A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 28 de mayo de 2014

ALGÚNS COMENTARIOS SOBRE AS ELECCIÓNS Ó PARALAMENTO EUROPEO


Carlos Dafonte

Son varios os trazos que hai que valorar a nivel da Unión Europea (UE) no momento de facer unha análise do acontecido o día 25 de maio.

En primeiro lugar hai que sinalar que a crise, que está a deixar unha fonda pegada na conciencia da maioría das sociedades, tivo que estar moi presente no momento de votar e que foi un acontecemento, pola dureza das solucións aprobadas polas forzas que gobernan na UE, que rachou ca indiferenza con que antes actuaba moita xente diante de procesos electorais similares. Considero que o día 25 de maio, todos os que votaron, o mesmo que aqueles que podendo facelo non o fixeron, que foron maioría e nalgúns países do leste, unha estrepitosa maioría, actuaron cun grao de conciencia maior que hai cinco ou dez anos. É un acto de castigo.


domingo, 18 de mayo de 2014

O 25 DE MAIO HAI QUE DAR UNHA RESPOSTA AXEITADA Á GRAVIDADE DA AGRESIÓN


Carlos Dafonte

O 25 de maio nos esperan, din os representantes de algunhas candidaturas, unhas eleccións moi importantes, ¡¡¡O Parlamento que saia dos mesmos, vai poder elixir ó Presidente da Comisión, ó substituto de Durao Barroso!!!. E que?, debiámoslles contestar, como se iso servise para algo. Os dous candidatos con posibilidades de presidi-la Comisión, atópanse no que podemos denominar “consenso neoliberal” de construción da UE e de saída da actual crise. O que os dous candidatos representan, tanto o proposto polo grupo socialista como polo popular, que foi primeiro ministro dun importante paraíso fiscal, son parte do problema que estamos a sufrir os cidadáns europeos, son os grupos maioritarios que crearon as estruturas da UE, que aprobaron os seus diferentes tratados onde se establecían as súas institucións e o seu funcionamento, as súas políticas favorables e ó servizo dos poderes económicos e nocivas e contrarias ós intereses dos traballadores asalariados, a grande maioría dos habitantes da UE.

martes, 13 de mayo de 2014

CRISE E RECESIÓN, COUSAS DISTINTAS

 Roberto Laxe

 
O goberno, á calor de certos datos da chamada “macroeconomía” como o previsto crecemento do PIB ou a baixada da “curmá de risco”, lanzou aos catro ventos a campaña de que xa estamos a saír da “crise”. Para iso fai unha trampa conceptual, equipara crise con recesión. É certo que certos datos como os mencionados, son os que lles permiten inchar peito para afirmalo; pero saír da recesión non é saír necesariamente da crise. Unha recesión é unha fase dentro dun proceso moito máis longo, ten unhas causas máis conxunturais (des/investimento do estado, repunte ou non dalgún sector da economía, etc.) e menos estruturais, que pode resolverse sen tocar para nada a crise.


miércoles, 7 de mayo de 2014

O AGRAVAMENTO DA TENSIÓN EN UCRAINA


Carlos Dafonte

Despois do golpe de estado contra a lexitimidade existente no país, os acontecementos vanse desenvolvendo cun rumbo que posiblemente o imperialismo encabezado polos norteamericanos non tivese valorado, como aconteceu noutros casos recentes, como Iraq, Afganistán, Libia ou Siria.
En primeiro lugar porque posiblemente colleunos desprevidos a resposta contundente dada por un dos elos fortes da outra cadea imperialista, Rusia, que respondeu con prontitude diante dos acontecementos e incorporou Crimea ó seu territorio, despois dun referendo multitudinario, onde ten bases militares imprescindibles para o control de zonas consideradas xeoestratéxicas. Crimea pertencía a Ucraína desde hai poucos anos, foi un regalo de Krutchov, o substituto de Stalin, en 1954 e levouse a cabo dun xeito ilegal, contrario á lexislación vixente na URSS, pois non se solicitou a opinión da cidadanía. Por outra banda, as autoridades de Crimea utilizaron o mesmo procedemento que as de Kosovo cando se separou de Serbia, que naquel momento foi aceptado polos organismos internacionais.
En segundo lugar, e posiblemente a actitude rusa en Crimea axudou a tomar conciencia, a poboación de cultura rusa do leste, maioritaria e celeiro de votos do presidente ilegalmente expulsado do seu cargo, reaccionou diante do golpe dun xeito lóxico, en defensa da orde constitucional e polo non recoñecemento do goberno ilexítimo. Aspectos todos estes reforzados pola implicación no golpe dos dous partidos máis importantes de carácter neonazi, Svoboda (Liberdade) e Pravy Sektor (Sector Dereito) en cuxos programas aparece dun xeito nidio a persecución da cultura rusa e dos xudeus. Non hai que esquecer que o primeiro conta con tres ministros no goberno ilexítimo e que unha das primeiras medidas deste goberno foi que a lingua rusa deixe de ser oficial naquelas rexións do país onde tiña esa consideración.