A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 15 de enero de 2013

UN CABODANO QUE INCITA A REFLEXIONAR



Carlos Dafonte

Rosa Luxemburg O día 15 do mes de xaneiro de 1919, Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht foron brutalmente asasinados polos Freikorps, un grupo paramilitar de extrema dereita conectado co exército alemá, ó servizo do goberno socialdemócrata; tráxico epílogo a unha etapa iniciada en 1914 co estoupido da que se coñece como Primeira Guerra Mundial, que radicalizou a loita de clases. Un conflito bélico produto das contradicións internas do sistema capitalista, sobre cuxa posibilidade de que se producira, a Segunda Internacional tiña alertado ós traballadores do mundo que non debían participar e ós partidos que a formaban a non apoiar ás burguesías respectivas nin na rúa nin nos parlamentos, opóndose ós créditos necesarios para costea-la guerra. Pero os socialdemócratas alemás, apoiaron no Parlamento os créditos de guerra abrindo unha fonda división no seo do partido e da clase traballadora, a mesma traizón que cometeron os franceses e belgas formando parte de gobernos burgueses. As vellas consignas de “unión e fraternidade dos proletarios de todo o mundo”, foron substituídas pola de “a defensa da patria en perigo”.
Os partidarios da guerra, dentro dos partidos obreiros eran maioría, os “socialchovinistas” como lles chamaba Lenin, pero os partidarios de transforma-la guerra interimperialista en guerra revolucionaria contra as burguesías respectivas, paseniño se foron organizando, sobre todo a partires da Conferencia celebrada en Zimmerwald en 1915, que aínda que quedaron en minoría, estableceron as bases da coordinación dos sectores revolucionarios, dentro dos partidos socialdemócratas e socialistas, o que se coñece como a “esquerda zimmerwaldiana”, que se consolidou na Conferencia celebrada meses máis tarde en Kienthal e que asumía as teses de Lenin sobre o conflito: 1. Levar a cabo unha constante propaganda revolucionaria, para transfoma-la guerra imperialista en guerra civil, por medio da acción dos traballadores contra o seu goberno e a confraternización nas frontes dos soldados dos diferentes bandos. 2. Loita contra as posicións da Segunda Internacional. 3. Creación das organizacións clandestinas encargadas de levar a “bo porto” ese traballo, o mesmo tempo que se levaba a cabo o traballo na legalidade. 4. Obriga dos revolucionarios non só de desexa-la derrota do seu goberno, senón de facer todo o posible para contribuír á mesma. 5. Loita contra o pacifismo e contra acadar unha “paz democrática”. 6. Apoio por todos os medios ó dereito dos pobos oprimidos a acada-la independencia, arredándose dos seus opresores. 7. Recoñecemento do principio dos Estados Unidos de Europa, como etapa a cubrir na construción dunha nova Europa. 8. Levar a cabo o traballo necesario para crear unha Terceira Internacional.
Karl Liebknecht foi o único dos 111 deputados do SPD que defendeu a posición aprobada antes da guerra pola Segunda Internacional e votou na sesión do 3 de decembro de 1914, en contra dos créditos de guerra; fixo, nun pais tan militarista como Alemaña, campaña contra a guerra, lanzou a consigna de que “o principal inimigo está no interior do noso propio país” e enviou unha carta á dirección do partido, asinada por máis de mil cadros do mesmo, condenando a actitude dos dirixentes diante da guerra; xunto con Rosa Luxemburg, Franz Mehring, Leo Jogiches, Clara Zetkin e outr@s, fundou un grupo de oposición á guerra que máis tarde se converterá na Liga Espartaquista, que asinou grande cantidade de folletos clandestinos contra a mesma, contra a socialdemocracia, a conciliación de clases, propondo a folga xeral como método para poñer fin á carnicería que arrasaba Europa e que enfrontaba ós traballadores dos diferentes países. Foron perseguidos e condenados o 28 de xuño de 1916 a dous anos de cárcere. Pero seguiron dirixindo, escribindo e participando, a pesares do illamento, na campaña contra a guerra.
O 8 de novembro de 1918 a revolución alemá en marcha, liberou a Rosa Luxemburg, Liebknecht saíra uns días antes, e incorporáronse á loita. O final é coñecido, derrotada a revolución en Berlín e asasinados Luxemburg e Liebknecht, a socialdemocracia, con Noske e os Freikorps á fronte, adícanse por toda Alemaña a esmagar todos os Consellos de Obreiros e Soldados constituídos. Sobre esta represión se proclama días despois, a chamada República de Weimar.
As consecuencias da derrota da revolución en Alemaña foron moi importantes; exceden do territorio alemán; de trunfar, posiblemente o mundo de hoxe fora moi distinto, irrecoñecible.
En primeiro lugar abriuse un “foxo de sangue” afirmou alguén, moi fondo entre a socialdemocracia e o movemento comunista, que dividiu ó movemento obreiro, e se a primeira pensaba manterse ó marxe da reacción brutal da burguesía trabucouse; o nazismo tamén os varreu en todos os países nos que trunfou; a burguesía non foi agradecida cos “servizos prestados”.
En segundo lugar porque xa non se daría a revolución proletaria nun só país, Rusia, a quen se someteu por parte das potencias imperialistas e os seus aliados a unha brutal agresión militar que destruíu unha parte da vangarda dos traballadores, a vangarda revolucionaria, e durante moitos anos foi sometida a un bloqueo internacional que produciu procesos internos que pouco teñen que ver co socialismo. Posiblemente a discusión entre “socialismo nun só país” ou “revolución permanente” non se houbera producido nos termos nos que se levou a cabo, e de producirse, os resultados serían distintos. Cun país como Alemaña, o máis importante a nivel económico da Europa continental, situada no seu corazón, levando a cabo un proceso de transformación estrutural, de avance cara ó socialismo, tería unha enorme influenza en países do leste europeo para iniciar procesos do mesmo carácter e consolidar outros xa iniciados, como o de Hungría, o tempo que axudaría ós traballadores de Italia na súa loita contra a reacción das clases dominantes, o estado de excepción permanente dentro do estado capitalista, que coñecemos como o fascismo.
Tampouco é difícil augurar que o desenvolvemento histórico posterior de Alemaña non sería o que se deu, e o nazismo, de existir en xerme, non tería o apoio dos “freikorps”, a base das “camisas pardas” de Hitler, e o económico dunha burguesía e uns “junkers” derrotados polo proletariado alemán, e polo tanto sería unha anécdota.
Se ten acusado a Rosa Luxemburg de cometer erros que levaron a derrota da revolución como o de sobreestimar o espontaneísmo das masas e subestimar o papel da organización, o papel do partido; e non se elude moitas veces, nesta discusión, a comparación entre os dous procesos, o de Rusia e o de Alemaña. No primeiro a pesares dunha clase obreira menos numerosa e en certa medida máis “primitiva”, das dificultades xeográficas e das vacilacións de moitos membros da dirección, non esquezamos a sentencia de Lenin pouco tempo antes de facerse co poder de que estaban “as masas máis a esquerda que o partido e este máis a esquerda que o seu comité central”; a pesares de todas estas circunstancias e doutras menos salientables, a existencia dun partido aguerrido, con ampla experiencia na loita clandestina e legal, cunha ampla discusión na base, con directrices precisas, maduro politicamente, o que se amosa que en momentos determinados, sen estar de acordo co que as masas levan a cabo, as acompañou para que a derrota non fora definitiva e garantir un repliegue ordenado, refírome ás xornadas do mes de xullo de 1917, a existencia dese partido, repito, garantiu o éxito do proceso.
Pero Rosa Luxemburg e o propio Karl Liebknecht eran vítimas da loita contra a “organización burocrática” do SPD e os sindicatos, que afogaban calquera iniciativa que saíra da base, onde a dirección o supervisaba todo, onde nada se movía se non era co consentimento da dirección. E se explica esta confianza no espontaneísmo, como unha reacción a todo o burocratismo existente dentro do SPD.
Podemos chegar a algunha conclusión estudando estas experiencias do pasado?. Se as analizamos criticamente, seguro; se pensamos que hai que copialas e que a sociedade de hoxe é a mesma que entón e que podemos repeti-lo traxecto levado a cabo, por exemplo por Lenin, creo que nos trabucamos
No estado español non nos atopamos nunha etapa prerrevolucionaria, si nunha etapa de fortes mobilizacións, sen unha dirección política que converta a vontade de loita da xente, na concreción de substitui-lo poder actual por outro de acordo cos intereses que se expresan na rúa. Cunha sociedade sobre a que inflúen dous procesos, que sen estar coordinados converxen cara a un obxectivo común; un é o que coñecemos como 15-M, asembleas nas rúas, ampla discusión, etc, onde cada colectivo expresa as súas opinións, os seus obxectivos, pero sen avanzar cara a unha organización estable que funda as diferentes alternativas nun programa; non entro en se son anticapitalistas ou non. Pódese dar o caso que pense cada movemento que o é, que o seu programa de levarse a cabo poñería fin ó capitalismo, pero estou convencido que un programa anticapitalista e algo máis que xuntar todas as propostas dos diferentes movementos.
O outro proceso, a enorme campaña contra todos os partidos, que se está a levar a cabo desde numerosos medios de comunicación ca intención que desta crise, os máis desfavorecidos e golpeados polas medidas que a oligarquía impón, non busquen na organización partidaria de clase, a solución ós seus padecementos.
Pero tamén están os sindicatos maioritarios, utilizando a folga e a manifestación para rebaixa-la presión social, actuando a saltos, sen propor alternativa algunha como non sexa unha negociación, que está demostrado que, nas circusntancias actuais, cunha burguesía, cunha organización patronal que se sente forte, só serve para confundi-los traballadores, crear falsas expectativas, xa que non esta disposta a cumprir, como a experiencia destes anos nos di, nada do pactado.
Rosa Luxemburg lanzou a consigna “socialismo ou barbarie”; pensa alguén que sen unha forte organización e sen un programa claro de transformacións pódeselle facer fronte á barbarie organizada que é o capitalismo actual?. Non nos enganemos, só a clase asalariada, a que crea riqueza, pode aglutinar e hexemoniza-lo proceso de cambio neste país, é o suxeito revolucionario. A pesares do seu fraccionamento, do paro, do invento da socioloxía burguesa das “clases medias”, que dificultan a toma de conciencia, só a clase asalariada, organizada como clase, pode enfrontarse con éxito ó sistema.

En Galicia no mes de xaneiro de 2013


No hay comentarios:

Publicar un comentario