A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 14 de febrero de 2007

SOLIDARIEDADE CON DIONISIO PEREIRA

A todos e a todas:
A transición á democracia, que escomenzou coa morte de quen encabezara o
golpe fascista que puxera fin a IIª República, non rematou coa entrada en
vigor da vixente Constitución nin coa sucesión de eleccións e relevos en
gobernos (central e autonómicos) e outras institucións. A ferida provocada
polo levantamento franquista segue aberta, porque aquel proceso que nos
quixeron vender como exemplar non foi máis que un intercambio forzado
nunha situación de clara desigualdade. Os resortes do poder seguían nas
mans dos franquistas: eles pretendían obter unha cláusula de impunidade
mediante o noso silencio, a cambio de poder exercer as liberdades públicas
máis ou menos recurtadas.
Pero aquel medo que durante os anos da ditadura pechaba as bocas, non
podía por sempre seguir sendo o parapeto protector dos verdugos e dos seus
fillos biolóxicos e ideolóxicos. Co paso do tempo, agromou na conciencia
colectiva a necesidade de botar luz sobre os arrepiantes acontecementos
que comezaran coa Guerra Civil e aínda hoxe rebrotan. Neste punto, a
Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido", que
forma parte do colectivo "Sinhor Afranio", implícase na tarefa de
colaborar con quen investiga para sacar á luz todo aquilo que nos quixeron
agochar.
Para honrar a cantos cerdedenses foron asasinados ou sofriron a represión
de calquera xeito por defender os dereitos individuais e colectivos e á
República, levamos a cabo a instalación dun monumento na Ponte do Barco
(Pedre) na lembranza de dous canteiros asasinados naquel lugar; apoiamos
unha iniciativa do BNG, aprobada unanimemente pola Corporación municipal
de Cerdedo, de honrar a todas as vítimas da contenda sen distinción con
outro monumento -algo que, pasados varios anos, o Concello aínda non puxo
en práctica- ; homenaxeamos a un ilustre exilado fillo da nosa terra, Xosé
Otero Espasandín; dedicámoslle a edición das Xornadas "Terra de Tod@s" de
2006 á recuperación da memoria da represión franquista e nela percorremos
un roteiro dos lugares da memoria e participamos na edición dun libro,
titulado A IIª República e a represión franquista en Cerdedo, escrito por
Dionisio Pereira.
Tamén aplaudimos a decisión unànime da Corporación, tomada en abril de
2006, de retirar a rúa dedicada a un ex alcalde franquista, Manuel
Gutiérrez, e advertimos do perigo que supuña outro acordo tomado en nadal
do mesmo ano polo que, tan só cos votos do PP, revogaba o anterior,
provocando o sanguento paradoxo de que un sistema que se quere democrático
honre a quen participou no seu esfarelamento.
En pleno retroceso ás cavernas da historia, o atentado contra o monumento
de Pedre serviu para advertir dalgo que nós xa sabiamos: os herdeiros do
"Caudillo" non se resignan e acontecementos como o protagonizado polo
Concello de Cerdedo sérvenlles de combustible.
No entanto, quédanos a forza da palabra e a fortaleza que nos dá saber que
defendemos unha causa xusta. Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos
represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de
pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e
de torturas. Co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade
dos feitos é a mesma. Aos historiadores e historiadoras correspóndelles
plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de
cicatrizar unha ferida que aínda está aberta, para que a Guerra e a
represión se convertan nun capítulo da historia do que apender para que
non se repita.
Pero mentres que por escribir nun papel uns nomes, que foron mil veces
pronunciados en voz baixa polas vítimas da barbarie e que se sinalan como
presuntamente vencellados á represión, alguén poida ser procesado, como
acontece con Dionísio Pereira pola frase contida no devandito libro,
"Verbo Xido" dará un paso para expresar publicamente o seu respaldo, ó
tempo que solicita o de todos aqueles colectivos e persoas que traballan
polos mesmos obxectivos liberadores e defendan que a palabra nin mata nin
fere.
 
¡Pola liberdade de expresión!
 
 
En Cerdedo, a 11 de febreiro de 2007
 
 
Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes "Verbo Xido"


miércoles, 7 de febrero de 2007

PERANTE O FRACASO DA REFORMA ESTATUTARIA

AS BASES DEMOCRÁTICAS GALEGAS



A Xunta do bipartido tiña como un dos seus obxectivos centrais nesta lexislatura o de conseguir a reforma do Estatuto de Autonomía, reforma negada rotundamente pola Xunta de Fraga e o PP. Ao longo deste ano puxéronse na tarefa, as negociacións e as reunións; mesmo chamaron a determinadas forzas sociais, políticas e sindicais para lle dar un aspecto “democrático” ao proceso, excluíndo a maioría das entidades soberanistas.


O seu obxectivo era o de adecuar a relación da Galiza co resto do estado, sen tocar as bases e os marcos da Constitución do 78. Esta, e non outra, é a razon do fracaso da negociación do Estatuto.


Fronte á firmeza do PP, representante “lexítimo” e administrador dos intereses do aparello do Estado –da xudicatura, do exército, etc.- na Galiza, presentáronse duas opcións, cada cal máis feble, a do PSOE que, no fondo representa o mesmo cá do PP, e ten a mesma política cara á Galiza que o PP só que co “talante”, e a do BNG, que presentou a súa oferta de Estatuto de Nación evitando calquera referencia ao dereito de autodeterminación.


O que escondía esta proposta, é que unha nación só pode considerarse como tal, se exerce o seu lexítimo dereito á decisión, o contrario é converter o termo “nación” nun saúdo á bandeira. Nos feitos, a mesma reforma do Estatuto é unha negación da autodeterminación, ao substituír o dereito do pobo a decidir por unha negociación. O máis que faria o pobo sería ratificar, ou non, o negociado en segredo polas forzas políticas institucionais.


O PP entrou na negociación coa forza de quen sabe que no outro lado da mesa non hai firmeza, mais aceptación dos mesmos criterios que lles confiren forza: a prohibición constitucional do dereito a autodeterminación, e que, por iso, non tiñan a menor intención de sacar a poboación á rúa, para esixilo.


Ademais, os defensores da reforma, como poderían apelar á poboación se negocian ás súas costas, e, ademais, non ten que ver cos problemas que teñen. Na negociación falábase de moitas cousas, dos subsidios, das obras de infraestrutura prometidas, da parte de investimentos do estado na Galiza, da parte dos impostos que ficarían na Galiza, etc., falábase de como a burguesía “galega” apañaría un pedazo dos orzamentos estatais que cuantificaron en 8%.


E este diñeiro ía a obxectivos concretos: a grande polémica do transporte non eran os servizos de proximidades ou intercomarcais, mais o AVE; as deslocalizacións e a precariedade resolvíanse con declaracións xenéricas, para logo dicir que non podian facer nada “contra as leis do mercado”; na reindustrialización só se lles ocorre privatizar o estaleiro ferrolán de ASTANO; na saúde só saben manter a mesma política de precariedade e infrautilización dos servizos, fomentando desta maneira a saúde privada; no terreo impositivo, pelexan polas cotas que van ficar na Galiza dos impostos indirectos, IVE incluído, e non se lles ocorría propor a prohibición expresa da imposición indirecta e o estabelecemento dun imposto directo e progresivo (“que pague quen máis ten”).


Nestas condicións, o debate “nación si ou non” era nominalista, e non tiña nada a ver con intereses da poboación traballadora, que a vían lonxe da súa vida privada.



O fracaso do Estatuto pode parecer un retroceso no “autogoberno” da Galiza, pero nada máis lonxe da realidade. O fracaso da negociación do Estatuto é o fracaso de quen pretende vender a negociación cos PP e o aparello do estado como a maneira de alcanzar un maior “autogoberno”. Mais, chegar a 8% dos orzamentos non resolve os problemas centrais da pobacion traballadora galega e non resolve o problema da dependencia da Galiza dun estado centralista.


Escoller a suposta vía de menor resistencia, é dicir, a negociación cos inimigos mortais dos pobos, dos mesmos que petardearon o proceso basco, dos mesmos que envían tropas a medio mundo, dos que insultaron e desprezaron a Galiza cando a crise do Prestige, os que representan o estado herdado do franquismo, é escoller a vía do fracaso.


O verdadeiro “autogoberno” da Galiza, e dicir, o dereito á autodeterminación que lle permita escoller libremente o seu destino, depende de que a poboación traballadora sinta que é parte da súa loita contra a explotación e a opresión, que a faga súa e a defenda coa mobilizacion social, única maneira de romper a “firmeza” dos inimigos da liberdade dos pobos.


As BDG pensan que todos/as aqueles/as que defenden o carácter de nación da Galiza, e polo tanto o seu irrenunciábel dereito á autodeterminación, estean debaixo das siglas que estiveren, teñen que reagruparse e traballar neste camiño.



Galiza 29 de Febreiro de 2007