A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 5 de febrero de 2013

CAPITALISMO É CORRUPCIÓN. HAI QUE ABRIR UNHA NOVA PERSPECTIVA DE LOITA


Carlos Dafonte

Estes días, os que habitamos no estado español, recibimos constantemente noticias que falan da corrupción, cobros de comisións por obras e servizos para financiamento ilegal dos partidos, sobresoldos non declarados en Facenda, enriquecemento ilícito de numerosos políticos, rapina sempre, das “arcas públicas” que se nutren cos impostos, taxas e outros tributos, da cidadanía. Hai que clarexar que cando un empresario paga unha “contribución” a un partido por unha obra o un servizo, os cartos entregados, os aumenta no presuposto da obra ou servizo, nunca perde nada, os que perden son os cidadás. Tamén que ese empresario e tan corrupto como a quen soborna.

Informacións dicía, moitas veces segundo o fío argumental da dereita máis conservadora, que tenta convencernos de que a crise sistémica que sufrimos é resultado destas corruptelas e non do propio desenvolvemento do sistema, das súas leis internas, que sempre nos conducen á crise.
Tentan así de matar dous paxaros cun só tiro, desprestixia-la política, porque din, produce efectos nocivos sobre a economía, lle pon regras e controis que frean a iniciativa privada e a obtención de beneficios, e desvia-la atención da sociedade para que non se produza o debate que se debía de estar producindo, sobre o sistema capitalista, as razóns de xerar tanta miseria, paro, discriminacións, na grande maioría da sociedade, no sector dos asalariados que é o que xera a riqueza, e como unha minoría parasitaria, apropiase desta riqueza e vive na opulencia máis insultante. Aínda que se teña repetido ata a saciedade, no capitalismo a produción é social, pero os beneficios non repercuten sobre toda a sociedade, aprópianse dos mesmos unha parte minoritaria da mesma.
É nas crises, que cada vez van ser máis prolongadas e fondas, onde o capitalismo amósase tal como é na realidade; a situación actual é unha guía extraordinaria, un manual de como funciona o modo de produción capitalista e o seu estado, confirmando o que moitos levamos dicindo desde hai moito tempo; ata nunha das zonas onde se acumula unha parte moi importante da plusvalía producida no planeta, na Unión Europea, aparece nesta crise, como o sistema desapiadado, que recorta dereitos, que deturpa ata o concepto que din te-los capitalistas da democracia, etc, polo que nos podemos facer unha idea certa, das consecuencias do seu funcionamento na súa periferia, e cales son as condicións de vida da maioría da poboación mundial.
Na sociedade a corrupción e a febre, amosa que algo está enfermo, non funciona, pero non é a enfermidade, o capitalismo herdeiro e sen reciclar do réxime franquista, o que se chama comunmente “réxime da transición” é a enfermidade da sociedade; a corrupción económica é un dos síntomas; como non vai haber corrupción nun sistema no que todo por principio está apodrentado? Ou non é corrupción que pola venda da túa forza de traballo, o patrón teña cobertura legal para obrigarte a traballar varias horas sen cobrar, que redundan no seu exclusivo beneficio? Que na produción de mercadorías non se teñan en conta as necesidades da sociedade senón exclusivamente acadar beneficios?, Non é corrupción que nun sistema que din democrático a democracia non poda entrar nas empresas?ou que goberne quen non é elixido? como nos casos de Grecia e Italia. Ou que os programas presentados, que é o que lexitima o elixido, non se cumpran? Ou que o sistema electoral non sexa proporcional, para permitir que a clase dominante, moi minoritaria, sempre monopolice o poder?.
Que non tenten enganarnos, vivimos nun sistema cuxos alicerces están corrompidos e que corrompe á sociedade, condición “sine qua non” para perdurar, e se os partidos políticos representan a clases sociais e fraccións de clase, aqueles que defenden o sistema, non poden permanecer ó marxe do mesmo, defenden a corrupción xeneralizada que é o sistema capitalista.
Hai xa bastantes anos, un ministro dun goberno presidido por Filipe González, dixo algo parecido a “en España o que non se fai rico é parvo”, frase que reflicte perfectamente o pensamento capitalista e neoliberal; estase neste mundo para facerse rico, a calquera prezo, traballando abnegadamente non se consegue, e cando se vai ás institucións a ocupar un cargo público, tamén, polo que estamos a constatar nestes tempos, parece que ese fose o obxectivo dunha parte dos que ocupan estes postos, e dixen unha parte, non todos.
A corrupción hoxe, no estado español anega todas as institucións, desde os partidos ata á monarquía, poñendo en cuestión o réxime da transición, que lle garantiu á oligarquía varias décadas de explotación da clase asalariada. As tramas de Gurtel, o “caso Urdangarín”, as implicacións dos partidos cataláns en diferentes casos de corrupción,os numerosos alcaldes, ministros e concelleiros, conselleiros en activo ou “ex”, que se ven implicados en tramas de corrupción ou en actitudes fora de toda ética política esixible para quen goberna nos diferentes niveis da administración, axudan a facer a atmosfera irrespirable, e digo axudan porque o que a fai completamente irrespirable é a crise sistémica do capitalismo e as medidas que os dous grandes partidos foron tomando para garantirlle á oligarquía a recuperación da taxa de ganancia.
E escóitanse os vellos sonsonetes de sempre, “é necesario facer unha nova lei de financiamento dos partidos”, repetido desde hai moitos anos, e nese saco cabe de todo, desde os que sinalan a necesidade dun modelo como o norteamericano, onde na realidade, ou se é multimillonario ou son as grandes corporacións empresariais as que financian ós candidatos ó Congreso e o Senado, que despois actúan o servizo de quen lles financiou e non de quen os elixiu co seu voto, ou os que pensan que permitindo que se recade máis, soluciónase o problema; enorme erro, que só permitiría que os partidos burgueses recadasen máis o que faría avanzar cara a un sistema aínda máis bipartidista e con menos presenza da esquerda, que pouco recadaría das burguesías estatais e empresas, que son as que teñen capacidade para influír verdadeiramente nun proceso electoral.
Ademais, na competencia entre partidos do sistema na formación social capitalista, burguesa, sempre vai pasar como na competencia intercapitalista en loita polos mercados e materias primas, que se utiliza calquera recurso, legal ou non, con tal de desbancar a quen disputas o poder; os grandes partidos da dereita non son estruturas políticas, que loitan por un programa, cunha ideoloxía, son estruturas de poder só interesadas en representar nas institucións a determinados grupos sociais, para que acaden importantes cotas de beneficio.
A situación é moi complexa, como atopar una solución para avanzar por parte dos que sofren a historia e a crise?; a crise da esquerda maniféstase tamén na crise de alternativas; o fundamental é acertar cunha proposta, e nestes momentos propoñer calquera cousa con tal de quitarnos ó PP de enriba, aínda que poda parecer adecuado, ó mellor non é unha perspectiva que se poida considerar de clase. @s asalariad@s do estado español, coñecemos que unha alternativa ó PP, ca intervención do PSOE tampouco é aceptable, o mesmo PSOE das reformas do 2006, da fiscal, da laboral, o PSOE da lei para axilizar os desafiuzamentos, da reforma laboral do 2010, do ataque ás pensións, o dos centros concertados da igrexa, dos ERES de Andalucía...por non falar da OTAN, da política imperialista sometida á dos EEUU, ou a aprobación da Constitución Europea, os tratados que configuran a actual Europa neoliberal e contraria ós intereses d@s asalariad@s, o PSOE suxeito de corruptelas múltiples ó longo do territorio do estado..
Isto o está a percibi-la xente que nas enquisas realizadas estes días reflicten que o PSOE, a pesares da queda estrepitosa do PP, apenas “recolle” unhas décimas. A clase traballadora a grande maioría da sociedade, comeza a decatarse que ten que illar a estes dous partidos e buscar unha alternativa propia; dunha vez por todas debe agruparse en algo novo, independentemente de como lle queiramos chamar, “Fronte de Esquerdas”, “Unidade Popular”, o nome é o de menos, cun programa propio que rache co sistema capitalista e abra unha perspectiva de futuro, capaz de ilusionar, de mobilizar a amplas masas, polo que sexa importante loitar. Pero non pode ser un instrumento que nace para participar nas eleccións, co obxectivo de levar caras novas ós diferentes Parlamentos, Cortes e Concellos, ten que ser máis que iso, ten que nacer para levantar contrapoder, para disputa-la hexemonía á clase dominante.

En Galicia no mes de febreiro de 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario