A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 14 de abril de 2014

14 de ABRIL DE 2014: SAÚDE E REPÚBLICA!


Carlos Dafonte

O 14 de abril de 1931 proclámase a república en todo o estado español; os primeiros lugares foron Redondela e Eibar, o día 13. Cataluña proclamou a República Catalá e Manuel Azaña tivo que negociar cas autoridades para que acordaran deixa-la declaración sen efecto ata a aprobación dunha constitución. Unha vez aprobada en novembro do mesmo ano, e como se establecese un novo proxecto de estado, onde se lles daba resposta a moitos dos seus devezos, os catalás decidiron permanecer dentro do estado español. O novo proxecto de estado que se configuraba, permitía gozar de autonomía a Cataluña, País Vasco e Galicia e aprobación de estatutos despois dunha serie de trámites. A República buscou e atopou, naquel intre, solución para o problema do estado multinacional español.

Produciuse unha ruptura respecto ó réxime anterior, a oligarquía financeiro-terratenente deixou de monopoliza-las institucións aínda que conservaba un enorme poder. Unha coalición entre a pequena burguesía e o sector máis moderado do movemento obreiro, a chamada “conxunción republicano socialista”, cuxa primeira experiencia iniciárase en 1910, como resposta ós acontecementos coñecidos como a “semana tráxica de Barcelona” e a campaña ¡Maura Non!, que permitirá por primeira vez que un socialista, Pablo Iglesias se convertera en deputado, foi a argamasa que serviu á unidade da grande maioría dos sectores republicanos concretada no Pacto de San Sebastián en agosto de 1930, o Pacto de Lestrove en Galicia, e poñer en marcha a maioría social necesaria para converter as eleccións municipais do ano 1931 nun plebiscito sobre a monarquía, gañalo, e obrigar ó rei a abdicar.
A monarquía perdera a súa lexitimidade pola participación activa e o apoio á ditadura de Primo de Rivera, que deixou sen efecto a constitución de 1876 que lexitimaba a institución despois da queda da I ª República en 1874.
A ruptura política foi posible pola existencia dun dobre poder, a ditadura por un lado a cuxa cabeza atopábase o rei, e o Comité Revolucionario constituído como resultado do Pacto de San Sebastián, que é quen proclama a República na Porta do Sol o día 14. A mobilización popular en apoio do poder constituínte, xunto cos votos, fixeron todo o demais.
A situación política e social que desde hai uns anos se foi creando no estado español, que se pode caracterizar como de deterioro xeneralizado da maioría das institucións, ca da monarquía en primeiro lugar; a perda de confianza nos dous grandes partidos a pesares de que a inercia política lles leva recibir un número importante de votos, que teñen que ver moi pouco con que os votantes consideren que lles van soluciona-los problemas; a corrupción que penetra nas entrañas do sistema; a grave crise económica que padece unha parte importante da cidadanía e a falla de solucións, só existen para os intereses oligárquicos; a incapacidade para dar unha solución que satisfaga ós problemas enquistados polo esgotamento da actual articulación autonómica, etc, só poderán remontarse co entusiasmo e unha perspectiva de clase, que se produciría ca proclamación da III ª República e non por medio da segunda restauración monárquica, a operación política que posiblemente se tente levar adiante. Cambiar algo para que todo permaneza igual.
Pero sempre tendo presente que a república sen apelido, aínda que fose un paso adiante, non acadaría os obxectivos da súa proclamación; é o contido de clase da mesma o que a fará eficaz ou non. Se o poder continuase en mans dos grupos económicos, se as institucións continuasen controladas polos partidos ó seu servizo, a república sería unha anécdota, importante, pero unha anécdota. A IIIª República ten que ser ruptura co sistema xurdido na transición para que sexa eficaz: permita acada-los obxectivos democráticos necesarios e se poña ó servizo dos intereses da maioría, que é quen ten que loitar por ela e facela posible.

En Galicia no mes de Abril de 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario