A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 28 de mayo de 2014

ALGÚNS COMENTARIOS SOBRE AS ELECCIÓNS Ó PARALAMENTO EUROPEO


Carlos Dafonte

Son varios os trazos que hai que valorar a nivel da Unión Europea (UE) no momento de facer unha análise do acontecido o día 25 de maio.

En primeiro lugar hai que sinalar que a crise, que está a deixar unha fonda pegada na conciencia da maioría das sociedades, tivo que estar moi presente no momento de votar e que foi un acontecemento, pola dureza das solucións aprobadas polas forzas que gobernan na UE, que rachou ca indiferenza con que antes actuaba moita xente diante de procesos electorais similares. Considero que o día 25 de maio, todos os que votaron, o mesmo que aqueles que podendo facelo non o fixeron, que foron maioría e nalgúns países do leste, unha estrepitosa maioría, actuaron cun grao de conciencia maior que hai cinco ou dez anos. É un acto de castigo.


Hoxe sábese que os organismos antidemocráticos da UE, deciden sobre a maior parte dos aspectos no eido da economía e polo tanto considero que a abstención, é un xeito de castigo, despolitizado pero de castigo, para as castas dirixentes que se someten ós ditados da política de austeridade que pulan as oligarquías dominantes.

En segundo lugar resaltar que os grupos que dominaron as institucións, os chamados populares e socialistas, continuarán no seu control a pesares de sufrir descensos importantes na maioría dos seus países. Pero por primeira vez non acadan entre os dous a maioría absoluta do Parlamento, polo que é posible que o Consello da UE, tome algunha medida e non permita que o Parlamento elixa ó Presidente da Comisión; é posible esa situación que sería anómala, pero que se pode dar e débese denunciar, aínda que non teña moita importancia, pois de producirse amosaría o grao de descomposición institucional deste organismo supranacional e unha vez máis mentiríase ós cidadáns que foron convocados as urnas, tamén para nomear a quen elixiría ó presidente da Comisión.

Un terceiro aspecto que é necesario salientar, clarexar e denunciar, e que forma parte da loita ideolóxica, compoñente fundamental da loita de clases é o xeito no que a prensa das grandes empresas multinacionais presentan a suba en moitos países, Gran Bretaña, Finlandia, Dinamarca, Holanda, Austria, de aquelas organizacións que denominan “euroescépticos”, verba baixo a que se quere meter a todas as organizacións políticas que se opoñen á UE e o euro, aínda que os seus programas e proxectos de sociedade sexan moi diferentes; métense a todos xuntos, desde a Fronte Nacional de Marie Le Pen de Francia que acadou a maioría dos votos, ata aquelas formacións políticas de carácter neonazi, pasando polas de extrema esquerda. Interesadamente tentan que todos parezan o mesmo, para desprestixiar a aquelas formacións políticas que formulan tamén, a desaparición do capitalismo.

A realidade é, que uns queren abandonar a UE, desde unha visión de dereitas, conservadora e as veces reaccionaria, para apoiar a determinados sectores do capitalismo nacional que están abocados a desaparecer fronte o imperialismo e as empresas transnacionais. Pola contra outras organizacións consideran necesario, por ser europeístas e internacionalistas, a destrución da actual UE, pois nunca un organismo ó servizo do capitalismo pode servir para levar adiante políticas a favor das maiorías sociais, para edificar outra Europa, socialista e o servizo das mesmas.

Outro aspecto é a entrada no Parlamento de grupos de ideoloxía nazi; senón me trabuco de procedencia grega e alemá. No primeiro caso a existencia deste grupo é resultado da loita de clases, da resistencia da clase obreira e do medo da burguesía e a pequena burguesía a que esta clase se converta en hexemónica na sociedade e están dispostos a todo, ata permitir estes grupos para evitalo. Hai ademais un “caldo de cultivo” importante pola proximidade, como en España co franquismo, da ditadura dos coroneis, que contou co apoio da monarquía, e que rematou co referendo e a proclamación da república.

No caso alemá, son “reminiscencias do pasado”; cando hai só setenta anos a ideoloxía nacionalsocialista impregnaba toda a vida social, a actividade política e a formación académica, non é posible pensar que o monstro non deixou semente algunha, que nestes anos de crise e penuria, permita aparecer de novo o froito; baixo outra roupaxe, con outros xeitos de comportarse, á expectativa para cando a clase hexemónica, os explotadores, o necesiten.
Pensábase que o apoio da UE ó golpe de estado en Ucraína ca participación de grupos nazis, non ía ter consecuencias algunha?. Hai que pensar que, como mínimo, os seus electores sentíronse fortalecidos por esta conivencia.

Onde foi o voto dos traballadores asalariados, a maioría da sociedade? Posiblemente unha parte moi importante á abstención, outra ás forzas da esquerda tradicional pero tamén ós euroescépticos e posiblemente nun número importante; na clase traballadora comeza a estar claro, despois destes anos de loita, que dentro da UE non hai solución para os seus problemas e si as organizacións tradicionais ás que votan, seguen a formular a posibilidade de cambia-la desde dentro, e non a de saír, é factible esta posibilidade. Se isto fose así hai un problema importante de dirección política.

Os resultados no estado español, están a vaticina-la fin do bipartidismo?.

Ata o de agora, este tipo de eleccións, como non se era moi consciente da importancia das institucións europeas, servían para castiga-lo partido no goberno sen poñer en cuestión a gobernabilidade do estado. O 25 de maio aconteceu algo que estando previsto non parecía que tivera a magnitude da realidade; os dous partidos culpables da situación económica, do deterioro social, os máis firmes defensores de consolida-lo réxime da transición e da actual construción europea, sofren importantes perdas de votos e escanos e aparecen outros grupos con representación, que de consolidarse nas próximas eleccións municipais e autonómicas, pódenlle facer perder peso ó bipartidismo nas eleccións xerais e polo tanto poñer en cuestión o actual sistema de poder e deixar sen efecto unha posible “grande coalición” que é o que esixen as empresas do Ibex -35. Podemos afirmar que os resultados electorais reflicten a crise institucional, política, económica, social e territorial que sofre o estado español

Pero dicir hoxe que o bipartidismo foi derrotado, é unha opinión moi arriscada; sufriu certo deterioro que só a loita social dos próximos meses, ca súa capacidade mobilizadora e para crear conciencia entre amplos sectores da poboación, pode aguzar.

As forzas e organizacións políticas que queren un cambio, non poden caer na trampa de querer preparar as próximas citas electorais ó marxe da mobilización; os resultados electorais teñen que estar en función da mobilización, da capacidade de organizar e do debate ideolóxico contra os intelectuais orgánicos dos explotadores.

Os dous grandes partidos non esperaban a súa derrota, parcial pero derrota, que se amosa na súa incapacidade para analizar o que aconteceu. O PP refuxiándose no “hemos ganado” cando é unha idiotez formulalo así nunhas eleccións europeas; non se trata de sacar máis votos que o outro partido do bipartidismo, senón de ver con cantos deputados contribúes á formación do grupo popular en Europa e hai que dicir que envías oito menos, polo tanto non ganaches, perdiches.

E no PSOE, a intervención de Valenciano na noite do fracaso, impropia dunha dirixente política, o mesmo que a Cospedal, só dixeron o que acontecera, como faría un periodista, pero non foron capaces de valoralo politicamente que era a súa obriga.

Neste senso son os medios das grandes empresas os que o fan e marcan o camiño do razoamento. Afirman que o problema é de comunicación co corpo electoral, ou de falla de democracia, por non facer primarias, pero nunca recoñecerán que a cuestión fundamental pola que a xente non os votou é de programa, por ter aplicado políticas de austeridade contra a xente de abaixo e pagarlles a crise, cos cartos de todos, ós poderosos. E ese foi o guión que seguiron os voceiros dos dous partidos despois das xuntanzas das súas direccións para analiza-los resultados. Da corrupción nin unha verba.

Hai que constatar tamén que o proceso político de masas que coñecemos como o 15-M, cun contido de clase moi determinado, sobrevoou por enriba dos resultados electorais e permitiu que o retroceso do bipartidismo non se fixera con acumulación de forzas pola dereita, senón “pola esquerda”, e utilizo a verba esquerda, porque sei que é un xeito fácil de entendernos pero son consciente que non expresa a realidade, non é exacto.

VOX, constituído pola dereita do PP, non acadou escano e Cidadáns e UPyD acadan cinco escanos dos 17 que perden PSOE e PP, o resto vai para forzas que para entendernos podemos chamar de “esquerdas”.

E dentro dos 12 restantes destacan os 5 acadados pola candidatura de Podemos que todos os comentaristas consideran a “triunfadora da noite electoral”.

Como é posible que en catro ou cinco meses, se poda montar unha candidatura que acade semellantes resultados? Coido que son variadas as respostas. En primeiro lugar atópase o enfado da xente pola situación na que vive e da que considera culpables “ós políticos”, sen entrar en matices sobre as responsabilidades de goberno. Outro aspecto moi importante é o discurso que empregan os representantes de Podemos e o eco que se lle deu por parte de numerosos medios de comunicación, ata os da dereita máis extrema. A participación de Pablo Iglesias en numerosas tertulias, onde ó longo dos anos eran invitados sempre representantes dos dous grandes partidos e periodistas que actuaban, agás uns poucos, como intelectuais orgánicos do sistema, permitiu a Iglesias nestes meses, demostrar cos seus argumentos, que tampouco son moi poderosos nin científicos, a debilidade dos “discursos oficiais” que non son máis que un conxunto de consignas, sen argumentos, que cando son rebatidas amosan as incapacidades intelectuais de quen as defende.

Neste mundo capitalista en crise, sinalar a algúns culpables, pero non ó sistema, banca, mercados, grandes empresas, algunha lacra da sociedade como a a corrupción, non a “explotación do home polo home”, o funcionamento como casta dos políticos que nos gobernan, a apropiación por parte dunha minoría da riqueza producida pola sociedade e facer chamamentos á decencia, a necesidade da participación dos cidadáns sen intermediación política algunha e deixando moi claro que aquí non se trata de “dereitas e esquerdas”, senón de loitar pola democracia e despraza-la casta do poder, valeulles para estruturar un discurso eficaz, interclasista que lles permitiu acadar un resultado histórico.

Pero fáltalles o máis importante, un programa acorde co discurso e un proxecto de sociedade que vaia máis aló dun imposible capitalismo de “faciana humana”, preimperialista, que si analizamos en profundidade as verbas dos seus voceiros, é o que propoñen. Nada que nos permita avanzar cara a un modelo de sociedade onde se supere o capitalismo.

O resultado de Podemos, “alborotou o galiñeiro” político do estado e converteunos no centro de todas as críticas, se lles chama populistas sen coñece-lo significado, violentos, se lles compara ca Fronte de Le Pen, etc., ou de todas as loanzas, deben se-lo exemplo a seguir, e algún voceiro que se di representante da esquerda, chega a dicir que non hai diferencias entre as súas organizacións, que hai que avanzar cara á confluencia con Podemos para os próximos procesos electorais. Non ven máis aló dos votos e hai que recoñecer que tiveron moitos e convertéronse na terceira forza en comunidades como Madrid ou Asturias. O que esta a indicar todo o período postelectoral é a febleza
das organizacións políticas existentes e a súa incapacidade para analizar a situación que está a atravesa-lo país e as razóns do “fenómeno Podemos”.

Se analizamos por territorios, ó marxe do desprazamento de IU como terceira forza en Madrid e Asturias, Podemos supera a IU en cidades moi importantes, como Zaragoza, Madrid, Sevilla, Bilbao, Xixón, San Sebastián, Santander, Oviedo, etc.

Nas comunidades autónomas que son nacións sen estado, País Vasco e Cataluña, na primeira Bildu despraza ó PNV como primeira forza e gaña nas provincias de Guipúscoa e Álava, dando resposta ó que moit@s se preguntaban, a capacidade para gobernar concellos e Xuntas desta formación política; polos resultados obtidos o electorado debe considera que son bos xestores.

En Cataluña, mergullada na loita polo dereito a decidir, CiU sofre, non podía ser doutro xeito, o desgaste das súas políticas de recortes que pula desde o goberno da Generalitat, e vese superada por Esquerra Republicana na que moitos cataláns teñen maior confianza na súa firmeza, fronte ó goberno central, para acadar este dereito. Tamén é salientable o forte retroceso do PSC-POSE que o sitúa case na marxinalidade.

En Galicia os dous grandes partidos perden un número considerable de votos e Podemos despraza ó BNG da cuarta praza.

É unha realidade que o PP segue a ser a primeira forza e que xunto co PSOE acadan máis do 56% dos votos válidos emitidos na Comunidade. O bipartidismo amósase forte a pesares da perda de votos. Os ata hai pouco, únicos partidos institucionais, PP, PSOE e BNG, minimizan a perda de elector@s; nunca se recoñece, polo menos a nivel público, as causas da mesma. O PP alardea de ser onde menos se perdeu, o PSOE os problemas de conexión ca xente.

Outro aspecto a salientar e a continua perda de votos por parte do BNG que permite a Podemos constituírse como cuarta forza política. Significa iso que a conciencia nacional en Galicia sofre un deterioro? Coido que non, o que ocorre é que aínda o electorado está a facerlle pagar ó BNG algunhas das súas contradicións; a participación na Xunta co PSOE, unha forza claramente neoliberal, as divisións internas, o apoio nas Cortes a Orzamentos Xerais antisociais na época do goberno do PSOE a cambio de promesas nunca cumpridas, o manterse en gobernos municipais a pesares dos indicios de corruptelas, o abandono da rúa durante moito tempo para facer só política desde as institucións, algúns casos de corrupción no que se viron implicados cargos institucionais; todos eles poden ser elementos salientables que a “volta á rúa” do último ano non conseguiu neutralizar.

Moito electorado nacionalista pode estar a considerar que estimula-la loita de clases, neste momento de crise é o prioritario por enriba da loita pola soberanía, o que significa unha política de alianzas determinada.

AGE e Podemos son as novidades neste proceso electoral, e estréanse cun números de votos moi importante. Do mesmo xeito que a nivel de estado, repítense a análise da necesidade de avanzar cara a unha ampla confluencia para as municipais do ano próximo.

En Galicia no mes de maio de 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario