A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 15 de septiembre de 2010

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A FOLGA XERAL DO DÍA 29

Carlos Dafonte

Os sindicatos convocan á folga xeral para o 29 de setembro. Despois de moitas dúbidas e vacilacións e grazas a presión de milleiros e milleiros de taballador@s, dunha parte da súa base afiliada que esixen unha resposta contundente contra as políticas económicas e sociais do goberno, e a evidencia de que as reformas poñen en entredito a existencia dos propios sindicatos; convocan no contexto dunha xornada europea que ten aspectos positivos, unha resposta unitaria da clase traballadora á agresión dos gobernos e dos “mercados”, pero tamén negativos, difumina, en certa medida, o enfrontamento coas políticas do goberno burgués do PSOE.
É tal a magnitude do ataque contra os dereitos e as condicións sociais dos traballador@s asalariad@s, e tan brutal o asalto contra o cativo, dos máis febles da Unión Europea, “estado de benestar” do estado español, que os dous maiores sindicatos, a pesares da burocratización das súas direccións, non lles quedou máis saída que convocar unha mobilización xeral. ¿ten que ser unha folga xeral ou debía ter o carácter dunha xornada de loita antecedente dunha folga xeral? ¿Están os sindicatos actuais preparados para levar a bo porto esta folga? Nos últimos anos a transformación dos sindicatos foi moi importante, no sentido contrario ó que expresan os propagandistas e defensores do capitalismo; de ser instrumentos de loita e de defensa do conxunto dos traballador@s convertéronse en organismos de servizos, perderon o seu carácter sociopolítico. Polo tanto non teñen, en principio, os instrumentos apropiados para enfrontarse á tarefa que se teñen imposto para o día 29
Pero non podemos eludi-lo feito de que nos atopamos na proximidade dun dos actos máis importante da loita entre os traballador@s asalariad@s e os seus explotadores, a burguesía, neste caso representada polo goberno do estado, o principal partido da oposición e algúns dos partidos nacionalistas, Converxencia i Unió, Partido Nacionalista Vasco, etc.; e se ben os convocantes, os sindicatos maioritarios, posiblemente non teñan moito interese en que a convocatoria sexa un éxito, a maioría da sociedade, que somos os agredidos polas políticas do goberno, debemos ter conciencia do que nos xogamos, unha vez convocada a folga; ou somos capaces de para-lo ataque contra os nosos intereses, salarios, condicións de traballo, dereitos, pensións, etc, ou este ataque se vai facer aínda máis poderoso e nos vai retraer ás condicións sociais e laborais de hai máis de corenta anos. Porque o que esta en xogo é como se sae da crise xerada polo sistema capitalista e os máis poderosos economicamente da sociedade, nun marco desfavorable para @s asalariad@s, no marco que o propio capitalismo deseñou. Está en xogo se a crise se lle carga sobre as costas da maioría da sociedade, o modelo do goberno, ou facéndolle pagar a quen a xerou, unha parte da mesma, por exemplo non axudando a aqueles bancos e caixas de aforros que a padecen, levando a todos os seus dirixentes ante os tribunais e creando unha banca pública.
O que tenta a burguesía é que se sigan tomando medidas conducentes a que o máis axiña posible poda recupera- la taxa de ganancia na denominada economía produtiva.
Burguesía que se atopa asentada na banca, nas grandes construtoras, nas inmobiliarias, nas eléctricas, etc.,e a quen se lle entrega, coa aprobación hai poucos días da Lei de Caixas de Aforros, estas entidades, e se lle dan avales de miles de millóns de euros, como “premios”, despois do desbarate que crearon, para que saian da crise, mentres á grande maioría da sociedade, repetimos unha vez máis, para escarnio dun goberno do partido que se denomina socialista e obreiro, se nos rebaixan todo tipo de prestacións e dereitos e privatizan servizos que levantamos entre todos, co obxectivo máis arriba indicado.
Unha folga xeral, a paralización completa da produción, dos servizos, dos aparellos e institucións do estado, é un elemento clave como xa apuntei, no proceso de loita de clases; e ó marxe do éxito ou fracaso do mesmo, debe servir tamén para aumentar a conciencia e a cohesión da clase traballadora; debe ser un fito fundamental para crear alternativas ó sistema capitalista. Porque a folga ten “día despois” e temos a obriga de organizalo.
@s asalariad@s xa coñecemos a “folla de ruta” da burguesía, do noso inimigo, que se concreta entre outras nas seguintes medidas: REFORMA LABORAL, é dicir, perda de dereitos, despido máis barato, ataque á negociación colectiva; en definitiva entregar @s traballador@s atados de pes e mans á voracidade empresarial. REBAIXA DAS PENSIÓNS, que é o que queren conseguir aumentando a idade para xubilarse ós 67 anos e a 20 anos cotizados, os últimos de vida laboral, para o cómputo da mesma. PERDA DO PODER ADQUISITIVO DOS NOSOS SALARIOS e de dereitos laborais e de todo tipo, que a negociación colectiva sexa papel mollado, despido máis barato, novo pulo ás ETT's, etc.
Nesta situación, no tempo de crise fonda que padecemos e a causa da ausencia no panorama estatal dunha forza de esquerdas, polo tanto anticapitalista, que tente supera-lo actual sistema, non se elaborou un “programa” que recolla e unifique criterios, cas reivindicacións e propostas acorde cos intereses da parte da poboación que representa máis do 70% do total da do estado, que somos @s traballador@s asalariad@s. @s únic@s que producen a riqueza. O único programa é o da burguesía, que se apropia desta riqueza, a despilfarra e leva a toda a sociedade á quebra.
Ó calor desta mobilización é preciso reflexionar sobre algúns aspectos que parecen esquecidos e que a fonda crise sitúa nun primeiro plano; aspectos sobre os que exercen o poder e a clase dominante, queren enterrar definitivamente.
En primeiro lugar, que seguen a existir clases sociais. Outra cousa é que dentro da clase explotada máis importante, se teña conciencia de pertencer á mesma e de se constitúa unha clase. Por unha banda a burguesía, os propietarios dos medios de produción, distribución e da banca; que no estado español non representan nin o 1% da poboación, pero é a clase dominante, o que quere dicir, que impón os seus criterios e o seu xeito de pensar e o seu xeito de interpretar a economía, e toda outra serie de elementos convértense no “sentido común”, o xeito correcto de entender e dar resposta a todos os acontecementos que ocorren ó noso redor. Este número reducido de persoas impoñen os seus criterios @s asalariados, @s campesiñ@s e a pequena burguesía.
Outro aspecto ou certeza que deixa en evidencia o desenvolvemento da crise, é que o estado, ese concepto que resume a actividade dun conxunto de aparellos e institucións, non é un instrumento neutral, que actúa por enriba dos intereses de clase buscando o ben de todos, senón que esta ó servizo da clase dominante e serve para impoñe-los seus criterios.
En terceiro lugar, que en situacións de crise como a actual, caen as caretas e o que chaman democracia aparece espida; nin os votos nin os intereses das maiorías importan e os chamados “mercados” impoñen os seus criterios coa complicidade das institucións do estado. E non nos levemos a engano , os “mercados” é a burguesía, e xa que se fala da ditadura dos mercados, mellor sería falar da ditadura da burguesía que é verdadeiramente a democracia que padecemos. Esta situación leva a algúns a substituir “estado de dereito” por “estado de mercado”, concepto máis axustado á realidade. Podemos votar pero non temos o control sobre os elixidos e un elemento importante como é a información, atopase en mans do inimigo de clase.
A folga do día 29, apesares das dificultades, debémola considerar como un chanzo que nos permita no futuro modifica-la correlación de forzas actual.
Polo tanto entendo, que non é hora de amosar unha actitude de boicot á mesma, inclinación que poidan ter determinados colectivos de traballador@s, ca fin de castigar ás direccións burocráticas dos sindicatos. É si a hora, de levantar un poderoso movemento popular fronte á burguesía, o seu goberno e os partidos burgueses que están dispostos a completa-la obra, cando lle corresponda substituir ó actual.

Galicia no mes de setembro de 2010.

No hay comentarios:

Publicar un comentario