A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 30 de noviembre de 2007

NO 90 ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN SOVIÉTICA DE 1917 EN RUSIA(i)

 


            O 24 de Outubro  polo calendario ruso daquela época, o 7 de Novembro polo que utilizamos nós, de hai 90 anos, entre lusco e fusco, obreiros e campesiños moitos uniformados por pertence-lo exército, xentes das clases explotadas do Imperio Ruso, case todos encadrados nos diferentes soviets que se constituirán, ou na Garda Vermella formada polos obreiros con maior conciencia de clase, todos dirixidos polo Comité Militar Revolucionario establecido polos bolxeviques, asaltan o Pazo de Inverno, sé do Goberno Provisorio que presidía Kerenski, completando deste xeito o control das institucións do estado.


            Os días anteriores, coa complicidade dos soldados e mariñeiros, detivérase a toda a oficialidade contraria a aceptar a autoridade do Comité Militar, ocupáranse os edificios oficiais, as imprentas, as pontes, as oficinas de telégrafos e teléfonos; o dobre poder que se fora estruturando nestes meses, contraposto ó da burguesía, exercía a súa forza.


            Os acontecementos producíanse en Petrogrado, a capital do imperio máis extenso do planeta. Naquelas datas un imperio sen emperador, o tsar, pois a presión popular obrigara en febreiro a abdica-lo autócrata Nicolás II, da familia dos Romanoff que levaban desde o século XVI explotando dun xeito inmisericorde ós pobos, ás nacionalidades, ós obreiros e campesiños, dende unha estrutura estatal coñecida na época como “o cárcere dos pobos”. O tsar era un autócrata de”orixe divina” que mantiña o seu poder absoluto grazas a un exército moi numeroso pero mal pertrechado e peor dirixido, moi capaz na misión de manter sometido ó pobo, pero inútil fronte ó doutros países; nunha igrexa ortodoxa, principal valedora ideolóxica da situación, dona de numerosos latifundios e transmisora entre os campesiños pobres da mentalidade sumisa; unha activa e brutal policía política a Ojrana e unha administración ineficaz e corrupta.


            Como di un manual de historia, “o territorio do imperio era enorme, cun grande peso da economía agraria de carácter latifundista, onde a nobreza tiña un papel prepondrante fronte a unha masa de campesiños, os mujiks, que ata o ano 1861 estiveron sometidos ó sistema de servidume. Podían ser castigados co látego, enviados ás minas de Siberia, vendidos polos seus amos como gando ou incorporados ó exército por 25 anos.”


            Dende os derradeiros anos do século XIX iniciárase un proceso de industrialización, serodio, pulado polo capital estranxeiro, cuxos centros máis importantes eran San Petersburgo e Moscova.


            Sobre a formación social do imperio, Vladimir Illich Ulianov, máis coñecido polo alcume de Lenin, escribiu “O desenvolvemento do capitalismo en Rusia” amosando que a realidade económica rusa era a capitalista e levando a contra a todos os que expuñan a imposibilidade de levar a cabo unha revolución socialista no Imperio Ruso, como consecuencia do feble desenvolvemento das forzas produtivas. Dende a época de Marx, considerábase a Alemaña e Gran Bretaña os países onde era posible levar a bo termo un proceso revolucionario.


Antonio Gramsci escribiu en 1918 un artigo que titulou A revolución contra “O Capital” no que expuña que a revolución era “...contra O Capital de Carlos Marx. O Capital, de Marx, era en Rusia o libro dos burgueses máis que o dos proletarios. Era a demostración crítica da fatal necesidade de que en Rusia se formara unha burguesía, se iniciara unha era capitalista, se instaurara unha civilización de tipo occidental, antes que o proletariado puidera pensar na súa ofensiva, nas súas reivindicacións de crase, na súa revolución.”


O proceso revolucionario foi longo, asentou os seus alicerces nas mobilizacións campesiñas de meados do século XIX dirixidas polos “populistas”, narodnikins, que durante moitos anos tiveron un grande ascendente e consideraban a comuna rural campesiña, como o núcleo sobre o que se debía asentar este proceso. Que vai consumindo numerosas etapas e creando e destruíndo diferentes organizacións. Un ano importante é o de 1898, cando se constitúe o Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia (POSDR), no que o marxismo se convirte no instrumento de análise da realidade e a guía para a acción.


A guerra ruso-xaponesa de 1904-05, pon en evidencia entre outros aspectos, o atraso do país fronte a unha incipiente potencia industrial. Pero a guerra e a derrota non foron o desencadéante da chamada “revolución de 1905”, senón as deficientes condicións de vida das crases populares as que fixeron cambalearse ó tsarismo e produciron un importante movemento popular. A burguesía liberal tentou aproveitalo para acadar espazos de poder fronte ó absolutismo.


Aparecerán os primeiros soviets, comités, que naceran dentro do propio movemento popular e lle darán dirección e coordinación.


Para Lenin, principal dirixente da maioría do POSDR, bolxevique, 1905 “foi un ensaio xeral” e a pegada da insurrección de decembro da crase obreira moscovita, duradeira. Como escribiu en 1920 “Despois de decembro foi outro pobo. Un pobo rexenerado, que recibira o bautismo do fogo e o tempero da insurrección. Un pobo que preparou as filas dos combatentes que vencerían en 1917”.


No congreso de unidade do POSDR de 1906, dividírase en 1903 en dúas fraccións, na discusión sobre as perspectivas da revolución van aparecer tres posicións: A de Plejanov, teórico do ala menchevique, que afirmaba que a revolución ía ser burguesa e polo tanto o poder tiña que pasar da nobreza á burguesía, sendo esta quen dirixira a revolución coa axuda da crase obreira. A de Lenin que aceptando o carácter burgués da revolución negáballe á burguesía a súa capacidade para enfrontarse á nobreza e polo tanto só unha alianza dos obreiros cos campesiños pobres podía levar o proceso a bo porto e fortalece-lo proletariado, ata o momento que permitira inicia-la marcha cara ó socialismo. E a posición de Trotski que discrepaba de Lenin no que facer tra-la toma do poder; a súa posición era que a revolución debíase facer “permanente” e converterse de inmediato de revolución burguesa en socialista.


Os ecos de 1905 non se desvanecerán nunca; ata o comezo da guerra europea en 1914, as insurreccións e os balbordos son a constante pola basta extensión do imperio e papel mollado as promesas do tsar contidas no chamado Manifesto de Outubro.


O estoupido da guerra pon de manifesto, en primeiro lugar, a traizón dos Partidos Socialistas ós traballador@s, pois existindo un acordo da II Internacional no que se establecía que a futura guerra tiña un carácter interimperialista, contraria ós intereses populares e que polo tanto os partidos obreiros debíanse mante-lo marxe da mesma, agás algunhas excepcións, cando os partidos burgueses solicitaron, nos parlamentos dos seus países, a aprobación dos cretos para a guerra, os socialistas secundaron esta medida. Para Rusia evidenciou que a unha guerra, o único que podía aportar eran masas inxentes de homes, chegou a mobilizar doce millóns, como xa apuntei mal pertrechados e peor dirixidos.


Dende o primeiro momento Lenin o tivo moi claro: era preciso consegui-la paz ó prezo que fose e en todo caso converter a guerra contra os alemáns nunha guerra revolucionaria contra quen reinaba e gobernaba o país; só derrubando o capitalismo, dicía, teremos asegurada a paz. Pero esta posición non sería compartida pola maioría da dirección bolxevique ata ben entrado o ano de 1917.


O 23 de febreiro do calendario ruso, celebrábase o día da Muller Traballadora. As obreiras do barrio de Viborg, de Petrogrado, convocaron unha manifestación baixo o lema “Paz, Pan e Liberdade”. Tres anos de guerra deixaran patente a “carnicería” na que se converteran as frontes de guerra, o desabastecemento e a fame eran cotiás nas cidades e a propaganda bolxevique e a dos partidarios da paz, facían mella en numerosas unidades militares; a moitas foran incorporados á forza, multitude de axitadores que realizaban o seu labor político nas fábricas e nas barriadas, e a continuaron a facer na fronte de guerra. O clamor contra da guerra, e a idea de que os mortos eran dos pobres, nunha guerra entre ricos, gañaba adeptos en todos os currunchos do imperio. Por iso non e estraño que os cosacos utilizados para reprimi-las mobilizacións das mulleres e as insurreccións posteriores, se neguen a disparar contra os manifestantes e se o fagan contra a policía ou que se subleve a propia garda persoal do tsar. Diante desta situación a burguesía liberal convence ó tsar da necesidade de abdicar, antes de que as masas obreiras se fagan co poder. Proclámase a república, cuxas institucións son controladas polo Partido Democrático Constitucionalista, Socialistas e a fracción minoritaria, menchevique, do POSDR. O goberno provisorio aproba a continuación da guerra e convocar unha Asemblea que elabore unha Constitución.


As crises revolucionarias teñen determinadas características que aparecen dun xeito nidio no proceso ruso; en primeiro lugar son acontecementos cunha ampla participación das masas, en segundo que é un proceso no que se producen cambios e alternativas continuas, en terceiro que se vai avanzando cara a concreción de diferentes agrupamentos sociais ata quedar dous enfrontados que todo o mundo pode recoñecer; a sociedade agrúpase en dous polos antagónicos.


Nun curto espazo de tempo Lenin e os bolxeviques van conseguir modificar unha situación que parecía favorable á consolidación dunha democracia burguesa en outra onde a toma do poder polos obreiros e campesiños pobres parece a única saída á situación.


A dirección bolxevique, na que Stalin, Zinoviev e Kamenev tiñan sen dúbida moito peso político, en ausencia de Lenin, apoian a convocatoria da Asemblea Constituinte e a continuación da guerra, baseándose no “defensismo revolucionario”.


O mesmo tempo, os soviets, que non deixaran de actuar desde 1905, coordinan e dirixen a loita das masas; ilegalizan á policía política, legalizan ós sindicatos, e outras medidas que o goberno ten que ratificar. Se van constituíndo, aínda que na maioría dos casos son os partidarios da revolución burguesa quen os dominan, nun dobre poder, elemento fundamental para o trunfo de calquera proceso que pule cambios estruturais fondos.


Nestas circunstancias Lenin envía os textos de catro cartas coa intención de que fosen publicadas no diario Pravda, dirixido por Stalin e Kamenev, onde explicaba a posición que debían defende-los bolxeviques; só unha será publicada e coa aclaración de que é a posición dunha persoa a que se expresa na mesma.


En Abril, Lenin regresa a Petrogrado. Chjeidze, presidente do soviet da cidade o sauda noa plataforma dunha abarrotada estación ”Camarada Lenin, dámosche a benvida a Rusia en nome do soviet de Petrogrado e da revolución...creemos que a tarefa fundamental da democracia revolucionaria, hoxe, é a defensa da nosa revolución de calquera clase de ataques, veñan de dentro ou de fora...esperamos te unas a nós no esforzo por logralo...”. A resposta de Lenin dirixíndose ó xentío: “Queridos camaradas, soldados, mariñeiros e traballadores: síntome feliz de saudarvos en nome da vitoriosa revolucións rusa; de saudar en vos a vangarda do exército proletario internacional...non esta lonxe a hora en que, ó chamamento do noso camarada Karl Liebknecht, o pobo volverá as armas contra dos capitalistas que os explotan...a revolución rusa feita por vos, abriu unha nova era. ¡¡Viva a revolución socialista mundial!!”. Despois dirixiuse á sé do partido bolxevique dende cuxo balcón volveulle a falar ás masas afervoadas e unha vez no interior iniciouse un debate no que Lenin, rachou coa liña moderada encarnada pola dirección de Pravda, os camaradas Stalin e Kamenev. Raskolnikov, dirixente bolxevique dos mariños de Kronstandt dixo con rotundidade despois de escoitar a Lenin: “entre as tácticas de onte e hoxe, había un Rubicón”.


O día seguinte da súa chegada, celebrase no Pazo Tauride unha xuntanza para tentar unificar a todos os grupos da socialdemocracia rusa, Lenin e os seus partidarios conseguen quebrar toda esperanza de unificación, delimitando con claridade o campo da burguesía e o do proletariado en alianza co campesiño pobre.


Días máis tarde Pravda publicaba as coñecidas como “Teses de Abril” elaboradas por Lenin: 1 Non a guerra; 2. é o momento do paso da primeira etapa da revolución que lle deu o poder á burguesía, á segunda etapa que debe poñe-lo poder en mans do proletariado e dos sectores pobres do campesiñado. 3. Ningún apoio ó goberno provisorio. 4. Por estar os bolxevique en minoría na maior parte dos soviets e atoparse influenciados polos sectores burgueses e pequenoburgueses, e ser estes o instrumento fundamental do goberno revolucionario, debemos iniciar unha campaña de explicación dos erros da súa táctica ó mesmo tempo da necesidade “de que todo o poder pase ós soviets de deputados obreiros, para que sobre a base da experiencia as masas superen os seus erros”. 5. “non a unha república parlamentaria, senón a unha república de deputados obreiros...”. 6. confiscación de todas as terras dos terratenentes. 7. fusión de todos os bancos do país nun banco nacional único. 8. poñer toda a produción social e a distribución dos produtos baixo o control dos soviets. 9. sinalaba diferentes tarefas para o partido, entre outras a de cambia-lo nome polo de Partido Comunista, e a 10 estimulaba a renova-la Internacional.


Stalin e Kamenev escribirán en Pravda comentando as Teses de Abril: “En canto á formulación xeral de Lenin, nos parece inaceptable por partir do suposto de que a revolución burguesa xa foi consumada e contar cunha transformación inmediata desta revolución en outra de carácter socialista”.


Na Conferencia do Partido Bolxevique de maio o trunfo das “Teses de Abril” é esmagador e prodúcese a unificación co grupo de Trotski, que tiña certa influencia entre os obreiros da capital. Pero aínda que Lenin ratificou o seu liderado, as voces discordantes foron numerosas e tiñan peso político, Dzerzhinski, Kamenev, Kalinin, Smidovich e outros dirixentes. Stalin permaneceu calado.


Os acontecementos precipítanse; en xullo prodúcese unha insurrección popular en apoio dos soldados sublevados cando os enviaban á fronte, os bolxeviques disentindo da oportunidade, póñense á cabeza da mesma para evitar unha derrota irreversible. Iníciase unha campaña contra dos bolxeviques que leva a moitos á cadea e a Lenin ó exilio. As forzas da reacción consideran chegado o seu momento, o xeneral Kornilov sublévase para reinstaura-la monarquía, conta con apoios entre os sectores burgueses e os aliados na guerra. Os bolxeviques chaman á folga xeral e paralizan o país, o pobo ruso derrota o intento; os bolxeviques detidos son liberados, Trotski recupera a presidencia do Soviet de Petrogrado e créase o Comité Militar Revolucionario que dirixe os sectores do exército que aceptan as posicións políticas bolxeviques.


Entre agosto e o 24 de outubro do calendario ruso, co que comezabamos a nosa reflexión, so subliñarei dous elementos que poñen en evidencia a ampla democracia e o concepto aberto que se tiña da militancia no partido bolxevique, que ata nas circunstancias máis extremas, o debate era fluído, sen ningún tipo de seguidismo nin de represalias para os disidentes.


O primeiro é a constatación de que Lenin tiña que gaña-lo liderado todos os días; tiña que argumentar, convencer, debater a fondo cada unha das cuestións, para que a dirección aceptara as súas propostas que nunca foron aprobadas por unanimidade. Cando Lenin propón por primeira vez a insurrección armada, só é favorable á mesma o seu voto.


Unha segunda tamén importante, cando a insurrección ía adiante, Kamenev e Zinoviev, dous líderes bolxeviques, denuncian o feito publicamente e non se toma medida algunha contra dos mesmos.


Nestes anos, cando o normal nos partidos é que “ o que se mova non sae na foto”, cando a discusión en termos políticos esta ausente, cando as consignas substitúen ós argumentos, cando o discurso baleiro de contido é o normal, non esta de máis recordar a democracia dos bolxeviques que debe ser un exemplo para as organizacións da esquerda.


E finalizo cun parágrafo do final do devandito artigo de Gramsci: “Será en principio o colectivismo da miseria, do sufrimento. Pero as mesmas condicións de miseria e sufrimento, serían herdadas por un réxime burgués. O capitalismo non podería facer máis en Rusia que o que poderá facer o colectivismo, porque tería deseguido en contra un proletariado descontento, frenético, incapaz de soportar en beneficio doutros as dores e as amarguras que traerían consigo a mala situación e o atraso de Rusia. O sufrimento que seguirá á paz só poderá ser soportado en tanto en canto o proletariado sinta que esta na súa vontade, na súa teima polo traballo, o suprimilo no menor tempo posible.”


Despois de outubro do 17 prodúcese a intervención imperialista enmascarada na guerra civil e o comunismo de guerra, a etapa da nova política económica, o gran debate sobre a orientación da URSS, que fora creada en 1922, o período stalinista, a tímida apertura da época de Kruschev, o estancamento con Bresniev, a perestroika da etapa gorvachoviana e o derrube, desmembramento e espolio das propiedades do pobo soviético. A revolución soviética significou a luz para millóns de traballador@s do planeta, con sombras, que os ideólogos do capitalismos queren engrandecer; pero a pesares das mesmas, algúns cualificaron ó século XX como o século do comunismo, pois non serían comprensibles os avances sociais, incluídos os levados a cabo nas sociedades capitalistas, a derrota do nazismo, as loitas contra o colonialismo, as de liberacións popular, os avances en grandes áreas do planeta vítimas dun atraso secular, sen a existencia da URSS.





En Galicia no mes de Novembro de 2007





Carlos Dafonte.





No hay comentarios:

Publicar un comentario