A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 4 de septiembre de 2016

GAÑARLLE Ó PP, DE ACORDO, E DESPOIS QUÉ?




 Carlos Dafonte

Celebráronse as primarias de A Marea con resultados que non axudan á unidade, por moito que se nos queira convencer do contrario. Onde teñen máis forza determinadas organizacións e actuaron con maior unidade de criterios, sacaron os cabezas de lista e os postos de saída das próximas eleccións e na provincia onde algunha organización ten pouca forza, pois non sacou nada que lle permita ter representante no futuro Parlamento Galego. Polo tanto as primarias concibidas como se levaron a cabo, como unha carreira entre as diferentes organizacións, non axudan a confecciona-las mellores listas, non serven para integrar, nin creo que se escolleran @s máis cualificad@s; as listas que só están formadas por persoas que pertencen a determinadas organizacións políticas ou sociais, que non defenden un programa claro e coñecido con anterioridade, na miña opinión, serven para moi pouco; non van ser o feito determinante para que produza unha morea de votos que derrote ó bipartidismo e supoño que de iso se trata. Se ó final o resultado da Marea é bo, o será a pesares do paso atrás na unidade que representaron as primarias.

Por outra banda, se gañe ou se perda, necesítase un grupo parlamentar forte, disciplinado, capaz de levar adiante o programa presentado, non só na institución, tamén na sociedade e ser capaces @s elixid@s, de estar en contacto permanente ca sociedade galega e sen suplanta-las súas organizacións nin o xeito autónomo de funcionamento que teñan; ser capaces de converte-lo Parlamento na caixa de resonancia dos problemas e das necesidades da sociedade.
A experiencia nos di que hai doce anos o PP con Fraga á cabeza, foi derrotado e catro anos de goberno PSOE-BNG, prepararon a situación política para dúas maiorías absolutas do PP. Todos temos claro que hai que botar ó PP do goberno da Xunta, pero non para repeti-lo mesmo ciclo político. Que debe cambiar?
O grave é que en oito anos ningún dos dous compoñentes do “bipartito” fixo unha autocrítica do que aconteceu e as razóns de que o PP saíse fortalecido, despois de catro anos de goberno da suposta  “esquerda”. Autocrítica que permitise a sectores do pobo galego entende-lo que pasou con aquel goberno, para que catro anos despois moit@s galeg@s cambiaran o seu sentido do voto, ou o fixeron polo PP ou marcharon cara a abstención e voto en branco.
Os que non formaron parte de ese goberno e tamén se consideran de esquerdas ou progresistas, tampouco fixéronlle a crítica pública adecuada para permitir que, o posible avance o 25 de setembro, en momentos como o actual de verdadeira emerxencia social, sexan chanzos consolidados para seguir subindo despois dos catro primeiros anos e non haxa máis tarde que baixalos.
Polo tanto, que debe cambiar respecto ó goberno PSOE-BNG de hai doce anos?. Entre outras circunstancias, en primeiro lugar non converterse en prisioneiro da institución; do Parlamento e de calquera outra na que se teña presenza, que foi a tendencia, do PSOE é lóxica, pero non do BNG ata que entrou na Xunta e que arrastrou a moitos grupos municipais ó mesmo camiño. Para unha persoa de esquerdas as institucións non son onde se dan solucións completas a todos os problemas das clases traballadoras explotadas polo capital. As institucións actuais son o lugar para soluciona-lo problema da burguesía en conflito permanente con a quen lle extrae a plusvalía, e en determinados momentos, como nas crises, dos sectores máis poderosos da mesma. Por iso falamos e cualificamos o estado actual, como “estado burgués”, por estar edificado para resolve-los problemas da clase hexemónica na sociedade capitalista: a burguesía.
E esta circunstancia non se soluciona cos “Códigos Éticos”, só poderá resolverse se hai consciencia de que o anterior é certo e polo tanto se actúa en consonancia con esa certeza e a consideración de que estas institucións poderán permitir avances en beneficio dos explotados só, e ata un certo límite, se, segundo aspecto a ter en conta, hai unha mobilización social importante. Na etapa do “bipartito” a mobilización social desapareceu, posto que os que ían traballar polos de “abaixo” estaban controlando as institucións, nunha clara mostra do que é unha actividade reformista: ó socialismo a traveso das institucións do capitalismo. E quen esperaba cecais dun xeito precipitado, o PSOE é un partido de orde, pero da orde burguesa, transformacións importantes, sentíronse enganados e abandonaron o barco. Pouco se fixo dende as institucións e nada se pulou dende a rúa.
En terceiro lugar, que a xente non esta disposta a tragar calquera tipo de política e o bipartito aplicou políticas neoliberais, como non pode ser doutro xeito nun goberno do que o PSOE forme parte, sobre todo se é o partido maioritario. Se cambian as maneiras de exerce-la política, pero a política que se aplica segue a ser agresiva c@s traballador@s, non podemos dicir que haxa un cambio. E iso foi fundamentalmente o que aconteceu.

A experiencia de AGE.
Despois do “bipartito”, doutra experiencia da que hai que sacar conclusións e do acontecido con AGE e a súa irrupción no panorama político galego que lle permitiu xogar un papel importante, aínda que todo hai que dicilo, menor do que se esperaba. E a experiencia AGE nos di que é posible unha alianza entre unha forza nacionalista de esquerdas e unha forza da esquerda galeguista cun proxecto nacional galego, aínda que se atope integrada nun proxecto estatal; sempre que esta forza estatal sexa de esquerdas e polo tanto, respectuosa cas decisións das organizacións autónomas. Hai que dicir que houbo un antecedente de AGE cuxo fracaso nunca foi valorado, a creación de Esquerda Unida- Esquerda Galega.
En segundo lugar, a existencia de AGE veu demostrar que ó contrario do que se manifestaba dende hai anos, o panorama institucional galego non estaba pechado, o constituído por tres forzas, e que é a loita de clases a que determina as forzas que van ter presenza nas institucións.

A aparición de AGE, foi resultado do interese que espertou en sectores sociais que non se sentían representados por ninguén, as tres forzas de sempre, ós que se chamou xenericamente “@s indignad@s”, froito da brutal crise económica e social que padecemos, e tamén sectores da esquerda que levaban moitos anos na abstención ou no voto en branco.
AGE non permitiu que esa corrente de desapego do réxime, que é positiva, se materializase en Galicia en unha organización pequenoburguesa de carácter radical, que toda a actividade política a centra na actividade institucional e no pacto co Psoe.
Pero dende o meu punto de vista, AGE e os seus dirixentes non estiveron a altura das necesidades que o momento político e as necesidades do pobo traballador galego exixía; non foron capaces de supera-la forma de grupo parlamentar e avanzar decididamente cara a creación dun movemento político social, dotado dun programa que superara o electoral e poñerse ó servizo dos traballadores galegos como clase capaz de levar adiante as transformacións necesarias, para supera-la situación de crise e o réxime que a xestiona.
E AGE tiña unha responsabilidade enorme, como tamén foron enormes as expectativas creadas a nivel de estado, pero quedou en ser un grupo parlamentar, con dificultades internas, incapaz de dar os pasos necesarios para acoller no seu seo a toda unha serie de persoas independentes e grupos e organizacións políticas; configurar en suma un espazo de converxencia de distintas tradicións da esquerda galega, en base a un programa elaborado dun xeito colectivo que representara un compromiso ca sociedade e dera fundamento ás políticas de alianzas.
Así pois, a experiencia de AGE, aínda que rachou con moitos convencionalismos da política galega, en conxunto, sendo positiva non conseguiu poñer en valor todo canto de forza transformadora tiña, ó ficar como grupo parlamentar e non ser capaz de recoller organicamente e polo tanto dar canle, lanzar a acción política a moit@s milleiros galeg@s.
De ser AGE un movemento integrador, de terse presentado ás eleccións municipais, outro sería o panorama político actual e o camiño por percorrer cara ás eleccións autonómicas.
O peor que pode facer unha parte de En Marea, é pensar que todo naceu co 15-M; o análise a fondo das experiencias do pasado, e en Galicia hai un pasado de loita como en ningunha outra parte do estado español, deben conducir a cometer un número menor de erros hoxe.
Volverá En Marea a comete-los mesmos erros do pasado? A formular unha alternativa cun Psoe maioritario no caso de que o PP fique en minoría? Con que programa no caso de darse o “sorpasso” e ser En Marea a segunda forza parlamentar? Vai ser En Marea só un grupo parlamentar ou vai avanzar cara a constitución dun movemento?

En Galicia no mes de setembro de 2016  

No hay comentarios:

Publicar un comentario