A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 30 de abril de 2014

A CONSTRUCIÓN DO MODELO DE ACUMULACIÓN.BREVE PERCORRIDO POLA ECONOMÍA ESPAÑOLA DOS ÚLTIMOS CORENTA ANOS


Carlos Dafonte

A crise e as súas consecuencias de paro, desafiuzamentos, rebaixa de salarios e pensións, ataque os dereitos sociais, laborais e políticos, etc, abriu un período no que a xente fala e discute sobre a economía, sobre as causas da crise, as súas consecuencias, tamén as razóns de por que afecta máis ó noso país, a determinadas clases e sectores sociais; as xentes opinan pero forman o seu criterio moitas veces influenciados polos medios que tentan dar unha versión moi nesgada do que está a acontecer.
Polo tanto, creo importante fomenta-la discusión sobre o tema, sobre as razóns que fan que o noso modelo de explotación, ou de acumulación, se vexa máis afectado pola crise que outros moi próximos o que tradúcese en consecuencias máis prexudiciais para a poboación; sería bo abrir unha discusión sobre o modelo, chamémoslle “español”, que se foi xerando desde finais do franquismo ata a actualidade.

A FINALIZACIÓN DA ETAPA EXPANSIVA.

Debemos partir dunha afirmación que hoxe case ninguén discute; a finais da década dos anos sesenta do século pasado, o modelo de acumulación, que permitiu unha importante etapa de expansión mundial desde o final da II ª Guerra Mundial, chega ó seu final cas recesións de 1967 e de 1969-70.

Vexamos algúns datos. En 1971 o crecemento do sector industrial para o conxunto da OCDE apenas superaba o 3% mentres na década anterior a media fora do 6%. O incremento da formación bruta de capital fixo, descendera entre 1970 e 1972 do 7,1% ó 3,6 % para o conxunto da “Europa capitalista”. Como consecuencia do anterior produciuse un importante aumento das taxas de desemprego.
Non nos deben polo tanto estrañar todas as mobilizacións que se producen neses anos no planeta, desde as universidades norteamericanas a Xapón, pero sobre todo en Europa onde destaca o proceso de mobilizacións coñecido como o “maio francés de 1968”.
Esta crise do modelo vaise intensificar a partires da chamada crise do petróleo en 1973, ca elevación do prezo do mesmo.
As sociedades industrializadas sofren as consecuencias, tamén os elos máis fortes da cadea imperialista, pero son países dependentes destes, agrupados na OPEP, quen toman as medidas e empresas dos primeiros quen se benefician. Sempre fun da opinión, cecais trabucada, de considerar a existencia dunha determinada estratexia para impor, xa que se aveciñaban tempos de crise, unha nova correlación a nivel mundial entre os imperialistas e unhas novas relacións laborais, disciplina-lo movemento obreiro, que a finais da década anterior amosara unha forza importante e parecía querer desbordar as canles tradicionais de representación.
Como foi posible que países subdesenvolvidos, con réximes autocráticos e ditatoriais, que dependían dunha potencia imperialista para sobrevivir, aguzaran cas súas medidas as crises que padecían os seus protectores?.
Sobre as dúbidas de como se provocou e a quen beneficiou a suba do petróleo, esta claro que houbo vencedores e vencidos; entre os primeiros os EEUU que revalorizou considerablemente o prezo das súas importantes reservas enerxéticas e non se viron moi afectados pola suba pois tiñan ó lado a México, que non pertencía á OPEP e converteuse no seu subministrador máis importante; ademais conseguiu introducir outra fonte de enerxía, a nuclear, onde as empresas norteamericanas tiñan un peso enorme. En segundo lugar, foron tamén beneficiadas pola crise, o grupo de compañías coñecidas como as “sete irmáns”, catro norteamericanas dúas británicas e unha anglo-holandesa, que revalorizaron os pozos que non se estaban a explotar; frearon o ascenso de compañías medianas e reforzaron o seu control sobre todas as fases do ciclo do petróleo.
Os perdedores, Europa e Xapón. Como se pode apreciar do centro do poder económico mundial, dúas áreas económicas perden e unha gaña.; en todos os conflitos sempre perden e gaña os mesmos. Pregunta inxenua, será porque dentro da cadea imperialista cuxo máximo expoñente son os EEUU, o resto acepta xogar un papel dependente?
Calquera que fose a intención de quen moveu os fíos, a realidade foi que se abriu unha etapa que se pensou solucionar só con medidas de estabilización, algúns axustes, pero sen modificar moito o esquema de acumulación existente.
A segunda “crise do petróleo” a partires de 1979, deixou claro ós poderes económicos e ás oligarquías hexemónicas, que eran necesarias medidas máis contundentes: as que levaban ensaiando desde había uns anos no Chile de Pinochet, o que se coñece como o proxecto neoliberal.
Como a crise ía quedarse por moito tempo, iniciouse o dobre proceso de reestruturación e saneamento de tecido industrial, falando claro, da destrución de numerosas forzas produtivas que non aguantaron o difícil momento e foron expulsadas do mercado en beneficio dos máis fortes e o de concentración do capital, propios en toda crise.
Todas estas medidas conxúganse no centro do sistema, interpretando o problema do crecemento do paro en clave neoliberal, culpando os costos de produción e sobre todo ós salarios, fronte a interpretación anterior, keynesiana, que o atribuía “á cativa demanda efectiva”. Iníciase así un ataque brutal contra @s asalariad@s e o mercado de traballo existente, co obxectivo de facelo máis precario e flexible. O presidente Reagan e a primeira ministra Tatcher son as cabezas máis visibles destas políticas que contaron co apoio do papa Wojtila para desestabiliza-la Europa do leste, que xunto cas políticas monetaristas dos primeiros fixo que se agravara a recesión mundial e se propagase a numerosos países o que obrigou ós EEUU a levar a cabo políticas de estímulo, que permitiron dentro da inestabilidade, o problema da débeda nos países subdesenvolvidos, unha certa recuperación que se vería truncada polo crac de 1987.
Todo o anterior axudou a que non se conseguira consolidar un novo sistema de acumulación, que permitise asegurar un período de crecemento prolongado, aínda que a restauración do capitalismo nunha parte importante de Europa, permitiu a apertura de novos mercados e deslocalización de empresas, o que paliou a gravidade da situación.

A SITUACIÓNA ECONÓMICA NO TARDOFRANQUISMO

Neste contexto internacional de inicio da crise e consolidación da mesma, no estado español a nivel económico vivíanse as repercusións do esgotamento de réxime franquista e tamén as repercusións da crise capitalista mundial, agravada polas peculiaridades do noso sistema económico, caracterizado polo atraso e lastrado pola inestabilidade política.
O ano 1971 prodúcese unha queda da maioría das magnitudes económicas que se van recuperar ó longo do seguinte, pero a partires do segundo semestre de 1974 a crise, se vai sentir con todo o seu peso, entrando en recesión en 1975; queda da inversión, estancamento do PIB, aparición do déficit exterior por conta corrente que supera o 3% do PIB, cuestións todas que levan a un proceso de destrución de empresas e emprego ó tempo que se produce unha forte inflación, que aínda que se ten discutido moito sobre a súa causa, parece que responde “á agudización do conflito distributivo, exacerbado pola expansión do sector público”. “En conxunto de 1973 a 1977, o gasto público pasa dun 23,3 % do PIB a un 27,6 % e as prestacións sociais do 8,5 % ó 10,4 % do PIB”(González i Calvet). Entre outras cuestións, moitas empresas privadas que quebran, son recollidas polo INI e financiadas pol@s traballador@s asalariad@s, sobre @s que se cargaban a responsabilidade da recadación do estado.
Nos estertores finais do ditador, desde o ministerio de economía, con Barrera de Irimo ó fronte, se van toma-las medidas que estipulaba o informe da OCDE de abril de 1974 para España; necesidade de medidas expansivas que xunto ca importancia da mobilización obreira permitiron unha elevación dos salarios ó tempo que se tomaron medidas que beneficiaron a determinados sectores industriais, que a nivel mundial atopábanse en crise e en plena reestruturación, moi ligados a destacados dirixentes políticos do réxime e ós bancos máis importantes.
No último ano da ditadura, non se tomaron polo tanto, as medidas de axuste enerxético, nin para facer fronte ó desequilibrio exterior, por exemplo cunha depreciación, nin para frea-la expansión dos sectores industriais afectados pola nova situación, siderurxia, naval, metalurxia, etc, que entraban na lóxica da concepción capitalista. Pero tampouco se tomaron unha vez desaparecido Franco, pola falla de lexitimidade do rei e do seu goberno presidido por Arias Navarro e o primeiro goberno de Suárez, a presión da oligarquía e a forza do movemento obreiro e popular. Fíxose todo o contrario, non se repercutiron os prezos enerxéticos ó mercado interno, financiouse o déficit exterior con cargo á reserva de divisas e a partires de 1976 co endebedamento e a depreciación dos tempos de Villar Mir estivo acompañada de moitas subvencións a fondo perdido e a nacionalización de empresas con perdas.
Para financiar todos estes gastos utilízanse dúas vías, aumento das cotas da seguridade social, en 1973 entra en vigor a nova lei de financiación, e pola maior recadación do IRTP (Imposto sobre o Rendemento do Traballo Persoal) que grava ás rendas salariais.
Pódese afirmar que desde o comezo da crise ata despois das eleccións de 1977, non se elaborou un programa para facerlle fronte, desde unha lóxica capitalista, polas razóns máis arriba expostas.
Celebradas as eleccións o 15 de xuño de 1977, foron gañadas polo partido UCD liderado por Suárez, que non acadou a maioría absoluta e nas que o Partido Comunista sufriu una contundente derrota que vai lastrar a actividade política e social do resto de período, sendo superado en número de votos e escanos, polo PSOE, ausente durante os anos da loita antifranquista.
Como continuase o deterioro da situación económica, desembocouse nos chamados Pactos da Moncloa que se poden considerar como o inicio dunha nova etapa do capitalismo español pois representan a “busca dun novo modelo de acumulación dentro dunha estrutura sociopolítica correspondente a unha democracia capitalista moderada adscrita ó eixo occidental” (Etxezarreta).

OS PACTOS DA MONCLOA.

Moito se ten discutido sobre os mesmos, sobre os seus contidos e se foron positivos ou negativos; pero todo isto é relativo pois calquera análise que se faga debe, senón queremos facelo no ar, darlle a perspectiva de clase necesaria para comprender calquera acontecemento de carácter histórico e a realidade é que por parte da esquerda, o PCE, aceptáronse propostas que nunca deberon ser aceptadas. A realidade foi que os cambios nas estruturas que se introducían, como contrapartida, nunca se levaron a bo termo. Aceptouse o sistema económico existente no estado español, aceptación tamén por parte dos sindicatos maioritarios, que de non contar ca súa colaboración, sería moi difícil a súa aplicación.
Pero os Pactos tamén significaron a aceptación do modelo de axuste que deseñaran o FMI e a OCDE para a saída da crise e no caso do estado español abríanselles as portas dos nosos mercados ós países industrializados, o que reforzou ó capital privado como axente fundamental na recuperación fronte a crise.
Con independencia dalgúns aspectos positivos como o intento de coexistencia da empresa privada cun forte sector estatal, a existencia de certos niveis, mínimos, do estado de benestar, a creación dun novo modelo fiscal ca creación do IRPF, ou a negociación colectiva, para o que verdadeiramente serviron os Pactos, foi para incidir sobre a inflación e os custes de produción o que se traduciu, como non podía ser doutro xeito, por celebrarse despois das eleccións de 1977 e a derrota do PCE, en moderación salarial e reestruturación do mercado do traballo; como sempre, cargábase a crise sobre as costas dos asalariados.
O aumento do emprego, nunca foi un obxectivo dos mesmos; a partires da súa sinatura o desemprego medrou dun xeito importante. Os aspectos estruturais dos Pactos, nunca se tentaron levar adiante antes da aprobación da Constitución; atopábanse no documento chamado “Plan Económico a Medio Prazo”, pero a chamada segunda crise do petróleo a partires de 1979, deixaron estas reformas esquecidas diante da imposición de políticas económicas de corte netamente neoliberal, rebaixa de salarios, maior flexibilidade do mercado de traballo co conseguinte aumento do paro e o “exército de reserva”.
Políticas que se endurecen a partires da dimisión de Suárez, da creación do novo goberno presidido por Calvo Sotelo e do golpe de estado que favorece, os intereses do capital. A dereita política e económica considerou que era demasiado o cedido nos Pactos da Moncloa, en consideración á importancia das forzas de esquerda.
A evidencia da fraxilidade do sistema democrático axudou a que a resposta obreira fora mínima, fronte a brutal agresión; todas as reformas contidas no “Plan a Medio Prazo”, tanto políticas como económicas ou sociais, ficaron incumpridas.
Neste período que finaliza en 1982, os problemas económicos se van agudizando, crécese menos, ó 0,5 % anual, segue a aumenta-lo paro ata o 16,7 %, de novo aparecen os desaxustes co exterior, a inflación chega ó 15 % e o déficit público elévase ata o 5,4 % do PIB, e os capitalistas fan folga de inversións.
Nas eleccións de outubro de 1982, o PSOE acadará maioría absoluta cun slogan de campaña sinxelo que engaiola á maioría da sociedade española, “Polo Cambio”. O modelo socioeconómico do seu programa era un remedo do keynesianismo, cun sector público moi activo garante de demanda, diálogo e consenso entre os “axentes sociais”; redistribución do beneficio entre todos, aproximación a CEE

O PARTIDO SOCIALISTA OBRERO ESPAÑOL NO GOBERNO

Este trunfo pódese dar grazas ó importante apoio da socialdemocracia alemá, con Willy Brant á cabeza, ó “placet” dos EEUU e o triplo pacto que leva a cabo o PSOE co poder económico, os militares e a Igrexa. Sen estes aspectos posiblemente o PSOE non contase nin cos apoios de medios de comunicación nin cos cartos cos que contou para financia-la súa actividade.
Unha vez dominando as principais institucións, axiña esquece o seu programa e concreta a súa política económica no “Programa Económico a Medio Prazo 1983-1986” que contiña medidas de carácter macroeconómico como a redución da inflación a recuperación do equilibrio exterior, pero desde perspectivas propias da corrente ortodoxa e liberal dominante en Europa e os EEUU. Para o primeiro obxectivo dous piares, moderación salarial e política monetaria restritiva. Para o segundo depreciación da peseta medida que foi eficaz polo pulo do comercio a nivel mundial.
Subíronse os tipos de interese e emitíronse toda unha serie de activos financeiros para o financiamento do déficit público, que estimularon en grande medida o investimento especulativo fronte o produtivo.
Limitáronse os gastos sociais e os soldos no sector público perderon capacidade adquisitiva, e produciuse unha regresividade fiscal, polo aumento sobre todo da presión fiscal indirecta, que pasa do 27,9 % ó 31,2 %.
A estratexia socialista, aínda que recuberta por moita idea socialdemócrata estaba clara, o apoio ó capital privado como elemento básico da recuperación económica e elemento dinamizador da economía, e a internacionalización da mesma. Esta estratexia vai minimizar o papel do sector público para a saída da crise e potencia-lo privado, pois para o goberno, o importante é o papel que vai xogar facendo realidade a cadea “beneficios-inversión-emprego”, que sabemos é unha falacia.
Tamén leváronse a cabo neste período, medidas de carácter estrutural entre as que destacaremos a reconversión industrial, o axuste enerxético (PEN-83), saneamento das eléctricas e bancario, medidas que destrúen máis de medio millón de empregos, aumenta o déficit público e transfire ingresos cara ó excedente empresarial. É dicir, toda esta reestruturación faise ca utilización dunha importante cantidade de recursos, que a traveso do sector público son captados de toda a sociedade. A reconversión industrial custa sobre 3 billóns das antigas pesetas, a bancaria 1,5 e a moratoria nuclear sobre 0,7 billóns, mais todos os intereses xerados. Como resultado de todas estas medidas a participación dos salarios no PIB, minguan do 53,2 % en 1982 ó 49, 7 % en 1985.
O tempo que se leva a cabo o proceso de reestruturación dánse os pasos para o desregulador e liberalizador da economía, que permitan a nosa incorporación á Comunidade Económica Europea, o segundo piar da súa estratexia.
Co primeiro tentábase crear un mercado interno moi flexible para as relacións laborais para o que se aproban o Estatuto dos Traballadores e a Lei Básica de Emprego, que empeoran as condicións dos traballadores no relativo á negociación e polo tanto na cuestión salarial.
Liberalización financeira que permite maior poder ó oligopolio bancario, e penetración sen precedentes de capital exterior na maioría dos sectores fundamentais da nosa economía, agás no bancario, perfilan un modelo económico dependente de importacións estratéxicas de alta tecnoloxía ó tempo que nos especializa no turismo, construción e mercadorías de reducidos custes laborais e baixo nivel tecnolóxico que se serve dos baixos salarios como o único mecanismo para poder competir.
Este período caracterizouse polo inicio de importantes loitas destacando Galicia e a comarca do Ferrol; o movemento obreiro ademais das políticas neoliberais e antiobreiras do PSOE, tivo que enfrontarse á incomprensión de sectores importantes da sociedade e dos máis atrasados do propio movemento, que consideraban que a mobilización e a loita desgastaba a “esquerda no poder” e axudaría á volta da dereita. Máis adiante este argumento concretouse na chamada “pinza”; todos eles argumentos moi utilizados polos medios de información propiedade do sector da oligarquía española que utilizaba ó PSOE para levar adiante toda unha serie de políticas que lle permitiran un papel dominante, e extraer unha parte fundamental da plusvalía xerada polos traballadores. O PSOE repetía constantemente que a súa era unha política de esquerdas e ademais a única posible.
Unha vez realizado o axuste e levada a cabo a reconversión dos diferentes sectores, o goberno do PSOE centra o obxectivo económico na recuperación da demanda interna, como se expón no “Informe de Conxuntura Económica” elaborado polo ministerio de Economía de marzo de 1987. Os obxectivos estaban claros, había que estimula-la demanda interna, o consumo privado, e emprender, ó calor da entrada na CEE en 1986, toda unha serie de grande inversións que permiten o enriquecemento fácil a grupos moi reducidos, mentres o índice de explotación dos asalariados aumentou, como o ten estudado o profesor Guerrero.
Pero o incremento da demanda interna non tivo a oferta interna necesaria polo que as importacións se dispararon ó tempo que caeron as exportacións e a busca de novos mercados no exterior; a balanza de pagos sufriu un forte deterioro.
Outro aspecto a salientar neste período e a entrada moi importante de capitais foráneos, de carácter especulativo, que buscaban os elevados tipos de interese e a “fuga” de moitos nacionais á especulación, por obter maiores beneficios con menor risco. Unha parte importante de empresas españolas son vendidas o capital estranxeiro, situando ó estado español como o cuarto país vendedor do mundo.
O partido no goberno inicia un proceso de reestruturación do sector público en catro aspectos fundamentais : reforma fiscal, gasto social, Seguridade Social e empresa pública
É necesario salientar, que o PSOE fixo moi pouco por corrixir a contrarreforma fiscal levada a cabo pola UCD nos últimos tempos do seu mandato e que as rendas salariais, por exemplo no ano de 1987, proporcionaban máis das tres cuartas partes da recadación final polo IRPF, a pesares de representar algo menos da metade da renda interna bruta.
As exaccións fiscais aprobadas polo PSOE, beneficiaron os grandes grupos económicos e o fraude situado preferentemente no sistema financeiro, banca, seguros e bolsa, no sector inmobiliario e nas actividades profesionais e empresariais, aumentou pola falla de tensión para persegui-las grandes bolsas do mesmo, mentres as rendas máis baixas víronse moi afectadas polo aumento da inflación.
Algunhas das medidas do goberno levaron a convocatoria de dúas folgas xerais, a primeira en 1985 contra a reforma do sistema de pensións e a segunda en 1988 contra a aprobación dunha reforma laboral e o Plano de Emprego para Moz@s.
Durante dous ou tres anos as taxas de crecemento con relación ó PIB superaron o 5 %, pero os desaxustes que se ían xerando levou naqueles tempos, finais da década dos 80, á establecer medidas de axuste, baixo a premisa moi utilizada tamén agora, de que “os españois estabamos a vivir por enriba das nosas posibilidades”. Situación que levou, pola incapacidade para aproveitar o importante crecemento para sanea-la economía, a que a partires de 1991 esta dera os primeiros síntomas de recesión o que unido á sinatura do acordo de Maastricht e a aprobación duns criterios de converxencia, que se presentan o 3 de abril de 1992 no denominado Programa de Converxencia, nas Cortes, no que se adoptaban medidas moi duras de axuste, que van a agravar aínda máis a situación, poñendo en evidencia que entre economías moi dispares, a todos os niveis, pódese dar unha converxencia nominal, pero é moi difícil que esta sexa real.

O “TRUNFO DO MODELO ESPAÑOL” E A VOLTA A REALIDADE CA CHEGADA DA CRISE

As políticas contra @s traballador@s, a recesión dos primeiros anos 90 do século pasado e a corrupción xeneralizada, lle fai perde-lo PSOE parte da súa base electoral e a perda das eleccións en 1996, conseguindo o PP a maioría nas Cortes e a posibilidade da formar goberno.
Como non podía ser doutro xeito o PP vai afondar nos oito anos que se mantivo no goberno, sobre todo nos catro últimos que contou con maioría absoluta, nas políticas iniciadas polo PSOE de privatización de empresas públicas para nivela-lo déficit, apoio á burbulla inmobiliaria e ataque os dereitos laborais e ás rendas salariais, que xunto co turismo e a concentración bancaria, consolida definitivamente o “modelo español” de acumulación. Modelo de “éxito” que levaba a Aznar a acuña-la frase de “España vai ben” e máis tarde ó presidente Rodríguez a aquelo de “xogamos na champion”.
Este modelo que se asenta plenamente a partires da derrota do PSOE ata o ano 2007, cando a crise se manifesta en toda a súa crudeza, e se amosan todas as feblezas do mesmo, vai permitir medrar ó 4% anual ata o ano 2001, cando a economía mundial sufriu a crise das tecnolóxicas, das “punto com”, e os países centrais da UE o facían a pouco máis do 2 %; a creación de preto de 7 millóns de postos de traballo, ca entrada de preto de tres millóns de inmigrantes, o crecemento do emprego moi importante no sector da construción e os sectores ligados ó mesmo e pasar de ser un país deficitario en infraestruturas a ser o “campión” en kms de autovías, AVE e aeroportos, aínda que nalgúns casos, con esquemas moi centralistas propios dun país atrasado do século XIX e non dun país descentralizado do século XXI. Pola falla de planificación nas necesidades reais, moitas destas infraestruturas lévanse a cabo en función dos intereses empresariais, máis que dos intereses do país no seu conxunto, para darlles beneficios a cementeiras e construtoras.
Polo pulo da construción o paro baixou dun 22 % en 1996 ó 11 % no ano 2004 e o proceso inmigratorio fixo que a poboación aumentase en máis de dous millóns de habitantes.
O PP centrou a súa política económica en poder formar parte da Europa do Euro e aínda que algunha magnitudes foron manipuladas e outras non se acadaron, como a débeda que a tiñamos por enriba do 60 % do PIB, conseguimos ser parte dese club escollido, o que no fondo é a orixe de moitos dos nosos problemas actuais.
A entrada significou a baixada de tipos de interese o que se traduciu na potenciación da demanda interna, co aumento do consumo, das hipotecas, a construción de vivendas e o pulo da construción. Escolleuse como sempre o camiño fácil, pero esquencimos investir en tecnoloxía e formación, o único que pode garantir un certo futuro.
A industria foi a grande perdedora, comezou o proceso de deslocalizacións, de perda de competitividade e de tecido industrial; deixamos de competir en produtos de mano de obra barata e tampouco o facíamos con produtos de alto valor engadido. Se a isto lle engadimos que ó final do seu mandato o capital estranxeiro deixou de amosar interese por España, xustificase que o final do mandato do PP a balanza por conta corrente un dos problemas crónicos, estivera en moi mala situación.
Outros dous aspectos que é necesario salientar. En primeiro lugar a política fiscal do PP; a Aznar se lle chegou a chamar o “Robin Hood” dos ricos, roubaba ós pobres para darllo á minoría privilexiada. As reformas fiscais rebaixaron o tipo marxinal do 56 % ó 45 % e as plusvalías reduciron a súa tributación do 45 % ó 15 %. En segundo lugar a redución dos gastos sociais; só algúns exemplos: nos oito anos do aznarato o conxunto do gasto social pasou do 24 % do PIB ó 19 %, ocupando o penúltimo lugar da Unión Europea nesa partida. En educación a redución tamén foi importante, nos oito anos descendeuse do 5,5 % do PIB ó 4,4 %. E na axuda familiar, algo que ó PP dicía ter como prioritario, cando finalizaron os oito anos, gastabamos o 0,5 % do PIB fronte a media da UE do 2 %.
Por último, para entender algúns do “éxitos” de Aznar; nos oito anos recibiu 50.000 millóns de euros da UE e proseguindo co proceso de privatización de empresas, iniciado polo PSOE, acadou máis de 33.500 millóns de euros, cantidade que puido ser maior, pois como sinalou o Tribunal de Contas, algunha vendeuse a un prezo moi baixo, supoño que para beneficiar amigos. Que cada quen pense o que queira sobre este feito. O salientable é que estas importantes cantidades, explican o que o PP consideraba unha xestión eficaz.
No ano 2006, cun goberno do PSOE, presidido por Rodriguez, incapaces de recoñecer o que se viña enriba, levan adiante unha nova reforma fiscal, que beneficia fundamentalmente ós máis ricos e erosiona aínda máis os ingresos do estado, acompañada por outras dúas a laboral e das pensións, cuxas propostas eran coincidentes cas realizadas pola patronal CEOE e que non tiñan outro obxectivo, aceptado polo PSOE, de aumenta-lo marxe do beneficio neto das empresas..
Como se pode apreciar ó longo destas liñas, os dous grandes partidos, sobre todo despois da entrada na CEE en 1986, levan a cabo políticas similares que configuran o modelo de acumulación que entrou en crise a partires de 2007, sobre todo polo estoupido da burbulla inmobiliaria, un dos pes do mesmo; os outros, o turismo e o consumo interno pero non como resultado do aforro, senón do creto fácil potenciado pola queda dos tipos de interese. Outros aspectos do modelo, o ataque sistemático ós dereitos laborais ó longo destes anos, culpando claramente ós salarios da nosa falla de competitividade e un sector financeiro dominante. Con estes vimbios é moi difícil, ata desde unha perspectiva capitalista, unha saída da crise como a actual.

A RESPOSTA OBREIRA Á CONSTRUCIÓN DO MODELO DE ACUMULACIÓN.

Unha vangarda do movemento obreiro levou unha heroica loita contra as estruturas do estado franquista e as políticas que desde o mesmo se impuñan; ca chegada de mellores condicións para a organización, actividade sindical e política, é lóxico que a resposta ás políticas de construción do novo modelo de acumulación e a inserción do mesmo no modelo capitalista occidental, fora importante, pero non sempre ben dirixida. Sobre todo a partires do ano 1987, no que se produce no sindicato máis importante, construído polos traballadores desde a base na época da ditadura, Comisións Obreiras, un xiro na súa política, ca substitución de Marcelino Camacho na secretaria xeral por Antonio Gutiérrez, iniciándose un proceso de burocratización, asentado sobre dous piares, a persecución e desprazamento dos cadros obreiros cun perfil máis político, de esquerdas, e esquece-la mobilización e substituíla pola negociación ca patronal e o goberno o que levou a CCOO a transformarse dun sindicato de carácter socio-político, nun sindicato de servizos, cunha cúpula burocratizada. Pode ser anecdótico, pero Gutiérrez leva varios anos como deputado do PSOE e o secretario xeral que o substituíu, Fidalgo, colabora con FAES.
Non hai que facer un esforzo importante para comprender que o outro sindicato maioritario, a UXT, construído basicamente desde o goberno socialista, camiñaba na mesma senda.
Neste novo contexto as mobilizacións convertéronse nun ritual, sen perspectivas, sen continuidade, sen obxectivos políticos, que se convocaban cando a presión das bases era moi importante pero só servían para iso, para soltar presión, pero sen intención de acada-los obxectivos previstos. A maioría das veces levábanse a cabo para forzar unha negociación, que sempre ó longo destes anos, só serviron para ceder dereitos. As horas perdidas de traballar por reivindicacións de carácter laboral foron centos de milleiros, cecais varios millóns nestes trinta últimos anos, pero neste análise so fixeime nas que tiveron un carácter xeral a nivel de estado e en Galicia.
A nivel de estado, houbo trece folgas xerais desde 1976 ata hoxe, nas que a clase obreira galega participou ademais das seis só convocadas en Galicia, destacando as levadas a cabo contra a reconversión industrial e o desmantelamento dos estaleiros.
Produciuse un alto nivel de combatividade e nembargantes as condicións sociolaborais e políticas non parecen ser moi favorables para @s traballador@s. Necesítase unha reflexión fonda sobre o acontecido nestes anos, aínda que sexamos conscientes que no capitalismo, as vitorias da forza de traballo son limitadas.

En Galicia no mes de Abril de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario