Carlos Dafonte

Excepto na presidencia de Suárez, ca súa negativa a entrar na OTAN, que quizais precipitou a súa renuncia ó cargo, nunca esclarecida, o resto dos gobernos e os presidentes dos mesmos, amosaron unha tendencia manifesta a ligarse ós intereses imperialistas.
Calvo Sotelo, do mesmo partido que Suárez, facéndonos entrar na OTAN pola porta de atrás; Filipe González levando a cabo, en 1982, unha campaña electoral enganosa, prometendo que nos sacaría da mesma e unha vez no goberno, e no cumio do seu prestixio, convocou un referendo para quedarnos, con determinadas condicións, como non integrarnos na estrutura militar, cuestión que non cumpriu; Aznar asinando un novo tratado coa gran potencia en 2002, no que se lle permite o estacionamento de novas tropas norteamericanas no territorio, a utilización do espazo aéreo sen condicións, incluíndo o transporte de armamento nuclear e a libre disposición do territorio do estado para a actuación dos servizos secretos militares; e o actual, Rodríguez, aprobando un “tratado constitucional para Europa”, por medio dun referendo coa axuda do PP, sempre disposto a apoiar todo o que sexa o submisión á política imperial, no que se asumían conceptos que utiliza a gran potencia na súa intervención contra dos pobos, como era a guerra preventiva; ratificouse en Consello de Ministros o tratado asinado por Aznar e estes días, sen discutir na sociedade nin no parlamento, nin na U.E., aprobarán, así o anunciou, sumarse o chamado “escudo antimísiles” da OTAN, que non é outra cousa que a vella “guerra das galaxias” do presidente Reagan en versión Obama.

Non esquezamos o que dicía Lenin sobre os gobernos que actúan como os comités centrais das burguesías; pois ben nesta situación de crise xeneralizada, agora dun xeito máis evidente, a oligarquía, as empresas multinacionais do estado, necesitan participar no enchente do espolio dos pobos e recoller, aínda que non sexa máis que as sobras das grandes potencias, algunha tallada; é dicir, contratos, concesións, etc. Para iso está o goberno, para asegurarlles por medio da política os beneficios que as contradicións intercapitalistas lles negan, sen importar que se conculque a soberanía , o que diga a constitución, ou o aprobado no referendo de 1986.

Estes días apareceu nalgún medio a noticia da negociación da débeda do ministerio de defensa que ascende a 26.000 millóns de euros, pola compra de diverso “material de morte”, tanques, avións, etc; pouca información, como sempre que se trata de algo que se relacione cas forzas armadas, da instalación dun Centro de Operacións Combinadas en Torrexón, preto de Madrid; nada das operacións, numerosas, que o exército, a aviación, a mariña ou a garda civil, leva a cabo en numerosos países e o custo de todas estas operacións.
Sempre que vexo ou escoito un debate sobre a redución do gasto público, e levamos varios anos co tema, espero que algún periodista ou dos participantes no faladoiro, diga algo sobre o gasto militar, pero nada; tampouco se debate sobre algunhas misións nas que participan as forzas armadas como en Afganistán, onde tiñamos que axudar a recosntrui- lo país e implanta-la democracia, e nin o primeiro nin o segundo. Atopámonos inmersos nunha guerra de moi difícil solución e para iso non hai mandato parlamentario.
Ninguén pide datos sobre o custo da campaña contra Libia, onde posiblemente se teña creado un foco de inestabilidade permanente e se vai fractura-lo país, dándolle pulo a sectores moi radicalizados do islamismo. Os temas de defensa son “tabú”, como nas ditaduras, onde mandan os chamados “partidos militares”.
É vergoñento que a poucos días da súa saída do goberno, o PSOE poña a guinda no seu pastel de ataques contra @s traballador@s asalariad@s con esta cuestión do escudo antimísiles; non só vai significar mais gasto, tamén máis control e máis atrancos para unha saída da crise, distinta ó capitalismo.
En Galicia no mes de outubro de 2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario