A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 13 de febrero de 2008

CAMPAÑA ELECTORAL E CRISE ECONÓMICA E POLÍTICA

            Lenin afirmaba que nas crises revolucionarias era cando máis estupideces se escoitaban. Pois ben, facendo un simil, podemos dicir que nas campañas electorais e cando maior número de falsedades e parvadas se airean.


            A campaña electoral discorre nun marco dominado por dous procesos moi determinantes; en primeiro lugar nun contexto de deterioro sistemático do estado de dereito, froito do pacto entre os dous grandes partidos como consecuencia do que xa denunciamos hai anos, da necesidade do sistema e dos partidos que o garanten, de reducir o marco democrático para afogar as manifestacións de repudio a unha situación económica que cada vez se deteriora máis e que se carga sobre as costas dos asalariados, e en segundo lugar, por  celebrarse coincidindo cun repunte moi fondo da crise económica que sacude ata os alicerces do sistema capitalista. Situación esta última que debe permitir a aquelas forzas alternativas, facer unha análise fonda da realidade do sistema capitalista, das súas crises, e tentar levar a una parte dos traballadores galegos a posición da esquerda, ausente da campaña electoral.


Estas peculiaridades acrecentan o triste espectáculo, que as veces lindaría ca comicidade  senon fora porque afecta a millóns de traballadores, dos políticos neoliberais que ocupan as tribunas, pasándose a bola duns a outros, como nenos a quen collíches facendo una falcatruada; incapaces de facer unha análise  da grave situación. Actuando como se o problema non fora con eles. Como se en todos estes anos non tomaran decisión alguna que poidera influir na situación actual. Como se a crise fora xenerada polas hipotecas con risco dos EEUU ou pola suba dos prezos. Esa é a febre, algúns dos síntomas dunha grave enfermidade, consecuencias da crise, pero non a xénese da mesma.


            Os mesmos políticos que hai medio ano, no debate do “Estado da Nación”,  cando xa se tiña coñecemento do que estaba a ocurrir no outro lado do Atlántico coas hipotecas sen garantías, e o setor da construcción do estado desacelerándose a marchas forzadas, repitían machaconamente que a economía marchaba a toda máquina dende as bancadas do  goberno e os seus aliados, e a oposición matizaba que si a economía ía tan ben, era grazas  ós gobernos de Aznar. E con esta cantinela seguiron uns meses máis.


¿E agora que, inútiles? ¿Pero podemos chamarlles inútiles a quen garantiron nestos últimos 20 anos,  grazas ás medidas tomadas dende o goberno, de carácter económico, laboral, social, e de todo tipo, a sobreexplotación dos traballadores para que as grandes empresas e emporios económicos, acadaran enormes beneficios?. Hai que recoñecer que fixeron un bo traballo a favor dos inimigos dos traballadores. E as campañas electorais serven  para que as crases sociais expresen por medio do seu voto, o acordó ou desacordo coas políticas realizadas. E dende o punto de vista dos asalariados non debe darse ningún voto a quen fixo todo o posible para que banqueiros, especuladores e grandes empresarios fixeran “o agosto” nestes anos. E tampouco á oposición, que contemplou complacida nestes catro anos como o goberno levaba adiante políticas económicas e reformas sociais que eles planearon cando foron goberno.


Confírmase nesta campaña a inexistencia dunha confrontación de programas; só hai confrontación de consinias, anécdotas e como dixen ó principio, un relatorio entusiasta de parvadas acollidas con entusiasmo por uns futuros votantes cada vez máis despolitizados.


Pero cando falamos de crise ¿de que crise estamos a falar e padecer e que sen remedio se vai a extender polo planeta nos próximos anos?. A crise é xerada pola caída da taxa de ganancia do capital produtivo dende hai anos, a súa marcha cara á especulación financieira, concretada en numerosos “produtos” e propiciada polas medidas tomadas polos políticos que nos gobernan tanto na Unión Europea, os EEUU e outros centros económicos, a falla de controis da, como alguén chamou, “economía casino”, ata chegar á situación actual, resultado de todo tipo de irregularidades consentidas por Bancos Centrais, Ministerios de Economía, etc. E agora hai que recurrir a inxecta-lo sistema millóns e millóns de millerios de euros de todos os contribuíntes, para defender os intereses duns poucos, a iso chámanlle protexe-la liquidez, que se apropiaron e dilapidaron a enorme cantidade de riqueza producida nestes anos polos traballadores.


            O capitalismo atópase na encrucillada de estar exposto a constantes crises cada vez máis fondas, seguidas de recuperacións cada vez máis curtas. Xa non poden recurrir a unha guerra xeneralizada para destruir forzas produtivas e iniciar un periodo expansionista, como ocurriu dende o final da segunda guerra mundial ata finais  da década dos sesenta do século pasado.


Esta crise financieira ten como nó central á gran potencia mundial, os EEUU, que se unen a Xapón, que aínda non superou o estalido da súa burbulla financieira de principio dos anos 90 e o desastre dos chamados “tigres asiáticos”, nos  anos finais da mesma década. Salvo no caso xaponés a periferia do sistema foi onde se produciron as crises, Brasil por dúas veces, México, Rusia, Sureste de Ásia, pero agora afecta a outro país central.


Unha potencia mundial que ven dando síntomas de febleza dende hai anos; non debemos esquece-la desaceleración da súa economía dende principios de século, estoupido da “burbulla das punto.com” e o comezo da recesión dos anos 2000-2001,   que o seu déficit comercial, aínda que pareza un paradoxo, o maior do mundo,  é un dos  motores da economía mundial. Dicir como dixo o comisario europeo Almunia, nunha entrevista televisada, que os problemas económicos afectan só ós EEUU, é ter un desprezo absoluto pola intelixencia dos demáis e o sentido común. A crise xa é global e se vai aguzar.


            PSOE e PP, en plena precampaña amosan a súa cobardía para dirixirse ós afectados e explicarlles a verdade sobre a situación e as previsibles consecuencias; síntense cómplices da realidade e tentan distrae-la atención con outros temas, se ó non ir Gallardón representa un “xiro á dereita” do PP ou o debate ca Igrexa …,  acompañadas estas falsas polémicas de medidas absurdas, como dar 400 euros que non se aclara como se vai facer nin a quen beneficiar, para sair da crise, caso do PSOE, ou fichar a un tal Pizarro, apresentado como un “gurú” das finanzas, con fortes ligazóns co capital financiero, para garantirlles, supoño,  ós que se enriqueceron fraudulentamente nestes anos, que a “festa vai continuar” e que a crise, coma sempre a pagarán os asalariados, e repitir machaconamente que os prezos aumentan e cada vez hai máis paro, no caso do PP, algo que é obvio, pero incapaz este partido de dar solución alguna, ou que se van plantar 500 millóns de árbores en catro anos. ¿Alguén pode pensar que a suba dos prezos, das hipotecas e o aumento do paro pódese solucionar con entregar 400 euros; ou que os temas medioambientais coa plantación dun número desorbitado de árbores?


            E o BNG ó seu, a converterse nun “grupo conseguidor” nas Cortes do Estado, cunha mensaxe neutra, “conseguir para Galiza”, esquecendo un principio básico de todo o que se quera considerar de esquerdas, que a sociedade esta dividida en crases sociais, que hai explotados e explotadores e os que dende o goberno controlan a administración central do estado, fan políticas a favor dos explotadores e o seu socio na Xunta tamén. O voto afirmativo ós Orzamentos Xerais do Estado, nos que se plasma una política económica  de carácter neoliberal,  foi un paso máis que alonxa ó BNG do campo da esquerda. E os cartos conseguidos non van ir a beneficiar ós traballadores asalariados, á maioría dos galegos, senón para pagar obras que serven para que algúns empresarios sigan a recibir prevendas pola construcción de megaproxectos, que non solucionan a carencia das infraestruturas necesarias.


            As cifras que afectan os bolsos da maioría dos galegos como do resto dos habitantes do estado, son inecuestionables, enormes subas dos prezos dos artigos de primeira necesidade, tasa de inflación moi alta, aumento do paro, gran número de contratos lixo e de traballadores con salarios inferiores ós mil euros ó mes, enorme déficit comercial, o segundo con relación ó PIB dempois dos EEUU, o índice de produción industrial descendeu nestes anos, pinchazo da burbulla inmobiliaria, un proceso acelerado de deslocalización de empresas, o turismo, o segundo gran vector do crecemento do PIB afectado por este repunte da crise mundial; redución do consumo interno; o estado español é o único país da OCDE onde nos últimos dez anos os salarios perderon poder adquisitivo, a renda media do 20% dos fogares con menores ingresos reduciuse nun 23,6%, mentres a do 10% máis rico aumentou nun 15 %. Mentres na última década os beneficios empresariais aumentaron un 73 % , os salarios baixaron un 4 %. Según o Banco de España no 2005 o 70,9 % das familias adicaban o 40 % da súa renda a pagar as débedas contraídas pola compra da vivenda…E podíamos seguir dando datos, cifras e tantos por cento ¿Pero estase a falar destes temas con fondura na campaña?


Nestas circunstancias bótase en falla que na campaña non haxa una voz que plantee una política alternativa, dende o punto de vista dos asalariados, que formule una política económica dende a esquerda, que sirva de enganche para os millóns de mulleres e homes que levan anos soportando as medidas neoliberais e sobre os que a crise se vai abatir con maior virulencia. Se cando dicían que estabamos nunha economía de “primeira división”, os asalariados tivemos que apreta-lo cinto, perdendo poder adquisitivo, sufrindo reformas laborais que precarizaban o emprego e toda outra serie de medidas por todos coñecidas,  o que nos espera na época de “vacas fracas” só poderemos enfrontalo se nos aprestamos ó combate e reconstruimos o tecido social e as organización propias dos traballadores.


            E para poñer atrancos a esta necesidade, dende o poder, coa axuda da oposición e a complicidade  silenciosa doutros, empréndese una campaña contra os movementos populares, reprimindo, multando e tentando aillar todo o que poña en cuestión a situación actual. Para evitar que as mobilizacións, polo de agora espontáneas dos traballadores, cristalicen en conciencia política.


            A nivel político, o malestar exprésase poñendo en cuestión a monarquía, en principio por capas de traballadores novos que observan como o “sistema democrático”, a pesares de manterse sobre a base do propagandístico “un home una muller un voto”, e ser na sociedade maioría os traballadores asalariados, nunca se levan adiante por parte dos elixidos políticas que verdadeiramente lles favorezan.


E os partidos do sistema teñen que pechar filas á redor da monarquía, dun xeito moi similar ó que se levaba a cabo nos tempos da ditadura. Pero todo esto amosa a febleza do sistema que non pode soportar a queima dunha ducia de fotos e catro críticas, moitas veces mal orientadas e un incipiente movemento de masas pola III ª República.


A dureza da represión actual indica que o sistema  prefire curarse en saúde e poñerlle atrancos ó movemento popular cando está no comenzó da súa reconstrución, que ter que enfrontarse ó mesmo cando sexa máis poderoso. E faino sen importarlle conculcar os máis elementais principios do estado de dereito.


            Por iso, para as xentes da esquerda, a campaña electoral é o momento de dicir con claridade que NON NOS REPRESENTADES e que é preciso iniciar a RECONSTRUCIÓN e o xeito activo de amosar este obxectivo, e o VOTO EN BRANCO.


Galicia febrero de 2008


Carlos Dafonte


           


           



No hay comentarios:

Publicar un comentario