Carlos Dafonte
Iníciase o ano 2016 co
deterioro da situación económica.
Pechamos a nivel económico o ano 2015, no medio dos debates e da
aparición de diferentes estudos que a nivel internacional falaban de atoparnos
no que Alvin Hansen chamou hai moitos anos, o “estancamento secular”. As
medidas económicas que sempre deran resultado en tempo de crise, agora non o producen, diante da incredulidade
de moitos economistas; e as perspectivas do ano recen iniciado non son boas; só
dous datos para “abrir boca”: nos 10 primeiros días do mes de xaneiro as bolsas
mundiais perderon 4 billóns de dólares e a mediados de febreiro, as perdas
elevábanse a 16 billóns.
No meu anterior artigo sobre o tema, “De novo o debate sobre o
“estancamento secular” da economía capitalista”, publicado o 4 de decembro,
citaba a algúns dirixentes económicos mundiais, mellor dito, a algúns
persoeiros que ocupan cargos en organismos económicos, amosa-la súa
incapacidade para explicar o que está a acontecer; supoño que a evolución da
economía nestes meses transcorridos dende aquela data, aínda os debe mergullar
máis no desacougo.