A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 15 de enero de 2013

UN CABODANO QUE INCITA A REFLEXIONAR



Carlos Dafonte

Rosa Luxemburg O día 15 do mes de xaneiro de 1919, Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht foron brutalmente asasinados polos Freikorps, un grupo paramilitar de extrema dereita conectado co exército alemá, ó servizo do goberno socialdemócrata; tráxico epílogo a unha etapa iniciada en 1914 co estoupido da que se coñece como Primeira Guerra Mundial, que radicalizou a loita de clases. Un conflito bélico produto das contradicións internas do sistema capitalista, sobre cuxa posibilidade de que se producira, a Segunda Internacional tiña alertado ós traballadores do mundo que non debían participar e ós partidos que a formaban a non apoiar ás burguesías respectivas nin na rúa nin nos parlamentos, opóndose ós créditos necesarios para costea-la guerra. Pero os socialdemócratas alemás, apoiaron no Parlamento os créditos de guerra abrindo unha fonda división no seo do partido e da clase traballadora, a mesma traizón que cometeron os franceses e belgas formando parte de gobernos burgueses. As vellas consignas de “unión e fraternidade dos proletarios de todo o mundo”, foron substituídas pola de “a defensa da patria en perigo”.
Os partidarios da guerra, dentro dos partidos obreiros eran maioría, os “socialchovinistas” como lles chamaba Lenin, pero os partidarios de transforma-la guerra interimperialista en guerra revolucionaria contra as burguesías respectivas, paseniño se foron organizando, sobre todo a partires da Conferencia celebrada en Zimmerwald en 1915, que aínda que quedaron en minoría, estableceron as bases da coordinación dos sectores revolucionarios, dentro dos partidos socialdemócratas e socialistas, o que se coñece como a “esquerda zimmerwaldiana”, que se consolidou na Conferencia celebrada meses máis tarde en Kienthal e que asumía as teses de Lenin sobre o conflito: 1. Levar a cabo unha constante propaganda revolucionaria, para transfoma-la guerra imperialista en guerra civil, por medio da acción dos traballadores contra o seu goberno e a confraternización nas frontes dos soldados dos diferentes bandos. 2. Loita contra as posicións da Segunda Internacional. 3. Creación das organizacións clandestinas encargadas de levar a “bo porto” ese traballo, o mesmo tempo que se levaba a cabo o traballo na legalidade. 4. Obriga dos revolucionarios non só de desexa-la derrota do seu goberno, senón de facer todo o posible para contribuír á mesma. 5. Loita contra o pacifismo e contra acadar unha “paz democrática”. 6. Apoio por todos os medios ó dereito dos pobos oprimidos a acada-la independencia, arredándose dos seus opresores. 7. Recoñecemento do principio dos Estados Unidos de Europa, como etapa a cubrir na construción dunha nova Europa. 8. Levar a cabo o traballo necesario para crear unha Terceira Internacional.
Karl Liebknecht foi o único dos 111 deputados do SPD que defendeu a posición aprobada antes da guerra pola Segunda Internacional e votou na sesión do 3 de decembro de 1914, en contra dos créditos de guerra; fixo, nun pais tan militarista como Alemaña, campaña contra a guerra, lanzou a consigna de que “o principal inimigo está no interior do noso propio país” e enviou unha carta á dirección do partido, asinada por máis de mil cadros do mesmo, condenando a actitude dos dirixentes diante da guerra; xunto con Rosa Luxemburg, Franz Mehring, Leo Jogiches, Clara Zetkin e outr@s, fundou un grupo de oposición á guerra que máis tarde se converterá na Liga Espartaquista, que asinou grande cantidade de folletos clandestinos contra a mesma, contra a socialdemocracia, a conciliación de clases, propondo a folga xeral como método para poñer fin á carnicería que arrasaba Europa e que enfrontaba ós traballadores dos diferentes países. Foron perseguidos e condenados o 28 de xuño de 1916 a dous anos de cárcere. Pero seguiron dirixindo, escribindo e participando, a pesares do illamento, na campaña contra a guerra.
O 8 de novembro de 1918 a revolución alemá en marcha, liberou a Rosa Luxemburg, Liebknecht saíra uns días antes, e incorporáronse á loita. O final é coñecido, derrotada a revolución en Berlín e asasinados Luxemburg e Liebknecht, a socialdemocracia, con Noske e os Freikorps á fronte, adícanse por toda Alemaña a esmagar todos os Consellos de Obreiros e Soldados constituídos. Sobre esta represión se proclama días despois, a chamada República de Weimar.
As consecuencias da derrota da revolución en Alemaña foron moi importantes; exceden do territorio alemán; de trunfar, posiblemente o mundo de hoxe fora moi distinto, irrecoñecible.
En primeiro lugar abriuse un “foxo de sangue” afirmou alguén, moi fondo entre a socialdemocracia e o movemento comunista, que dividiu ó movemento obreiro, e se a primeira pensaba manterse ó marxe da reacción brutal da burguesía trabucouse; o nazismo tamén os varreu en todos os países nos que trunfou; a burguesía non foi agradecida cos “servizos prestados”.
En segundo lugar porque xa non se daría a revolución proletaria nun só país, Rusia, a quen se someteu por parte das potencias imperialistas e os seus aliados a unha brutal agresión militar que destruíu unha parte da vangarda dos traballadores, a vangarda revolucionaria, e durante moitos anos foi sometida a un bloqueo internacional que produciu procesos internos que pouco teñen que ver co socialismo. Posiblemente a discusión entre “socialismo nun só país” ou “revolución permanente” non se houbera producido nos termos nos que se levou a cabo, e de producirse, os resultados serían distintos. Cun país como Alemaña, o máis importante a nivel económico da Europa continental, situada no seu corazón, levando a cabo un proceso de transformación estrutural, de avance cara ó socialismo, tería unha enorme influenza en países do leste europeo para iniciar procesos do mesmo carácter e consolidar outros xa iniciados, como o de Hungría, o tempo que axudaría ós traballadores de Italia na súa loita contra a reacción das clases dominantes, o estado de excepción permanente dentro do estado capitalista, que coñecemos como o fascismo.
Tampouco é difícil augurar que o desenvolvemento histórico posterior de Alemaña non sería o que se deu, e o nazismo, de existir en xerme, non tería o apoio dos “freikorps”, a base das “camisas pardas” de Hitler, e o económico dunha burguesía e uns “junkers” derrotados polo proletariado alemán, e polo tanto sería unha anécdota.
Se ten acusado a Rosa Luxemburg de cometer erros que levaron a derrota da revolución como o de sobreestimar o espontaneísmo das masas e subestimar o papel da organización, o papel do partido; e non se elude moitas veces, nesta discusión, a comparación entre os dous procesos, o de Rusia e o de Alemaña. No primeiro a pesares dunha clase obreira menos numerosa e en certa medida máis “primitiva”, das dificultades xeográficas e das vacilacións de moitos membros da dirección, non esquezamos a sentencia de Lenin pouco tempo antes de facerse co poder de que estaban “as masas máis a esquerda que o partido e este máis a esquerda que o seu comité central”; a pesares de todas estas circunstancias e doutras menos salientables, a existencia dun partido aguerrido, con ampla experiencia na loita clandestina e legal, cunha ampla discusión na base, con directrices precisas, maduro politicamente, o que se amosa que en momentos determinados, sen estar de acordo co que as masas levan a cabo, as acompañou para que a derrota non fora definitiva e garantir un repliegue ordenado, refírome ás xornadas do mes de xullo de 1917, a existencia dese partido, repito, garantiu o éxito do proceso.
Pero Rosa Luxemburg e o propio Karl Liebknecht eran vítimas da loita contra a “organización burocrática” do SPD e os sindicatos, que afogaban calquera iniciativa que saíra da base, onde a dirección o supervisaba todo, onde nada se movía se non era co consentimento da dirección. E se explica esta confianza no espontaneísmo, como unha reacción a todo o burocratismo existente dentro do SPD.
Podemos chegar a algunha conclusión estudando estas experiencias do pasado?. Se as analizamos criticamente, seguro; se pensamos que hai que copialas e que a sociedade de hoxe é a mesma que entón e que podemos repeti-lo traxecto levado a cabo, por exemplo por Lenin, creo que nos trabucamos
No estado español non nos atopamos nunha etapa prerrevolucionaria, si nunha etapa de fortes mobilizacións, sen unha dirección política que converta a vontade de loita da xente, na concreción de substitui-lo poder actual por outro de acordo cos intereses que se expresan na rúa. Cunha sociedade sobre a que inflúen dous procesos, que sen estar coordinados converxen cara a un obxectivo común; un é o que coñecemos como 15-M, asembleas nas rúas, ampla discusión, etc, onde cada colectivo expresa as súas opinións, os seus obxectivos, pero sen avanzar cara a unha organización estable que funda as diferentes alternativas nun programa; non entro en se son anticapitalistas ou non. Pódese dar o caso que pense cada movemento que o é, que o seu programa de levarse a cabo poñería fin ó capitalismo, pero estou convencido que un programa anticapitalista e algo máis que xuntar todas as propostas dos diferentes movementos.
O outro proceso, a enorme campaña contra todos os partidos, que se está a levar a cabo desde numerosos medios de comunicación ca intención que desta crise, os máis desfavorecidos e golpeados polas medidas que a oligarquía impón, non busquen na organización partidaria de clase, a solución ós seus padecementos.
Pero tamén están os sindicatos maioritarios, utilizando a folga e a manifestación para rebaixa-la presión social, actuando a saltos, sen propor alternativa algunha como non sexa unha negociación, que está demostrado que, nas circusntancias actuais, cunha burguesía, cunha organización patronal que se sente forte, só serve para confundi-los traballadores, crear falsas expectativas, xa que non esta disposta a cumprir, como a experiencia destes anos nos di, nada do pactado.
Rosa Luxemburg lanzou a consigna “socialismo ou barbarie”; pensa alguén que sen unha forte organización e sen un programa claro de transformacións pódeselle facer fronte á barbarie organizada que é o capitalismo actual?. Non nos enganemos, só a clase asalariada, a que crea riqueza, pode aglutinar e hexemoniza-lo proceso de cambio neste país, é o suxeito revolucionario. A pesares do seu fraccionamento, do paro, do invento da socioloxía burguesa das “clases medias”, que dificultan a toma de conciencia, só a clase asalariada, organizada como clase, pode enfrontarse con éxito ó sistema.

En Galicia no mes de xaneiro de 2013


jueves, 10 de enero de 2013

PARA ENFRONTAR AO RÉXIME E A U.E. :DO SOCIAL AO POLÍTICO




Roberto Laxe

manifestación sol
Ao longo do 2012 a poboación traballadora de todo o Estado Español loitou moito, e o goberno ainda que socialmente illado, segue sen dar sinais de esgotamento porque conta co apoio total da banca e os grandes empresarios así como da UE, co xefe do estado do regimen do 78 tras de si. Isto é o que ten nunha situación de estupefaccion á poblacion, que é o que temos que facer para frea-los? É a pregunta do millón.

As perspectivas

É evidente que a crise econômica vai se a manter, as medidas dos gobernos e da Unión Europea non poden ir ao centro do problema do sistema, que o ten atenazado desde os anos 70, a caída da taxa de ganância, porque terian que remover todas as estruturas produtivas nas que se apoiou o desenvolvimento do capitalismo desde o fin da Segunda Guerra Mundial, a base industrial baseada no petróleo e todos os seus derivados, e a hexemonia da EE UU nas relacións internacionais.

sábado, 5 de enero de 2013

EFEMÉRIDES MES DE XANEIRO



Carlos Dafonte

Día 1.

1919. Finaliza o congreso fundacional do Partido Comunista de Alemaña. Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht configúranse como os seus líderes máis importantes. (Ver efemérides mes anterior).

1959. Entrada dos revolucionarios cubanos na Habana. O mes de decembro fora desastroso para as forzas armadas do réxime da ditadura. As columnas guerrilleiras comandadas por Che Guevara e Camilo Cienfuegos, derrotan en Santa Clara e Yaguajai ás forzas de Batista e avanzan cara a capital. En Oriente eran derrotadas en As Mercedes, Mayarí, San Luis e Ságua de Tánamo.
Na madrugada do 1 de xaneiro o ditador Batista e numerosos colaboradores foxen de Cuba deixando nomeado unha especie de goberno provisorio a fronte da cal esta o membro do Tribunal Supremo Juan Manuel Piedra e ó xeral Cantiles como xefe do exército ca intención de negociar, acción que se frustra cando Fidel chama a folga xeral e paralízase todo o pais.
Esa madrugada entrara na Habana a “columna Ameijeiras” da 2ª Fronte Escambray; ó día seguinte fano as tropas do “26 de xullo” comandadas polo Che Guevara e Camilo Cienfuegos que toman os cuarteis Columbia, onde deteñen ó xeral Cantiles, e a Cabaña. O mesmo día 1 Fidel entra en Santiago de Cuba, declarándoa capital provisional. O día 8 fano na Habana en medio dunha enorme manifestación de apoio popular.
Créase un goberno provisorio presidido polo maxistrado Manuel Urrutia cunha maioría moderada que tentaba frear as medidas de carácter revolucionario, polo que se van a producir grandes mobilizacións populares que obrigan a cambios no goberno ata acada-la presidencia da República Osvaldo Dorticós e Fidel Castro é nomeado primeiro ministro.

Día 2.

1922. O Partido Obreiro Socialista de Chile, no seu III º Congreso celebrado en Rancagua, acepta as 21 condicións esixidas pola III ª Internacional, cambia o seu nome polo de Partido Comunista de Chile, e adhírese á Internacional Comunista. O POS fundárase en 1912 no que destacaba a figura do seu principal dirixente Luís Emilio Recabarren. Tiña unha estrutura asemblearia que mantivo o PCCH ata o congreso de 1924 en que estableceu que a base da organización eran as células constituídas nos lugares de traballo.

Día 3.

1961. Os EE.UU rompen relacións con Cuba.

1966. Comeza na Habana a Conferencia Tricontinental.
Existía unha organización formada por antiimperialistas e loitadores contra o colonialismo de Asia e África, a Organización de Solidariedade dos Pobos de Asia e África (OSPAA), que na xuntanza do seu Comité, celebrada en Bandung en 1961, foi invitado a participar un delegado cubano como observador, que recolleu o devezo expresado por numerosos delegados de que se incorporase América Latina ó proceso.
Na III ª Conferencia celebrada en Tanganica, había observadores latinoamericanos e o cubano presentou a proposta de Fidel Castro de celebrar a I ª Conferencia Tricontinental na Habana. O comité preparatorio estivo presidido polo marroquí Ben Barka que non puido asisti-la conferencia por ser asasinado polos servizos secretos francés e marroquí.
Comezou o día 3 e finalizou o 15 de xaneiro cun acto de clausura no teatro Chaplin, no que falou Fidel. Asistiron representantes de movementos políticos, sindicais, estudantís, femininos, partidos, organismos internacionais e observadores dos chamados países socialistas.
Na conferencia se configuraron, dun xeito informal, tres bloques; un encabezado pola URSS, que contaba co apoio da maioría dos partidos comunistas de América Latina, outro por China, co partido comunista de Indonesia, poucos de América Latina e algún movemento africano, e o terceiro, que planteaba a loita armada contra o imperialismo, por Cuba e Vietnam, que contaba con delegados da República Popular de Vietnam e o Vietcong, que loitaba no sur, contaba co apoio da maioría dos movementos de liberación, o Partido Comunista de Venezuela, dirixido por Douglas Bravo e algúns de África. Á proposta deste terceiro bloque opuxéronse os outros dous, aínda que estaba moi “quente” o enfrontamento China-URSS. Che Guevara enviou unha mensaxe á Conferencia, que foi publicado un ano despois, e que se considera o seu testamento político.
Entre os acordos estivo o de formar a Tricontinental, con representantes de Asia, Africa e América Latina.

Día 5.

1877. Morre Giusseppe Fanelli. Veu ó estado español para dar a coñecer e introducir a AIT entre os traballador@s. Nacera en 1928 no seo dunha familia acomodada. En 1848-49 loitou contra o papado e os reinos que dominaban Italia a favor da república. En 1860 participou, seguindo a Garibaldi, na expedición dos “Mil de Marsala” que expulsou ós Borbóns do reino das Dúas Sicilias. En 1862-63 atópase en Polonia loitando contra o Imperio Ruso, onde puido observar como se comportaba a burguesía e a aristocracia polacas, só interesadas na independencia para poder explotar mellor ós traballadores. En 1866 loita xunto a Garibaldi contra os austríacos para recupera-lo Véneto. A partires deses anos racha con Mazzini e entra a formar parte xunto con Bakunin da minoría do Congreso Internacional de Berna e fundan a Alianza da Democracia Socialista. En 1868 ven o Estado Español e xúntase cunha serie de traballadores creando o primeiro núcleo da AIT, de tendencia anarquista, que era unha posición moi minoritaria na I Internacional. Foi deputado no Parlamento italiano.

1919. Mobilizacións obreiras en Alemaña. Despois da derrota da contrarrevolución no mes de decembro, do proceso de radicalización das masas e da creación do Partido Comunista de Alemaña, prodúcese un equilibrio inestable entre o poder obreiro e o poder burgués, encarnado polo goberno socialdemócrata e o Estado Maior do Exército que deciden derrotar por todos os medios ó movemento obreiro e restaura-la legalidade burguesa. Para levar a cabo o seu plano, utilizarán a provocación, ós chamados Corpo Franco de Cazadores Voluntarios, Freikorps e a un home, o socialdemócrata Gustav Noske.
En decembro dimiten os ministros do Partido Socialdemócrata Independente, o que é aproveitado polo goberno do Socialdemócrata Ebert e o Exército, para iniciar unha campaña de desprestixio contra o xefe de policía de Berlín, o independente Eichhorn, que é cesado o 4 de xaneiro polo goberno, cese que rexeita e provoca a solidariedade d@s traballador@s da capital. O Partido Comunista, os Socialdemócratas Independentes e os delegados revolucionarios convocan unha manifestación para o día 5, contra a opinión de Rosa Luxemburgo que era partidaria da folga xeral. Este día 5, Berlín coñece a manifestación máis importante da súa historia, pero acabou o día sen que os revolucionarios foran capaces de dar orientacións concretas ás masas mobilizadas.
As diferencias entre os principais líderes do movemento o vai lastrar; Luxemburgo e Jogiches eran partidarios, como xa se dixo, da folga xeral, mentres que Liebknecht e Pieck de poñer fin ó goberno socialdemócrata e tomar o poder, nunha operación aventureira e sen a preparación necesaria; Radek defendía volta-lo traballo. Nestas circunstancias imponse a negociación co goberno que visto as diferencias na dirección revolucionaria, tenta impoñer unhas condicións de difícil cumprimento ó tempo que inicia unha campaña, cos enormes medios dos que dispuñan, por toda Alemaña contra os “terroristas” Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht; os “socialdemócratas independentes” abandonan a loita o día 9, e comunistas e delegados obreiros revolucionarios fan un chamamento á folga xeral e a insurrección armada. Radek o delegado dos bolxeviques, envíalle unhas reflexións a Rosa Luxemburgo, tentando corrixir a política dos comunistas, pero non lle fan caso. O día 9 comeza a ofensiva do goberno e as tropas, os Freikorps, dirixidas por Noske bombardean , asaltan e deteñen todo o que cheire a revolucionario; Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht pasan á clandestinidade, pero son detidos, torturados e asasinados o día 15. Noske e as súas tropas, o máis reaccionario do exército alemá, ó servizo da socialdemocracia e da burguesía, adícanse a destruír todos os “consellos de obreiros e soldados” que se formaran por todo o territorio de Alemaña, confirmando o que lle prometera a Ebert, “serei o teu can de presa”. A posibilidade dunha revolución proletaria en Alemaña, foi derrotada.

Día 6.

1918. Fúndase en Bos Aires o Partido Socialista Internacionalista, que máis tarde se converte no Partido Comunista da Arxentinas. Co estoupido da Primeira Guerra Mundial, a dirección do Partido Socialista e os seus Deputados, amósanse belicistas, partidarios da coalición formada por Francia , Gran Bretaña e Rusia; en abril de 1917 nun Congreso Extraordinario a esquerda do partido gaña unha enmenda onde se rectifica esta posición. En setembro, os deputados socialistas, con motivo do afondamento dun barco arxentino polos alemás, aproban medidas belicistas provocando unha fonda crise no partido, que se resolve ca ameaza de expulsión dos internacionalistas, e o abandono destes do partido, moi influídos pola revolución dos soviets en Rusia, para crear o Partido Socialista Internacional, cuxo primeiro comité executivo estivo encabezado por Luís Emilio Recabarren que terá un importante papel no desenvolvemento das ideas e da organización comunista en Chile

1927. Segunda invasión dos Estados Unidos de Norteamérica do territorio nicaragüense. Unha vez asumida a presidencia por Solorzano en 1925, solicita a retirada dos marines norteamericanos que ocupaban o país desde 1912. Pero unha vez retiradas as tropas, iníciase de novo a contenda civil co golpe do xeral conservador Chamorro, que se proclama presidente, sen o consentimento dos EEUU que apoian a Afonso Díaz, que unha vez no poder, solicita a presencia dos marines no territorio nicaragüense e nomean a un “delegado” Henry Stimson. Este logra poñer de acordo a conservadores e liberais no que se coñece como “pacto do Espiño Negro” que establecía a pacificación, amnistía xeral, inclusión dos liberais no goberno, desarme dos bandos enfrontados, permanencia das tropas norteamericanas no territorio nicaragüense ata que se formalice unha forza armada que os substitúa, organización da forza armada baixo comando estadounidense e eleccións en 1928 con supervisión por parte dos EEUU. Cesar Augusto Sandino non acepta o pacto e inicia a guerra contra o imperialismo para liberar Nicaragüa e expulsa-los invasores.

Día 7.

1907. Insurrección obreira en Rio Branco, Veracruz, México. Esta mobilización como a de Cananea do ano anterior, considéranse como un antecedente do comezo da revolución mexicana.
A situación dos traballadores mexicanos que provocará o estalido revolucionario de 1910, era moi difícil, moitas horas de traballo e salarios de miseria, o que obrigaba ó traballo feminino e infantil aínda en condicións máis penosas; non había prestacións por risco no traballo, enfermidade, nin descanso semanal remunerado e o salario a maioría das veces pagábase nas tendas da empresa que lle descontaba do xornal os produtos que mercaba; como os prezos subían o antollo do patrón, os traballadores sempre debían ó empresario. Desde había dous anos a organización dos traballadores consolidábase, ca axuda do Partido Liberal Mexicano fundado por Flores Magón, esixindo melloras de salarios e condicións no traballo, e menor horario.
A principios de decembro de 1906, os empresarios da área Pueblas-Tlaxcala aproban un novo regulamento de traballo que establecía a xornada laboral en 14 horas diarias. Descontentos co Regulamento preto de 7000 traballadores de 34 fábricas decláranse en folga e nunha asemblea aproban un proxecto de novo regulamento. Fronte a organización e a firmeza obreira, os patróns pechan 93 fábricas deixando no paro a máis de 57.000 traballadores.
A mediados do mes de decembro solicítase a mediación do presidente de México Porfirio Díaz, que emite un laudo favorable ós empresarios o 4 de xaneiro, obrigando a abri-las fábricas de Puebla, Veracruz, Jalisco, Querétaro, Tlaxcala e distrito Federal o día 7.
O laudo presidencial se lles deu a coñece-los traballadores nun teatro onde estaban reunidos, destacando dous dirixentes do Circulo de Obreiros Libres, Moreno e Juárez, que se opuxeron ó laudo; ó día seguinte fronte a fábrica téxtil de Rio Branco concéntranse un numerosos grupo de traballadores, que tentan queimala, asaltan a tenda onde lles obrigaban a mercar así como a cárcere, polo que son dispersados pola policía; tamén prodúcense balbordos noutras localidades próximas onde traballadores da Rio Branco se unen ós das zonas en folga asaltando as tendas e casas de persoas adiñeiradas. De volta a Rio Branco, son interceptados polo exército que dispara indiscriminadamente contra os traballadores e as súas familias, producíndose decenas de mortos e feridos; máis de douscentos apresados son fusilados sen xuízo; ata o día 11 continúan os enfrontamentos, cun balanzo de máis 1500 mortos e feridos e preto de 300 encarcerados.
Pasados uns días do esmagamento da rebelión, o presidente Porfirio Díaz, deulle un banquete os propietarios estranxeiros das fábricas afectadas.

1919. Comeza a mobilización popular en Bos Aires que se coñece como “semana sanguenta”. En decembro de 1918, en plena ditadura de Irigoyen, para tentar de solucionar as deplorables condicións de traballo, as dúas centrais sindicais existentes, a FORA V Congreso de carácter anarquista e a FORA IX Congreso, socialista, fan unha convocatoria conxunta para unha folga xeral. Os talleres metalúrxicos Vasena, no Parque dos Patricios, vai ser un centro moi importante da acción obreira. As reivindicacións eran a rebaixa do horario diario de once a oito horas, descanso dominical, melloras nas condicións de traballo, aumento dos soldo e deixar sen efecto os despidos dos delegados. O Departamento Nacional de Traballo acepta as condicións pero non os empresarios, que utilizan rompefolgas e grupos violentos contra os obreiros. Os traballadores toman a fábrica e se producen choques ca policía que produce varios detidos.
Prodúcense os primeiros mortos e a FORA chama a folga xeral que os anarquistas converten en revolucionaria. O paro e xeneral. No enterro hai enfrontamentos e intervén o exército; segundo a prensa oficial 14 mortos, segundo a obreira máis de cen e ducias de feridos; fronte a fábrica Vasena baixo o mando do tenente Juan Domingo Perón, o exército dispara contra os traballadores.
Os días seguintes segue a patronal ca súa postura e comeza por toda a cidade unha caza de traballadores e asalto de sinagogas e centros xudeus, locais sindicais, ateneos, bibliotecas obreiras e se asaltan os barrios onde viven traballadores inmigrantes co balanzo de centos de mortos, asasinados a maior parte pola Liga Patriótica Arxentina, unha organización de ultradereita, creada nas folgas de finais de 1918, que actuaba contra estranxeiros, xudeus e obreiros en folga; formaban parte da mesma desde xerais e almirantes a monseñores e xentes poderosas economicamente. Xuntábanse nas comisarías onde recollían armas e brazaletes e a policía e o exército “deixáballes facer”.
O día 11 o goberno chega a un acordo ca FORA socialista, libera-los máis de 2000 presos, aumentos salariais entre un 20-40% segundo categorías, e xornada de nove horas. As asembleas obreiras sucédense para discuti-las condicións, o trunfo da rebelión é un feito. O día 16 a normalidade en Bos Aires é total. O día 20 os traballadores de Vasena volveron ó traballo. O costo da vitoria, en vidas humanas, foi enorme, máis de 700 mortos e máis de 4000 feridos, aínda que as cifras oficiais rebaixaron moito este número.
A “boa sociedade”, os máis ricos, as grandes empresas, iniciaron colectas para premia-las forzas da orde.

Día 8

1933. Folga xeral revolucionaria convocada pola CNT. É a segunda das insurreccións levadas acabo pola CNT durante a república A idea da acción acordase no comité celebrado o 1 de decembro como apoio a folga xeral dos ferroviarios e aínda que estes desisten, Joan García Oliver consegue que a partires do 1 de xaneiro, e dun xeito escalonado se inicien toda unha serie de accións, ca idea de que non se afianzase a “república burguesa”. Hai explosións en Asturias, Sevilla e provincia, Lleida e se toma o Concello de Pedro Muñoz, declarándose o comunismo libertario.
Descóbrense depósitos de explosivos en Cataluña e agrávanse nos días sucesivos a folga de tipógrafos, metalúrxicos e empregados de electricidade en Valencia.
O día 8 intentase asaltar en Madrid os cuarteis de A Montaña, Carabamchel e Maria Cristina e o das Atarazanas en Barcelona. En toda a zona de levante, en numerosos pobos prodúcense conflitos. O día 10 a axitación esténdese por Zaragoza, Murcia e Oviedo e tamén por Andalucía onde se producen os “sucesos de Casas Viejas”, provincia de Cádiz, entre o 10 e o 12, cando os anarcosindicalistas proclaman o comunismo libertario e asaltan o cuartel da Garda Civil, matando a un sarxento e a un número. A represión posterior produciu 19 homes e un neno mortos, moitos integrantes da familia dun carboeiro coñecido como “seisdedos”. Varias das vítimas asasinadas despois de ser detidos. Os feitos chegaron ata o Congreso dos Deputados, onde a dereita, os utilizou contra Azaña e o goberno republicano-socialista, que saíu moi debilitado de todo o proceso.

1976. Falece o revolucionario chinés Zhou Enlai. Participou na sublevación comunista de Sanghai de 1927. Foi compañeiro de Mao na “larga marcha” e unha vez no poder o PCCh, foi ministro de Asuntos Exteriores onde desenvolveu unha grande labor a prol do recoñecemento de China na esfera internacional.

Día 10.

1929. Asasinado en México Julio Antonio Mella, dirixente comunista cubano. Foi un destacado dirixente estudantil, periodista, atleta e combatente contra a ditadura do xeral Gerardo Machado. Comezou a destacar como líder estudantil e creador en decembro de 1922 da Federación Estudantil Universitaria. Foi o dirixente máis importante da loita pola reforma universitaria e presidente do I º Congreso Nacional de Estudantes. Fundador da Universidade Popular José Martí, da Liga Anticlerical, da Sección Cubana da Liga Antiimperialista das Américas e do primeiro Partido Marxista -Leninista de Cuba. Pola súa constante loita en favor da clase traballadora e contra a ditadura foi expulsado da Universidade e sometido a constante persecución por parte da policía, o que lle leva ó exilio en México, onde varos sicarios o asasinan diante da súa acompañante, a fotógrafa e revolucionaria Tina Modotti

Día 12.

1896. Nace Joaquín Maurin en Bonansa, Huesca, fillo de pequenos propietarios campesiños. Estudou Maxisterio na Escola Normal da capital, onde publicou un periódico “El Talión” que lle custou varios procesos. Marchou a Lleida onde deu clases. De volta do servizo militar que fixo en Madrid, afiliouse a CNT e en 1920 foi elixido secretario xeral e director do periódico “Lucha Social”. Formou parte da delegación que CNT enviou en abril de 1921 a Moscova para a creación da Internacional Sindical Vermella. En outubro de 1921 foi elixido secretario xeral da CNT, cargo no que estivo ata a súa detención en 1922. En maio de 1922 publicou o folleto “O sindicalismo á luz da Revolución Rusa”, onde inicia unha crítica do anarcosindicalismo e defendía a concepción marxista do sindicalismo.
En decembro de 1922, aparece en Barcelona o semanario “A Batalla” dirixido por Maurín e Bonet, que se definía primeiro como órgano “sindicalista revolucionario” e máis tarde como “sindicalista comunista”. Era a época do pistolerismo patronal que asasina o 10 de marzo de 1923, o gran líder sindical Salvador Seguí, o “noi del sucre”; Maurín participa nos actos de protesta xunto a líderes destacados como Pestaña e Peiró. A principios de 1924 o grupo de “A Batalla” ingresou no Partido Comunista de España. Ca chegada da ditadura de Primo de Rivera todos os compoñentes da redacción foron á cárcere. Maurín foi ferido por disparos e despois dun intento de fuga trasladado a Madrid. Ó saír da cadea en 1927 marchou a Paris, como correspondente da axencia soviética Tass; en París recibe información de Andreu Nin e membros da Oposición de Esquerdas, sobre as disensións na URSS e na Internacional Comunista. A finais da ditadura volve de novo a cárcere e a Federación Comunista Catalano-Balear do PC racha ca Internacional Comunista e fusiónase co Partit Comunista Catalá para formar o Bloc Obrer e Camperol, con Maurín como secretario xeral, que axiña ten presencia en toda a zona de Levante, Aragón e Asturias. Ca chegada ó poder da dereita en 1933, o BOC lanza a consigna das Alianzas Obreiras, que frutifica en Asturias en 1934. Esta experiencia é para algúns o que permite a reunificación da CNT e a creación do Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM), unión do BOC ca “Izquierda Comunista” de Andreu Nin, en setembro de 1935. O día da sublevación fascista, atopábase en Galicia no congreso “rexional” do POUM, tentou chegar a Aragón e foi detido en Jaca e encarcerado en Salamenca. Xulgado en 1944 foi condenado a 30 anos de cadea. Posto en liberdade, despois de dez anos de cárcere, en 1946, xunto co estratego militar anarquista Cipriano Mera. Marchou a EEUU onde morreu en 1973

1928. O goberno francés acorda dete-los deputados comunistas. Entre eles ó secretario xeral Pierre Sémard, ferroviario, pola campaña contra o colonialismo francés en Marrocos, a chamada “guerra do Rif”, acción conxunta co goberno español, desde 1925, para poñer fin á constante sublevación das cábilas rifeñas.

Día 15.

1919. Asasinato de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht. Son detidos e levados ó hotel Eden de Berlín, onde sofren torturas físicas e morais, e comunicada a mesma ós xefes da socialdemocracia no poder, que permiten o seu asasinato. Foron as dúas figuras máis importantes, tanto teóricas como políticas da á esquerda do partido ata que comprendendo a imposibilidade que tiña a socialdemocracia de levar a cabo transformacións sociais, fundan primeiro a Liga Espartaquista e máis tarde o Partido Comunista. Os dous encheron dunha práctica marxista, na defensa dos explotados, os últimos anos da política en Alemaña; os dous se opuxeron á Primeira Guerra Mundial e encabezaron todas as loitas pola liberación dos traballadores. Por iso a xenreira da burguesía e do exército contra as súas persoas e dunha parte maioritaria da socialdemocracia a quen lle recordaban a cotío, ca súa existencia e a súa actividade, as renuncias constantes, os enganos ós traballadores e o pacto ca burguesía explotadora. Ademais Rosa era xudía, polaca e feminista.
O 14 de xaneiro Rosa Luxemburgo escrebe, o seu derradeiro artigo “A orde reina en Berlín” que remata cas seguintes verbas : “¡A orde reina en Berlín! ¡Esbirros estúpidos!A vosa orde esta edificada sobre area. A revolución mañá xa, 'se elevará de novo con estrondo cara ó alto' e proclamará, para o voso terror, entre o son de trompetas: ¡Fun, son e serei!”
Cando os levan para subilos a camións cargados de soldados, Rosa é recoñecida por xentes que estaban no hotel que a golpean a insultan; un soldado, Runge, que tamén matou a culatazos a Karl Liebknecht, dalle un golpe ca culata do fusil na cabeza, cae ó chan e alí recibe outro culatazo, métena nun dos camións que esperan; os espectadores puideron escoitar un disparo cando o camión arrancaba. No mes de maio atopan os cadáveres; o de Rosa Luxemburgo no Lendwehrkanal o de Liebknecht a cen metros no Neuen See. Leo Jogiches o compañeiro de Rosa, dirixente do Partido Comunista tenta indaga-lo seu paradeiro despois da detención, e tamén é asasinado impunemente.
Un poeta novo, de 21 anos, Bertolt Brecht escribiu

A Rosa vermella agora tamén desapareceu
onde se atopa é descoñecido.
Porque ela ós pobres díxolles a verdade
os ricos do mundo fixérona extinguir.

1921. Iniciase, en Livorno, o Congreso do Partido Socialista de Italia no que se creará o Partido Comunista. Despois das derrotas da revolución en 1919, en Berlín, Baviera e Hungría, a “cuestión comunista” en Italia se converteu nun debate de primeiro orde para a III Internacional. Desde meados de 1920, dentro do Partido Socialista se van configurando tres tendencias, con matices que non aparecen reflectidos nesta breve nota, a encabezada por Serrati, revolucionaria, maioritaria, partidaria de entrar na Internacional Comunista como Partido Socialista, pero que non aceptaba a expulsión dos reformistas de Turati, como esixían as 21 condicións impostas pola IC, autonomeábanse “comunistas unitarios”; a encabezada por Turati, reformista, pero partidarios de entrar na Internacional Comunista e a Comunista, na que había tres grupos, o de Bordiga, partidario de non participar nas eleccións e avanzar axiña cara a creación do Partido Comunista, o de Terracini e Togliatti, partidarios de participar nas eleccións e o de Gramsci, minoritario que opinaba que discutir eleccións si ou non, era ficticio, afondaba as disensións no grupo comunista, abandonando o labor no terreo da acción de masas, o labor da loita revolucionaria. Nas eleccións na sección de Turín do PS, en agosto do mesmo ano, gañan os comunistas e o grupo de Togliatti foi maioría.
No II º Congreso da Internacional Comunista, discutiuse o “caso italiano”; alí interviñeron Serrati, Bordiga e ningún “odinovistas” pois non figuraban na delegación, aínda que Lenin, ben informado chegou a dicir, nas “Teses sobre as tarefas fundamentais” saídas do Congreso, que as críticas e as propostas da revista Ordine Novo, cuxo director era Gramsci, “correspondían plenamente a todos os principios fundamentais da III Internacional” e atacou as posicións de Bordiga, por esquerdista, e de Serrati, xa que Lenin tiña aínda moi presente o comportamento da socialdemocracia na revolución alemá e húngara.
Entre o Congreso da Internacional e o do PSI, a polémica foi aumentando, e Lenin participou moi activamente na mesma, convencendo co seu artigo, “Falsos discursos sobre a liberdade” escrito o 4 de decembro e o 11 de novembro, a Gramsci, no que no fondo aprobaba a tese de Bordiga de “ruptura á esquerda”. Serrati lle vai contesta-lo 16 de decembro, argumentando a necesidade da unidade dos socialistas italianos, nun momento de reacción da burguesía.
O 15 de xaneiro abríase co Congreso do PSI en Livorno, e o consenso non se fixo, como Lenin pensaba, a redor das teses dos chamados “comunistas puros”. A dirección do PSI ficou en mans de Serrati, 98.000 votos contra os 58.000 dos comunistas e os 14.000 de Turati. O día 21 no teatro San Marco constituíase o Partido Comunista de Italia, dominado polos partidarios de Bordiga, que tiñan maioría no Comité Central con oito membros, cinco maximalistas de esquerda e dous “ordinovistas”, Terracini e Gramsci.

Día 16.

1892. Congreso obreiro Rexional na Habana. Primeira manifestación de ideas socialistas en Cuba; asisten 74 delegados de todo o territorio e se acorda solicita-la xornada de oitos horas, o dereito á folga como xeito de loita para conseguir melloras dos patróns e poñer fin a todo acto discriminatorio cos traballadores de raza negra. Na declaración final apoiouse a causa da independencia nacional. O Congreso foi disolto polas autoridades coloniais españolas e todos os participantes encarcerados

1934. Falece o intelectual e dirixente comunista cubano Rubén Martinez Villena, contaba 34 anos de idade. Ós 21 anos xa era un destacado poeta e graduárase en Dereito Civil. Traballou no despacho do antropólogo Fernando Ortiz, onde formou a súa conciencia antiimperialista. Foi o líder da “protesta dos trece” contra o presidente Zayas, sendo encarcerado por primeira vez. Participou no I Congreso Nacional de Estudantes invitado por Julio Antonio Mella, de quen será avogado defensor, e na creación da Universidade popular José Martí da que foi secretario. Foi fundador en 1923 da “Falanxe de Acción Cubana”. Afiliouse ó Partido Comunista de Cuba, fundado en 1925, e dirixido por José Baliño e ca chegada da ditadura de Gerardo Machado desenvolve unha intensa actividade. Foi asesor da Confederación de Obreiros de Cuba, membro do Comité Central do PCC. Abandonou a poesía para adicarse a acción política.
Foi organizador da primeira folga política en Cuba, que paralizou o país o 20 de marzo de 1930 e máis tarde viaxa a URSS, para afastarse da represión e tentar cura-la tuberculose pulmonar. De regreso a Cuba dirixe a Folga Xeral Revolucionaria do 12 de agosto de 1933, cando xe sabía que a súa enfermidade era incurable, que derriba a ditadura. En decembro participa en todas as tarefas do IV Congreso Nacional de Unidade Sindical.
Foi contemporáneo de importantes intelectuais como Juan Marinello, Alejo Carpentier, Pablo de la Torriente Brau, que morreu na cidade universitaria de Madrid defendendo á II Republica, Lezama Lima, Nicolás Guillén, etc

Día 17.

1961. Asasinato de Patrice Lumumba, presidente do Congo.( Ver efemérides mes de xullo)

Día 18.

1932. Insurrección no Alto Llobregat da CNT. Desde os primeiros días da II República dentro da CNT hai dúas tendencias, unha máis sindicalista, que co tempo cristalizará como a “trentista”, que lle da un certo apoio á república e outra, encabezada pola FAI que, en función da inxustiza social, existente, propia do sistema capitalista, baixos salarios, tremendas condicións de traballo, enorme explotación e polo tanto beneficios dos patróns, desde a proclamación da república, amosa a súa oposición e tenta implanta-lo comunismo libertario. Esta é a primeira das tres insurreccións que leva a cabo a CNT no período republicano.
Figols é un pobo do Alto Llobregat onde días antes do 18 de xaneiro de 1932, realizan unha xuntanza elementos faistas cos mineiros do potasio e todo tipo de traballadores da zona, interveñen Durrutti e outros líderes partidarios da insurrección, diante do fracaso das reformas republicanas. Días despois no sector téxtil de Figols prodúcese unha folga que recibe de inmediato a solidariedade dos mineiros, cuxo líder era o asturiano Manuel Prieto que se converte en insurrección propagándose pola zona, Sallent, Berga, Cardona, Alcoriza...proclamándose o “comunismo libertario”, a abolición do diñeiro e comezando a organiza-la sociedade cara a Anarquía. En Figols desarmouse ó Somatén, e requisáronse as armas dos burgueses e do propio párroco; a Garda Civil péchase no cuartel pero non se lle ataca, e iníciase a nova organización social en tres frontes, a organización militar e as reorganizacións da economía e da administración; se crean milicias de voluntarios, tamén un comité revolucionario para organiza-la produción, que era de carácter voluntario e o consumo, mediante un economato e vales, pois o diñeiro foi abolido, e o día 20 hai eleccións para elixi-la Comuna por sufraxio universal. Fixéronse numerosos planes para crear escolas, hospitais e bibliotecas. A CNT non considerou o de amplia-lo movemento e a chegada do exército o día 23 rematou co o proceso. Na maioría dos lugares depuxeron a actitude dun xeito pacífico, pero a represión posterior foi moi dura, o que propiciou que os elementos máis moderados da CNT foran desprazados, en numerosos lugares, polos faistas

Día 19.

1942. Nace o revolucionario e poeta peruano Javier Heraud, na cidade de Miraflores. En 1947 iniciou os estudos no Colexio Sagrados Corazóns de Belen e en 1948 ingresa nun colexio británico para facer a educación primaria, destacando desde moi novo na composición poética. En 1958 ingresa co número un na Universidade Católica de Lima, onde se inicia como poeta. En 1960 publica “El Rio” e máis tarde “El Viaje”. En 1961 traballa como profesor de literatura e inglés na Unidade Escolar Melitón Carvajal e ese mesmo ano se afilia ó Movemento Social Progresista de carácter socialdemócrata e ingresa na Universidade Nacional San Marcos para estudar Dereito. Viaxa a Moscova para participar no Festival Mundial da Mocidade. Percorre diferentes partes da URSS e visita China; de volta a Perú, en París, visita a tumba de César Vallejo. Gaña os Xogos Florais da Universidade de San Marcos co poemario “Estación Reunida”.
En 1962 abandona o Movemento Social Progresista, na súa carta de renuncia escrebe “É a formulación falsa deste chamado socialismo humanista o que esta condicionando toda a marcha do movemento e o leva a unha praxe trabucada. Eu non creo que sexa suficiente chamarse revolucionario para selo” e marcha a Cuba como becario para estudar cinematografía; ten que pasar por Arica, en Chile, onde o reciben os militantes do Partido Comunista. Baixo o alcume de Rodrigo Machado intégrase na guerrilla dirixida polo comandante Luis de la Puente Uceda. É asasinado polos militares ó cruza-lo rio “Mai de deus” nunha canoa en Porto Maldonado, o 15 de maio de 1963. Contaba 21 anos de idade.

Día 20.

1973. Asasinato por axentes portugueses, do dirixente revolucionario guineano Amilcar Cabral. Inxenieiro agrónomo e escritor, fora o fundador, en 1956 do “Partido Africano Para a Indepenencia de Guinea e Cabo Verde”, que levou todo o peso da loita contra o colonialismo portugués No mesmo ano, xunto a Agostiño Neto, fundaran o “Movemento Popular para a Liberación de Angola”. Participara na I ª Conferencia Tricontinental na Habana.

Día 21.

1921. Fúndase o Partido Comunista de Italia en Livorno.

1924. Falece Vladimir Ilitch Ulianov, Lenin. Desde 1922 a súa saúde sofre constantes quebrantos,
polo que solicita non se-lo ponente no XI Congreso do Partido, pero acaba redactando o informe que se considera unha especie de testamento, sobre todo na denuncia do burocratismo que afogaba ó Estado Soviético e o propio partido. Consciente da súa enfermidade búscase substituto para a Presidencia do Consello dos Comisarios do Pobo e o 21 de maio marcha a descansar a Gorki e dous días despois da chegada, unha parálise lle afecta a perna e o brazo dereito. En outubro volveu ó traballo baixo a indicación médica de non facelo máis de cinco horas ó día, recomendación que desatendeu. A finais de outubro e en decembro intervén no Comité Executivo dos Soviets e no IV º Congreso da Internacional onde fixo un balanzo dos cinco últimos anos. O 12 de decembro tivo que abandonar todo o traballo e ditar artigos e notas desde a cama. É nesta época cando as relacións con Stalín fanse xélidas e parece que no mes de febreiro de 1923, tenta facer un bloque con Trotski contra “o burocratismo do estado soviético”. O 9 de marzo sufriu unha nova parálise que o deixou sen fala e totalmente incapacitado; foi trasladado a Gorki, onde faleceu. O seu corpo e trasladado a Moscova o día 23 para ser velado na Casa dos Sindicatos.
Anos máis tarde Bertolt Brecht fixo o seguinte poema a Lenin na súa morte:

Ao morrer Lenin, un soldado da garda, segundo se conta, dixo os seus
camaradas: eu non quería crelo. Fun onda el e griteille ao oído: “Illitch, aí veñen os
explotadores”. “Non se moveu”
Agora teño certeza de que morreu.

Si un home bo quere irse
con que se pode deter?
Dille para o que é útil. Iso pódeo deter.

Que podía deter a Lenin?

O soldado pensou: se oe que os explotadores veñen,
pode que estando enfermo se erga.
Tal vez veña con muletas. Tal vez faga que o traian
máis erguerase e virá para loitar contra os explotadores.

O soldado sabía que Lenin tiña pelexado toda a súa vida
contra os explotadores.

Cando terminaron de tomar por asalto
o Pazo de Inverno, o soldado
quixo regresar ao fogar, porque alí
xa se tiñan repartido as terras dos propietarios.
Xa que logo, Lenin díxolle: quédate.
Aínda hai explotadores. E mentres haxa explotación
hai que loitar contra ela. Mentres ti existas,
has de loitar contra ela.

Os débiles non loitan. Os máis fortes
tal vez loiten unha hora.
Os que aínda son fortes, loitan uns anos. Pero
os máis fortes de todos, loitan toda a súa vida.
Estes son indispensables.

Día 22.

1891. Nace Antonio Gramsci. (Estou a preparar unha ampla cronoloxía sobre o mesmo)

1932. Comezo da insurrección popular no Salvador dirixida polo Partido Comunista. Os antecedentes hai que buscalos nas difíciles condicións de vida na que se atopaba a grande maioría da poboación e na nova situación política a partires do mes de decembro anterior cando os militares dan un golpe de estado e poñen fin ó mandato do presidente Araujo. Había convocadas para xaneiro eleccións xerais e municipais. A dirección do Partido Comunista, con moita controversia acorda presentarse para facer pedagoxía sobre a inutilidade das mesmas nunha situación de carencia de democracia e considerou que a campaña axudaría a eleva-lo ánimo combativo do pobo. As primeiras en celebrarse son as municipais. Onde o PC tiña posibilidades de gañar as eleccións foron suspendidas, onde gañou anuladas, o que robusteceu a idea da imposibilidade da loita pacífica e que a insurrección armada era o único camiño para que o pobo se fixera co poder. Nas elección lexislativas diante da posibilidade de vitoria do PC, atrásanse o que xera a protesta das forzas políticas.
Estes procesos electorais prodúcense no marco de numerosas loitas campesiñas e da brutal represión das mesmas, o que leva ó PC a facer unha tentativa de xestión co presidente que non produce solución algunha polo que o Comité Central do PC, actuando Farabundo Marti como secretario xeral, establece unha data para a insurrección que é definitivamente o 22 de xaneiro; Farabundo Martí é encargado das cuestións militares pero é detido xunto cos estudantes Alfonso Luna e Mario Zapata o día 19, con probas evidentes do levantamento, o mesmo ocorre nalgunhas gornicións militares que se atopaban a favor do mesmo. A noite do 20 a dirección do PC xuntase e decide, despois dunha discusión onde se contrastan diferentes opinións, continuar co levantamento que comezaría as 24 horas do día 22. O exército e a policía descabezaron axiña o mesmo e só tivo importancia na zona occidental, Sonsonate, Izalco, Nahuizalco, Juayúa, Ahuachapán, Salcoatitán, etc; o lugar onde máis resistiu o poder creado polos insurrectos, foron pouco máis de sesenta horas.
A represión foi moi sanguenta, os ricos crearon a “Garda Cívica” con ese obxectivo, que asasinou a numerosos obreiros, labregos e estudantes, sumándose os asasinados polo exercito e policía, que puideron chegar a preto de 30.000, segundo estudos posteriores levados a cabo por diferentes investigadores..
Farabundo Marti, Alfonso Luna e Mario Zapata foron fusilados o día primeiro de febreiro. Antes de morrer Farabundo Martí escribiu unha especie de declaración na que explicaba a súa ruptura en 1929 con Sandino, participara no estado maior do exército rebelde nicaragüense, na que entre outras consideracións afirmaba que se separara de Sandino pola súa relación cos presidentes de México, a quen Farabundo cualificaba de axentes do imperialismo, que tentaron separar a Sandino da Liga de Defensa Antiimperialista e manifesta ademais que “nese tempo eu xa era comunista e comprendín que Sandino nin entón nin despois o sería” e terminaba dicindo “Nestes momentos que estou a dous pasos da morte, quero declarar categoricamente que creo en Sandino, que non se vendeu ós norteamericanos e que é un home sincero. Canto se ten dito del, respecto a que se vendeu, é completamente falso, pois Sandino é un dos poucos patriotas que hai no mundo. Permanecín unido a el a traveso da distancia e do tempo e se separeime del foi por deixarse enganar polos axentes do imperialismo que pretenden o seu exterminio”
Día 23.

1958. Inicio dun proceso de mobilización en Venezuela que pon fin a ditadura de Pérez Jiménez. O 2 de decembro de 1952 o coronel Marcos Pérez Jiménez fíxose co poder en Venezuela, en principio apoiado polos EEUU e o sector petroleiro; iniciou unha política ó estilo de Perón, que se pode enmarcar no que se coñeceu na época como “nacionalismo andino”, que o leva o enfrontamento cas “7 grandes” compañías lideradas pola Shell e Creole, que axiña empezan a programar a súa queda, o tempo que vai acentuando a ofensiva represiva contra os sindicatos e estudantes.
Deixa fora da lei ó Partido Comunista e a Alianza Democrática e este último máis Copei e a UDR son convocados a Nova Iorque para discutir con funcionarios norteamericanos a futura transición en Venezuela. A condición é que o Partido Comunista non poda entrar no xogo político. En xaneiro de 1958 unha folga xeral paraliza o pais e grupos armados actúan contra obxectivos gobernamentais; o 23 unha revolta popular na que tamén interveñen sectores militares, a mariña, pon fin a ditadura. En decembro comeza a facerse efectivo o acordo de Nova Iorque, que se materializa na constitución de 1961, onde se institucionaliza un sistema baseado en dous partidos, Copei e AD, dous sectores burgueses, que se coñece como o “Pacto do Punto Fixo” que roubáballe ó pobo os esforzos e o sangue derramado para poñer fin á ditadura, e sancionaba o saqueo das riquezas do pais en beneficio dun sector moi minoritario da sociedade.

Día 24.

1919. Chamamento a crear unha Internacional Comunista. Neste día o Partido Comunista Ruso (bolxevique) xunto os partidos comunistas polaco, húngaro, alemá, austríaco, letón, finés, a Federación Socialista Balcánica e o Partido Socialista Obreiro norteamericano, fixeron público o seguinte chamamento:
“Os partidos e organizacións abaixo asinantes consideran como unha imperiosa necesidade a xuntanza do I º Congreso da nova Internacional Revolucionaria. Durante a guerra e a revolución púxose de manifesto non só a total bancarrota dos vellos partidos socialistas e socialdemócratas e con eles á da II Internacional, senón tamén a incapacidade dos elementos centristas da vella socialdemocracia para a acción revolucionaria. Ó mesmo tempo, perfílanse os contornos dunha verdadeira Internacional Revolucionaria”.
O I º Congreso da III ª Internacional celebrouse en marzo de 1919.


Día 28.

1918. Decreto de creación do Exército Vermello. Despois do comezo da agresión dos exércitos das potencias imperialistas e dos “exércitos brancos” tsaristas, contra o poder do proletariado, o Consello de Comisarios do Pobo discutiu a necesidade de substituír a Garda Vermella, de carácter provisorio, por unha forza armada permanente, e mediante decreto do 28 de xaneiro, créase o Exército Vermello de Obreiros e Campesiños. O encargado da súa creación foi León Trotski, Comisario do Pobo para a Guerra entre 1918 a 1924.

Día 30.

1968. Comeza a chamada “ofensiva do Tét”, en Vietnam do Sur, por parte das forzas revolucionarias, contra a presencia dos EEUU e pola reunificación do país.
Pódese considerar como a acción militar que cambiou o curso da guerra de Vietnam e chamouse así porque comezou nas Festas do Tét que daban paso ó ano do Mono. Había 14 anos que o país estaba dividido polo rio Ben Hai, no paralelo 17. No norte a República Popular de Vietnam, dirixida polo Partido dos Traballadores, antigo Partido Comunista de Indochina, no sur un goberno títere pronorteamericano que se mantiña no poder, grazas ós máis de 500.000 soldados estadounidenses e as enormes cantidades de cartos e material bélico. As forzas imperialistas levaban a cabo unha agresión brutal contra o territorio do norte. As forzas revolucionarias van deseñar unha campaña que levase a guerra a todos os currunchos do sur, o artífice da mesma, vai ser o xeral Vo Neguyen Giap, o organizador da guerra vitoriosa contra os franceses uns anos antes.
As forzas revolucionarias atacaron 36 da 44 capitais de provincias do sur, así como máis de 60 bases militares, portos, aeroportos e estacións de ferrocarril. En Hué, a antiga cidade imperial, onde os norteamericanos concentraban a maior parte dos órganos de dirección, as forzas revolucionarias toman bases militares, aeródromos, os hoteis onde se atopaban os norteamericanos, bases de tanques e o día 1 de febreiro a bandeira do Vietcong ondaba na cidade; en Saigón a capital do goberno títere, asaltan numerosos centros militares, loxísticos e a propia embaixada norteamericana que é tomada baixo control das forzas revolucionarias.
Esta ofensiva, que durou oito meses máis, foi posible pola incorporación á loita de traballadores, a mocidade e mulleres das diferentes organizacións da Fronte Nacional de Liberación. Aínda que os norteamericanos e as tropas do goberno do sur conseguiron recupera-lo terreo perdido nos primeiros días, decatáronse que non era posible gaña-la guerra e pouco tempo máis tarde, iniciábanse as negociacións en París ó tempo que continuaban as accións militares, que tardarían seis anos en dar froitos, a derrota dos norteamericanos obrigados a marchar de Vietnam, e a unificación do país.

1920. En día non determinado deste mes, naceu en Rabat Ahmed Ben Barka, político independentista marroquí, loitador terceiromundista, fundador do partido Istiqlal e da Unión Nacional de Forzas Populares. Foi o primeiro matemático marroquí e un opositor encarnizado ás forzas coloniais, que o encarceraron e desterraron, e unha vez acadada a independencia e pasados os primeiros anos da monarquía que o situou en diversos cargos políticos, ó réxime monárquico ditatorial. A mediados dos anos 50 se entrevistou con Ho Chi Mhin, Mao e outros líderes do chamado “terceiro mundo” para atopar solucións a situación marroqui, converténdose co paso do tempo nun dirixente deste movemento, sobre todo cando funda o partido UNFP, cunha tendencia de esquerdas e de denuncia da corrupción institucional e a explotación a que estaba sometido o pobo de Marrocos. Reclamou eleccións libres, unha constitución, a igualdade home muller, a reforma agraria e reformas sociais. Iniciase a persecución contra os membros do novo partido e Ben Barka exíliase en Paris.
Regresou en 1962, para participar no congreso do seu partido, e non puido ler o informe por consideralo a dirección “moi revolucionario”; o réxime tentouno asasinar, e presentouse ás eleccións de 1963 que foron unha fraude a favor do partido creado polo palacio e milleiros de militantes e unha grande parte da dirección do seu partido son detidos, moitos torturados e numerosos “desaparecidos”; Ben Barka consegue escapar a Arxelia sendo protexido polo presidente Ben Bella, que lle encarga tarefas relacionadas co movemento terceiromundista. No xuízo á UNFP foi condenada a morte. Foi nomeado presidente do comité organizador da Conferencia Tricontinental que se celebraría na Habana. Desapareceu en París o 29 de outubro de 1965, secuestrado por axentes franceses que o entregan o xeral Ufkir, ministro do interior de Marrocos, que chega ó día seguinte e o tortura ata a súa morte. Os seus restos nunca foron atopados. A investigación posterior deixou claras as conexións existentes entre os diferentes servizos secretos, así como todo o acontecido no lugar onde foi recluido.