A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 17 de agosto de 2023

A XUNTANZA DOS BRICS DO 22-24 DE AGOSTO. DEFINIR UNHA NOVA DINÁMICA MUNDIAL.

Carlos Dafonte.

    Estes tres días en Johannesburgo vanse xunta-los BRICS, é dicir Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica, que só con dicir que representan o 43 % do PIB mundial, fronte ao 25 % do G-7, indica a importancia da xuntanza nun planeta cada vez máis dividido entre dous bloques. Como levo dicindo dende hai uns anos, en dúas cadeas imperialistas con xeitos distintos de interpreta-lo seu poder e polo tanto, en como o sofren os países elos máis febles de ámbalas dúas cadeas.

Nesta xuntanza vaise poñer de manifesto, unha dinámica dende hai anos imparable, a unipolaridade que ata aquí impuxo o bloque anglosaxón rematou e agora temos outros actores e outros agrupamentos. Durante moito tempo coñecimos como actuaba quen mandaba, impuña os seus criterios, invadía, daba golpes de estado, sancionaban economicamente, e todo o que coñecemos dende hai tempo; os BRICS formulan outro tipo de saídas aos problemas presentes.

martes, 15 de agosto de 2023

UNHA NOVA SUBIDA DOS TIPOS DE XURO. O SAQUEO DOS SALARIOS


Roberto Laxe

A poboación europea atopase diante dunha nova subida dos tipos de xuro por parte do BCE, en paralelo á Reserva Federal dos EEUU, que pasaron do 0% hai escasamente ano e medio, ao 4.25% actual, nunha tendencia á que non se lle ve final. Ao mesmo tempo, os Bancos anuncian beneficios históricos e a CEOE recoñece, no seu estudo do 2022, que son os beneficios empresariais os que “aceleraron a escalada dos prezos” (O Confidencial).


Desde todos os medios de propaganda, para xustificar a subida dos tipos de interese, din que é para combater a inflación; e para iso péganlle un machadazo aos salarios, buscando a redución do consumo das familias.


As causas da inflación


Se se segue a lóxica simplista do BCE e o goberno de “progreso”, a responsabilidade das altas taxas de inflación téñena os traballadores e traballadoras que gañan moito e consumen como posesos, co reaquecimento da economía: a subida dos tipos de xuro é o xerro de auga fría que evita ese sobrequecemento. Así, no Informe Perspectiva de Emprego 2023 da OCDE destácase que os traballadores e traballadoras españolas perden un 1.2% de poder adquisitivo pola inflación.


miércoles, 2 de agosto de 2023

O 23 DE XULLO FREOUSE O AVANCE DA EXTREMA DEREITA. NADA MÁIS.

 Carlos Dafonte.

Dúas consideracións previa.

Quero iniciar este comentario sobre as eleccións xerais do 23 de xullo, deixando moi claro que a Constitución burguesa española establece que non somos unha democracia presidencialista, como algúns tentan esquecer para solicitar ser presidente do goberno por pertencer ao partido máis votado e con máis escanos no Congreso dos Deputados, como estes días esixe Feijoo e o seu partido. 

Cando convócannos a unhas eleccións xerais non se fai para elixir un presidente, o que temos que elixir é un Congreso dos Deputados e un Senado, onde haberá partidos con máis escanos e outros con menos, pero iso non indica moito.