A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 9 de noviembre de 2010

CAMBIO DE GOBERNO PERO NON DE POLÍTICA



Carlos Dafonte
O presidente do goberno poucos días despois da mobilización do 29 de setembro, formou un novo goberno. Algúns no seu afán de deixar sen obxectivos a quen secundou a mobilización xeral, teñen interpretado este feito como un acto de complicidade cos sindicatos maioritarios; algo así como dicirlles, a folga non caeu en saco roto e xiro a esquerda para atender as vosas demandas. Creo que esta interpretación non ten nada que ver ca realidade. Non vai haber xiro a esquerda do PSOE.
En primeiro lugar debemos sinalar que os cambios de goberno nas democracias burguesas teñen o obxectivo de crear esperanzas entre os explotados e oprimidos, como se os seus males foran cuestións de persoas, de individualidades e non dunha estratexia que responde ós intereses da clase dominante. Polo tanto nada vai cambiar con este cambio aínda, que a intención sexa facer cree-lo contrario.
Este cambio esta en función, en primeiro lugar, da crise interna do PSOE, que diante dos resultados que auguran as enquisas para as próximas eleccións municipais, autonómicas ou xerais, comeza a amosar elementos inequívocos da súa existencia.
En segundo lugar, amosa o illamento no que se atopa o presidente Rodríguez dentro do seu partido. O novo goberno non crea ningún tipo de expectativas. Darlle maior protagonismo o actual ministro do interior, o convirte nun instrumento cun cheiro a vello e podre, pois non debemos esquecer o papel que xogaba o novo “superministro” na época do presidente González, cunha corrupción que corroía as entrañas do estado, o que hai que engadir a práctica do terrorismo, que levou diante dos xuíces a numerosos cargos do ministerio do interior, dous ministros, e policías. ¿Non ten o partido socialista persoas novas, de prestixio no senso burgués, que podan representar mellor esta cerimonia da confusión que significa un cambio de goberno?. Seguro que sí, pero cando as cousas se torcen, sabemos que son poucos os que están dispostos a navegar nun barco que se afunde.
Dúas das novas facianas que se consideran importantes son, o novo ministro do traballo e a ministra que vai atender os temas relacionados co campo, mar e medio ambiente. Non deixa de ser curioso, pero ó mesmo tempo exemplificador, que o primeiro se manifeste, antes de ser ministro, contra da reforma laboral e agora, como ministro, pensa levala adiante con todas as súas consecuencias, segundo as súas verbas. O nomeamento da segunda, é un claro intento do PSOE de protexer e facer aparentes concesións, a súa base social que comeza a fenderse, como deixou claro a mobilización do día 29. Pero a realidade é que hoxe Rosa Aguilar, non representa un pensamento de esquerdas e o seu nomeamento a poucas persoas pode enganar; certifica dun xeito manifesto, o seu paso á defensa das políticas da dereita. A fin dunha viaxe que a leva desde o compromiso ca maioría da sociedade ó compromiso ca oligarquía centralista española.
Unha penúltima consideración; despois de conseguir verter moitos ríos de tinta e recoller grandes gabanzas, polo tema da paridade entre mulleres e homes nos ministerios, neste novo goberno concúlcase esta paridade sen que lle represente ó presidente Rodríguez, crítica algunha. Moi apurado se ten que atopar, para non manter esa situación que consideraba como extraordinariamente positiva para a igualdade.
As persoas de esquerdas non poden ter confianza neste goberno; os traballador@s asalariad@s tampouco; os pensionistas e xubilados non deben facerse ilusión algunha , e os mozos e mozas saber que de seguir estas políticas adiante o seu futuro, por moito que se preparen para afrontalo, esta cheo de atrancos. Pero as opcións de substitución que se presentan, non van mellorar as diferentes situacións. Por iso hoxe a opción política máis rendible, o máis útil, é organizarse e loitar con quen quere poñer fin a agonía do capitalismo. Comezando por facer posible que a xornada do día 29 non sexa esquecida, que sexa un primeiro chanzo para poder derrotar as políticas contra a maioría da sociedade, que PSOE e PP están a levar adiante.

Galicia mes de novembro de 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario