A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 29 de febrero de 2008

O DEBATE



¿Serven para algo os debates na campaña electoral? Mellor dito ¿Serve para informa-los electores sentar a dúas persoas diante das cámaras de televisión para facer un debate do que previamente se pactaron tantas circunstancias que é imposible que a cidadanía teña elementos de xuízo para determina-lo seu voto?.


Observando o que esta a pasar na presente campaña, lémbrome das verbas de Anthony Howard, escritas en 1968 sobre os dous líderes que aspiraban á presidencia norteamericana, recollidas polo profesor da Universidade de Pricenton Freed Greenstein, que consideraba que “calquera europeo ten que aprender acerca da política norteamericana...que a división existente entre eles non é ideolóxica, nin filosófica, é só persoal. É unha discusión entre dous homes para ver quen deles esta mellor capacitado para ir a Casa Branca”. Pois ben, á vista do contemplado no debate entre Rodríguez e Rajoy, teño a impresión de que do que se trata nas campañas actuais é de ofrecer personaxes que transmitan confianza ós electores; confianza que está ó marxe dun proxecto de sociedade, dun programa e polo tanto da busca das políticas adecuadas para solucionar os problemas que a sociedade padece. Era estremecedor escoitar a un asesor de imaxe falando nos prolegómenos do impacto que podía ter que o candidato suara, que o colleran coa mirada perdida e toda outra serie de sandeces. ¿Pero será certo que hai electores que deciden o seu voto en función do funcionamento dunha glándula sudorípara?


Coñecemos a capacidade do capitalismo para transformalo todo en mercadoría, os candidatos non deben escapar a esta lei; o marketing encárgase do resto, pero os “consumidores” xa comezamos a estar fartos das mercadorías falsificadas, e o debate entre os dous candidatos situou en primeiro plano a falsificación política que significa o bipartidismo.


Rajoy situou algúns problemas sobre a mesa, suba dos prezos, das hipotecas, aumento do paro, inmigración, terrorismo, informe Pisa sobre a educación, memoria histórica, creba de España a causa da tramitación do estatuto catalán e do referendum anunciado polo presidente Ibarreche, etc.. Os temas que veu expoñendo nos últimos catro anos nas Cortes, engadíndolle o da suba dos prezos e a posible entrada en “desaceleración” da economía española. Fixo de periodista, non de político, constatou uns feitos, pero non expuxo as razóns dos feitos nin as alternativas para modificalos. O presidente Rodríguez fronte a aquela avalancha contestou sacando cifras e estadísticas da época de cando o seu vehemente opoñente era ministro. Reproduciron os debates que tiveron ó longo da lexislatura, e os que somos espectadores atentos do que acontece, a cada intervención dun, coñecíamos a resposta do outro, todo previsible e aburrido; e así rematou.


No tinteiro quedaron as reformas laborais, a precariedade dos empregos, a enorme taxa de temporalidade, a maior da U.E., en 2007, 9 de cada 10 contratos foron de carácter temporal, saen a 5 contratos ano por traballador; os baixos salarios mentres os empresarios acadan fabulosos beneficios; ¿que vai pasar coas pensións diante da suba xeneralizada dos prezos?; os enormes gastos militares que se comen case a totalidade presupostaria da investigación; os miles e miles de millóns de euros que os contribuíntes do estado temos que poñer para “salvar” as trampas dos bancos; a nosa presenza militar en numerosos países en apoio da política imperialista dos EEUU, a represión desmesurada contra o movemento obreiro e popular nos últimos meses, a necesidade de mellora-los servizos, a presión fiscal sobre os traballadores asalariados que subiu 3 puntos do PIB mentres que o número de millonarios medra ó maior ritmo de Europa, despois da Rusia de Putin; que van facer para sacarnos da cola da U.E. en gasto social?; o tema do Imposto de Patrimonio; que a illa de Aruba que pertence a Holanda, sexa un paraíso fiscal ou que o Banco de España vai conceder autorización a oito entidades bancarias españolas para que fixen elas as “normas de control” ¡¡¡en plena crise financeira!!!. E podíamos seguir poñendo sobre a táboa, toda unha serie de problemas que non queren tocar, que afecta á cidadanía e sobre os que nada teñen que dicir pois están de acordo.


Senteime diante do televisor con papel e lapis cun obxectivo tripla, constatar a existencia de dous proxectos económicos en confrontación, ese foi o remate de Solbes no seu cara a cara con Pizarro, se analizaban os problemas dos cidadáns e por último se lles daban solucións. Teño que recoñecer que non acabei frustrado, pois nada esperaba, só confirmaron o que veño dicindo dende hai anos.


Creo ademais, que os debates deben ter outra dimensión; se todo indica que non vai conseguir ningún dos dous partidos maioritarios, maioría absoluta, é lóxico que os que van decidi-lo goberno, IU, ERC, BNG, CiU, etc., estiveran presentes para coñece-los puntos de encontro e de disenso. Creo é o máis democrático.


Unha vez finado o debate, entrouse no “mellor do espectáculo”, a intervención de numerosas mesas en diferentes medios, constituídas por comentaristas e periodistas e nalgúns casos o espectáculo foi bochornoso. Algúns, máis que periodistas, condición que debe levar a un compromiso coa verdade, amosaron que son “hooligans” ó servizo dos intereses empresariais que representan cada un dos dous partidos maioritarios e tentaron por todos os medios, as veces rachando coas normas máis elementais de educación, convencernos de algo distinto do que todos vimos.


Esa actitude é resultado dos intentos de implanta-lo bipartidismo, o que leva á deriva de determinados medios e periodistas a actuar como verdadeiros “intelectuais orgánicos”, dispostos a conculcar calquera verdade co obxectivo de “leva-la auga o seu muíño”, neste caso da empresa, defende-los intereses do seu patrón.


Non debemos esquecer que na democracia, aínda que sexa burguesa, a información e o papel dos medios de comunicación é fundamental. Na súa ausencia o sistema convértese nunha poliarquía.




En Galicia Febreiro de 2008




Carlos Dafonte


 



No hay comentarios:

Publicar un comentario