A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 15 de mayo de 2015

CORRUPCIÓN, RESULTADOS ELECTORAIS E MOBILIZACIÓN POPULAR



Carlos Dafonte

Hai moitos anos un republicano que nacera cos albores do século pasado, me sentenciaba, que o capitalismo tiña a tendencia a converter ós países nun “patio de Monipodio” cervantino e que nesas circunstancias, a ditadura, onde un reducido grupo de persoas tiñan as leis e as institucións ó seu servizo, era un caldo de cultivo moi favorable para que o índice de corrupción, si para medir esta práctica hai algún índice adecuado, se multiplicara.
Pois ben, desaparecida a ditadura que tapaba a corrupción como podía, non había medios de comunicación que tiveran a suficiente independencia como para atreverse a denunciala, só saíron dous ou tres casos que chegaron á opinión pública, como resultado das liortas entre as diferentes familias do franquismo, falanxista, democristiáns, opusdeistas, etc, que se movían  o son do ditador e  estaban interesadas en danar a aquela que lle disputase os seus favores, a partires do ano 1978 a corrupción segue a ser unha sinal de identidade do réxime actual.
Ou ben pola razón de que o grao de corrupción do réxime anterior se mantén ó non producirse unha creba democrática e continuar asentado o nacido ca Constitución de 1978 na hexemonía social da oligarquía franquista, ou porque o capitalismo en crise e dependente, como acontece no estado español, ten que sobredimensionar o aspecto da corrupción para mante-la taxa de ganancia, o caso é que este país segue a ser o “patio de Monipodio” e todos os días, dende hai anos coñecemos novos casos de corrupción e enriquecemento ilícito que non teñen a resposta adecuada por parte dos partidos políticos afectados, sobre todo os dous maioritarios, neste caso nunha dobre faceta: en primeiro lugar, a separación inmediata dos corruptos ca aparición das primeiras sospeitas de actuar fora do establecido polos principios da ética elemental e a dimisión dos cargos políticos superiores que os ampararon ou non foron capaces de detectar estas actuacións; e en segundo aprobando as leis necesarias para que roubar do erario público, e a corrupción nas súas múltiples formas redúcese a ese obxectivo, teña como resultado graves penas de cárcere, que non lles permitan pasar o resto da súa vida, sen poder ostentar cargos públicos por uns anos, como acontece hoxe en día, pero desfrutando do roubado. Tamén os dous grandes partido que teñen monopolizado o control das institucións nestes anos, son responsables de non corrixi-lo texto constitucional para acada-la independencia plena do poder xudicial, que axudaría a loitar mellor contra a lacra da corrupción.

sábado, 9 de mayo de 2015

COMO LOITA O CAPITAL?



Roberto Laxe
Ven a conto esta pregunta, porque desde o comezo da crise, aló polo 2007 (non o 2008 como adoitan dicir, para cinguir a crise ao sector financeiro e así librar o capitalismo de conxunto da queima), semella que os capitalistas como "empregadores" son vítimas da crise, igual que os traballadores; e que so uns poucos financeiros (a lóxica de cinguir o comezo da crise ao 2008) e especuladores, xunto cos seus políticos corruptos, son os responsábeis. Os demais, vítimas.
E nada mais lonxe da realidade. Os capitalistas non fan manifestacións, non fan folgas (fan, en todo caso, peches patronais, que non son o mesmo), non precisan de piquetes nin escraches. Non precisan de utilizar as redes sociais para convocar nada, xa teñen o seus Consellos de Administración, as organizacións empresariais e os seus medios, para premer á sociedade. Embora, todos sabemos que a presión sen forza detrás, non serve de nada. A clase traballadora e o pobo -salvo para algúns seguidores da teoría do discurso sen ancoraxes sociais- saben que se queren conquistar as súas reivindicacións, teñen que saír á rúa e loitar. Iso aprenden-no no dia a dia.