A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 30 de abril de 2014

A CONSTRUCIÓN DO MODELO DE ACUMULACIÓN.BREVE PERCORRIDO POLA ECONOMÍA ESPAÑOLA DOS ÚLTIMOS CORENTA ANOS


Carlos Dafonte

A crise e as súas consecuencias de paro, desafiuzamentos, rebaixa de salarios e pensións, ataque os dereitos sociais, laborais e políticos, etc, abriu un período no que a xente fala e discute sobre a economía, sobre as causas da crise, as súas consecuencias, tamén as razóns de por que afecta máis ó noso país, a determinadas clases e sectores sociais; as xentes opinan pero forman o seu criterio moitas veces influenciados polos medios que tentan dar unha versión moi nesgada do que está a acontecer.
Polo tanto, creo importante fomenta-la discusión sobre o tema, sobre as razóns que fan que o noso modelo de explotación, ou de acumulación, se vexa máis afectado pola crise que outros moi próximos o que tradúcese en consecuencias máis prexudiciais para a poboación; sería bo abrir unha discusión sobre o modelo, chamémoslle “español”, que se foi xerando desde finais do franquismo ata a actualidade.

A FINALIZACIÓN DA ETAPA EXPANSIVA.

Debemos partir dunha afirmación que hoxe case ninguén discute; a finais da década dos anos sesenta do século pasado, o modelo de acumulación, que permitiu unha importante etapa de expansión mundial desde o final da II ª Guerra Mundial, chega ó seu final cas recesións de 1967 e de 1969-70.

lunes, 21 de abril de 2014

120 MIL MOZAS E MOZOS GALEGOS "VOTAN COS PES", EMIGRAN


Roberto Laxe

Como se fose un escaldazo na fronte, nestes días cuantificase a perda de poboación moza da Galiza: en 6 anos saíron 120 mil persoas novas cara a emigración. Xa non se ven as imaxes dos anos duros do século XX, cando centos de miles de galegos e galegas colleron o camiño da emigración, mas iso non quer dicir que non exista. O drama é moi profundo, pois expresa a renuncia da xuventude a cambiar a sociedade que lle tocou vivir, e adopta a solución individual, mas masiva, de abandonar.
Lenin, cando o exercito tsarista no 17 desertaba masivamente, dixo que os campesiños vestidos de soldados “votaban cos pés”, desertaban. Hoxe é o que podemos dicir da xuventude galega coa súa masiva emigración, vota “cos pés”: ningunha das grandes opcións políticas que se presentan, o xeito de facelo, levantan a menor perspectiva de cambio.

martes, 15 de abril de 2014

DE 14 DE ABRIL A 14 DE ABRIL


Roberto Laxe

En 1931, tras a vitoria da coalición Republicano-Socialista en case todas as zonas urbanas e industriais, proclámase a II Republica... abrindo un proceso revolucionario que culminaría en 1936/37.
Para moitos é unha data histórica superada polo tempo... Pero, e isto é o decisivo, as causas estruturais que provocaron a proclamación da Republica e despois a revolución española non só seguen sendo basicamente as mesmas, senón que se agudizaron.
O capitalismo español segue sendo un imperialismo de “segunda” división, dependente das subvencións do estado, como demostra a corrupción galopante que atravesa o Réxime do 78, agora atado a un organismo supra estatal, a Unión Europea, que profunda nas causas estruturais que deron orixe ao 14 de abril de 1931.
O problema da terra mantense cunha Política Agraria Común que segue favorecendo aos vellos e novos terratenientes; unha estrutura ultracentralista do Estado, que a UE apoia sen fisuras, e un capitalismo que segue baseado na máxima “que inventen eles”, mentres baixamos salarios e destruímos as conquistas do pobo traballador.
As ilusións populares de 1931 foron frustradas pola II Republica; nesta ocasión non pode repetirse a historia, por iso hai que levantar un programa que apunte directamente ao corazón dos problemas, ao capitalismo español e europeo, ao dereito dos pobos á autodeterminación e á resolución do problema agrario; é dicir, o programa do socialismo na forma dunha Federación de Republicas Ibéricas no marco dos Estados Unidos Socialistas de Europa.

 En Galiza no mes de abril de 2014

lunes, 14 de abril de 2014

14 de ABRIL DE 2014: SAÚDE E REPÚBLICA!


Carlos Dafonte

O 14 de abril de 1931 proclámase a república en todo o estado español; os primeiros lugares foron Redondela e Eibar, o día 13. Cataluña proclamou a República Catalá e Manuel Azaña tivo que negociar cas autoridades para que acordaran deixa-la declaración sen efecto ata a aprobación dunha constitución. Unha vez aprobada en novembro do mesmo ano, e como se establecese un novo proxecto de estado, onde se lles daba resposta a moitos dos seus devezos, os catalás decidiron permanecer dentro do estado español. O novo proxecto de estado que se configuraba, permitía gozar de autonomía a Cataluña, País Vasco e Galicia e aprobación de estatutos despois dunha serie de trámites. A República buscou e atopou, naquel intre, solución para o problema do estado multinacional español.

miércoles, 2 de abril de 2014

NA MORTE DE ADOLFO SUAREZ. ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE TEMPOS PASADOS E A XORNADA DO 22-M


Carlos Dafonte

Á maior parte dos noticiarios, novas, tertulianos e comentaristas que estes días apareceron nos diferentes medios de comunicación, para falar sobre a “obra política” do segundo presidente do goberno despois da morte do ditador, co gallo do seu falecemento, serviu para varios obxectivos.
En primeiro lugar, para restarlle moito tempo a comentar o desenvolvemento das diferentes marchas, que saíndo desde algunhas comunidades autónomas, confluíron en Madrid o día 22 xuntando a máis dun millón de persoas. A morte de Suárez tapou este acontecemento que amosou dun xeito moi nidio a argamasa dun posible dobre poder, que aínda necesita, entre outros aspectos, dotarse de programa e articularse organicamente, pero que é a vangarda, moi grande e vigorosa, dun movemento de descontento non só contra as políticas neoliberais que impón a “troika” e que levan adiante os seus “homes de palla” fundamentais no estado español, o PP e o PSOE, senón tamén contra o xeito como estes dous partidos as concretan, marxinando e non permitindo que as maiorías sociais afectadas, poidan dar a súa opinión.