A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 20 de marzo de 2016

VAN RESOLVE-LOS PACTOS COS PARTIDOS DO RÉXIME A SITUACIÓN D@S TRABALLADOR@S?



Carlos Dafonte

Iníciase o ano 2016 co deterioro da situación económica.
Pechamos a nivel económico o ano 2015, no medio dos debates e da aparición de diferentes estudos que a nivel internacional falaban de atoparnos no que Alvin Hansen chamou hai moitos anos, o “estancamento secular”. As medidas económicas que sempre deran resultado en tempo de crise,  agora non o producen, diante da incredulidade de moitos economistas; e as perspectivas do ano recen iniciado non son boas; só dous datos para “abrir boca”: nos 10 primeiros días do mes de xaneiro as bolsas mundiais perderon 4 billóns de dólares e a mediados de febreiro, as perdas elevábanse a 16 billóns.
No meu anterior artigo sobre o tema, “De novo o debate sobre o “estancamento secular” da economía capitalista”, publicado o 4 de decembro, citaba a algúns dirixentes económicos mundiais, mellor dito, a algúns persoeiros que ocupan cargos en organismos económicos, amosa-la súa incapacidade para explicar o que está a acontecer; supoño que a evolución da economía nestes meses transcorridos dende aquela data, aínda os debe mergullar máis no desacougo.

Xa nos meses anteriores a finais de ano, diferentes xestores de institucións burguesas, como Christine Lagarde ou Jacques Atalí, expresaron “razóns para amosar inquietude pola situación económica” a primeira, e con maior contundencia por parte do segundo, “o mundo acércase a unha grande catástrofe económica”.
Michael Husson afirmaba tamén a finais do ano pasado, que a conxuntura viña marcada a) pola ralentización dos países emerxentes, o que b) trae consigo a queda dos prezos das materias primas situación que se transmite ós países avanzados; c) o comercio mundial tamén se ralentiza ó mesmo ritmo que o PIB mundial; d) a zona euro rexistra unha recuperación moi cativa e desigual; e) nos EEUU e no Reino Unido o crecemento, no caso do primeiro tamén tende a ralentizarse, e no segundo é artificial; f) na esfera financeira a “flexibilidade monetaria” alimenta a burbulla de activos, en vez de facer avanza-lo investimento produtivo, que sofre un importante estancamento. Conduce tamén a unha redución dos “tipos de interese” que na realidade non permitiu a recuperación do investimento que é a cuestión clave para a recuperación.
A realidade é que as empresas diante da falla de mercado, de consumo e de beneficios, non invisten, “fan caixa”, multiplican fusións e adquisicións, distribúen algúns beneficios, pero pouco máis.
Pero finalizamos o ano 2015, con declaracións de dirixentes políticos e representantes da oligarquía do estado, sen que se saiba moi ben a razón como non sexa que son posibles novas eleccións nun curto espazo de tempo, cheas de confianza nunha recuperación económica sobre todo “polas boas perspectivas” que se anunciaban nos EEUU, que polo freo ó crecemento e a implantación dun novo modelo produtivo en China que actuou de locomotora da economía mundial nestes anos de crise,  xogaría o papel que agora abandonan os chinos.
Pois ben os primeiros datos que chegan da outra ourela do Atlántico, deixan en “augas de fregar” as optimistas previsións. O ano 2015 confírmase como o peor ano para os beneficios empresariais dende o 2008, co sector enerxético á cabeza; a esta situación hai que engadir que catro estados entraron en recesión, Alaska, Dakota do Norte, Virxinia e Wyoming, ós que se unirán cando se coñezan as cifras oficiais, os de Luisiana, Novo México e Oklahoma.
Así mesmo outra realidade planea sobre a primeira potencia militar do planeta, a débeda, hoxe de 18’5 billóns de dólares e que segundo os expertos para o ano próximo acadará a cifra dos 20 billóns. Pero cada ano que os seus orzamentos teñen déficit, cun mecanismo que explicaba hai un tempo Rodolfo Bueno en Rebelión, en vez de corrixilo “apretándose o cinto”, o banco privado, si privado, aínda que a maioría dos norteamericanos non o saiban que é a FED, emite dólares que presta ó goberno, ¡¡¡un enorme negocio!!! que lle paga con bonos do Tesouro que a FED coloca na banca mundial onde invisten numerosos países nunha actividade “cuasi obrigatoria”, polo que esta débeda medra sen fin e sen que nunca poida ser pagada.
Cando explotará esa burbulla? A presidenta da FED, o banco privado que sempre se pensa que é público, a señora Yellen, respondeu sobre este extremo: “incluso despois de que se introduciran as restricións lexislativas, conservase a probabilidade de que a situación se descontrole, sen que nos demos conta. Será un grande problema para nós e non esta claro que facer con elo”. Declaracións que corroboran as de Jack Lew, encargado do Departamento do Tesouro que afirmou “Un incumprimento de pagos non tería precedentes e constituiría unha catástrofe en potencia(...) Os efectos indirectos negativos poderían repercutir en todo o mundo”. O que explica os debates tan duros que se levaron a cabo nas institucións lexislativas norteamericanas para incrementa-lo teito da débeda, para evitar que o país entrara en suspensión de pagos hai uns meses.
No “libro Beige” da Reserva Federal, FED, elaborado para os 12 distritos no que esta institución  divide o territorio do país, aparecido  a principios de ano, cualifica o crecemento no de Boston de “alentador” e “esencialmente plano” o de Nova Iorque e Kansas. Stephen Guilfoyle, director de operacións no NYSE de Deep Value afirmaba a principios de ano que “a economía non se atopa nun punto saudable”; “a xente non compra, a distribución é mínima, a capacidade industrial languidece, os investidores refúxianse nos Bonos do Tesouro, a medida que estamos a sufrir unha estampida da renda variable” e seguiu afirmando, “e moi posible que vexamos entrar en recesión á economía dos EEUU neste ano. A actividade manufactureira e o sector enerxético teñen colapsado e non apoian os empregos que solían rexistrar. A taxa de paro ten caído, pero a calidade dos empregos non facilita o crecemento da economía. A fortaleza do dólar chega nun momento no que as empresas de pequena e mediana capitalización non logran levanta-la cabeza; temos moitas sinales que apuntan cara a unha economía feble”
Por outra banda a principios de ano, o índice manufactureiro Empire State do distrito de Nova Iorque, contraeuse ata os -19’4 dende os -6’3 rexistrados en decembro; a lectura máis baixa dende o 2009, o punto máis elevado da recesión.
Podíamos seguir dando toda outra serie de datos negativos da economía deste país, agás a venda de coches e millas conducidas que son positivos; pero a realidade é que como reflicte a propia sondaxe de Bloomberg realizada a principios de ano, corrobora a opinión de que a primeira potencia mundial pode entrar en recesión este ano.

Sen perspectivas de saída para @s traballador@s do estado.
Polo tanto sen China e outros BRICS como Brasil, que tiren da economía, cos EEUU nunha situación difícil, a economía alemá con graves problemas nos seus bancos, as perspectivas para @s traballador@s do estado español non deben ser de esperar que a “troika”, FMI, UE e BCE, poñan fin a súa política austericida e que partidos como PSOE, PP,  partidos do réxime, vaian a levar a cabo unha política rupturista cas políticas que a oligarquía europea ten pulado nestes anos de crise.
Neste senso considero que son equivocadas as pretensións e chamamentos constantes, de IU e Podemos de que o PSOE pode “xirar á esquerda”; terían que explicarnos que entenden eles polo xiro á esquerda; ó mellor confunden a esquerda con progresismo. No caso de axudarlle ó PSOE a chegar á presidencia do goberno, serán cómplices e responsables das políticas ditadas pola “troika”, que vai levar adiante; o PSOE é un partido burgués, e que ninguén tome este apelativo como un insulto a un partido que se autotitula “obreiro” e “socialista”, senón como unha realidade obxectiva: non queren que o modo de producción capitalista deixe de ser determinante na formación social española; é dicir onde un sector da burguesía é hexemónica, a clase dominante. Polo tanto dende esta perspectiva é un partido da dereita progresista que como as meigas, “haila”, e que nunca vai rachar cos poderes económicos, os mercados, os banqueiros, o ibex 35, a monarquía. Son todos eles quen o manteñen cos seus cretos bancarios, cas campañas que no seu favor fan nos medios da súa propiedade, non hai máis que ver a campaña actual a favor da investidura de Sánchez de El País e a SER; non hai máis que apreciar como a oligarquía premia ós exministros e exdirixentes do PSOE que lle serviron fielmente, con consellos de administración e importantes soldos, as chamadas “portas xiratorias”.
O PSOE é ademais o xenuíno partido do réxime nado o ano 78, o que os gobernos “felipistas” foron construíndo, comezando polo estado, que permitiu a impunidade en base ó pacto cos poderes económicos, a igrexa e o exército; e quen pacte con el tamén se fai cómplice dese réxime, que tanto Podemos como IU din querer poñer fin. O PSOE só modificará aqueles aspectos do mesmo que non son importantes e cando se atope na presidencia do goberno, sempre poderá deixar a un lado a quen o axudou a conseguila, e terá o apoio, se os poderosos o precisan, do PP e C’s.
Os medios de comunicación levan meses tentando convencernos de que é bo para a sociedade o que máis beneficie ó réxime, interpretando fraudulentamente que é o que os españoles queren despois dos resultados electorais últimos: que se faga un pacto. Pois non, o que os votantes dixeron , aínda que non se atreveron a levar o seu devezo ata as últimas consecuencias, é que están fartos do PP e do PSOE e por iso os castigaron facéndolles perder un montón de votos e representantes nas Cortes. E con esa mensaxe clara e nidia, a esquerda non pode poñer a un deles á fronte do goberno. Iso será traizoa-lo voto recibido.
Pero a esquerda tampouco debe garantir a gobernabilidade do réxime nin do seu sistema político. Quen o debe garantir é a dereita, PP-PSOE, pero si o fai, ca grande coalición, perde forza a ficción ca que tiveron nunha confusión constante a unha parte importante do electorado durante estes anos, onde un era a dereita e outro a esquerda, que tantos froitos lle deu ó poder económico.
E que pode facer a esquerda nas Cortes?. Para clarificar, eu entendo que a esquerda hoxe, aínda que había moito que matizar, son aquelas forzas políticas e organizacións que nas Cortes, se corresponden cos representantes de IU, Compromís, Podemos, En Mareas e os de Podem en Cataluña. Supoñamos que  é así, aínda que, como xa dixen, é moi matizable; partindo desa base,  nunca a esquerda tivo tanta presencia nas Cortes. O primeiro que non deben facer é afortala-lo bipartidismo que sufriu, como xa sinalei, unha importante derrota nas eleccións pasadas e que ca política equivocada de pactos manifestada nestes meses, é posible que consiga recuperarse.
E a pesares da presión dos máis importantes medios de comunicación, que é moita, e que xoga nestes momentos moi forte diante da perspectiva de que o réxime sega co seu deterioro nun dos seus alicerces fundamentais, o bipartidismo, a esquerda debe tentar por todos os medios inicia-la construción nas institucións e na rúa, da alternativa que se debe atopar nas antípodas dun pacto co PSOE. A redor dun programa claro, discutido na sociedade e do pulo á mobilización popular de enfrontamento contra as políticas de austeridade que PP e PSOE tomaron nestes anos e as que están por vir, capítulo onde entran múltiples medidas, outro aspecto será a recuperación dos servizos públicos privatizados, a loita a fondo contra a corrupción, o rexeite da débeda ilexítima, socialización de empresas estratéxicas, a saída do euro...
E doulle moita importancia a este último punto pola razón de que é un dos elementos fundamentais de dominio da oligarquía europea que contou ca complicidade de todos os que aprobaron o Tratado de Maastricht no ano 1992. Nos últimos meses, despois da traizón de Syriza, e ca aparición do chamado Plan B para a UE, pulado por toda unha serie de partidos políticos e personalidades, a construción da UE volve a poñerse no centro da discusión política. Dende o meu punto de vista e os de quen nos agrupamos na “Plataforma Saír do Euro” este Plan B tenta convencer á cidadanía que é posible unha transformación da UE dende dentro, nunha perspectiva chea de contradicións. Varoufakis propón, por exemplo, a unidade de progresistas, marxistas, liberais, conservadores para salvar Europa. Dende cando representantes de clases antagónicas poden ter un proxecto común? Como quedou claro no encontro de París hai persoas que formulan a necesidade de rachar xa co euro, saír da unión monetaria que é un verdadeiro cepo para a maioría dos pobos e non paga-la débeda, mentres que outros moitos, como o propio Varoufakis, non son capaces de concretar e pérdense en xeneralidades que máis parecen unha cortina de fume que un intento serio de dar resposta á penosa situación que millóns de traballadores viven na U.E.
É curioso e preocupante, que na pasada campaña electoral e nas xuntanzas sobre os futuros pactos para formar goberno, nunca apareza o tema de U.E. e a unión monetaria, é dicir o euro; como si tivesen medo a discutir diante da xente sobre este tema, a abrir un debate que non foran capaces de controlar.

As eleccións galegas e os pactos do estado.
Non ter conseguido grupo parlamentar nas Cortes do estado foi resultado dunha interpretación “mafiosa” do regulamento que do mesmo fixeron PP e PSOE; non podían aceptar que na proximidade das eleccións ó Parlamento de Galicia, un temible competidor tivera voz propia nunha “caixa de resonancia” tan importante.
Todo o que está acontecer a nivel de estado despois das eleccións xerais, pactos para a configuración dun novo goberno, vai ter influenza nos comicios galegos. Se o grupo de Podemos, onde se atopa encadrada En Mareas, apoia ó PSOE e lle permite facerse ca presidencia do goberno, terá na perspectiva electoral de Galicia un peso distinto que de chegarse a un pacto PP-PSOE-C’s, ou se teñan que repeti-las eleccións por non ter chegado a acordo algún.
O obxectivo de En Mareas, eu son dos que penso que a fórmula funcionou e que poucos cambios hai que introducir, para que se poña ó servicio das clases traballadoras debe estar relacionado cun esforzo para acada-la máxima unidade e gaña-las eleccións, ou conseguir, no caso de que a dereita conservadora, o PP gañe, que non teña maioría absoluta e que En Mareas sexa a forza mais votada, que sexa a referencia para a formación dun goberno alternativo ó conservador. É a única garantía para rachar dende Galicia cas políticas neoliberais.
Pero se a nivel de estado, co apoio de Podemos, se constitúe un goberno encabezado polo PSOE, ese partido sae reforzado en Galicia, a pesares dos problemas de corrupción que teñen e a carencia dunha alternativa ó secretario xeral, despois da súa renuncia a ser o cartel electoral. Aínda que non sexa certo, pois así amosouse ó longo da historia dende a desaparición da ditadura, sempre aducirán que un goberno PSOE a nivel de Madrid, favorecería a Galicia no caso de que na nosa nacionalidade se configurase tamén un goberno do mesmo partido; non foi certo nin na época da presidencia de González Laxe ni na de Touriño. Pódese afirma-lo contrario, foron os momentos en que a administración de Galicia tivo menos apoio da administración central.
Para a defensa da clase traballadora galega, necesítase un goberno comprometido ca maioría do pobo, enfrontado ás políticas “neoliberais austericidas”, para defende-los seus sectores produtivos vitais para este país, para facer fronte á agresión constante da “troika”, que vai exixir maiores recortes, e o proceso, que se ten aguzado na crise, de centralización e concentración do capital.
Pero para acadar os obxectivos non se pode perder tempo, é necesario lanza-lo proxecto xa, aproveitar a febleza actual de PSOE e BNG e tamén as dúbidas que o PP e Feijoo teñen, sobre o seu futuro en Galicia.

En Galicia no mes de marzo de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario