A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 1 de marzo de 2014

A LOMCE E A LOITA DE CLASES


Carlos Dafonte

O estado español é un caso asombroso; desde que morreu o ditador tivemos vixentes cinco leis de educación, outras dúas, elaboradas e aprobadas pola UCD no ano 1980 e polo PP na segunda etapa de Aznar, non entraron en vigor por ser recorrida a primeira diante do Tribunal Constitucional e necesitar fondas modificacións que a vitoria do PSOE deixou en suspenso, e a segunda derrogada polo PSOE cando gañou as eleccións no 2004. Outra máis a LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa), se abate como unha ameaza sobre toda a mocidade e sobre a sociedade en xeral..
Fagamos un repaso de toda esta lexislación. En 1970, no tardofranquismo, etapa na que a represión era cotiá e moi violenta, sendo ministro Villar Palasí, apróbase a “Lei Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa”, que entre outros aspectos, aprobaba a ensinanza obrigatoria ata os 14 anos, establecendo a Ensinanza Xeral Básica de oito anos, finalizada esta o alumn@ podía escoller entre o Bacharelato (BUP) de tres anos ou a Formación Profesional (FP); unha vez finalizado o bacharelato, para accede-la Universidade realizábase o Curso de Orientación Universitaria (COU).

Despois das eleccións xerais do ano 1977, que lle deron o trunfo á UCD de Adolfo Suárez, continuou vixente ata a fin do seu mandato pois a aprobación da LOECE en 1980, e as vicisitudes posteriores non lle permitiron entrar en vigor. En 1985 gobernando o PSOE apróbase a LODE, que entre outras “perlas” establece os colexios concertados, unha das grande concesións dos “progresistas” á igrexa. En 1990 o goberno do PSOE aproba a LOGSE e en 1995 un goberno do mesmo signo, aproba a coñecida como LOPEG, que abría as portas da privatización do ensino.
Neste senso hai que salientar que os poderes económicos utilizaron o PSOE para abrir as portas á privatización de servizos públicos tan importantes como o ensino e a sanidade; sobre esta última non debemos esquecer as medidas tomadas polo PSOE en 1991 que culminan ca lei 15/97 de “Novas Formas de Xestión” en tempos de Aznar, á que os chamados “socialistas” deron o seu apoio.
No ano 2002, o goberno de Aznar aproba a LOCE, que non chegou a entrar en vigor pois foi derrogada polo primeiro goberno de Rodríguez e no 2006 aprobase a LOE, que será lembrada sobre todo por introduci-la materia de “Educación para a Cidadanía”, que levantou numerosas críticas no ultracatolicismo, os sectores máis retrógrados da Igrexa e serviulle ó PP como ariete contra o goberno. Gobernos, todo hai que dicilo, dos máis sometidos ós intereses da institución relixiosa.
Esta lei tamén recibiu a crítica polo que se consideraba unha rebaixa nas esixencias @s alumn@s ó pasar de curso con materias suspensas. Esta nova lei derrogaba as dos anos 70, 90, 94, 95 e 2002.
E agora temos a LOMCE pulada polo ministro Wert, que do mesmo xeito que a lei sobre o aborto, promovida polo ministro Gallardón, parecen o pago que lle fai o PP a Igrexa presidida por Rouco Varela, polo apoio ó partido e polas mobilizacións convocadas, que como un partido político máis, levaron a cabo para desgastar ó goberno anterior.
Pero ó marxe desas consideracións debiámonos preguntar que ocorre neste estado para ter tan grande cantidade de Leis sobre a Educación e converternos nun caso singular que induce ó asombro dentro, cando menos, da Unión Europea.

AS CONTRADICCIÓNS QUE ACTÚAN SOBRE O ENSINO NO ESTADO ESPAÑOL.

Creo que entre outras, hai tres fundamentais: En primeiro lugar as contradicións propias dunha sociedade dividida en clase sociais, que descarta a igualdade de oportunidades. Alguén podía pensar que nunha situación caracterizada por un ataque sistemático contra os dereitos e modo de vida dos asalariados, non tería a súa correspondencia na educación? Que as sucesivas reformas laborais non se reflictirían no xeito de organiza-lo estudo e as necesidades da patronal?. Non debemos ser inxenuos, baixo o capitalismo todas as leis son clasistas, é dicir, benefician a unha clase, a burguesía ou sectores e capas da mesma e a súa aplicación vai contra os intereses das demais, aínda que algunhas veces ese carácter é difícil de detectar.
A LOMCE, como non podía ser doutro xeito por ser redactada pola dereita conservadora, descarta formar xente libre, críticos co sistema e tenta prepara-los mozas e mozos do futuro para aceptar as novas condicións de contratación e explotación da forza de traballo que se están a impoñer; non só no estado español, pois a reestructuración capitalista que se está a levar a cabo, lle vai facer xogar un papel cada vez máis periférico e o centro, Alemaña e os seus aliados, van necesitar man de obra barata, especializada e sometida.. O que queren son especialistas sen moitas ideas na cabeza, que se deixen explotar mansamente, que acepten as súa condición de vida como algo “normal”, que están dentro do que “debe ser”, que non poña en cuestión nin as condicións na que viven nin os alicerces sobre os que se atopa a sociedade capitalista. Sabemos desde hai moito tempo o papel que queren que xogue e xoga, o Ensino no rol de construi-la “mentalidade sometida”, polo tanto era o esperado; ninguén con certas luces débese sorprender.
Unha segunda contradición, dentro do marco da anterior, é a xerada polo enfrontamento entre “progresismo” e “conservadurismo”, dous pensamentos que atinxen a dous sectores da burguesía, que se fai patente desde mediados do século XIX, toma maior pulo no XX e ten a súa culminación no período da IIª República.
A Igrexa tivo o monopolio da educación que lle permitía moldea-las mentes para o servizo da casta dominante, e ter unha fonte saneada de ingresos, e loitou con todos os seus medios contra as alternativas que xurdiron, como foi a Escola Nova do pedagogo de fama universal Ferrer i Guardia, que foi fusilado despois dos sucesos da coñecida como “semana tráxica de Barcelona” en 1909, a quen a Igrexa acusou de ser o causante da mentalidade dos revoltosos, ou contra a Institución Libre de Ensinanza que nace uns anos máis tarde con Giner á cabeza.
Non debemos de esquecer que o Conde de Romanones, que non era moi “vermello”, nunha das súas etapas como ministro de educación, xa tivo problemas ca Igrexa a causa da relixión na escola.
Pero o máximo enfrontamento produciuse cando os republicanos no poder a partires de 1931, tentan facer unha escola laica, que integrase a nenos e nenas, creando un corpo de mestres, sobre o que se abateu, unha vez terminada a guerra civil, unha brutal represión ca anuencia eclesiástica, que viu na derrota republicana, o trunfo dos seus espurios intereses e gozou de múltiples privilexios ca implantación do nacional-catolicismo, ideoloxía aínda moi presente na vida política actual.
A terceira é a que enfronta ó nacionalismo centralista ca peculiaridade, nunca aceptada, de que o estado español é un estado multinacional, onde existen tres nacións sen estado, Galicia, País Vasco e Cataluña, que non gozan de dereito de autodeterminación, dentro da constitución; esta contradición expresouna moi ben o ministro Wert cando afirmou que entre outras cousas, a súa lei tiña como obxectivo “españoliza-l@s alumn@s cataláns”, pero o mesmo, seguro que o pensa dos vascos e galegos. O que se traduce, entre outras cousas, nun ataque as linguas propias, como cando son relegadas dentro dos diferentes grupos de materias, troncais, especificas e especialidades, a esta última categoría, con horarios reducidos e non avaliables en probas estatais. Pero tamén do estudo da historia propia, etc
Polo tanto, o tema de poñer fin á democracia interna nos centros impoñendo a figura dun director non elixido pola comunidade educativa e marxinar a esta, ten moito que ver ca propia lei de seguridade, ó crear unha autoridade conectada co goberno que actúe sen contemplacións contra a comunidade escolar cando proteste sobre toda unha serie de medidas que se van tomar, como pode ser o de seguir avanzando na privatización do sector. A segregación que se vai dar nas aulas, agrupando ós alumn@s con dificultades, pero non ós que non queiran estudar, que non permiten moitas veces o desenvolvemento normal da actividade, dos que si queren. Acepta-la separación por sexos a pesares da sentencia do Tribunal Supremo ó respecto. A perda de horas de Historia da Filosofía e a desaparición de Ciencias do Mundo Contemporáneo e Educación para a Cidadanía. A imposición das reválidas ó final das diferentes etapas e a necesidade de superalas para obte-lo título, que como afirma Aguilera Mochón, non van valorar o que o Proxecto de Lei di tentar conseguir, como a “autonomía persoal, o pensamento crítico, o desenvolvemento de potencialidades, a dedicación, o esforzo”, que sabemos que non pode facer unha proba puntual e aínda menos outros aspectos como os que teñen que ver ca diversidade, diferencias culturais e sociais dos alumnos; pero as reválidas tampouco van detectar problemas educativos en alumn@s capaces de superar exames nos que unicamente valóranse determinados coñecementos; pola contra a existencia de reválidas pode determinar o proceso educativo cara a súa superación o que vai traer consigo é que aquelas materias que non se van a avaliar, se convertan no que se chaman vulgarmente “marías” etc.. Son cuestións que indican un talante conservador en certos aspectos retrógrado do partido gobernante, polo que é de esperar que cando entre a gobernar a “alternancia”, o PSOE, se antes non fomos capaces de acabar con ambos, vexamos como imos ver outra nova lei.
O tema fundamental é dar resposta a esta pregunta. Se o PP e o PSOE teñen pactado nun 98% todas as leis vixentes no estado, cales son as razóns para que non se poñan de acordo nunha lei de educación e xogar así os dous partidos maioritarios con algo fundamental para a poboación e o seu futuro?.
Creo que actúan dese xeito por ser uns irresponsables, que escolleron o tema educativo, e algún outro como o do aborto, para escenificar as súas diferenzas e manter esa falsidade da existencia dunha dereita e unha esquerda; é dicir, fomenta-lo bipartidismo, cando as diferenzas hai que buscalas entre o que quere dicir unha dereita conservadora e unha dereita progresista, algo moi distinto.
A realidade é que si no estado existira unha esquerda anticapitalista forte, capaz de presentar un proxecto educativo con ese carácter, de impo-lo seu debate na sociedade, PP e PSOE tamén neste campo, chegarían a acordos.

En Galicia no mes de marzo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario