A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 18 de mayo de 2014

O 25 DE MAIO HAI QUE DAR UNHA RESPOSTA AXEITADA Á GRAVIDADE DA AGRESIÓN


Carlos Dafonte

O 25 de maio nos esperan, din os representantes de algunhas candidaturas, unhas eleccións moi importantes, ¡¡¡O Parlamento que saia dos mesmos, vai poder elixir ó Presidente da Comisión, ó substituto de Durao Barroso!!!. E que?, debiámoslles contestar, como se iso servise para algo. Os dous candidatos con posibilidades de presidi-la Comisión, atópanse no que podemos denominar “consenso neoliberal” de construción da UE e de saída da actual crise. O que os dous candidatos representan, tanto o proposto polo grupo socialista como polo popular, que foi primeiro ministro dun importante paraíso fiscal, son parte do problema que estamos a sufrir os cidadáns europeos, son os grupos maioritarios que crearon as estruturas da UE, que aprobaron os seus diferentes tratados onde se establecían as súas institucións e o seu funcionamento, as súas políticas favorables e ó servizo dos poderes económicos e nocivas e contrarias ós intereses dos traballadores asalariados, a grande maioría dos habitantes da UE.

Pero esa elección que non serve para nada, é esgrimida polos dous partidos maioritarios PP e PSOE para tentar que chegue á maioría d@s eletor@s, a súa mensaxe fundamental nestas eleccións. Que non son iguais e que representan dous programas diferentes, tanto no interior de cada país, como no contexto europeo; consideran que si esa mensaxe é asumida pola cidadanía, esta se agrupará arredor destes dos grandes partidos minguando as cifras da probable abstención, e impedindo resultados positivos para as outras candidaturas.
E para acadar este obxectivo PP e PSOE están a representar unha farsa, a segunda parte da traxedia que representa hoxe para a maioría da poboación do estado español, a situación económica, o recorte de dereitos de todo tipo e o deterioro dos servizos públicos. E centran o seu debate en esgrimir toda unha serie de consignas baleiras de contido algún, que só serven para que os militantes aplaudan, referidas á situación interior pero sen falar case nunca de Europa. Bótanse, como levan facendo desde hai moitos anos, a culpa un a outro de todos os males que sofre o país nun debate estéril e mentireiro, tanto como aquel outro entre os dous especialistas en economía de cada partido, que se enfrontaron na campaña electoral de 2008, Solbes polo PSOE e Pizarro polo PP, que si alguén tivera a paciencia de revisalo comprendería cales son os problemas do país. Pizarro acusaba ó PSOE, xa en plena crise do centro do sistema capitalista, de leva-lo país á crise mentres o mundo gozaba de boa saúde económica e Solbes lle respondía que se gañaba o PSOE ¡acadarían o pleno emprego na lexislatura!.
Esa é a farsa que volven representar de cara ás eleccións ó Parlamento Europeo estes dous partidos, que desde o ano de 1982 altérnanse no control das institucións do estado e son os culpables da situación actual. Por pregarse ás iniciativas da Europa do norte, por desindustrializa-lo pais, por non defende-la agricultura nin a gandaría, por acepta-lo despezamento da frota pesqueira, por converternos nun centro de turismo barato e servizos moi mal pagados, estimula-la burbulla inmobiliaria, por facernos pagar a todos os contribuíntes o rescate da banca e entregarlle decenas de miles de millóns; por privatizar empresas estratéxicas que producían beneficios para as arcas públicas, por levar adiante, tanto un como outro, reformas laborais, de pensións, fiscais, etc, que só benefician ós máis poderosos, por senta-las bases lexislativas para a privatización da sanidade, por recortar todos os anos os orzamentos en educación e investigación, por poñe-la xustiza ó servizo dos poderosos....
Na recente xuntanza do Partido Socialista Europeo celebrada en París, celebrada baixo o lema “A austeridade é un erro”, non se fixo a menor autocrítica polas políticas de austeridade levadas a cabo polos partidos socialistas cando gobernaron e tampouco da austeridade que impón o Partido Socialista Francés no seu país.
Como alguén lles vai crer ós que se autodenominan socialistas que vaian cambiar?.
Polo tanto se fixéramos unha clasificación das diferentes candidaturas que se presentan o día 25, diría que as dos dous grandes partidos xunto cos seus “programas” son as candidaturas da mentira, que calquera persoa con certo sentido común, sobre todo se se considera de esquerdas, debe desbotar da súa intención de voto; son máis do mesmo que xa temos, e non nos debe satisfacer.
Hai un segundo grupo de candidaturas ás que chamaría “da liña socialdemócrata”, que non parecen comprender moi ben como funciona o sistema capitalista e a súa superestrutura política, que reclaman os nosos votos tentando convencernos da importancia da súa presenza no Parlamento Europeo para facer “outra Europa”, unha “Europa máis social”. Como se iso fose posible desde unha institución que por non ter, non ten nin capacidade para lexislar; pero aínda que a tivera, tampouco conseguirían acada-los seus obxectivos, como se amosou nos tempos en que a socialdemocracia loitaba polo socialismo e pensaba que se podía chegar ó mesmo por medio da acción parlamentar. Moitos anos controlando as institucións públicas e terminaron por converterse en neoliberais.
Non dubido que algunhas destas últimas candidaturas, presentan programas que nalgún aspecto se pode considerar revolucionario. Tampouco que actúen moitos dos seus militantes de boa fe cando se lles enche a boca ca cantidade de transformacións que van levar a cabo, pero creo que deben reflexionar pois dando tanta importancia á loita institucional, capaz de transformar ata a situación actual, no fondo desmobilizan, fracturan e non permiten que chegue ata a consciencia da xente a verdadeira situación, a realidade na que viven: que a U.E. é imposible de transformar só desde a loita institucional.
Polo tanto temos que considerar o terceiro grupo de candidaturas, aquelas que presentan ós electores outra realidade, a imposibilidade de transformar a UE, como di Manolo Monereo, non é renovable nin se pode refundar e polo tanto existe a necesidade de destruír o actual monstro edificado á medida das oligarquías, as empresas multinacionais, os mercados e o capital financeiro, onde a corrupción é un elemento máis da súa estrutura. Destrución que se ten que levar adiante a partires dos estados, derrotando neles as forzas políticas que fixeron posible o nacemento deste novo “frankenstein” político- económico.
Por iso teñen que gañar forza propostas como o abandono da UE, saír do euro, gaiola onde a maioría dos países compiten á baixa en dereitos laborais, posto que non poden desvalorizar moedas propias, rebaixando salarios, establecendo o despido libre, aguzando a precariedade, facendo en suma insoportable a vida dos seus cidadáns. Propostas que aparecen en determinadas candidaturas que non teñen presenza algunha nos medios e que consideran prioritaria, fronte a actividade institucional, a organización e a actividade no centro de traballo, na rúa, a organización dun dobre poder; que non rexeitan a loita institucional pero que a subordinan á loita social.
Polo tanto as próximas eleccións ó Parlamento Europeo, son importantes, non polo que nos dín moit@s d@s candidat@s, senón para observar se nestes anos de crise e de agresión do capital contra o traballo, se aprendeu algo do que esta a acontecer, se a poboación é consciente de cales son os problemas que nos atinxen e quen, como intermediarios do verdadeiro poder, lexislan no seu favor e contra da grande maioría.
O día 26 comprenderemos, vendo os resultados, se das derrotas aínda que sexan momentáneas, @s asalariad@s do estado español sacamos conclusións acertadas e damos unha resposta axeitada.

En Galicia no mes de maio de 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario