A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 25 de marzo de 2014

O IMPERIALISMO. REFLEXIÓNS E PERSPECTIVAS


Carlos Dafonte

Hai moitos anos, o 24 de febreiro de 1965, no Seminario Afroasiático celebrado en Alxeria, unha parte da esquerda mundial recibiu un “electrochoc” cando Ernesto Guevara leu o que foi considerado un dos máis célebres discursos por el pronunciado, onde con poucas veladuras acusaba ós considerados países socialistas de practicar un imperialismo encuberto, sobre os países subdesenvolvidos:
“(:::) el desarrollo de los países que empiezan ahora el camino de la liberación, debe costar a los países socialistas(...) No puede existir socialismo si en las conciencias no se opera un cambio que provoque una nueva actitud fraternal frente a la humanidad, tanto de índole individual, en la sociedad en la que se construye o está construyendo el socialismo, como de índole mundial en relación a todos los pueblos que sufren la opresión imperialista..
Creemos que con este espíritu debe afrontarse la responsabilidad de ayudar a los países dependientes y que no debe hablarse más de desarrolllar un comercio de beneficio mútuo basado en los precios que la ley del valor y las relaciones internacionales del intercambio desigual, producto de la ley del valor, oponen a los países atrasados.

¿Cómo puede significar “beneficio mútuo” vender a precios de mercado mundial las materias primas que cuestan sudor y sufrimientos sin límites a los países atrasados y comprar a precio de mercado mundial las máquinas producidas en las grandes fábricas automatizadas del presente?.
Si establecemos ese tipo de relación entre los dos grupos de naciones, debemos convenir en que los países socialistas son, en cierta manera, cómplices de la explotación imperial. Se puede argüir que el monto del intercambio con los países subdesarrollados, constituye una parte insignificante del comercio exterior de estos países. Es una gran verdad, pero no elimina el carácter inmoral del cambio.
Los países socialistas tienen el deber moral de liquidar su complicidad tácita con los países explotadores del Occidente.(...)”
Polo tanto para un sector amplo da esquerda mundial, onde o Che Guevara e a revolución cubana tiñan un enorme prestixio, posicións como as que contiña o discurso de Alxeria, foron motivo de discusión non só sobre a relación dos chamados países socialistas cos subdesenvolvidos, tamén sobre as existentes entre a URSS e o resto de países do pacto de Varsovia e sobre todo ca outra grande potencia que iniciara o camiño do socialismo, China; se entre eles podíanse estar a dar relacións de carácter imperialista.
A partires dos análises sobre os devanditos feitos, os apoios que a URSS prestaba a países subdesenvolvidos que non se liberaran do xugo do neocolonialismo, foron analizados desde outra perspectiva distinta. Con anterioridade era moi común razoar que este apoio era, en exclusiva, para axudar a edificar unha sociedade máis xusta e igualitaria, ó marxe da explotación e submisión a intereses foráneos que a presencia imperialista encabezada polos EEUUU, significaba. A partires desa intervención, moitos perdemos unha certa inocencia.
Poucos anos despois, a posición do Partido Comunista de Checoeslovaquia no proceso que se coñece como “primavera de Praga”, iniciado no ano 1967, volveu a abrir o debate no seo da esquerda sobre estas relacións, sobre todo despois da entrada dos tanques do Pacto de Varsovia para poñer fin a experiencia, en agosto de 1968. Algúns consideraban que a posición do PCCh era cómplice, facíalle o xogo a escalada do imperialismo contra a URSS, a nai do socialismo. Enfronte atopábanse os que consideraban que o pobo checoeslovaco tiña dereito, co seu PC á fronte, a buscar alternativas distintas de carácter económico, de organización política e tamén social, sempre dentro da edificación do socialismo, ás impostas desde Moscova, que no fondo tiñan fortes ligazóns ca idea de “socialismo nun só país”, de sometemento non xa dos partidos comunistas ás políticas de Moscova, senón de todo canto país rachase co capitalismo e iniciara o proceso de edificar unha sociedade alternativa ó mesmo. Afirmouse que do que se trataba era de poñer orde nos espazos imperialistas que cada “grande potencia”, serva o eufemismo, administraba.
Polo tanto sectores, digamos xenericamente, comunistas do estado español, sempre tiveron moi presente que no propio campo onde se tentaba edifica-lo socialismo, podíanse a estar a producir relacións entre estes países que eran unha copia das que se producían na cadea imperialista, con elos fortes e febles e resultados desastrosos para os máis febles.
Agora, que se ten restaurado o capitalismo na que se coñecía como Europa do leste e China, sería inxenuo pensar que as dúas grandes potencias que en tempos tentaron edifica-lo socialismo, non tentasen impoñer relacións de carácter imperialista cando se restaurou o capitalismo; non facelo sería tanto como acepta-la supremacía dos EEUU e xogar un papel subordinado.
O problema de comprender como funciona o imperialismo hoxe, desde o meu punto de vista, atópase en dar resposta as seguintes cuestións: en primeiro lugar, como debemos interpretar hoxe o elaborado por Lenin sobre o imperialismo, que non foi demasiado;en segundo se nun mundo no que agás dous ou tres países o resto é capitalista, hai unha soa cadea imperialista e estase a loitar por ser dentro de ela os elos máis fortes; terceiro, se o imperialismo dos USA e os seus asociados ten o mesmo carácter que o que practican as potencias que fracasaron na construción do socialismo e cuarto se da crise actual o imperialismo vai saír reforzado.
Lenin analiza no seu folleto, así lle chama, “O Imperialismo, fase superior do Capitalismo” que este é resultado, como xa demostrara Marx, de que a libre competencia enxendra a concentración da produción e que dita concentración nun certo grao do seu desenvolvemento, conduce ó monopolio, fillo tamén das sucesivas crises que se dan no planeta. En primeiro lugar da grande depresión internacional da industria na década dos anos 70 de século XIX, orixinada no crac de 1873. Nesta etapa aparecen e se desenvolven os cartels, asociacións monopolistas de patróns. A crise que se inicia en 1900, os consolida e afirma Lenin, “os cartels convértense nunha das bases de toda a vida económica. O capitalismo se ten transformado en imperialismo”.
É interesante como recolle algún aspecto do escrito polo economista burgués Kestner, no relativo a como os cartels tentan subordinar a aqueles empresarios que non forman parte dos mesmos, que pode dar as claves do que ocorre hoxe en día, entre a grande empresa transnacional e aquelas que non o son, os medios para que a grande someta á pequena: Privación de materias primas, de man de obra mediante alianzas cos sindicatos obreiros, de medios de transporte, de posibilidades de venta, acordos cos compradores para soster relacións só cos cartels, mingua sistemática dos prezos, privación de cretos, declaración do boicot.

Os puntos que definen o imperialismo.
O Imperialismo, como afirmou Vidal Villa, é polo tanto un fenómeno que aparece como resultado da evolución dialéctica das contradicións do modo de produción capitalista. A solución das contradicións propias do capitalismo de libre concorrencia é a súa negación, a aparición do seu contrario. Non é o resultado dunha política dunha clase determinada como sostiveron algúns dos máis importantes dirixentes da II Internacional, senón como a evolución necesaria do propio sistema capitalista. O Imperialismo é unha necesidade histórica do sistema capitalista.
É moi coñecida a definición que Lenin da do Imperialismo, definición abreviada, di el, “é a etapa monopolista do capitalismo” e no desenvolvemento da mesma e cando formula os cinco puntos que sempre se utilizan para falar do tema, aínda que reducen os contidos do que Lenin formulou só o aspecto económico, eliminando os políticos- revolucionarios, terxiversando en certa medida o seu pensamento.
Aínda que moi coñecidos, vámolos lembrar: a concentración da produción e o capital desenvólvese nun grao que crea a aparición dos monopolios, que van desempeñar un papel moi importante na vida económica; a fusión do capital bancario co industrial e sobre a base deste capital financeiro a aparición da oligarquía financeira; adquire enorme importancia a exportación de capitais, relegando a un segundo termo a exportación de mercadorías; a formación de agrupacións de capitalistas monopolistas que se reparten o mundo; finalizado o reparto do planeta entre as grande potencias, só cabe que unhas rouben a outras territorios de influenza.
Como se pode apreciar estes cinco puntos refírense estritamente a aspectos económicos, pero Lenin falou tamén doutros elementos propios do imperialismo, intimamente conectados con estes cinco, que é necesario salientar. En primeiro lugar, o que denomina “aburguesamento” dun sector da clase obreira dos países imperialistas máis poderosos, proceso que considera propio do imperialismo: “O imperialismo tende a crear sectores privilexiados tamén entre os obreiros e a separalos das amplas masas do proletariado” e no limiar á edición francesa afirma: “Esta capa de obreiros aburguesados ou de “aristocracia obreira”, enteiramente pequeno burguesa polo seu modo de vida, polos seus salarios, por toda a súa concepción do mundo, é o principal sostén da II ª Internacional e, nos nosos días, o principal apoio social da burguesía”. Polo tanto o imperialismo actúa sobre a estrutura de clase dos países poderosos, isto no significa que anule as contradicións de clase, pero explica o apoio naqueles tempos, ás políticas revisionistas da Internacional Socialista e ás keynesianas de despois da II ª Guerra Mundial, así como as dificultades para levar a cabo nos países centrais do sistema políticas revolucionarias, posto que a súa dirección política non o é, a clase obreira intégrase no sistema e como di Lenin, “Na guerra civil entre a burguesía e o proletariado, un número apreciable deles se aliñan xunto a burguesía”.
Polo tanto se traducíramos a actualidade o que reflectíase nos tempos nos que Lenin escribiu a súa obra, a un espazo como poden ser na Unión Europea, afirmaríamos que os que se seguen a chamar socialistas, fillos e herdeiros, dun cadáver que é a II ª Internacional, como nos seus tempos, fan políticas ó servizo do capitalismo e seguen a contar cunha importante base obreira, incapaz de liberarse da falsa afirmación de que seguen a representar a esquerda.
Outro punto a salientar por Lenin no seu análise do imperialismo, e que se esquece moitas veces, é sobre o papel revolucionario que van xoga-los movementos de liberación pola independencia e contra o colonialismo e o imperialismo, e a necesidade de alianzas entre o proletariado revolucionario e estes movementos.

A existencia de dúas cadeas imperialistas.
Desde o meo punto de vista, na actualidade existen dúas cadeas imperialistas formadas por elos fortes e febles, que se atopan relacionadas a todos os niveis, como é o normal nun mundo dominado polo modo de produción capitalista, cuxos elos máis fortes de cada unha delas someten ós máis febles os seus intereses, é dicir téntanse facer ca maior parte de plusvalía posible dos países da súa influenza. Dentro de cada cadea, como non podía ser doutro xeito tratándose do sistema capitalista, existen contradicións entre os máis fortes; e non debía facer falta repetilo estas contradicións son formidables entre os elos fortes de cada unha delas. Polo tanto que ninguén espere que diga que hai un imperialismo malo e outro bo, ningún dos dous e bo para quen o sofre. Pero iso non quere dicir que os xeitos de exercelo sexan os mesmos entre os que poden se-la parte forte dunha cadea, os chamados BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica) na que non todos xogan o mesmo papel e os da outra, cos EEUU, a UE e Xapón como principais representantes, onde a OTAN é a primeira potencia mundial militar, e os EEUU teñen bases en case todos os países do planeta; en tempos dicían, para defende-lo mundo do comunismo, agora debían desmantelalas pois senón haberá que dar a razón ós que sempre pensamos que o que se quere é domina-lo mundo e non salvalo de ameazas inexistentes.
Ademais os EEUU teñen frotas moi poderosas en todos os mares, comandos militares cos seus mandos específicos en todos os continentes, ultimamente trasladaron o mando relativo a África, AFRICOM, de Europa a Nixeria, o que seguramente vai significar desestabilización para determinados países dese continente.
Ó imperialismo encabezado polos EEUU non lles chega co dólar para domina-lo planeta, necesitan a forza, a violencia, o amedrentamento, as ditaduras, a desestabilización dos seus inimigos por calquera método para acada-los seus fins. E as empresas multinacionais, tamén seguen a necesitar como no caso do Congo, exércitos de mercenarios, aeródromos e frotas de avións de carga para saca-lo mineral estratéxico chamado coltán e almacenalo en lugares máis seguros. Saquean o país con total impunidade.
E no caso da OTAN, hai que recoñecer que a política agresiva contra Rusia, unha vez desaparecida a URSS, serve como exemplo da súa agresividade; entraron na organización militar, Hungria, Polonia, Estonia, Letonia, Lituania, República Checa, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, Croacia, Rumanía, Bulgaria e Albania; na maior parte con bases de mísiles que apuntan a Rusia; Ucraína estaba fora, pero o golpe dado polos neonazis, o partido Sbovoda, seguidores do coñecido dirixente, xa falecido Bandera, posiblemente lles leve a pedir tamén a entrada na organización.
China e Rusia levan políticas similares no planeta?. Hai que recoñecer que son imperialistas pero exercen esta función dun xeito moi diferente. Eu cualifiqueino de imperialismo de “baixa intensidade”.
Nos últimos anos os tratados preferenciais asinado por EEUU e China con terceiros países, teñen cambiado diametralmente; hai vinte anos, EEUU superaba en moito os tratados subscritos, hoxe China xa ten máis tratados comerciais, con países ou áreas económicas, que a primeira potencia mundial e polo de agora ninguén lles pode atribuír ós chineses ameazas militares, golpes de estado para que asinen con eles estes tratados, etc, cousa que é o habitual na actitude dos USA a traveso da súa historia. Non hai máis que observar con vagar a cantidade de intervencións que realizaron en América durante todo o século XIX e principios do XX; en México a quen lle roubou máis da metade do seu territorio, en Nicaragua en numerosas ocasións, en Cuba e Portorrico, en Colombia segregándolle o territorio de Panamá, na República Dominicana en varias ocasións, en Haití, ou en Honduras, intervencións todas anteriores a 1925. Cando o imperialismo, como maduración do capitalismo, atopábase nos seus inicios.
Os países capitalistas imperialistas sempre buscan o mesmo, apropiarse da maior cantidade de plusvalía en beneficio dun sector minoritario da sociedade planetaria en constante loita entre os diferentes grupos nos que este sector divídese; pero o xeito no que se exercen as relacións con terceiros países, a súa actividade para acada-los seus obxectivos, pode non ser sempre a mesma.
A crise actual non debe afectar do mesmo xeito ás dúas cadeas imperialistas e polo tanto as súas respostas as súas necesidades de acaparar plusvalor tamén son diferentes. Se observamos con atención as intervencións agresivas dos EEUU e os seus aliados neste período desde principios do novo século, céntranse preferentemente nos países onde a plusvalía obtida dos traballadores e as materias primas, eran “administradas” por gobernos que non permitían o libre acceso ás empresas multinacionais, onde existen controis estatais, atrancos importantes o acceso ó plusvalor producido pol@s traballador@s. O que non quere dicir que a riqueza producida pola forza de traballo fora distribuída equitativamente.
O que esta claro é que esta crise, como ocorreu noutras ocasións, vai afonda-lo proceso de concentración do capital; o acontecido cas Caixas e Bancos no estado español pode servir de exemplo, o que vai a reforza-lo proceso de fortalecemento dos monopolios e polo tanto do imperialismo.
Pero ó mesmo tempo a crise pon en cuestión, pola dureza da mesma en todos os elos, das cadeas imperialistas, tanto entre os fortes como entre os febles, a posibilidade de que unha grande parte dos traballadores dos países centrais, continúen a xoga-lo papel de esquirois da súa propia clase, o que significa a perda de credibilidade das cúpulas burocratizadas dos sindicatos e tamén a perda de apoio ó que representan hoxe, e que Lenin analizaba no seu tempo, os herdeiros da Internacional Socialista, os partidos chamados socialistas cuxa misión, “grosso modo”, non é outra que recolle-los votos de importantes sectores do movemento obreiro e popular e poñelos ó servizo dos intereses da oligarquía.
Non todos os países capitalistas son imperialistas, aínda non se chegou ó grao de desenvolvemento do capitalismo no planeta, para que así sexa; e hai países que loitan, ca clase obreira á cabeza, contra a dependencia que os converte nun elo dunha cadea imperialista determinada; a solidariedade dos traballadores do centro do sistema segue a ser, como nos tempos de Lenin, fundamental para axudar á súa liberación e a loita contra o imperialismo. Coñecemos as dificultades para edificar unha nova sociedade, se este proceso non se leva adiante en diferentes lugares e dun xeito coordinado. Polo tanto segue a ter o internacionalismo, unha importancia fundamental.

En Galicia, no mes de marzo de 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario