A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 2 de abril de 2014

NA MORTE DE ADOLFO SUAREZ. ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE TEMPOS PASADOS E A XORNADA DO 22-M


Carlos Dafonte

Á maior parte dos noticiarios, novas, tertulianos e comentaristas que estes días apareceron nos diferentes medios de comunicación, para falar sobre a “obra política” do segundo presidente do goberno despois da morte do ditador, co gallo do seu falecemento, serviu para varios obxectivos.
En primeiro lugar, para restarlle moito tempo a comentar o desenvolvemento das diferentes marchas, que saíndo desde algunhas comunidades autónomas, confluíron en Madrid o día 22 xuntando a máis dun millón de persoas. A morte de Suárez tapou este acontecemento que amosou dun xeito moi nidio a argamasa dun posible dobre poder, que aínda necesita, entre outros aspectos, dotarse de programa e articularse organicamente, pero que é a vangarda, moi grande e vigorosa, dun movemento de descontento non só contra as políticas neoliberais que impón a “troika” e que levan adiante os seus “homes de palla” fundamentais no estado español, o PP e o PSOE, senón tamén contra o xeito como estes dous partidos as concretan, marxinando e non permitindo que as maiorías sociais afectadas, poidan dar a súa opinión.

En segundo lugar, para tentar, fronte á posta en cuestión constante por importantes sectores da sociedade, da política como actividade dunha partitocracia, corrompida nunha parte moi salientable, afastada do que a cidadanía demanda nesta situación de crise, poñer a Suárez, o seu quefacer e aquel tempo pasado, como unha árcade da acción política, á que se debe volver, aínda que o relato actual do acontecido naqueles tempos, atópase moi lonxe da realidade.
En terceiro en tentar de novo lexitimar unha idea da transición da ditadura ó sistema actual como resultado da actividade titánica de dous grandes homes, o rei e o seu primeiro ministro, que foron capaces de levar ó pobo español a transitar desde unha sanguenta ditadura a un paraíso democrático do que seguimos a gozar e que unha certa obcecación, pola situación na que vive unha parte da sociedade a causa da crise é a que non lle deixa apreciar, en toda a súa realidade. No fondo, véñennos a dicir, é unha equivocación cuestionarse hoxe o proceso da transición como a xénese dos males actuais. Cando a realidade é que moitos deles teñen o seu principio nese período e que o que se vendeu como un proceso modélico pouco ten que ver co proceso de paz e harmonía que nos contan e menos que se poida poñer como exemplo de como debe ser agora a acción política.
É certo que o óbito de Suárez restoulle moita portada, moito comentario, importancia ó acontecido o día 22 en Madrid, cando centos de milleiros de persoas chegadas de todo o estado, xuntáronse no centro da capital, ocuparon máis terreo que as concentracións da Igrexa levadas a cabo no mesmo lugar contra o aborto e os matrimonios de persoas do mesmo sexo e nembargantes, agora foron uns miles e daquela case con unanimidade sospeitosa, agás algúns medios, preto de dous millóns.
A dereita, tanto a progresista como a conservadora, tenlle moito medo o proceso actual de mobilización que esta a supera-lo estadio defensivo para pasar ó da proposta alternativa; de existir numerosos suxeitos cada un ca súa reivindicación a aparecer con claridade un, @s traballador@s asalariad@s que a pesares dos intentos de fragmentación, de diluír determinados sectores dos mesmos e facelos aparecer como clase media, a crise brutal está a facer de argamasa que una todos os fragmentos dispersos arredor da única clase que pode levar a bo termo a loita polo cambio social e político.
Pero como non podía ser doutro xeito, do que se trata é de non falar do acontecido e son os enfrontamentos do final da concentración, os que ocuparon a maior parte dos espazos e non o análise sobre o significado político e as repercusións sociais que a xornada do día 22 ten. Porque non é o final, senón o comezo dun novo proceso mobilizatorio, que como todo proceso dialéctico, vai superando etapas. O importante agora, ata a próxima mobilización que debe ser maior que a do 22 é, que facer?, como organizar e establece-los obxectivos en cada lugar, que ten moito que ver co programa, aguza-las loitas locais que garantan a continuidade da loita xeral e permitan subir un chanzo máis nos obxectivos da mesma.
Hoxe a sociedade nun número que non sei se é maioritario ou non, pero moi importante, rexeita a política actual, como resultado da actividade dos partidos que reflíctese nas institucións.
Pois ben, como xa dixen, os alicerces da situación actual hai que buscalos na transición, na lei electoral, no xeito de financiarse os partidos, na propia constitución e nunha parte das leis que se aprobaron, no marco xurídico-político que estableceron e que non debía ser moi axeitado cando chegamos a situación actual, de secuestro da soberanía popular. Foi nese momento cando non se estableceron os controis sobre os elixidos, nin a participación activa da cidadanía; foi nese momento cando a democracia ficou reducida a votar cada catro anos e non se permitiu que entrara nin na economía nin en outros moitos eidos da vida cotiá. Foi nesa transición cando os crimes do franquismo ficaron impunes, as fortunas realizadas a súa sombra, legalizadas e a oligarquía financeira seguiu a ser a fracción da clase burguesa hexemónica, como o fora durante a ditadura.
O que hai que agradecerlle a Suárez foi a súa negativa a inicia-los trámites de entrada na OTAN, a pesares das presións brutais que soportou, pero converteuse nunha cuestión irrelevante pois foi o primeiro que acordou o seu substituto, Leopoldo Calvo Sotelo, despois da súa dimisión, nunca explicada, pero que algunhas fontes afirman, foi resultado da traizón do rei para co seu presidente do goberno. Chamado a consulta á Zarzuela, cando pensaba que tería un despacho ordinario co Xefe do Estado, atopouse con tres xerais, as fontes non daban os nomes, que o premeron de tal xeito, que dimitiu. Había ademais unha “operación” en marcha onde o xeral Armada xogaría un importante papel, que formaba parte dunha rede tecida a traveso de conversas como a do xeral, con Múgica Herzog home importante do PSOE naqueles momentos.
Durante a presidencia de Suárez, sempre se escoitaron “ruído de sables”, os sectores da ultradereita nunca lle perdoaron o xeito no que foi elixido, grazas as manobras bastante sucias das que se serviu o seu mentor, Torcuato Fernandez Miranda para conseguir que figurara na “terna” que se lle presentou ó rei, nin que legalizara o Partido Comunista, nin que aceptase o análise do mesmo de que para consolidar o proceso democrático era precisa unha política de “concentración nacional”. Algúns destes aspectos carrexáronlle enfrontamentos co PSOE, no fondo o seu inimigo fundamental, que segundo Gregorio Morán, non estaban de acordo nin ca legalización do PC antes das eleccións de 1977, nin con calquera outra política na que o PC tivera papel algún, nunha estratexia perfectamente deseñada pola Internacional Socialista e a CIA, como asevera Grimaldos, que non querían unha “transición á portuguesa” cunha forte presencia comunista.
Cando se analiza o período que se coñece como de transición da ditadura ó sistema actual, téntasenos convencer por parte dos que verdadeiramente teñen o poder e son propietarios da maioría dos medios de comunicación e intelectuais e políticos ó seu servizo, de que o proceso foi resultado do deseño elaborado por parte de pouca xente, co rei e Suárez á fronte e Torcuato Fdez. Miranda na sombra, e que foi modélico. Que merece o estudo e a transmisión a outros contextos parecidos. Pero nada de iso é certo.
Como non podía ser doutro xeito, teremos que preguntarnos si as persoas que ocuparon cargos moi importantes na ditadura e durante moitos anos, co que iso significaba, como vivir nun medio de corrupción xeneralizada, de persecución dos demócratas, de afondar, servir de sostén e contribuír teoricamente a unha ideoloxía totalitaria, reaccionaria, poden se-los construtores dun sistema democrático. Ca morte do ditador e a confirmación de Arias Navarro, coñecido como o “carniceiro de Málaga”, como xefe do goberno, e Suárez como Ministro Secretario Xeral do Movemento, o rei amosou que o camiño que se escollía era o do “franquismo despois de Franco” na súa versión máis dura e rexeitando a opción Torcuato Fernández Miranda, que era a que parecía ser unha saída máis “branda” .
A mobilización social foi a resposta a ese goberno, onde Fraga vai xogar un papel fundamental desde o Ministerio do Interior, como artífice da represión máis brutal para frea-los devezos de liberdades da maioría do pobo español. Son as mobilizacións as que derruban os intentos continuistas e lle obrigan ó rei a busca-la solución Suárez, se non quere perde-la coroa.
Como sinalei máis arriba, iste novo goberno tampouco foi capaz, e non podía ser doutro xeito polo seu compromiso ideolóxico co franquismo, de pular unha constitución e unhas leis que configuraran un marco xurídico plenamente democrático, establecendo a división de poderes, o recoñecemento do dereito de autodeterminación para as nacionalidades históricas e a soberanía popular, que desde a aprobación da constitución atópase minguada polo seu artigo 8.
Pero estes aspectos fundamentais, xunto cos anteriormente sinalados, non podían ser levados a cabo polos herdeiros de Franco e a oposición de esquerdas, onde non inclúo ó PSOE, dividida e feble non foi capaz despois do referendo sobre a Reforma Política, de impoñer a creba co réxime anterior.
Debilidade e división na dirección política da esquerda, desde o meu punto de vista un elemento fundamental; a forza máis poderosa, o Partido Comunista de España, actuou como impelido pola necesidade de saír de inmediato da clandestinidade e recoller nas eleccións os froitos a tantos anos de loita moi dura, á entrega e xenerosidade dos seus militantes, o que lle levou a aceptar o que era inaceptable, esperanza que non se viu correspondida polos feitos, nas elección de 1977. A dura represión deste período, preto de 200 mortos resultado da violencia institucional e máis de un milleiro e medio de feridos; actividade constante dos grupos de extrema dereita que producían tamén mortos e feridos; atentados case diarios dos grupos que empregaban a violencia para acada-los seus obxectivos de poñer fin ó franquismo e resposta da ultradereita, coñecida popularmente como o “bunker”, que se coordinou desde o primeiro momento do proceso, cos importantes sectores dentro do exército contrarios á democratización; a todo isto debémoslle engadir a forte crise económico- social cun 24% de paro, unha enorme inflación que repercutía sobre todo nos produtos de primeira necesidade e o control dos franquistas reformistas sobre o proceso, son todos eles elementos que configuraron a situación política do momento e permitiron a consolidación no postfranquismo do dominio da oligarquía e a implantación do sistema que hoxe temos.

En Galicia no mes de abril de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario