuba revolucionaria, e marchou ás selvas do Congo primeiro e máis tarde a Bolivia, na época da sanguenta ditadura de René Barrientos, a loitar polos seus ideais onde atopou a morte, despois de ser detido tras caer ferido en combate. O imperialismo non o soportaba vivo e ordenou a CIA a súa execución.

Foi ademais un “recreador” do marxismo en clave latinoamericana, seguindo neste senso a estela do peruano Juan Carlos Mariátegui; os dous concebían o pensamento de Marx en sintonía coa tese XI sobre Fuerbach e, no caso do Che, en combate contra os manuais saídos da Academia de Ciencias da URSS, os “ladrillos soviéticos”, lles chamaba, que deturpaban o marxismo e os obxectivos da revolución, constrinxindo a acción revolucionaria co etapismo, a imposibilidade dunha revolución socialista na periferia do sistema e o mantemento do “statu quo” coa outra grande potencia mundial, os EEUU de Norteamérica.
Mariátegui tamén sostivo diferencias salientables cos representantes da IIIª Internacional en América Latina, por causas moi parecidas ás de Guevara.
As diferencias coa URSS, postas de manifesto en reiteradas ocasións, a Conferencia de Arxel por exemplo, dificultarían a súa empresa de crear en América Latina, un, dous, tres ...vietnams.
Pero tamén debe interesarnos, posiblemente cada vez máis, o Che Guevara menos coñecido, o teórico, o participante, por exemplo, no debate producido en Cuba nos anos 1962-1963 sobre as opcións estratéxicas para o desenvolvemento económico e político da revolución cubana, pero que unha vez iniciado, tamén abrangue a cuestións teóricas máis xerais como a teoría marxista do valor. Algúns teñen comparado este período de debate, co acontecido na década dos anos 20 do século pasado, entre os bolxeviques. Hai que dicir que coincide no tempo polo desenvolvido na URSS e iniciado polo artigo de Liberman, “Plan, beneficios, primas”, que levou ás reformas de 1965.
Nel, ademais do Che participan tamén, Font, Escalona, Carlos Rafael Rodríguez, Mora e algúns máis, por parte de Cuba e dúas personalidades con amplo recoñecemento internacional, Charles Bettelheim e Ernets Mandel. Os resultados e as diferentes posicións moitas veces encontradas, publicáronse en revistas cubanas e máis tarde, dada a importancia do mesmo, diversas editoriais o recolleron e publicaron.
Debateuse de todo, as técnicas de administración, da planificación, da centralización ou a descentralización, do traballo voluntario, os niveis de decisión, o papel da banca e do creto, as retribucións d@s traballador@s, os custos de produción, as relacións entre as empresas estatais, etc. E todo elo nun contexto de construción dunha nova sociedade, dun novo estado, novas institucións e enfrontado ese proceso a agresión permanente da máis grande potencia mundial situada a 80 millas e a consolidación da alianza coa URSS, que non sempre entendeu as razóns deste debate, desde a súa perspectiva de falar en nome do socialismo e do marxismo.
No mesmo aparecen dúas concepcións sobre o carácter da revolución, unha determinista, e outra a do Che baseada na praxe. Como destaca Martínez Heredia, o Che defende unha concepción marxista da revolución que sitúa en primeiro termo a acción consciente e organizada, e nese senso, o Sistema Orzamentario de Finanzamento que defendía, é só parte dunha concepción xeral do desenvolvemento da construción do socialismo, é expresión dunha política económica inscrita nesa concepción xeral. Este planeo, enlaza co concepto de vangarda revolucionaria, que influenciada polo marxismo, pode forza-la marcha dos acontecementos históricos, e con verbas do propio Che, “dentro do que obxectivamente é posible”. Bettelheim defendía o modelo económico implantado nesa época na URSS, modelo que defendía a existencia de certas categorías propias do sistema capitalista como a mercadoría, creto, diñeiro, etc. Pola contra Guevara, afirmaba que eran corpos estraños á nova sociedade, e de manterse, crearía unha sociedade híbrida e numerosas contradicións que a longo prazo se resolverían a favor do capitalismo.
Bettelheim nega o Sistema Orzamentario de Finanzamento proposto por Guevara, e só acepta o Cálculo Económico que se levaba a cabo nos chamados países socialistas; o Che, pon no transcurso do propio debate “patas arriba”, moitos conceptos destes países.
Estudar o debate e as posición de Guevara no mesmo, así como as actas das sesións de estudo e debate no Ministerio de Industria que presidía, deben ser para toda persoa que queira edificar unha nova sociedade, elementos de axuda moi importantes, pois reflicten algúns dos problemas, os erros e os acertos cos que todo revolucionario se vai atopar e debe evitar caer.
Se o imperialismo e as forzas negras do capital pensaban que asasinando ó Che Guevara, podían matar o seu exemplo, as súas ideas, a súa vontade de loita, a súa coherencia, erraron. Hoxe o que Guevara representa, esta vivo en millóns de cidadáns do planeta; é unha bandeira pola liberación da humanidade e cando o sistema capitalista amosa a súa entraña, o que verdadeiramente é, un sistema despiadado de explotación e de sometemento, como fai na actualidade, a figura de Guevara, asasinado na humilde escola da Higuera, cerca da quebrada do Yuro, na zona central de Bolivia, acada aínda unha dimensión maior.
Paradoxos da historia, o sarxento boliviano que disparou sobre un Guevara preso e ferido, cumprindo ordes superiores hai 44 anos, hai pouco tempo xa na etapa presidencial de Evo Morales, foi operado e “curado” da súa cegueira por médicos cubanos, que axudan en Bolivia en función a acordos internacionalistas entre ámbolos dous países.

En Galicia no mes de Outubro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario