A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 25 de agosto de 2008

O NON IRLANDÉS E ALGUNHA CONSIDERACIÓN SOBRE A CONSTRUCCIÓN EUROPEA

Carlos Dafonte


O “non” maioritario dado polo pobo de Irlanda no referendo sobre o Tratado de Lisboa, abriu toda unha serie de reflexións nos medios de comunicación, entre diferentes persoas relacionadas coa política e foi tamén motivo de discusión e debate entre as xentes do común preocupadas polo xeito en que se esta a levar a construción da Unión Europea.


En primeiro lugar hai que dicir que na lóxica da súa construción, este “non” debe paralizar o proceso de ratificación do Tratado; é o acordado, é o democrático, pero parece que o acordado diante deste atranco imprevisto, agora xa non vale e deste xeito si antes a construción europea era un proceso marcado pola falla de democracia, a partires de agora se convirte nun “cambalache” no que todo vale, con tal de acada-lo obxectivo final establecido polos intereses económicos dominantes.


Tamén é grave que ó calor da postura do pobo irlandés, téntese desacreditar, por parte dalgúns sectores políticos que se consideran á esquerda, as razóns que levaron a ese non: que se hai unha grande influenza no mesmo da administración dos EEUU, se esta en consonancia coa súa posición reaccionaria a favor da pena de morte e contra do aborto, etc. Descoñezo as razóns que levaron a unha maioría do pobo irlandés a votar non, pero o xuízo de intencións paréceme denigrante e “postura de mal perdedor”. Cando o que verdadeiramente debían reivindicar estes sectores era a celebración de referendos en todos os países e non ratifica-lo Tratado de Lisboa dun xeito clandestino e de costas ós pobos, como se esta a facer.


Pero hai un feito ineludible que é necesario plantear para entender ben o que é a Unión Europea; os primeiros organismos unitarios nacen non como resultado do pensamento de seres excepcionais, cunha visión particular do que debe ser un continente gobernado democraticamente, con respecto ás diferentes culturas, nacións sen estado,etc, que é o que nos queren facer cree-los propagandistas da Europa do capital, sobre os homes e mulleres que sentaron os alicerces da actual Unión, ós que moitas veces chaman “visionarios”, senón que a actual UE nace como resultado das posicións de personaxes como Wiston Churchill que xa expón no ano 1946, en Zurich, como resultado da consolidación da URSS, dos avances dos partidos comunistas en numerosos países europeos, gobernaban en coalición en Italia, Francia, Bélxica e Dinamarca, a necesidade de tentar buscar unha saída dialogada para as contradicións intercapitalistas europea, que dende principios do século dirimíanse por medios pouco pacíficos: dúas guerras en 25 anos. Agora, de continuar por ese camiño, as burguesías podían ser desprazadas do poder polo movemento obreiro maioritariamente influído polo comunismo. A segunda grande idea de Churchill foi a necesidade de establecer un “pano de aceiro” para evitar que o comunismo seguira avanzando por Europa occidental; como resposta lóxica a este postulado prodúcese a intervención imperialista en Grecia que fora liberada dos nazis polas guerrillas de tendencia comunista e a expulsión dos partidos comunistas dos gobernos da Europa capitalista.


É pois, a necesidade de buscar solucións pacíficas ás contradicións intercapitalistas, as que levan a aparición da Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro; a defensa do capitalismo por enriba de todo.


Na etapa de expansión económica que vai dende o final da Iiª Guerra Mundial ata finais dos anos sesenta, poucos pasos se deron na construción europea. Acelérase o proceso ó entrar nunha etapa recesiva a nivel económico e cando as contradicións entre as burguesías nacionais vólvense poñer en evidencia; e sobre todo despois da desaparición da URSS, da restauración capitalista no leste de Europa, e a perda de forza da esquerda na Europa occidental ata, podemos aseverar, a súa desaparición. Pero que a esquerda tradicional europea se atope hoxe en bancarrota, refírome fundamentalmente ós partidos comunistas e algúns socialistas que non se reconverteron ó neoliberalismo, non indica que non haxa unha parte dos cidadás europeos que manteñen posicións da esquerda tradicional e outra que mantén posicións que podemos definir como “anti- globalización neoliberal”, aínda que non apareza con claridade unha alternativa ó sistema capitalista.


Estamos pois nun proceso pulado pola burguesía imperialista europea que aproveita a febleza do pensamento e da organización da xente da esquerda, para aceleralo e impoñer unha construción da Unión Europea antidemocrática, que é o propio do capitalismo, e que sexa un instrumento ó servizo dos seus intereses económicos, nestes etapa de crise, que abre de novo un período de contradicións entre os diferentes sectores da burguesía a nivel mundial. Un modelo excluente da maior parte da poboación.


E nesta perspectiva é importante subliñar tamén, que a construción da UE atopa importantes atrancos por parte dos EEUU de Norteamérica, que utiliza a fondo o seu instrumento máis eficaz, a OTAN, para materializar esta política: guerra de Iugoslavia, ingreso de países da Europa do leste antes da súa incorporación á Unión Europea, enfrontamento con Rusia, asentando mísiles en Polonia e a república Checa o que dificulta as relacións coa Unión nunha cuestión vital como é o subministro de petróleo e gas, etc.


Nestas circunstancias, inclusive entre sectores que se consideran da esquerda, pode medrar a opinión de que o importante é que a Unión se consolide, a calquera prezo, que xa chegarán tempos mellores nos que se poidan introducir modificacións fondas no que hoxe se aprobe. Están cegos os que así pensan, e o que nos indican é que deixaron de ser esquerda; apostan pola consolidación do modelo capitalista máis depredador, antidemocrático e agresivo, só superado polo fascismo e o nazismo.




En Galicia no mes de agosto de 2008