A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 21 de septiembre de 2009

¿UNS NOVOS PACTOS DA MONCLOA?. FOLGA XERAL PARA UNIFICA-LOS TRABALLADORES FRONTE Á CRISE

Carlos Dafonte

Escribín neste blog vai para un ano, con motivo do debate da investidura de Rodriguez como presidente do goberno:
“Todo o seu discurso e o debate posterior, estivo inzado de requirimentos ó PP para levar adiante acordos, recibindo por parte do partido conservador, respostas no mesmo senso. O que interpreto con todas as prevencións que o caso require é que nas condicións económicas, políticas e sociais polas que esta a pasar o estado español, os chamados poderes fácticos, os que verdadeiramente mandan, dan cretos e perdoan débedas, poñen os medios de comunicación ó servizo dos partidos, etc, apostan por unha recomposición do bloque oligárquico, evitar fisuras para facer fronte máis unidos ós próximos anos de forte crise económica e social.”
Os feitos diarios deste ano confirman as miñas verbas: inexistencia dunha política de oposición nos aspectos centrais da economía por parte do PP, desbotando a posibilidade da presentación dunha moción de censura, en momentos en que nos atopamos cun PSOE desnortado, sen ideas, amosando a súa incapacidade para levar adiante un programa de reestruturación económica de acordo cos intereses dos grupos oligárquicos e perdendo co paso do tempo capacidade para o liderado político; diante desta realidade un número importante de voces desde os centros económicos reclaman a colaboración entre os dous grandes partidos, para dar unha saída a esta situación, que se vai agravar co paso dos anos. Todas estas voces chamando ó “acordo máis amplo posible”, a “arrima-lo ombreiro tod@s” para sacar a economía da situación na que se atopa, se viron reforzadas desde hai uns meses por nunha intervención pública de Francisco González presidente do BBVA. Ó calor desta cualificada intervención, comezouse a falar nalgúns medios da necesidade “duns novos pactos da Moncloa”.
Estes foron un elemento clave na chamada “transición política” da ditadura ó que temos hoxe. Asinados o 25 de outubro de 1977, meses despois das primeiras eleccións que deran o trunfo á Unión de Centro Democrático de Adolfo Suárez, por unha grande parte dos partidos do “arco parlamentario”, tamén foron asinados por organizacións sindicais e patronais e ratificados dous días despois polo Congreso dos Deputados. A idea como na actualidade, era a de “arrima-lo ombreiro” para entre tod@s sacar ó país da fonda crise na que se atopaba, con cotas de desemprego de máis do 20 %, cunha inflación galopante e un déficit público moi elevado. Non debemos esquecer que estabamos a sufrir a primeira grande crise capitalista despois da segunda guerra mundial, tráxico acontecemento que permitira o sistema saír, por uns anos, da fonda recesión iniciada en 1929.
Os pactos da Moncloa conseguiron, entre outros, dous obxectivos moi favorables para as clases dominantes: desmobilizar a unha parte importante da poboación e cargar o peso da crise sobre as costas d@s traballador@s. Ese foi o resultado final. Con independencia de que na letra dos acordos apareceran outra serie de medidas que debían favorecer a grande maioría da sociedade e que ficaron como letra morta, como papel mollado. O mesmo que pasa con determinados dereitos que aparecen na vixente constitución; non son de obrigado cumprimento, segundo din os leguleios ó servizo do sistema capitalista.
Todo o gran coro mediático e dos axentes do poder económico, que solicitan uns novos acordos hoxe, está orientado, como non podía ser doutro xeito, para facernos aceptar que o problema clave da actual situación económica, que os acordos deben solucionar, son as rixideces do mercado laboral español; o fundamental e seguir desestruturando o mercado laboral, que o despedimento d@s traballador@s sexa máis barato, pois hoxe en día xa e libre, e que se aumente a xornada laboral. En suma: que os causantes da crise se queden cos cartos de todos nós, que lles da o goberno, e @s asalariad@s carguemos sobre as nosas costas coa responsabilidade, como sempre no sistema capitalista, de saír da mesma perdendo dereitos, calidade de vida, salario, etc.
No debate do estado da nación do presente ano, aprobouse unha resolución pola maioría do Congreso dos Deputados na que se volve sobre esta idea dun gran acordo social, que no fondo tenta paralizar unha vez máis, unha contestación por parte dos traballadores e uni-la súa sorte á da oligarquía do estado; como se as responsabilidades diante da crise foran as mesmas, as dos explotadores que as dos explotados, como se as políticas que pularon os gobernos ó servizo dos capitalistas, responsables da actual situación, tiveran algo que ver coas necesidades d@s que venden a súa forza de traballo a cambio dun salario.
A estas posicións cara a facer un pacto amplo súmase estes días o presidente do Congreso dos Deputados, Bono, figura importante do partido do goberno, Quintás, presidente das Caixas de Aforro e o das Cámaras de Comercio, antigo cargo político nos gobernos do PSOE.
E os empresarios neste marco compórtanse cunha voracidade insaciable; “atrévense” a poñer ó goberno de Rodriguez contra as cordas, na penúltima xuntanza, onde tamén participaban os sindicatos, esixindo unha nova reforma laboral e outra fiscal, esquecendo que no 2006 o goberno xa levou a cabo estas reformas en beneficio exclusivo dos seus intereses. El presidente Rodriguez dixo estes días que ó estar en crise, había que subi-los impostos e que cando os baixou para os máis poderosos, no 2006, tomou esa medida xa que estabamos en tempos de bonanza. Engadira por aquel entón ademais, que “baixas-los impostos é de esquerdas”. No devandito ano, todos os indicadores anunciaban xa a crise e se Rodriguez houbera lido este modesto Blog, ALTERNATIVA, no mes de outono do ano 2006, posiblemente non caería nas contradicións nas que constantemente cae.
Diante das numerosas críticas que reciben, o Goberno e unha parte do partido socialista, tentan aparecer, esperando sacar réditos electorais para seguir no poder, como os defensores dos máis empobrecidos, como os baluartes fronte as políticas da dereita; esta actitude demagóxica é resultado de varias circunstancias: en primeiro lugar por nega-la crise cando estaba claro desde o ano 2006, que entrábamos en recesión e con particularidades que a facían máis fonda que noutros países do entorno; en segundo porque negándoa machaconamente durante varios meses, e acusando de antipatriotas a quen afirmaba a súa existencia, é difícil por parte do goberno, aceptar hoxe, que para saír da mesma non sexan capaces de facelo, sen recibir a axuda doutras forzas políticas, e en terceiro pola ausencia dunha forte mobilización social o que fai que o bloque oligárquico burgués, ó que o PSOE pertence e serve, permítelle unha certa autonomía.
As receitas burguesas para saír desta situación son as de sempre: conxelación salarial que é dito dun xeito nidio, perda do poder adquisitivo d@s traballador@s asalariados centrándose n@s funcionari@s a quen se lles fai aparecer como causantes, en certa medida, da situación e do elevado deficit, como si unha parte moi importante non cobrara pouco máis de 800 euros mes; axuda ó sector bancario e as grandes empresas; redución do gasto público, é dicir menor calidade dos servizos para @s traballador@s; suba dos impostos que pagamos todos; unha maior flexibilidade laboral, etc.
E fronte a este “programa”, no que coinciden PSOE e PP, nas grandes liñas, non se escoitan voces que diga con claridade, que reducir o déficit público tamén se acada minguando os gastos militares, aproximadamente de máis de 68 millóns de euros día; poñendo freo a como se realizan as contratas e subcontratas da obra pública; non regalando cartos á banca privada; perseguindo o inxente fraude fiscal, fundamentalmente no sector empresarial ou non poñendo cartaces que anuncien obras das administracións, o importante é facelas. Voces que expliquen que o estado español e onde hai maior flexibilidade e precariedade da Unión Europea a 15, e que a pesar de iso non somos máis competitivos, que existen contratos de todo tipo e a pesar desta realidade o paro golpea á sociedade dun xeito máis fondo que en outras menos “flexibles” e con menos tipos de contratos. Que digan que o “novo modelo económico” con que nos quere embaucar Rodriguez é “unha carallada”, pois un modelo económico non se construe por decreto, nin en catro anos e si queren modificar o actual, co que tan contentos estaban goberno e oposición estes anos pasados, acordádevos, “xogabamos na “champion”, haberá que plantearse a desaparición da banca privada pois non cumpre o papel social de recoller o aforro e prestalo a quen quere investir; un novo modelo de forzas armadas; os medios de produción socializados; a democratización da sociedade poñendo en primeiro termo a proclamación da IIIª República, etc. E iso é aproximarse a un modelo socialista, que debe ser o gran debate que debía estar vixente entre @s asalariad@s ante a estafa que para os que producen a riqueza, representa o sistema capitalista.
As circunstancias son difíciles, pero unha saída a esta situación de crise que responda ás necesidades dos asalariad@s e da clase obreira, só se pode dar nun marco de mobilización social unido a un repunte da loita de clases. Os traballador@s do metal de Pontevedra indicaron o camiño. Como nos tempos da dictadura franquista, tod@s @s asalariad@s temos a responsabilidadede axudar a que o outono do ano 2009 seña un “outono quente”. Pero esta loita non é efectiva só no estado español, hoxe é unha obriga coordinala a nivel internacional, comezando polas grandes empresas multinacionais. Pero coma sempre chegamos ó “no gordiano”: a carencia de dirección política revolucionaria e a imperiosa necesidade da súa construción.

En Galicia no mes de Setembro de 2009