A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 8 de marzo de 2014

A CRISE AGUZA AS CONTRADICIÓNS INTERCAPITALISTAS E COS POBOS QUE LOITAN POLA SÚA LIBERACIÓN


Carlos Dafonte

Con independencia de que o coñecemento dos elementos fundamentais que xeran unha situación determinada a nivel internacional, nunca os teremos na súa totalidade, podemos afirmar que o aspecto a salientar hoxe é que o grupo imperialista encabezado polos EEUU, estase a “resituar”, cas súas propias contradicións internas, despois dos seus fracasos en Oriente Próximo e Medio, os acontecementos no norte de África, a perda de control, por parte dos EEUU, nalgúns dos países do que sempre considerou o seu “patio traseiro”, América Latina. e o acordo coñecido polo acrónimo de BRICS, formado por Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica que o interpretan como un reto e un perigo para a estratexia imperialista por eles desenvolvida.

É unha evidencia que os resultados da guerra de agresión contra Iraq, non foron os esperados polas cúpulas do poder imperialista. O país, despois da invasión e a guerra contra as forzas do anterior réxime, atópase inmerso nunha cruenta guerra civil que enfronta, aínda que o tema poda ser máis complexo, ós sunnitas desprazados do poder, ca maioría chiita que se converten en aliados como era previsible, de Irán, o inimigo preferente dos EEUU e Israel na zona e despois do debilitamento de Iraq, na potencia emerxente. Neste senso pódese afirmar que ós EEUU e os seus aliados saíulles “o tiro pola culata”. Acontecementos dos últimos meses como a toma de cidades como Faluya por milicias islamitas radicais, complican aínda máis a situación.
Por outra banda, se era necesario poñer fin o réxime de Sadam, por ser unha ditadura xenocida, outro dos argumentos esgrimido polos invasores, a limpeza étnica que están a levar os actuais gobernantes contra a minoría en determinadas zonas, tamén debía ser condenada polas democracias europeas.
En Afganistán a pesares dos esforzos bélicos da OTAN, que interviña segundo dixeron para “reconstrui-lo país” asolado por décadas de guerras civís e “impoñer un sistema democrático”, non hai saída acorde con eses obxectivos e unha vez máis pódese considerar a intervención do imperialismo, un fracaso, pois non se cumpriron tampouco os obxectivos non declarados, que verdadeiramente os levou á zona. Parece que se está a impoñer unha saída pactada cos talibáns, que foron aliados dos EEUU e Pakistán nuns primeiros momentos despois da queda do goberno prosoviético e máis tarde, cando deron apoio a Ben Laden, os seus inimigos. Non está mal recordar agora, que foi en Afganistán no que existían gobernos que contaban co apoio da URSS, contra os que o imperialismo exerceu unha presión enorme, financiando dun xeito encuberto ás guerrillas islamitas e que cando o exército soviético interveu a instancias do goberno lexítimo, os que hoxe din loitar contra o terror, non tiveron ningún reparo en financiar toda a estrutura de guerra que máis tarde se converteu no que hoxe coñecemos como Al Qaeda.
O imperialismo tamén está a perder posicións e influenza en Pakistán ca súa política xenocida coa utilización dos “drons”, contra a poboación civil na busca do exterminio dos opositores á súa actividade na zona.
Pero a derrota máis importante foi en Siria, onde ca colaboración de Francia, antigo país colonizador, os EEUU tentaron impoñer unha saída “á Libia”, abortada pola intervención de Rusia e China que forzaron a vía diplomática, negociada, do conflito; non hai que esquecer os intereses xeoestratéxicos que Rusia ten en Siria, a súa única base naval no Mediterráneo. A pesares do anterior, a intervención exterior no país e a propia cegueira do réxime, está a dar como resultado a destrución de numerosas forzas produtivas, a saída de centos de miles de persoas ca repercusión que vai ter no futuro e algo tamén moi grave, a intervención de milicias de carácter islámico radical, chegadas do exterior, financiadas polos principais aliados árabes dos EEUU na zona, que poden asegurar a inestabilidade por moito tempo e conseguiron afogar as principais reivindicacións de carácter democrático revolucionario dalgúns sectores que se sublevaran contra o réxime; é coñecido que nalgunha zona onde o goberno non tiña autoridade algunha e iniciaranse experiencias de autoxestión, as milicias islámicas interviñeron para poñerlle fin.
O imperialismo debía ter aprendido do acontecido en Libia, onde desaparecido Gadafi, o país quedou dividido en diferentes territorios que “administran”, nalgúns casos, milicias armadas que desestabilizan a política imperialista, non só no sur do Mediterráneo, senón no norte do Sahel, onde Francia ten importantes intereses neocoloniais, zona que as súas forzas armadas nunca abandonaron. Por outra banda nestes días foi noticia que no sur do país os partidarios do antigo réxime, recuperaron territorios.
Tampouco podemos dubidar de que o acontecido en Siria, pero sobre todo en Libia, conta ca participación de marroquís, tunecinos, exipcios e ata de españois de Ceuta e Melilla, do mesmo xeito que se ten documentado a súa participación en Afganistán, o que pode traer problemas no futuro como o acontecido con moitos dos que volveron da guerra contra os soviéticos e que configuraron os núcleos fundamentais de Al Qaeda en diferentes países.

AMÉRICA LATINA E OS BRICS NO PUNTO DE MIRA DO IMPERIALISMO.

A existencia de gobernos en América Latina que non se pregan ás políticas dos USA e moitas veces enfróntanse a elas, encabezados polos de Cuba e Venezuela; o poder económico e político cada vez maior de China e a creación do grupo de países que se coñecen como BRICS, leva ós EEUU a dar unha resposta, tentando modifica-la situación, e creando conflitos ós que se opoñen ós seus intereses imperiais, algunhas veces desde a perspectiva doutro imperialismo, que nalgún momento cualifiquei de “baixa intensidade”, como pode se-lo que exercen China ou Rusia.
E nese proxecto desestabilizador, en principio contan como aliado ca UE. Pero estanse a dar elementos novos que é preciso analizar, como o discurso do presidente alemá lido a finais de febreiro en Munich, no marco da 50 Conferencia de Seguridade, onde deseñou un novo proxecto de política exterior para o seu país, que de seguir ese guión, xogará un papel máis activo, dando carpetazo a décadas de moderación, segundo afirma Ingo Niebel no seu análise sobre a conferencia. A defensa da globalización e “dun orde social aberto”, a cooperación transatlántica, deixando ó marxe a vella idea de Chirac e Schröder de converte-la UE nun actor global nun mundo multipolar, serán os eixos fundamentais da nova política. Tamén quedou claro que Alemaña non buscará o entendemento con Rusia sempre que esta siga a defende-los seus intereses nacionais como o ven facendo ata o de agora, e que someterá “as relacións con Rusia ós intereses fundados dos nosos veciños comúns”. Aínda que Alemaña non ten fronteiras con Ucraína, convértese en garante dos estado membros da OTAN na zona, Polonia en primeiro lugar, e os países bálticos, claramente antirrusos e con gobernos, nalgúns casos de carácter nazifascista.
A chamada “fábrica de ideas” do goberno alemá, a Fundación Ciencia e Política, nun recente estudo, vai un pouco máis aló que o presidente, e cataloga a Rusia como un “retador prioritario” e a Cuba e Venezuela, vese aquí un sometemento ás políticas dos EEUU, como “perturbadores secundarios”. No documento, se aconsella que “en caso necesario e para protexe-la orde internacional, Alemaña terá que estar disposta a ameazar con emprega-la violencia ou recorrer a ela”. Neste contexto máis belixerante, Alemaña anunciou días antes da conferencia o envío de máis tropas a Malí, en axuda do exército francés.
Tamén sorprende o recibimento a Hollande na súa visita ós EEUU, cando as súas relacións sempre, desde a época de De Gaulle foron bastante frías, o que algúns analistas interpretan como un intento de levantar un eixo EEUU-Alemaña-Francia
Neste contexto, acontecen os sucesos de Ucraína, territorio sempre dividido entre un oeste agrícola, partidario hoxe de integrarse na UE e un leste industrial, que marcou a súa historia; desde o intento de ficar ó marxe da revolución soviética, que os soviets de obreiros e campesiños pobres obrigaron á Rada a rectificar, ata a diferente posición respecto ás tropas nazis cando invadiron o territorio no marco da II ª Guerra Mundial, cun oeste colaboracionista onde a Igrexa segue a manter un grande poder. En Ucraína se produciu un golpe de estado que rachou con toda a legalidade democrática, despois dunha serie de mobilizacións violentas, onde morreron ducias de policías e manifestantes, asaltáronse e queimáronse sés de diferentes institucións, feitos que de acontecer en calquera país da UE serían condenados axiña; todo o anterior hai que analizalo neste novo contexto planificado polo imperialismo, cuxo obxectivo entre outros é desestabilizar a Rusia e no que a UE actuou como “compañeira de viaxe” das bandas armadas creadas polos dous partidos de ideoloxía nazi que monopolizaron a violencia nas rúas, Svoboda e Pravy Sektor, uniformados, con cascos e escudos, curiosamente idénticos dos que se comezan a ver estes días polas rúas de Venezuela. Pero tamén cos grupos de neonazis chegados das repúblicas bálticas, onde se levantan monumentos ós colaboracionistas con Hitler, e de Polonia.
Ninguén vai negar o autoritarismo existente en Ucraína, nin a corrupción, nin unha crise galopante que afecta sobre todo a determinadas capas da sociedade, nin toda outra serie de parámetros para poder afirmar que estabamos diante dunha situación difícil, xerada polo poder e a división da propia burguesía, que aplica toda ela, cando se atopa nas institucións, políticas neoliberais.
Pero o que non pode nin debe facer a UE, que se autoproclama defensora do estado de dereito e toda outra serie de principios democráticos, é pular solucións ó marxe da legalidade e converterse en cómplice de balbordos violentos, cando predica para o seu interior todo o contrario. Ucraína é unha demostración clara da deriva antidemocrática que está a acontecer dentro da UE., algo que temos constatado no xeito como se aprobou a chamada “Constitución Europea”, como se modifican as constitucións estatais e o poder dos “mercados” e dos que mandan sen presentarse ás eleccións.
En algunhas rexións de Ucraína, ilegalizouse ó Partido Comunista; o nazifascismo é unha das medidas que toma en primeiro lugar, e nunca debemos esquecer o coñecido poema de Niëmoller que comeza “Cando os nazis se levaron os comunistas nada dixen/ Porque non era comunista (...)” Pero a continuación dos comunistas, foron a por todos os demais, non o esquezamos.
O historiador e comentarista político recoñecido a nivel internacional, Immanuell Wallerstein (IW), nun recente artigo sobre estes feitos, resalta a conversa, en principio secreta, pero que se pode ver en YouTube, entre a señora Victoria Nuland, Secretaria de Estado para Asuntos Europeos y Euroasiáticos e o embaixador en Ucraína, onde nun momento da mesma formula a cuestión como un enfrontamento entre os EEUU e Europa, e dí claramente “que se “jodan” os europeos” e resalta Wallerstein, non dixo que se “jodan” os rusos, senón os europeos, o que lle leva a pensar que os acontecementos de Ucraína son un intento dos EEUU de impedir que se forme un eixo Alemaña-Francia-Rusia. Cuestión que obsesionou ós republicanos con Bush, desde que Francia e Alemaña bloquearon na ONU a intervención en Iraq, e dos que Nuland e o seu marido Robert Kagan, un dos ideólogos de máis prestixio dentro dos neoconservadores, forman parte. Pero IW formula esta tese con base ó abandono cada vez maior do atlantismo por parte dos EEUU, de como se están a centrar no Pacífico e a posibilidade dun eixo EEUU-China-Xapón, desde o meu modesto punto de vista, nin a medio prazo, posible. Pola contra, toda a actividade dos EEUU no Pacífico que é moita, ten máis que ver co intento de frea-la expansión de China.
En calquera caso, o que está clara é a implicación dos EEUU no acontecido en Ucraína e tamén a da UE, aínda que os obxectivos desta última non sexan moi claros.
Como non nos trabucaremos por supoñer que o que está a acontecer en Venezuela, ten a marca das intervencións do imperialismo estadounidense, aínda que non se deben negar a existencia de graves problemas que afectan a amplas capas da poboación. Non todo o que acontece é resultado da actividade dos inimigos da “revolución bolivariana”, pero a incapacidade do goberno axuda moito ás actividades antidemocráticas e golpistas dalgúns sectores da oposición venezolana apoiadas polos EEUU.
Tampouco debemos esquecer que esta explosiva situación xorde cando parece se producira un acercamento entre os bolivarianos e un sector da oposición máis moderada, e é difícil chamar moderada á que encabeza Capriles.
Nestes momentos teño presente todas as artimañas, campañas internacionais de prensa, utilizadas contra Allende en Chile, así como desabastecemento, boicots, etc, ou a repetición constante de acusacións sobre que no país non había democracia, que se estaba a converter nunha ditadura comunista, e toda outra serie de falsidades, para crear unha realidade inexistente e así poder tomar calquera medida, apoiar calquera actividade, enfrontamento, etc pois todo estará xustificado. Esa mesma táctica de desinformación estase a producir no caso de Venezuela, cando a realidade é que moi poucas “democracias homologadas” no centro do sistema capitalista, resistirían unha comparación cos parámetros existentes na que se deron @s venezolan@s.
Estou de acordo ca análise de Almeyra de que hoxe as mobilizacións violentas provocadas polo partido de Leopoldo López, “Vontade Popular”, moi ligado ó Tea Party norteamericano, ó narcoexpresidente colombiano Uribe e os paramilitares, así como ós sectores máis conservadores, tentan que non se poida avanzar cara un pacto co sector burgués encabezado por Capriles. Esa estratexia golpista, parafascista, recibe tamén o apoio do goberno do demócrata Obama, que tenta acadar ca mesma polo menos tres obxectivos:
En primeiro lugar teñen a certeza de que si conseguen aparta-lo bolivarianismo do poder, con toda a súa retórica socialista, teñen avanzado un paso moi importante para non permitir a tendencia cara á independencia nacional de gobernos na zona. Venezuela o país cas maiores reservas petrolíferas do planeta, xoga hoxe un papel moi importante e axuda a toda unha serie de países a non depender dos prezos do petróleo que establecen as empresas transnacionais.
En segundo frea-lo proceso de penetración de China e Rusia en América Latina, no que en tempos foi un terreo acotado para os USA e explotaron dun xeito xenocida.
En terceiro, aumenta-las dificultades de Cuba e poñer atrancos ó seu liderado a nivel de América e mundial, por ser “o país” que marcou un camiño, despois de liberarse da ditadura imposta polo “viciño do norte”, e segue tentando desenvolvelo a pesares das constantes agresións da maior potencia mundial. É ademais un exemplo para moitos outros países e organizacións políticas revolucionarias, algo que o imperialismo non lle pode perdoar.
Posiblemente as diferenzas que hai hoxe entre un proxecto revolucionario e a chamada “revolución bolivariana” sexan moi amplas, pero en principio todo o que axude a palia-la pobreza e acadar unha mellora na vida dos cidadás, a crear conciencia, a enfrontarse ó imperialismo dos EEUU, debe recibi-lo apoio solidario, sobre todo en momentos nos que sobre o pobo venezolano, como nas décadas anteriores ó trunfo de Chávez, abátese de novo a sombra da ditadura dirixida polos grupos oligárquicos, que non están dispostos á perda do poder político e a non seguir explotando no seu beneficio as inmensa riquezas do país.

En Galicia no mes de marzo de 2014


No hay comentarios:

Publicar un comentario