Carlos Dafonte
O estado español é un
caso asombroso; desde que morreu o ditador tivemos vixentes cinco
leis de educación, outras dúas, elaboradas e aprobadas pola UCD no
ano 1980 e polo PP na segunda etapa de Aznar, non entraron en vigor
por ser recorrida a primeira diante do Tribunal Constitucional e
necesitar fondas modificacións que a vitoria do PSOE deixou en
suspenso, e a segunda derrogada polo PSOE cando gañou as eleccións
no 2004. Outra máis a LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da
Calidade Educativa), se abate como unha ameaza sobre toda a mocidade
e sobre a sociedade en xeral..
Fagamos un repaso de
toda esta lexislación. En 1970, no tardofranquismo, etapa na que a
represión era cotiá e moi violenta, sendo ministro Villar Palasí,
apróbase a “Lei Xeral de Educación e Financiamento da Reforma
Educativa”, que entre outros aspectos, aprobaba a ensinanza
obrigatoria ata os 14 anos, establecendo a Ensinanza Xeral Básica de
oito anos, finalizada esta o alumn@ podía escoller entre o
Bacharelato (BUP) de tres anos ou a Formación Profesional (FP); unha
vez finalizado o bacharelato, para accede-la Universidade realizábase
o Curso de Orientación Universitaria (COU).
