A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 29 de febrero de 2008

O DEBATE



¿Serven para algo os debates na campaña electoral? Mellor dito ¿Serve para informa-los electores sentar a dúas persoas diante das cámaras de televisión para facer un debate do que previamente se pactaron tantas circunstancias que é imposible que a cidadanía teña elementos de xuízo para determina-lo seu voto?.


Observando o que esta a pasar na presente campaña, lémbrome das verbas de Anthony Howard, escritas en 1968 sobre os dous líderes que aspiraban á presidencia norteamericana, recollidas polo profesor da Universidade de Pricenton Freed Greenstein, que consideraba que “calquera europeo ten que aprender acerca da política norteamericana...que a división existente entre eles non é ideolóxica, nin filosófica, é só persoal. É unha discusión entre dous homes para ver quen deles esta mellor capacitado para ir a Casa Branca”. Pois ben, á vista do contemplado no debate entre Rodríguez e Rajoy, teño a impresión de que do que se trata nas campañas actuais é de ofrecer personaxes que transmitan confianza ós electores; confianza que está ó marxe dun proxecto de sociedade, dun programa e polo tanto da busca das políticas adecuadas para solucionar os problemas que a sociedade padece. Era estremecedor escoitar a un asesor de imaxe falando nos prolegómenos do impacto que podía ter que o candidato suara, que o colleran coa mirada perdida e toda outra serie de sandeces. ¿Pero será certo que hai electores que deciden o seu voto en función do funcionamento dunha glándula sudorípara?


Coñecemos a capacidade do capitalismo para transformalo todo en mercadoría, os candidatos non deben escapar a esta lei; o marketing encárgase do resto, pero os “consumidores” xa comezamos a estar fartos das mercadorías falsificadas, e o debate entre os dous candidatos situou en primeiro plano a falsificación política que significa o bipartidismo.


Rajoy situou algúns problemas sobre a mesa, suba dos prezos, das hipotecas, aumento do paro, inmigración, terrorismo, informe Pisa sobre a educación, memoria histórica, creba de España a causa da tramitación do estatuto catalán e do referendum anunciado polo presidente Ibarreche, etc.. Os temas que veu expoñendo nos últimos catro anos nas Cortes, engadíndolle o da suba dos prezos e a posible entrada en “desaceleración” da economía española. Fixo de periodista, non de político, constatou uns feitos, pero non expuxo as razóns dos feitos nin as alternativas para modificalos. O presidente Rodríguez fronte a aquela avalancha contestou sacando cifras e estadísticas da época de cando o seu vehemente opoñente era ministro. Reproduciron os debates que tiveron ó longo da lexislatura, e os que somos espectadores atentos do que acontece, a cada intervención dun, coñecíamos a resposta do outro, todo previsible e aburrido; e así rematou.


No tinteiro quedaron as reformas laborais, a precariedade dos empregos, a enorme taxa de temporalidade, a maior da U.E., en 2007, 9 de cada 10 contratos foron de carácter temporal, saen a 5 contratos ano por traballador; os baixos salarios mentres os empresarios acadan fabulosos beneficios; ¿que vai pasar coas pensións diante da suba xeneralizada dos prezos?; os enormes gastos militares que se comen case a totalidade presupostaria da investigación; os miles e miles de millóns de euros que os contribuíntes do estado temos que poñer para “salvar” as trampas dos bancos; a nosa presenza militar en numerosos países en apoio da política imperialista dos EEUU, a represión desmesurada contra o movemento obreiro e popular nos últimos meses, a necesidade de mellora-los servizos, a presión fiscal sobre os traballadores asalariados que subiu 3 puntos do PIB mentres que o número de millonarios medra ó maior ritmo de Europa, despois da Rusia de Putin; que van facer para sacarnos da cola da U.E. en gasto social?; o tema do Imposto de Patrimonio; que a illa de Aruba que pertence a Holanda, sexa un paraíso fiscal ou que o Banco de España vai conceder autorización a oito entidades bancarias españolas para que fixen elas as “normas de control” ¡¡¡en plena crise financeira!!!. E podíamos seguir poñendo sobre a táboa, toda unha serie de problemas que non queren tocar, que afecta á cidadanía e sobre os que nada teñen que dicir pois están de acordo.


Senteime diante do televisor con papel e lapis cun obxectivo tripla, constatar a existencia de dous proxectos económicos en confrontación, ese foi o remate de Solbes no seu cara a cara con Pizarro, se analizaban os problemas dos cidadáns e por último se lles daban solucións. Teño que recoñecer que non acabei frustrado, pois nada esperaba, só confirmaron o que veño dicindo dende hai anos.


Creo ademais, que os debates deben ter outra dimensión; se todo indica que non vai conseguir ningún dos dous partidos maioritarios, maioría absoluta, é lóxico que os que van decidi-lo goberno, IU, ERC, BNG, CiU, etc., estiveran presentes para coñece-los puntos de encontro e de disenso. Creo é o máis democrático.


Unha vez finado o debate, entrouse no “mellor do espectáculo”, a intervención de numerosas mesas en diferentes medios, constituídas por comentaristas e periodistas e nalgúns casos o espectáculo foi bochornoso. Algúns, máis que periodistas, condición que debe levar a un compromiso coa verdade, amosaron que son “hooligans” ó servizo dos intereses empresariais que representan cada un dos dous partidos maioritarios e tentaron por todos os medios, as veces rachando coas normas máis elementais de educación, convencernos de algo distinto do que todos vimos.


Esa actitude é resultado dos intentos de implanta-lo bipartidismo, o que leva á deriva de determinados medios e periodistas a actuar como verdadeiros “intelectuais orgánicos”, dispostos a conculcar calquera verdade co obxectivo de “leva-la auga o seu muíño”, neste caso da empresa, defende-los intereses do seu patrón.


Non debemos esquecer que na democracia, aínda que sexa burguesa, a información e o papel dos medios de comunicación é fundamental. Na súa ausencia o sistema convértese nunha poliarquía.




En Galicia Febreiro de 2008




Carlos Dafonte


 



miércoles, 13 de febrero de 2008

CAMPAÑA ELECTORAL E CRISE ECONÓMICA E POLÍTICA

            Lenin afirmaba que nas crises revolucionarias era cando máis estupideces se escoitaban. Pois ben, facendo un simil, podemos dicir que nas campañas electorais e cando maior número de falsedades e parvadas se airean.


            A campaña electoral discorre nun marco dominado por dous procesos moi determinantes; en primeiro lugar nun contexto de deterioro sistemático do estado de dereito, froito do pacto entre os dous grandes partidos como consecuencia do que xa denunciamos hai anos, da necesidade do sistema e dos partidos que o garanten, de reducir o marco democrático para afogar as manifestacións de repudio a unha situación económica que cada vez se deteriora máis e que se carga sobre as costas dos asalariados, e en segundo lugar, por  celebrarse coincidindo cun repunte moi fondo da crise económica que sacude ata os alicerces do sistema capitalista. Situación esta última que debe permitir a aquelas forzas alternativas, facer unha análise fonda da realidade do sistema capitalista, das súas crises, e tentar levar a una parte dos traballadores galegos a posición da esquerda, ausente da campaña electoral.


Estas peculiaridades acrecentan o triste espectáculo, que as veces lindaría ca comicidade  senon fora porque afecta a millóns de traballadores, dos políticos neoliberais que ocupan as tribunas, pasándose a bola duns a outros, como nenos a quen collíches facendo una falcatruada; incapaces de facer unha análise  da grave situación. Actuando como se o problema non fora con eles. Como se en todos estes anos non tomaran decisión alguna que poidera influir na situación actual. Como se a crise fora xenerada polas hipotecas con risco dos EEUU ou pola suba dos prezos. Esa é a febre, algúns dos síntomas dunha grave enfermidade, consecuencias da crise, pero non a xénese da mesma.


            Os mesmos políticos que hai medio ano, no debate do “Estado da Nación”,  cando xa se tiña coñecemento do que estaba a ocurrir no outro lado do Atlántico coas hipotecas sen garantías, e o setor da construcción do estado desacelerándose a marchas forzadas, repitían machaconamente que a economía marchaba a toda máquina dende as bancadas do  goberno e os seus aliados, e a oposición matizaba que si a economía ía tan ben, era grazas  ós gobernos de Aznar. E con esta cantinela seguiron uns meses máis.


¿E agora que, inútiles? ¿Pero podemos chamarlles inútiles a quen garantiron nestos últimos 20 anos,  grazas ás medidas tomadas dende o goberno, de carácter económico, laboral, social, e de todo tipo, a sobreexplotación dos traballadores para que as grandes empresas e emporios económicos, acadaran enormes beneficios?. Hai que recoñecer que fixeron un bo traballo a favor dos inimigos dos traballadores. E as campañas electorais serven  para que as crases sociais expresen por medio do seu voto, o acordó ou desacordo coas políticas realizadas. E dende o punto de vista dos asalariados non debe darse ningún voto a quen fixo todo o posible para que banqueiros, especuladores e grandes empresarios fixeran “o agosto” nestes anos. E tampouco á oposición, que contemplou complacida nestes catro anos como o goberno levaba adiante políticas económicas e reformas sociais que eles planearon cando foron goberno.


Confírmase nesta campaña a inexistencia dunha confrontación de programas; só hai confrontación de consinias, anécdotas e como dixen ó principio, un relatorio entusiasta de parvadas acollidas con entusiasmo por uns futuros votantes cada vez máis despolitizados.


Pero cando falamos de crise ¿de que crise estamos a falar e padecer e que sen remedio se vai a extender polo planeta nos próximos anos?. A crise é xerada pola caída da taxa de ganancia do capital produtivo dende hai anos, a súa marcha cara á especulación financieira, concretada en numerosos “produtos” e propiciada polas medidas tomadas polos políticos que nos gobernan tanto na Unión Europea, os EEUU e outros centros económicos, a falla de controis da, como alguén chamou, “economía casino”, ata chegar á situación actual, resultado de todo tipo de irregularidades consentidas por Bancos Centrais, Ministerios de Economía, etc. E agora hai que recurrir a inxecta-lo sistema millóns e millóns de millerios de euros de todos os contribuíntes, para defender os intereses duns poucos, a iso chámanlle protexe-la liquidez, que se apropiaron e dilapidaron a enorme cantidade de riqueza producida nestes anos polos traballadores.


            O capitalismo atópase na encrucillada de estar exposto a constantes crises cada vez máis fondas, seguidas de recuperacións cada vez máis curtas. Xa non poden recurrir a unha guerra xeneralizada para destruir forzas produtivas e iniciar un periodo expansionista, como ocurriu dende o final da segunda guerra mundial ata finais  da década dos sesenta do século pasado.


Esta crise financieira ten como nó central á gran potencia mundial, os EEUU, que se unen a Xapón, que aínda non superou o estalido da súa burbulla financieira de principio dos anos 90 e o desastre dos chamados “tigres asiáticos”, nos  anos finais da mesma década. Salvo no caso xaponés a periferia do sistema foi onde se produciron as crises, Brasil por dúas veces, México, Rusia, Sureste de Ásia, pero agora afecta a outro país central.


Unha potencia mundial que ven dando síntomas de febleza dende hai anos; non debemos esquece-la desaceleración da súa economía dende principios de século, estoupido da “burbulla das punto.com” e o comezo da recesión dos anos 2000-2001,   que o seu déficit comercial, aínda que pareza un paradoxo, o maior do mundo,  é un dos  motores da economía mundial. Dicir como dixo o comisario europeo Almunia, nunha entrevista televisada, que os problemas económicos afectan só ós EEUU, é ter un desprezo absoluto pola intelixencia dos demáis e o sentido común. A crise xa é global e se vai aguzar.


            PSOE e PP, en plena precampaña amosan a súa cobardía para dirixirse ós afectados e explicarlles a verdade sobre a situación e as previsibles consecuencias; síntense cómplices da realidade e tentan distrae-la atención con outros temas, se ó non ir Gallardón representa un “xiro á dereita” do PP ou o debate ca Igrexa …,  acompañadas estas falsas polémicas de medidas absurdas, como dar 400 euros que non se aclara como se vai facer nin a quen beneficiar, para sair da crise, caso do PSOE, ou fichar a un tal Pizarro, apresentado como un “gurú” das finanzas, con fortes ligazóns co capital financiero, para garantirlles, supoño,  ós que se enriqueceron fraudulentamente nestes anos, que a “festa vai continuar” e que a crise, coma sempre a pagarán os asalariados, e repitir machaconamente que os prezos aumentan e cada vez hai máis paro, no caso do PP, algo que é obvio, pero incapaz este partido de dar solución alguna, ou que se van plantar 500 millóns de árbores en catro anos. ¿Alguén pode pensar que a suba dos prezos, das hipotecas e o aumento do paro pódese solucionar con entregar 400 euros; ou que os temas medioambientais coa plantación dun número desorbitado de árbores?


            E o BNG ó seu, a converterse nun “grupo conseguidor” nas Cortes do Estado, cunha mensaxe neutra, “conseguir para Galiza”, esquecendo un principio básico de todo o que se quera considerar de esquerdas, que a sociedade esta dividida en crases sociais, que hai explotados e explotadores e os que dende o goberno controlan a administración central do estado, fan políticas a favor dos explotadores e o seu socio na Xunta tamén. O voto afirmativo ós Orzamentos Xerais do Estado, nos que se plasma una política económica  de carácter neoliberal,  foi un paso máis que alonxa ó BNG do campo da esquerda. E os cartos conseguidos non van ir a beneficiar ós traballadores asalariados, á maioría dos galegos, senón para pagar obras que serven para que algúns empresarios sigan a recibir prevendas pola construcción de megaproxectos, que non solucionan a carencia das infraestruturas necesarias.


            As cifras que afectan os bolsos da maioría dos galegos como do resto dos habitantes do estado, son inecuestionables, enormes subas dos prezos dos artigos de primeira necesidade, tasa de inflación moi alta, aumento do paro, gran número de contratos lixo e de traballadores con salarios inferiores ós mil euros ó mes, enorme déficit comercial, o segundo con relación ó PIB dempois dos EEUU, o índice de produción industrial descendeu nestes anos, pinchazo da burbulla inmobiliaria, un proceso acelerado de deslocalización de empresas, o turismo, o segundo gran vector do crecemento do PIB afectado por este repunte da crise mundial; redución do consumo interno; o estado español é o único país da OCDE onde nos últimos dez anos os salarios perderon poder adquisitivo, a renda media do 20% dos fogares con menores ingresos reduciuse nun 23,6%, mentres a do 10% máis rico aumentou nun 15 %. Mentres na última década os beneficios empresariais aumentaron un 73 % , os salarios baixaron un 4 %. Según o Banco de España no 2005 o 70,9 % das familias adicaban o 40 % da súa renda a pagar as débedas contraídas pola compra da vivenda…E podíamos seguir dando datos, cifras e tantos por cento ¿Pero estase a falar destes temas con fondura na campaña?


Nestas circunstancias bótase en falla que na campaña non haxa una voz que plantee una política alternativa, dende o punto de vista dos asalariados, que formule una política económica dende a esquerda, que sirva de enganche para os millóns de mulleres e homes que levan anos soportando as medidas neoliberais e sobre os que a crise se vai abatir con maior virulencia. Se cando dicían que estabamos nunha economía de “primeira división”, os asalariados tivemos que apreta-lo cinto, perdendo poder adquisitivo, sufrindo reformas laborais que precarizaban o emprego e toda outra serie de medidas por todos coñecidas,  o que nos espera na época de “vacas fracas” só poderemos enfrontalo se nos aprestamos ó combate e reconstruimos o tecido social e as organización propias dos traballadores.


            E para poñer atrancos a esta necesidade, dende o poder, coa axuda da oposición e a complicidade  silenciosa doutros, empréndese una campaña contra os movementos populares, reprimindo, multando e tentando aillar todo o que poña en cuestión a situación actual. Para evitar que as mobilizacións, polo de agora espontáneas dos traballadores, cristalicen en conciencia política.


            A nivel político, o malestar exprésase poñendo en cuestión a monarquía, en principio por capas de traballadores novos que observan como o “sistema democrático”, a pesares de manterse sobre a base do propagandístico “un home una muller un voto”, e ser na sociedade maioría os traballadores asalariados, nunca se levan adiante por parte dos elixidos políticas que verdadeiramente lles favorezan.


E os partidos do sistema teñen que pechar filas á redor da monarquía, dun xeito moi similar ó que se levaba a cabo nos tempos da ditadura. Pero todo esto amosa a febleza do sistema que non pode soportar a queima dunha ducia de fotos e catro críticas, moitas veces mal orientadas e un incipiente movemento de masas pola III ª República.


A dureza da represión actual indica que o sistema  prefire curarse en saúde e poñerlle atrancos ó movemento popular cando está no comenzó da súa reconstrución, que ter que enfrontarse ó mesmo cando sexa máis poderoso. E faino sen importarlle conculcar os máis elementais principios do estado de dereito.


            Por iso, para as xentes da esquerda, a campaña electoral é o momento de dicir con claridade que NON NOS REPRESENTADES e que é preciso iniciar a RECONSTRUCIÓN e o xeito activo de amosar este obxectivo, e o VOTO EN BRANCO.


Galicia febrero de 2008


Carlos Dafonte


           


           



lunes, 4 de febrero de 2008

A QUEDA DO GOBERNO PRODI. DECLARACIÓN DO PARTIDO DE ACCIÓN COMUNISTA

 


 


 


1. Logo de case dous anos de ataques sen precedentes aos traballadores, aos xovenes, aos parados, aos inmigrados, o goberno Prodi quizas chegou o final do seu percorrido. A causa do fin deste goberno o choque intestino entre grupos politicos, sectores e aparellos do Estado burgues (maxistrados e parlamentarios), un choque entre bandoleiros alimentado pola falta de acordo ao redor dun mecanismo electoral diferente, capaz de garantir, de xeito máis eficaz, a estabilidade parlamentaria das coalicións de alternancia burguesa. A incriminacion do ministro da Xustiza Mastella, e de toda a súa familia parental e politica (faísca que levou ao actual estalido), saca a luz, por enesima vez, o entrelazamento inextricable entre negocios licitos e ilicitos nun sistema social, o capitalismo, baseado pola súa natureza sobre a explotacion do traballo asalariado e sobre a corrupcion que florece nos aparellos politicos e estatais destinados a administrar os beneficios da burguesia. Esta crise politica colócase no escenario da crise financeira mundial e no cadro máis xeral da podremia deste sistema que, para aumentar os lucros dun puñado de persoas continua producindo matanzas, tanto nas fábricas como nas frontes das guerras coloniais.


 


2. Varias son as hipotesis da conclusion desta crise: a adquisicion dalgun senador para sosten do goberno, na usual compravenda parlamentaria; un goberno "tecnico" ou "institucional" para sancionar unha nova, e todavia mais estafadora, lei electoral; novas eleccións dentro de poucos meses. A conclusion dependera do resultado do choque en curso no parlamento, hoxe mais que nunca acorde coa definicion feita por Rosa Luxemburg de "galiñeiro da democracia burguesa”.


 


Ningunha destas conclusións é vantaxosa para os traballadores. A continuidade deste goberno permitiria a Prodi levar adiante aquelas medidas de guerra social e guerra militar (deica pouco sera votado a refinanciacion das misións militares) que o imperialismo italiano impón ao goberno. Un goberno de transicion continuaria con estas politicas e só serviria para preparar novos mecanismos electorais para garantir ao proximo goberno burgues unha mais adoitada base parlamentaria para evitar contratempos e asi poder concentrarse mellor no seu traballo anti-obreiro. Novas eleccións levarian á vitoria dun dos dous polos da alternancia burguesa e á constitucion dun executivo que, prescindindo de quen o dirixa, recolleria o "exemplo" de Prodi e desenvolvería as politicas solicitadas pola patronal para facer pagar a crise economica do capitalismo aos traballadores.


 


3. Neste marco, resultan grotescas as declaracións dos dirixentes de Refundacion Comunista. Despois de votar e apoiado cada medida anti-popular de Prodi, mesmo as medidas racistas e a persecucion dos inmigrados, os dirixentes de Refundacion declararon hoxe que a interrupcion prematura da lexislatura impediria aquela "gran redistribucion social" que anuncian como " inminente ", de dous anos a esta parte, para facer tragarlles aos traballadores os sacrificios. Giordano[1] tamen dixo que a posible caida de Prodi seria debido á conspiracion de presuntos sectores " reaccionarios" da burguesia, asustados pola influencia exercida por Refundacion sobre este goberno.


 


A realidade é ben diferente: a burguesia, os seus sectores principais, non conxuraron contra o goberno. Hoxe en coro toda a gran prensa burguesa (da Repubblica ao Correr della Sera, da Stampa a Il Sole 24 Ore), definen "irresponsable" o paso de Mastella[2]. A gran burguesia apoiou desde o principio a este goberno porque sabia que levaría adiante un violento ataque aos traballadores sen producir unha adecuada reaccion social, por medio do papel de colchon desenvolvido polas burocracias sindicais (Cgil á cabeza) e das burocracias socialdemocratas (Prc, Sd, Pdci, Verdi[3]). O que prefire hoxe a gran burguesia non é, polo tanto, unha volta de Berlusconi (ao cal, con todo, aceptaria, se é necesario, como fixo nos anos pasados), senón mais ben un menor espiritu pendenciero no “galiñeiro parlamentario”, (conseguido por unha lei electoral diferente) e, se é posible, o relanzamento desta mesma formula de goberno, eventualmente cunha nova coalicion entre o recien nado Partido Democrata[4] de Veltroni e o futuro partido socialdemocrata para cuxa fundacion traballan os catro partidos da esquerda, o Arcoiris[5].


 


Todos os gobernos son bos para a patronal sempre que sexan capaces de tutelar os lucros das empresas: e a formúla do centroesquerda revelouse, ata agora, a mais eficaz en tal sentido, pois é aquela preferible no xogo da alternancia entre os dous polos. Xogo que, en todo caso, garante á burguesia vencer sexa como sexa, como un xogador de ruleta que apunta ao mesmo tempo sobre o vermello e sobre o negro, sobre o par e sobre o impar.


 


4. Os feitos destes meses e os desenvolvementos destes dias confirman a leccion de toda a historia do movemento obreiro; leccion que recuperamos e defendimos desde o nacemento da nosa organizacion, a partir dunha escision de Refundacion Comunista, en abril de 2006 (saímos mentres outros dirixentes daquel partido preparáronse para a reparticion dos cargos): non hai goberno amigo dos traballadores no capitalismo, non hai posibilidade de "condicionar" os gobernos da burguesia, o papel dos comunistas é desenvolver a oposicion a cada un destes gobernos para preparar as relacións de forza necesarias para derrocar este sistema social e os seus gobernos e abrir paso a un goberno dos obreiros para os obreiros. É un camiño longo e dificil pero, como se ve, non hai atallos.


 


Poren, hoxe corroboramos que ningunha das solucións que pode saír do galiñeiro do parlamentarismo burgues pode satisfacer as esixencias, tamen inmediatas, das masas populares. O epicentro do choque non esta entre as cadeiras de brazos aterciopelados de Mastella, Dini e D´Alema: o epicentro esta na loita de clases nas rúas e nos lugares de traballo, na reanudacion da conflitividade obreira que foi afogada nestes dous anos (cunha disminucion historica das horas de folga) pola ausencia dun gran sindicato de clase e un partido comunista con influencia de masas.


 


Fai falta entón partir das loitas e das experiencias xa en curso de oposicion de clase ao goberno, para construír un gran sindicado combativo e non pactista, e un partido comunista revolucionario. Fai falta unir aos traballadores, os precarios, os parados, os traballadores inmigrados, ao redor dunha plataforma reivindicativa que derroque todas as politicas sociais e militares dos gobernos de centrodereita e centroesquerda que se alternaron nestes anos. E, sobre estas bases, tambien construír, onde sexa posible, unha representacion do mundo do traballo nas institucións burguesas, para utilizalas como tribuna das loitas. Aquela tribuna que ata agora falta non só pola responsabilidade das burocracias socialdemocratas, senón tambien polas oscilacións daquelas organizacións como Esquerda Critica de Turigliatto[6] (que se define non ao azar "tendencialmente á oposicion") ou como as minorias do PRC que, cos seus parlamentarios, ata hoxe apoiaron as principais medidas do goberno ou non avanzaron mais aló dunha loxica de abstencións, non participacións ao voto. Ou, como máximo, mais aló dalgun raro voto contrario (pero só cando foi irrelevante na aritmetica parlamentaria).


 


5. O epicentro da loita de clases esta fora do parlamento e dos seus choques interiores, esta no desenvolvemento das mobilizacións dos traballadores. En canto ás eleccións, case indubidablemente anticipadas (a proxima primavera ou, no caso de gobernos de transicion, á seguinte), constituiran, neste marco, un momento secundario pero en todo caso posible de batallar polos comunistas. Como PdAC estamos dispostos, na autonomia do noso proxecto revolucionario global, á constitucion de bloques electorais con todas as forzas que se colocasen estratexicamente fora dos dous polos da alternancia burguesa e estaran listas a construír unha firme e real oposicion de clase á burguesia nos lugares de traballo, nas rúas e tamen no parlamento.


 


 


 


Roma, o 22 de xaneiro de 2008.


 


 


 


[1] O secretario de Refundacion Comunista.


 


[2] Cuxo partido - Udeur - quitoulle a confianza ao goberno.


 


[3] Partido da Refundacion Comunista, Esquerda Democrata, Partido dos Comunistas Italianos, Verdes.


 


[4] Resultado da unificacion dos herdeiros do vello Partido Comunista e da vella Democracia Cristiá.


 


[5] Ver nota 3.


 


[6] Franco Turigliatto é un senador do O seu elixido por Refundacion Comunista