A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 1 de febrero de 2013

EFEMÉRIDES MES DE FEBREIRO


Carlos Dafonte

Día 1

1932. Asasinato por fusilamento do líder comunista salvadoreño Farabundo Martí e dos estudantes Alonso Luna Calderón e Mario Zapata. As incidencias do fusilamento foron relatadas por Jacinto Castellanos Rivas, que ese día estaba presente como secretario particular do ditador e que foi a última persoa a quen os tres executados falaron antes de morrer. Curiosamente Castellanos, pasado o tempo, pediría a entrada no Partido Comunista do Salvador.

Día 2.

1914. Nace o sindicalista tunecino Farhat Hached., fillo dun mariñeiro que a súa morte veuse obrigado a deixa-los estudo e adicarse a traballar. En 1930 comeza a súa actividade sindical na CGT francesa, polo que é despedido en 1939 do seu traballo. Despois da guerra sepárase do sindicato francés e funda xunto con outros sindicalistas tunisianos o Sindicato Libre de Sfax Sur e máis tarde, conseguen unificar toda unha serie de sindicatos creando a “Unión Xeral Tunisiana do Traballo” sendo elixido secretario xeral. Entre outras reivindicacións loitaban pola igualdade entre traballadores tunisianos e franceses e pola independencia nacional a favor da cal a organización sindical leva a cabo numerosas folgas e manifestacións, converténdose xunto con Habib Burguiba e Salha Ben Youssef nunha das personalidades máis relevantes dentro do país. En 1949 a UXTT entrou na Federación Sindical Mundial e en 1951 na CIOSL, organismo baixo control norteamericano e da CIA, pero a súa loita contra o protectorado francés e a favor da independencia, provocan o seu asasinato por unha organización francesa, “A man vermella” posiblemente controlada polos servizos secretos do estado francés, o 5 de decembro de 1952; asasinato que provocou numerosas manifestacións de condena en numerosos países de oriente medio e próximo, norte de África e na mesma Europa.


Día 3.

1929. Nace en Bogotá Camilo Torres Restrepo no seo dunha familia adiñeirada. Unha parte da súa mocidade a vive en Francia. Estudou nos mellores colexios da cidade e a partires de 1946 ingresa na Universidade Nacional para estudar dereito, que abandona para formarse como sacerdote, durante sete anos no Seminario Conciliar de Bogotá de onde sae ordenado sacerdote en 1954. Marcha despois á Universidade de Lovaina onde estuda Socioloxía e participa nos debates sobre a posibilidade do diálogo entre o cristianismo e o marxismo. En 1959 de volta a Colombia é nomeado párroco auxiliar da Universidade Nacional e funda a cátedra de socioloxía da que será profesor. Fundador dun movemento universitario, traballará nos arrabaldes máis pobres. En 1962 a xerarquía eclesiástica, para frea-la súa acción o nomea párroco en Veracruz. En 1963 preside o primeiro Congreso Nacional de Socioloxía no que presenta unha comunicación, “La violencia y los cambios socioculturales en las áreas rurales colombianas” e máis tarde participa activamente no VII de América Latina. Ó ser relevado do seu cargo de párroco volve á universidade, publica “La desintegración social de Colombia esta generando dos subculturas” e promove a “Cooperativa de desenvolvemento comunal do Yopal”.
En 1965 presenta a “Plataforma da Fonte Unida do pobo colombiano” e ese mesmo ano mantén unha entrevista con Fabio Vásquez Castaño, máximo dirixente do “Exército de Liberación Nacional”, onde se integraron varios relixiosos defensores da Teoloxía da Liberación, como Domingo Laín, Manuel Pérez, Carmelo Gracia ou a monxa Leonor Guerra. Comeza a editar a revista “Fronte Unida” e a dar conferencias por todo o país que lle granxean unha importante presenza política e o apoio de sectores populares.
No primeiro número da revista publica a “Mensaxe ós cristiáns” no seguinte a “Mensaxe ós comunistas”, despois aparecerán “mensaxes” ós Militares, ás Mulleres, ós Desempregados, ós Estudantes, ós Campesiños e o último, cando xa estaba integrado na guerrilla do ELN, á Oligarquía. En xaneiro de 1966 publica a súa “Proclama ó Pobo Colombiano”. Morre en combate o 15 de febreiro de 1966 en Patio Cemento, departamento de Santander. Nunca renunciou a súa condición de sacerdote.

Día 4.

1892. Nace en Vendrell, Tarragona, Andreu Nin, fillo de pai zapateiro e nai campesiña que non repararon esforzos para que o seu fillo estudara. Fíxose mestre na Escola Normal de Tarragona e finalizados os estudos en 1911, marchou a Barcelona. O estoupido da segunda guerra mundial foi un bo negocio para a burguesía catalá que se beneficiou da neutralidade do estado español para incrementa-las exportacións ó tempo que subían os prezos, mantendo os salarios estables o que significou un pulo da loita de clases e as reivindicacións do proletariado. Nin entrou como mestre na Escola Horaciana, unha institución con conexións co anarquismo e laica, que fora fundada por un obreiro do téxtil e tamén deu clases no Ateneo Obreiro da Barceloneta, pero pronto, en 1914, decantouse pola profesión que máis lle gustaba, o periodismo, desde unha posición catalanista e de esquerdas; foi redactor un tempo do periódico republicano “El Poble Catalá” e máis tarde á “La Publicitat”, despois da Axencia Fabra, todos de carácter republicano e catalanista de esquerdas.
Estivo afiliado ó PSOE desde 1911, sendo Secretario da Xuventude Socialista; foi detido por primeira vez con motivo dunha folga estudantil e máis tarde no ano de 1914 por un artigo titulado “Los Miserables”. En 1916 viaxou a Exipto comandado pola empresa “Tusell Hnos.” para organiza-la exportación de produtos españois. De volta ó estado español na folga xeral de 1917 é detido en Valladolid, continuando ca súa militancia socialista, pero a tradición anarquista de Cataluña e o trunfo da revolución soviética en Rusia, decantaron o seu futuro político. En 1918 organizou, dentro da CNT, o Sindicato de Profesións Liberais” e tivo unha forte amizade con Salvador Seguí, “o noi del Sucre”, un dos dirixentes sindicais máis importantes do estado español, asasinado nos anos vinte por pistoleiros ó servizo da patronal.
En decembro de 1919, celébrase no Teatro da Comedia de Madrid o II Congreso da CNT onde trunfa a tese defendida por Nin de integra-lo sindicato na III Internacional creada o mesmo ano. En 1921, despois do asasinato de Evelio Boal, secretario xeral da CNT, polos pistoleiros da patronal, Nin o vai substituír. Por eses anos, cando transitaba por Barcelona con Canela, tamén dirixente da CNT, foron obxecto dun atentado do que saíu ileso, non correndo a mesma sorte o seu acompañante que morreu. En abril de 1921, no plenario da CNT celebrado na clandestinidade, Nin xunto con Arlandis, Jesús Ibañez e Joaquin Maurin, foron elixidos para participar, en nome do sindicato, no Congreso de Internacional Comunista e na fundación da Internacional Sindical Vermella; tentábase crear, contra os criterios de Lenin que era partidario de non abandonar os sindicatos reformistas, unha nova organización sindical a nivel mundial, rachando ca Federación Internacional Sindical, que na Primeira Guerra Mundial, apoiaran, os sindicatos que a conformaban ás burguesías nacionais na declaración de guerra, apostando polo enfrontamento dos traballadores dos diferentes países. A viaxe que fixeron xuntos Nin e Maurín foi complicada por non ter pasaporte e cruza-las fronteiras clandestinamente, tendo que solicitar axuda de organizacións obreiras de Francia e Alemaña para poder chegar a Petrogrado. No Congreso da ISV, Nin tivo unha participación moi importante e, incorporouse ó Secretariado, actuando como adxunto á presidencia, onde axiña se converteu nunha figura relevante. Cando a CNT en xuño de1922, decidiu separarse, por influenza dos anarquistas, da ISV, Nin na súa viaxe de volta a España foi detido en Alemaña a iniciativa do goberno español, que o acusaba de participar no asasinato do Presidente do Goberno, Eduardo Dato. Unha vez libre trasládase a Moscova, para seguir traballando na ISV, onde permanecerá preto de 9 anos.
Estes anos son moi importantes na vida de Andreu Nin, coñecerá ós dirixentes bolxeviques, discutiu e aprendeu moito con eles, escribiu numerosos artigos nas revistas da ISV e da III Internacional e publicou numerosos folletos sobre temas sindicais en diferentes idiomas e viaxou a diferentes países europeos. Pero nunca deixou de escribir en revistas do estado español como eran “Lucha Social” de Lleida e “La Batalla” de Barcelona.
Foi ademais unha importante axuda para todos cantos desde o estado español viaxaban a URSS para entrevistarse cos seus líderes ou os da Internacional. Cando en 1925 Francesc Maciá o fixo en busca de apoio para Cataluña, contra a ditadura de Primo, o acompañante e interprete foi Nin que lle facilitou entrevistas con Zinoviev e outros dirixentes da Internacional; tamén recibiu, e mantivo unha ampla entrevista co escritor conservador Josep Plá e con José Bullejos do PCE. Na época da ditadura de Primo de Rivera, os comunistas españois solicitaron, a maioría da dirección estaba na cadea, que a Internacional Comunista establecera unha dirección en Paris para reorganiza-lo Partido. Nin foi delegado para o labor que non puido cumprir, por ser detido e expulsado de Francia.
No debate destes anos que se produciu na URSS, foi tomando posicións e integrouse na Oposición de Esquerdas, en defensa da democracia obreira, contra a tese antimarxista, opinaba, do “socialismo nun só país”o que lle fixo perder presencia e capacidade de liderado na ISV, segundo Stalin acrecentaba o seu poder. Foi expulsado do Partido Comunista da URSS en 1927, eliminado do Secretariado da ISV e sometido, nos últimos tempos da súa estancia en Moscova a vixiancia no hotel Lux. En 1929 solicitou volver ó estado español e chegou a Barcelona, acompañado pola súa muller e as súas fillas, en outubro de 1930, na “ditablanda” do xeral Berenguer que tentaba por todos os medios, salva-la monarquía do desastre.
Nin recupera a vella amizade con Maurin, publica “Els dictadures dels nostres dies”, inicia, para poder vivir toda unha serie de traducións de clásicos rusos ó castelán e o catalán e continúa en contacto con Trotski que se atopaba en Prinkipo, Turquía. A ruptura política con Maurin que pulaba o Bloc Obrer e Camperol, o organismo de masas da “Federación Comunista Catalano-balear” o leva a organizar no estado español a sección da “Oposición de Izquierda Internacional” dirixida por Trotski, que se chamará “Izquierda Comunista Española”, unha pequena organización de cadros valiosos, que publicarán a revista teórica “Comunismo” e o semanario “El Soviet”.
En 1934, en pleno pulo do fascismo e do nazismo en Europa, do goberno da dereita reaccionaria no estado español, chega a bo porto a Alianza Obreira en Cataluña formada polo Bloc Obrer e Camperol (Maurín), Izquierda Comunista (Nin), UGT (Vila Cuenca), Unió Socialista de Catalunya (Martinez Cuenca), PSOE (Rafael Vidiella), Sindicatos de Oposición da CNT (Anxel Pestaña), a Federación de Sindicatos Excluídos da CNT (Bonet) e a Unió de Rabassaires (Calvet) que vai server de exemplo para pula-la Fronte Popular en todo o estado, e a unificación dunha parte importante dos marxistas, no que será o Partido Obreiro de Unificación Marxista en setembro de 1935.
A entrada da CEDA no goberno en outubro de 1934, desencadea a chamada revolución de Asturias e unha importante resposta en Cataluña, que si fracasa, foi pola non participación da CNT; Nin entra na clandestinidade e dirixe o periódico “L'Estrella Roja”.
Pero funda-lo POUM tamén significou a creba con Trotski, despois dunha longa polémica sobre a situación política no estado español e a Liga Comunista Internacionalista que apoiaba outras políticas, e non a creación de novos partidos; o POUM naceu para ser un partido estatal, superando os límites de Cataluña; foi elixido director de “La Nueva Era”, a revista teórica do partidos e secretario xeral da Federación Obreira de Unidade Sindical (FOUS), a organización que agrupaba a numerosos sindicatos independentes, que non tiñan sitio nin na CNT nin na UGT e ó que expulsaba a CNT, polo “delito” de estar dirixidos por “poumistas”; non foi pois unha manobra escisionista senón un agrupamento para a unidade sindical do futuro, da que Nin era partidario.
Despois da sublevación fascista e da detención de Maurín, Andreu Nin foi elixido secretario político do POUM e tentou, que en Cataluña se establecera un poder obreiro, sobre todo despois de que Companys, presidente da Generalitat declarase que o poder lle correspondía ós traballadores. O POUM quería extender a toda Cataluña o poder que se establecera en Lleida, onde o partido era maioritario, pero a posición da CNT frustrou esta posibilidade. No periódico “La Batalla” explicou a proposta:

"...é preciso, hoxe máis que nunca a formación dun Goberno obreiro, é dicir, integrado por representantes de todos os partidos de clase e ata de organizacións sindicais (...). É evidente que semellante Goberno non podería ter máis que un carácter provisional, preparatorio do novo estado de cousas. Un goberno debe ser a expresión das amplas masas obreiras, campesiñas e de milicianos, que edificaron a vitoria, e que teña por misión establecer as bases da nova democracia proletaria”

Non foi aceptada a súa proposta e o POUM entrou a formar parte do Consello da Generalitat cunha condición, que houbera maioría proletaria no mesmo; Andreu Nin será o Conselleiro de Xustiza.
Despois das execucións de Zinoviev, Kamenev e outros dirixentes da revolución soviética, Andreu Nin condenou o que consideraba un atropelo e foi expulsado do Consello da Generalitat, ó tempo que se aguzaba o enfrontamento co Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC) pertencente á III Internacional, que seguindo as orientacións desta, o mesmo que o PCE co seu Secretario Xeral José Díaz, acusaban ó POUM e a Nin de trotskistas, de axentes do fascismo internacional, preparando, co ascenso da influenza do PCE na política republicana, a destrución da organización. Nin e outros dirixentes do POUM foron detidos o 16 de xuño de 1937 e asasinado días despois nos arredores de Madrid, posiblemente por axentes da GPU soviética.
Escrebiu numerosos libros e folletos entre os que destacan “Els dictadures dels nostres dies”, “Las organizaciones obreras internacionales”, “Els movements de emancipació nacionals”, “Crítica del fascismo”, “El movimiento sindical en España”, Fascismo y sindicatos”, “Lo que son los soviets”, “Reacción y revolución en España, “Manchuria y el imperialismo”, “Los anarquistas y el movimiento sindical”, etc.

1899. Iníciase o “xenocidio filipino” levado a cabo polo exército norteamericano. Considérase a primeira guerra de liberación nacional do século XX. Os historiadores norteamericanos falan de “sublevación en Filipinas” e outros historiadores de guerra “filipino-norteamericana” para evitar falar da realidade, do asasinato en masa de filipinos de toda clase, xénero, idade e condición por non aceptar a realidade, que unha vez derrotada a colonización española, non se cumpriran as promesas de independencia dadas polo presidente norteamericano Mc Kinley que tiña declarado publicamente que “a anexión de Filipinas sería, de acordo ó noso código moral, unha agresión criminal”. Con estes antecedentes os filipinos nomean presidente o 1 de xaneiro de 1899 a Emilio Aguinaldo, que convoca unha asemblea en Malolo para redactar unha consttitución. Axiña Mc Kinley cambia de parecer e considera ós filipinos como “incapaces de autogobernarse” e que deus indicáralle que debían ser “educados e cristianizados”, a pesares de levar España varios séculos nese “labor”.
Desembarcan varias decenas de miles de soldados e comeza unha guerra desigual que finaliza en 1903 con preto dun millón de mortos civís, máis dun 10% da poboación, debido ás prácticas brutais do exército norteamericano. Por exemplo o xeral Jacob Smith, chegou a ordenar o asasinato de calquera filipino, home o muller maior de dez anos, queimábanse aldeas, igrexas cheas de xente, producíronse violacións masivas e se empregou a tortura dun xeito sistemático, como a coñecida por “cura de auga” que obrigaba ó torturado a inxerir enormes cantidades ata que colapsaba. O historiador norteamericano Paul Kramer relata que esta actitude xenocida, provocou a reacción dos antiimperialistas de todo o mundo que denunciaron ós EEUU. As masacres de filipinos prolongáronse ata 1913 en que finalizou toda resistencia.

Día 5

1919. Iniciase a folga na empresa “La Canadiense” de Barcelona, así chamada por ser propiedade da Canadian Bank of Commerce de Toronto. En 1918, no barrio obreiro de Sants, celébrase un congreso da CNT onde se cambia o modelo organizativo, superando a estrutura de pequenos sindicatos, para facelo por outra que agrupase a ramas enteiras da produción, o que vai potencia-las loitas dos anos seguintes entre as que destaca a folga da empresa eléctrica “La Canadiense”.Iníciase polo despedimento de oito traballadores pertencentes a un sindicato independente non admitido pola empresa; a solidariedade trouxo máis despedimentos e a solicitude de axuda á CNT que axiña conseguiu a solidariedade dos traballadores de Barcelona e a súa bisbarra, chegou a estar paralizado o 70% da industria catalá; o día 23 pararon o resto de compañías eléctricas e o 26 as de auga e gas. O goberno detivo a miles de obreiros, militarizou o sector e decretou o “estado de guerra”, pero a patronal tivo que ceder, aumento de salarios, xornada de oito horas e admisión dos despedidos. A pesares da vitoria, o dirixente sindical Salvador Seguí, tivo que empregarse a fondo diante de máis de 20.000 traballadores na praza de touros “Las Arenas”para convencelos de que se debían acepta-las condicións pactadas, sempre que se liberase ós encarcerados.
A reacción da patronal e o goberno diante desta mobilización vitoriosa foi brutal; a primeira creou a Federación Patronal Española, que esixiu para a readmisión dos implicados, a entrega do carnet da CNT e a negociación dun novo salario, o que atrasou a fin da folga, e os “sindicatos libres”, grupos de pistoleiros e esquirois; o goberno nomeou ó xeral Martinez Anido gobernador civil, que se fixo celebre, por mirar para “outro lado” diante dos asasinatos cometidos pola patronal, o emprego sistemático da tortura contra os sindicalistas e pola aplicación sistemática da “lei de fugas” con numerosos detidos.
A folga en Cataluña desconvocouse o 5 de abril e aínda que no relativo á empresa La Canadiense se considerou un trunfo, na CNT , a volta ó traballo deixou un sabor de derrota.

Día 6.

1928. Revolta estudantil en Caracas. Venezuela atopábase baixo a ditadura de Juan Vicente Gómez desde había vinte anos. Con motivo da celebración da Semana do Estudante programáronse na Universidade varios actos, unha marcha ata o Panteón Nacional, un recital e unha concentración co propósito de funda-la Casa Andrés Bello, unha especie de Residencia de Estudantes madrileña. As intervencións dos líderes estudantís, Jovito Villalba, Rómulo Betancourt, pasado o tempo presidente constitucional e Pío Tamayo mais tarde dirixente político e introdutor do marxismo en Venezuela, non gustou a ditadura que detivo a centenares de estudantes o que trouxo como resposta novas mobilizacións estudantís e a solidariedade dos comerciantes e traballadores do país, converténdose nunha folga xeral contra a ditadura, que se viu obrigada a libera-los detidos.

1932. Nace Camilo Cienfuegos. Nunha barriada de A Habana, fillo de anarquistas españois, o pai asturiano e a nai cántabra. En 1948 participa nas protestas contra a suba do transporte. O mesmo día do golpe de Batista, en 1952, tentou na Universidade a resistencia armada e en 1953 marchou a EEUU onde traballou de obreiro e camareiro e participou en actos contra a ditadura e escribiu artigos na súa contra no periódico “La Voz de Cuba”. En 1955 foi detido en San Francisco e deportado a México volvendo a Cuba e incorporándose a loita contra a ditadura; foi ferido de bala nunha manifestación a favor do líder independentista Antonio Maceo e detido e fichado como comunista. A persecución policial obrígalle a exiliarse en México onde coñece a Fidel e forma parte da tripulación do barco Granma do que desembarcan os que iniciarán a guerra de guerrillas.
Polo seu valor no combate, sempre na vangarda das columnas e o seu comportamento nas numerosas batallas que librou contra as tropas da ditadura, foi ascendido a “comandante” en abril de 1958. A súa columna foi a primeira en abandonar a zona montañosa e penetrar na chaira. En agosto do mesmo ano ca súa columna, a “Antonio Maceo”, en coordinación ca do Che Guevara penetran no occidente da illa precipitando a queda da ditadura.
Ca toma do poder convértese no máximo xefe do Exército Rebelde e participa nos labores de poñer fin a contrarrevolución e na reforma agraria.
Morreu nun accidente de aviación o 29 de outubro de 1959, cando volvía desde Camagüey a A Habana. Todos os anos, os estudantes cubanos tiran flores ó mar, ese día na súa homenaxe

Día 8.

1921. Falece Piotr Kropotkin, un dos principais teóricos do anarquismo e dentro do mesmo do “anarcocomunismo” e o “apoio mutuo”, teoría claramente diferenciada do “anarcocolectivismo” de Bakunin. Outros anarcocomunistas foron Carlo Cafiero e Enrico Malatesta. Kropotkin escrebiu “A conquista do Pan” e “A Axuda Mutua: un factor da evolución” entre outras obras.

Día 10.

1898. Nace Bertolt Brecht, dramaturgo e poeta alemán nacido en Ausburgo. Desde novo adheriuse ó marxismo e afiliouse ó Partido Comunista en 1929, tendo que fuxir de Alemaña ca toma do poder polos nazis. Emigrou por diferentes países e recalou en EEUU de onde tivo que marchar en 1947, despois de ser interrogado polo Comité de Actividades Antinorteamericanas, para asentarse na República Democrática de Alemaña. Fundador do celebre Berliner Ensemble morreu en 1956.
Entre as súas numerosos obras de teatro destacan: Baal, Tambores de guerra, A ópera de catro cartos, Nai Coraxe e os seus fillos, A alma boa de Szechwan, Vida de Galileo, O círculo de tiza caucasiano. Foi autor tamén de grande cantidade de poemas e cancións.


1927. Celébrase en Bruxelas o “Congreso Mundial Antiimperialista”. No pazo Egmont xúntanse 175 delegados dos que 107 veñen de 37 territorios colonizados. O seu obxectivo era a creación dun movemento antiimperialista a nivel mundial de acordo ca estratexia da Internacional Comunista.
Discutíronse fundamentalmente tres puntos, a situación da loita de emancipación en China, as intervencións dos EEUU contra os pobos de América Latina e a situación nos territorios “negros”.
Constitúese a “Liga Contra o Imperialismo e a Opresión Colonial” e se aproba un Manifesto dirixido “a todos os pobos colonizados e traballadores e campesiños do mundo”.
Albert Einstein foi por un tempo o seu presidente honorario.

1943. Faise público en Alxeria o “Manifesto do Pobo Alxeriano”, asinado por 28 dirixentes moderados. Nel pedíase a aplicación do principio de autodeterminación, a completa liberdade para todos os alxerianos sen distinción de raza ou relixión, a supresión da propiedade da terra con fundamento feudal e a implantación dunha reforma agraria, o recoñecemento do árabe como lingua oficial equiparable ó francés, a liberdade de imprenta e de expresión sen excepcións, a obrigatoriedade dunha educación libre para todos os nenos e nenas, a liberdade de culto para tod@s @s alxerin@s e validez en todas as relixións, do principio de separación entre igrexa e estado, participación dos alxerinos no goberno do seu país e amnistía política xeral.
O redor deste manifesto, agrupáronse importantes sectores da sociedade alxerina que deron luz á organización “Amigos do Manifesto e da Liberdade” o 14 de marzo de 1944, no que están presentes dúas figuras moi importantes do sector moderado, Ferhat Abbas e Messali Hadj. Este manifesto foi rexeitado por Francia e máis tarde por De Gaulle, no chamado Plano de Constantina, que apoiaba a tese da asimilación, rachando así ca perspectiva de calquera tipo de entendemento entre o reformismo alxerino e Francia. Dous anos despois prodúcense os acontecementos de Sétif e Guelma.

Día 11.

1913. Nace Santiago Álvarez Gómez, na parroquia de San Miguel de Outeiro, no municipio de Vilamartín de Valdeorras, Ourense, fillo de labregos. Desde moi novo, participou nos labores agrícolas compaxinando estos ca escola, e marchando a segar a Castela. Cara ó final da ditadura de Primo de Rivera, crea con outros mozos un Club Cultural que lles permite ler prensa, xuntarse, discutir de política, etc. Participa nas loitas campesiñas, e cando se organiza na zona a Federación de Traballadores da Terra da UXT, unha vez proclamada a república, é nomeado secretario xeral. No mesmo ano, 1931, afiliase ó Partido Comunista de España da man do secretario do partido na provincia, Benigno Álvarez.
No verán de 1932 participa na primeira folga de segadores galegos que se produciu nun municipio de Ávila. No outono de 1933, xunto con outros comunistas boicotean un acto electoral de Basilio Álvarez botándolle en cara que fale contra o caciquismo se facía propaganda a favor dun partido de caciques. Nesa campaña pronuncia os primeiros discursos electorais a favor da candidatura do PC por Ourense. Participa activamente nas campañas en solidariedade con Luíz Carlos Prestes, Dimitrov e Thaelman. Na década dos trinta, con anterioridade ó golpe fascista, participa na organización de numerosas Sociedades Campesiñas e na constitución da federación Provincial Campesiña de Ourense. En outubro de 1934 é detido e internado na cárcere do Barco acusado, xunto con outras persoas, de retrasa-la marcha dun tren que transportaba tropas para reprimi-los traballadores asturianos da chamada “revolución de Asturias de 1934”. A partires de 1935 adícase a organizar comités da Fronte Popular na comarca de Valdeorras e nas limítrofes, actuando tamén en Quiroga, na provincia de Lugo. Participa activamente na campaña electoral de febreiro de 1936 xunto os galeguistas Alexándre Bóveda e Peña Rei e o deputado republicano por Ourense Afonso Pazos.
Despois do trunfo da Fronte Popular, na comisión xestora do Concello de Vilamrtín, ocupa o cargo de primeiro tenente de alcalde. En xuño marcha a Madrid a participar nun curso de formación marxista de tres meses, capital no que o colle a sublevación fascista; creará as Milicias Populares Galegas e será nomeado Comisario Político na XI División do Exército Popular, ó mando de Enrique Lister, ca que participará nas batallas de Guadalaxara, Xarama, Brunete.... Desenvolve tamén unha intensa actividade na prensa de guerra e na dirección do PCE. Despois da derrota, marcha a Francia e máis tarde á República Dominicana e a Cuba, onde permanece ata a súa volta clandestina ó estado español, retomando nestes anos a relación con Castelao por medio de numerosas cartas. En 1944 regresa, ca misión de formar parte da dirección da guerrilla, sendo detido o 25 de agosto de 1945 e condenado a morte, pena que se conmuta, así como a de Sebastián Zapiraín, despois dunha intensa campaña internacional; permanecerá nas prisións de Alcalá, Logroño, seis anos incomunicado e Burgos. Abandonou a cárcere en 1954, camiño do exilio en América Latina, a México, onde sobrevivían as institucións republicanas; ese mesmo ano, no V Congreso do PCE é elixido membro do seu Comité Central. No ano 58 visita Venezuela e instálase en Europa; o ano seguinte participa cunha comunicación, no Congreso da Emigración celebrado en Bos Aires. No ano 1960 realiza unha xira por América, na que percorre varios países contactando con diferentes forzas políticas galegas exiliadas; este mesmo ano, no VI Congreso, é elixido membro do Comité Executivo do PCE e formula a necesidade de crea-lo Partido Comunista de Galicia. No ano 63 realiza a campaña de solidariedade, no norte de Europa, para tentar salva-la vida do dirixente comunista Julián Grimau. En 1965, no VII Congreso de PCE, Santiago Álvarez insiste na necesidade de crea-lo PCG e no ano seguinte aparece en París o primeiro número da revista “Nova Galicia” por el dirixida. No ano 68 fúndase o Partido Comunista de Galicia e Santiago Álarez é elixido Secretario Xeral. Viaxa a China en plena Revolución Cultural. No ano 69 participa en Moscova na Asemblea de Partidos Comunistas e Obreiros. Volta clandestino é detido e liberado o ano 1976 do cárcere de Carabanchel. Participa activamente na vida política galega, sendo candidato en diferentes eleccións polo PCG, abandonando a secretaria en 1978 e nomeado Presidente. Autor de numerosas obras sobre Galicia e o problema nacional, dunhas valiosas memorias e doutros títulos sobre a guerra civil, biografías, etc; faleceu o ano 2002.
Entre as súas obras: “Os Irmandiños”, “A orixe e a formación da nacionalidade galega”, “Ensaio sobre o problema nacional de Galicia”, “O Partido Comunista e o campo”, “Unha alternativa democrática para Galicia”, varios tomos de Memorias, “As milicias populares galegas”, “Memoria da guerrilla”, “Castelao e nosoutros os comunistas”, “Osorio Tafall”, “Negrín personalidade histórica”

Día 12.

1929. Trotski é expulsado da URSS. O 14 de novembro de 1927 fora expulsado do PC da URSS e con anterioridade, en 1925, lle revocaran dos seus cargos no Consello dos Comisarios do Pobo; máis tarde, en xaneiro de 1928 é deportado a Alma Ata na fronteira con Turquía e a finais do ano se lle comunica que terá que saír da URSS o que fai en febreiro do ano seguinte en dirección a Istambul


1934. Sublevación obreira en Viena contra do goberno fascista. En 1918 proclamouse a República Austriaca que despois de varios gobernos de coalición entre Social Demócratas e Social Cristiáns os primeiros saen do goberno central e concéntranse na xestión do goberno de Viena onde levan a cabo un destacado labor; constrúen máis de 60.000 vivendas para traballadores, en enormes complexos con nomes de marxistas e líderes do movemento obreiro, como o famoso Karl Marx Hof, cas características de fortalezas para a súa mellor defensa, dotadas de baños e luz eléctrica e onde se incluían garderías, bibliotecas, piscinas, lavanderías, centros de saúde, xardíns.. o que fixo avanza-lo partido ata acadar preto de medio millón de militantes na capital. Esta política social, foi posible polo florecemento da corrente de pensamento coñecida por “austro marxismo”, que permitiu un avance importante en sanidade, educación, vivenda, urbanismo e arquitectura en beneficio dos traballadores e levou á “Viena a vermella” a ser o exemplo mundial, da política da socialdemocracia
O 4 de marzo de 1933 o enfrontamento entre as diferentes forzas políticas leva á disolución do Parlamento, e nestas circunstancias, Dolfuss que era o presidente do goberno, protexido de Mussolini, faise co poder dun xeito anticonstitucional, co apoio da burguesía, a Igrexa, o Exército e a Policía, que mantiña numerosos mandos monárquicos, de sectores do campesiñado e as súas milicias locais rurais “Heimwehr, dos pequenos comerciantes golpeados pola crise desatada en 1929 e dos grupos armados nazis. Fronte a eles atópase a socialdemocracia que aglutina á clase obreira de Viena, pero moi feble fora da capital, que tiña como principais dirixentes a Adler, Bauer e Kautski, e unhas milicias armadas, Schutzbund, formadas en 1923.
Dolfuss iniciou unha política de persecución do SPD, prohibindo a folga e a manifestación, disolveu a Schutzbund, detuvo a centenares de cadros, asaltou os seus arsenais e deulle máis poder á Heimwehr, fundou un partido a Fronte Patriótica e obrigou a todos os funcionarios públicos a afiliarse, máis tarde ós traballadores do ferrocarril, despois prohibiu os periódicos socialistas, e así seguiu con medidas contra a esquerda e desmantelando as súas milicias obreiras
O detonador do estoupido foi o asalto da sede socialista en Linz, producíndose enfrontamentos co resultado de mortos e feridos; a resposta dos traballadores da capital, unha vez coñecidos os sucesos de Linz, foi convocar unha folga xeral. O exército e a policía responden asaltando a cañonazos as barriadas obreiras e despois de varios días de enfrontamentos armados, os traballadores son derrotados. Tamén se loitou en Graz, Linz, Steyr e algúns outros lugares, pero o día 17 a derrota era completa; en algunhas barriadas obreiras de Viena seguiuse loitando ata o 21. O resultado, preto de 300 mortos nos combates, decenas de execucións sumarias e miles de encarcerados. Quedou claro a incapacidade da socialdemocracia para opoñerse ó avance do autoritarismo e cando o fixo, a loita era moi desigual por haber aceptado durante meses, sen responder, toda unha serie de medidas da ditadura que minguaron a súa capacidade de resposta. No ano de 1938 as tropas nazis entraron en Austria e incorporárona ó III Reich sen resistencia.

1934. Folga xeral en Francia contra do fascismo. Trala caída do goberno Chautemps, o fascismo que está a medrar en Francia, tenta dar un golpe de estado o día 6 asaltando o Parlamento os grupos “Acción Français” de Maurrás e a “Croix de Feu”; a tentativa fracasa pero deixa 17 mortos e máis de 2000 feridos. O día 9 unha enorme manifestación convocada polo Partido Comunista de Francia para condena-lo fascismo e reprimida brutalmente pola policía, producíndose 9 mortos e máis de 60 feridos de bala. O día 12 socialistas, comunistas e sindicatos declaran a folga xeral, en defensa da democracia e a República, unidade que posibilita o goberno de Unidade Nacional que se forma o día 22 presidido polo ex-presidente Gastón Doumerge, no que participan todos os partidos republicanos.

Día 17.

1902. Folga xeral en Barcelona. A partires de 1900 se van producindo toda unha serie de folgas en diferentes sectores e lugares do estado, polas mellores salariais e a redución da xornada, que van culminar desde mediados de 1901, en Barcelona, ca dos toneleiros en xullo, os tecedores en setembro, a construción en outubro e o 15 de decembro a dos metalúrxicos; estase a preparar, por parte dos anarcosindicalistas, a folga xeral de Barcelona, que vai producir importantes debates no movemento obreiro. O día 1 de xaneiro entran en folga os carreteiros e o 5 a “Asociación do Arte Fabril”; o 23 de xaneiro son os panadeiros e o 14 de febreiro anúnciase, nun mitin no “Circo Español” a folga xeral para o día 17. Os dous días seguintes celébranse preto de cen actos e o día sinalado a folga en Barcelona e xeral estendéndose nos días sucesivos a Sans, Sabadell, Tarragona,Terrasa, Reus...Declárase o estado de guerra e clausúranse os centros obreiros; o 21 prodúcense enfrontamentos sanguentos entre folguistas e forza pública. O 24 volveuse ó traballo. O PSOE con Pablo Iglesias á cabeza negaron calquera tipo de apoio á folga e deron instrucións para que non se estendera por onde tiñan máis peso, Pais Vasco, Madrid e Asturias. Na segunda Internacional esta actitude non foi ben vista e recibiu críticas na revista “Le Mouvement Socialiste” que obrigou a dirección do PSOE a explicar a súa posición nunha circular de marzo dirixida a todos os partidos e organizacións socialistas do mundo. A redacción da revista di: “É posible que o movemento anarquista teña parte de influenza nos balbordos; importa iso?. Hai uns obreiros que puxéronse en folga; hai obreiros mortos. Iso é suficiente para que un socialista estivese de todo corazón con eles...”. Iglesias no mesmo número amosábase fachendoso de ter impedido que a folga se estendese por outros lugares do estado. Houbo dirixentes socialistas, como Morato, críticos ca actuación do seu partido.

Día 19.

1927. Folga xeral en Shanghái, polo desembarco o día 12 de tropas británicas. As tropas nacionalistas avanzaban cara a cidade e os traballadores de acordo ó pacto imposto pola Internacional Comunista entre o Partido Comunista de China e o Kuomitang nacionalista, desgastaban as forzas represivas locais, dos señores da guerra convertidos en gobernadores, con folgas e mobilizacións. O obxectivo era a súa derrota, a unificación do país e a creación dun exército nacional.

Día 21.

1848. Publícase en Londres, a primeira edición do Manifesto do Partido Comunista redactado por Karl Marx e Fiedrich Engels. Na primavera de 1847, Marx e Engels se van a afiliar a unha organización revolucionaria coñecida como “Liga dos Xustos”, unha pola degallada da chamada “Liga dos Proscritos”, sociedade secreta que nace en París creada por radicais alemás exiliados, maioritariamente xastres e carpinteiros. A “Liga dos Xustos” comprométese a modernizarse e a publicar un manifesto redactado por Marx e Engels, e no congreso celebrado no verán de 1847 cambian o seu nome polo de “Liga dos Comunistas” e comprométese a “derroca-la burguesía, instaura-lo dominio do proletariado, rematar ca vella sociedade baseado nas contradicións de clase e establecer unha nova sociedade sen clase nin propiedade privada”. No segundo congreso celebrado no outono do mesmo ano, encárganlles a elaboración inmediata do devandito manifesto programa, onde se deixaran claros os obxectivos e a política da Liga. Afirma Hobsbawn, que a Marx custáballe moito traballo escribir senón o facía para unha data prefixada, e aínda que e necesario pensar que houbo borradores preparados por ambos, parece que unha reprimenda do Executivo da Liga, pola tardanza na redacción, levou a Marx a redactalo completo baseándose nos borradores e nas conversas con Engels. Algúns estudosos do tema establecen que a obra de Engels, “Principios do Comunismo”, foi un dos borradores iniciais, abandonado ó pouco tempo.
O folleto titulouse ó principio “Manifesto do Partido Comunista” e desde a edición de 1872, “Manifesto Comunista”.
A primeira edición, en alemán, imprimiuse, como xa queda dito en Londres, na “Asociación Educativa dos Traballadores”, radicada no número 46 de Liverpool Street.
A primeira tradución ó ruso fíxoa Bakunin e foi editada en Xenebra en 1867 e en castelán foi José Mesa e editado na “La Emancipación” en 1872. A primeira edición en inglés é de 1850, aínda que moi reducida e non queda exemplar algún.
Tanto Marx como Engels, deixaron claro, nos prefacios das edicións posteriores, que o documento en moitos aspectos, quedaba desfasado, ó que se pode matizar, que nos económicos non representa a madurez do pensamento marxista que se acada no “O Capital”, pero si ten a madurez do marxismo, na súa concepción materialista da historia.

1919. Asasinato do presidente da Republica de Baviera, Kurt Eisner e proclamación da República Soviética de Baviera. O 7 de novembro de 1918, no aniversario da revolución dos soviets en Rusia, o Consello de Obreiros e Soldados obrigou ó último rei de Baviera, Luís III a abdicar proclamándose unha república de carácter burgués, presidida por Kurt Eisner do Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña. O seu asasinato o 21 de febreiro de 1919 por parte dun ultranacionalista, deu paso, despois dun curto espazo de tempo, ó que se chama a “República Soviética de Baviera”, dominada maioritariamente por forzas de esquerda e onde tiñan, segundo algúns historiadores, grande peso os anarquistas. Unha vez constituída a República de Weimar con presidente socialdemócrata, enviou ós “Freikorps” a poñer fin a experiencia en Baviera, cousa que logran despois de encarnizados combates que se saldan con máis de 1000 mortos, o 3 de maio, fusilando despois da súa vitoria, á maioría dos dirixentes da esquerda bávara, nun número superior ós 800.


1934. Asasinato de César Augusto Sandino, o seu pai, os seus lugartenentes Francisco Estrada e Juan Pablo Umanzor e o ministro de agricultura Sinfonías Salvatierra. O saír dunha cena co presidente da república, Sacasa, o seu coche é parado polo maior Lisandro Delgadillo, disfrazado de cabo, con ordes do xefe da Garda Nacional, Somoza, que os conduce á cárcere do Formigueiro; tendo coñecemento o presidente da detención, púxose en contacto co embaixador norteamericano para que impedira o asasinato, pero os tres xerais foron levados a un cerro coñecido como La Calavera onde foron fusilados; eran as 23 horas. Esa mesma noite, o seu irmán pequeno, Sócrates coronel do exército mandado por Sandino, morre nunha acción armada. O resto dos detidos son executados na cárcere. Nesas xornadas cerca de 300 sandinistas son asasinados. Tempo máis tarde, Somoza xa ditador, recoñeceu recibir ordes do embaixador norteamericano.

1965. Asasinato do dirixente negro norteamericano Malcolm X. Ese día participaba como orador nun acto da Organización de Unidade Afro-Americana, que fundara despois de abandonar a Nación do Islam o 8 de marzo de 1964, na sala Audubon Ballroom en Harlem. Cada vez era máis un dirixente mundial, como quedou claro nas súas xiras por África, sendo recibido polos dirixentes da maior parte dos países, así como pola súa denuncia diante da ONU, do racismo imperante nos EEUU. Despois de peregrinar á Meca, constatou a necesidade de superar parte do seu discurso e facelo máis desde un punto de vista de clase, o que o convertía nun perigo para o sistema; a seguinte cita pode ser aclaratoria da súa evolución:

Estamos vivindo nunha época de revolución e a rebelión dos negros norteamericanos é parte da rebelión contra a opresión e o colonialismo que caracterizan esta época... É incorrecto clasificar a rebelión dos negros como un simple conflito racial dos negros contra os brancos, ou como un problema puramente norteamericano. Máis ben hoxe estamos vendo unha rebelión global dos oprimidos contra os opresores, do explotado contra o explotador”.
Levaba moitos anos vixiado polo FBI, se convertera nunha obsesión para o seu director Edgar Hoover, e tamén pola CIA. Documentos desclasificados revelaron, que estaban preocupados pola súa admiración por Fidel Castro e Ernesto Che Guevara e toda outra serie de líderes terceiromundistas. Polo seu asasinato foron condenados varios negros, pero nunca se esclareceu se foran verdadeiramente os asasinos e menos quen os autores intelectuais do mesmo, aínda que todas as sospeitas recaen sobre servizos secretos e policiacos do propio estado. Esta considerado como un dos estadounidenses máis influentes da historia.

Día 22.

1921. Formación en Viena da coñecida como Internacional 2 ½. A “Unión de Partidos Socialistas para a Acción Internacional”, chamada vulgarmente “Internacional dúas e media”, agrupou a unha serie de partidos socialdemócratas partidarios dunha vía intermedia entre a II Internacional e a III Internacional ou Internacional Comunista. Participaron na xuntanza de Viena, o Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña, a Sección Francesa da Internacional Obreira, Partido Socialista Suízo, Partido Socialdemócrata de Austria, Partido Laborista Independente do Reino Unido, Partido Socialista Independente de Romanía, un sector do Partido Socialista de Italia e en abril, incorpórase o PSOE. Foi elixido secretario xeral Fiedrich Adler, austriaco, e disolveuse en 1923, ó fusionarse ca II Internacional e formar a Internacional Obreira e Socialista

Día 23.

1918. Constitúense as primeiras unidades do Exército Vermello na Rusia soviética. O Exército Vermello foi creado por decreto de 28 de xaneiro de 1918 e a partires de do 23 de febreiro e cando se fai efectivo o recrutamento das primeiras unidades; cando toma forma e comeza a ter capacidade de resposta contra a agresión alemá e máis tarde contra os exércitos brancos e das potencias imperialistas que tentan poñer fin ó proceso revolucionario.

Día 27.

1928. As forzas guerrilleiras comandadas por Sandino, derrotan no Bramadero ás tropas norteamericanas. Na última fase da batalla que durou varias horas os nicaragüenses utilizaron os machetes. A mediados de ano o intelectual francés Henri Barbusse chamou a Sandino “xeral de homes libres”.

1933. Queima do edificio do parlamento en Berlín polos nazis e apertura dos primeiros campos de exterminio para encerra-los comunistas presos, a quen se lles acusou do feito. Entre eles foron detidos os dirixentes comunistas búlgaros Jorge Dimitrov, Vasil Tanev e Blagoi Popov

1989. Prodúcese en Venezuela a mobilización popular coñecida como o “caracazo”. Un mes antes o novo presidente de Venezuela, Carlos Andrés Pérez, do partido Alianza Democrática, pertencente á Internacional Socialista, tomaba posesión do seu cargo nunha Venezuela, onde a grande maioría, máis do 70% da poboación, atopábase nunha situación de pobreza. O seu discurso levantara importantes expectativas por expresar unha posición contraria ás prédicas do Fondo Monetario Internacional, que cas súas medidas succionaba importantes recursos dos chamados “países do terceiro mundo” cara os centros imperialistas.
Pois ben a menos dun mes da súa toma de posesión, Carlos Andrés Pérez, presenta toda unha serie de medidas de corte neoliberal, o que se chamou “o paquetazo”, orientadas á liberalización da economía, despois de asinar unha Carta de Intencións co Fondo Monetario Internacional; liberábanse as taxas de interese e o tipo de cambio, aumentaban os combustibles e o transporte público, así como o teléfono, electricidade, auga potable, etc, o que trouxo consigo o aumento dos produtos de primeira necesidade e acaparamentos de mercadorías por parte dos comerciantes, que produciu desabastecemento.
Na mañá do día 27, diante da suba do cen por cento do transporte, numerosos veciños dos barrios populares de numerosas cidades néganse a paga-la nova tarifa producíndose os primeiros enfrontamentos, queima de buses e saqueos de comercios. A protesta popular fíxose masiva. O goberno suspendeu varias garantías constitucionais , decretou o toque de queda e desatou a maior represión policíaco-militar que se recorda na historia de Venezuela, co resultado de miles de mortos, feridos e encarcerados. Organismos internacionais cifraron os mortos en preto de 3000, o goberno en 300, pero non se contabilizaron por parte dos primeiros, os asasinatos dos días posteriores que leva a que observadores imparciais falen de cerca de 10.000; anos máis tarde foron aparecendo foxas comúns cheas de cadáveres. Como sempre ocorre nestes casos, as chamadas “democracias” non protestaron, nin chamaron a consulta os seus embaixadores.
O exército venezolano ten unha composición de clase en grande parte de extracción popular, o que levou a moitos mandos medios a tomar conciencia, a principios da década dos oitenta, de que tiñan que xogar un papel distinto do que a clase dominante lle reservaba; nace así o movemento ERB-200, que os leva, despois do “caracazo”, a tentar poñer fin á situación de corrupción xeneralizada por medio de dous intentos de golpe militar en 1992. Hugo Chávez participou activamente na creación do movemento e no golpe.
A Corte Interamericana de Dereitos Humanos condenou ó estado venezolano, dez anos máis tarde, por estes feitos e ordenou a reparación ás vítimas. Carlos Andrés Pérez exiliouse nos EEUU, despois de ser acusado de corrupción, e cando gañou Obama as eleccións presidenciais, se pediu a súa extradición sen resultado algún; morreu en Miami.

Día 28.

1961. Atentado terrorista na Academia Nobel de Habana. Cuba. Nesa época eran numerosos os atentados que se producían contra campesiños, alfabetizadores, autobuses, fábricas, etc, por parte de grupos contrarrevolucionarios que contaban co apoio da CIA norteamericana, nun intento de desestabilizar ó poder revolucionario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario